Expediente: IN407A 2018/150-1.
Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.
Denominación da instalación: soterramento da LMT no Castro de Elviña.
Concello: A Coruña.
Feitos.
1. O 21 de agosto de 2018, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 38 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.
4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
6. A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
7. As características técnicas da instalación son as seguintes:
– Treito de liña de media tensión aérea GRN714/GRN716 (entre apoios D16 e D17), a 15 kV, cunha lonxitude de 0,024 km (que se retensará), con orixe no apoio proxectado que se intercalará entre os apoios D16 e D17 do dobre circuíto que forman as liñas GRN714 e GRN716 (expediente 10.072), condutor tipo LA-110 mm2 Al (condutor existente), e remate no apoio existente D17 do dobre circuíto que forman as liñas GRN714 e GRN716 (expediente 10.072).
– Liña eléctrica de media tensión soterrada (actuación núm. 1), a 15 kV cunha lonxitude de 1,583 km, con orixe en empalmes proxectados na LMTS GRN714 (expediente 139/10), que se realizará a pé do apoio D6 que se retirará do dobre circuíto que forman as liñas GRN714 e GRN716 (expediente 10.072), condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV (1×240 Al) e remate no paso de soterrado a aéreo, que se realizará no apoio proxectado que se intercalará entre os apoios D16 e D17 do dobre circuíto que forman as liñas GRN714 e GRN716.
– Liña eléctrica de media tensión soterrada (actuación núm. 2) a 15 kV cunha lonxitude de 1,596 km, con orixe en empalmes proxectados na LMTS. GRN716 (expediente 139/10), que se realizará a pé do apoio D6 que se retirará do dobre circuíto que forman as liñas GRN714 e GRN716 (expediente 10.072), condutor tipo RHZ1-2 OL-12/20 kV (1×240 Al) e remate no paso de soterrado a aéreo, que se realizará no apoio proxectado que se intercalará entre os apoios D16 e D17 do dobre circuíto que forman as liñas GRN714 e GRN716, unha vez entre e saia do novo CT proxectado.
– Centro de transformación prefabricado soterrado cunha potencia de 250 kVA, e unha relación de transformación de 15.000/400 V.
– Desmantelamento do treito de dobre circuíto que forman as liñas GRN714 e GRN716 (expediente 10.072), condutor tipo LA-110 que actualmente discorre tendido sobre o Castro de Elviña (9 apoios de formigón e 2 apoios de celosía), así como o CT Airtel Mesoiro aéreo (expediente 26.752).
8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/a director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere pertinente.
Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 22 de febreiro do 2019
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña