Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Xoves, 14 de marzo de 2019 Páx. 13982

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 23/2019, do 28 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Barreiros, dun treito do viario provincial LU-P-0608, entre o punto quilométrico 0+000 (intersección N-634) e o punto quilométrico 0+860 (intersección LU-P-6103).

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Barreiros solicita á Deputación Provincial de Lugo a cesión da titularidade dun treito do viario provincial LU-P-0608, de San Cosme de Barreiros (cruzamento coa N-634) por Insua ata o cruzamento da Insua (LU-133).

O Pleno da Corporación da Deputación de Lugo, en sesión ordinaria que tivo lugar o día 26.6.2018, acordou aprobar o cambio de titularidade proposto a prol do Concello de Barreiros do treito viario LU-P-0608 entre o punto quilométrico 0+000 (intersección N-634) e o punto quilométrico 0+860 (intersección coa LU-P-6103).

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e oito de febreiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Barreiros, do treito do viario provincial LU-P-0608, entre o punto quilométrico 0+000 (intersección N-634) e o punto quilométrico 0+860 (intersección LU-P-6103).

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Barreiros deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Barreiros, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de febreiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade