Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Xoves, 14 de marzo de 2019 Páx. 14013

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, nos termos municipais de Samos e Triacastela (expediente 017/2005-AT).

Feitos:

Primeiro. O 19.10.2005 a empresa promotora Fergo Galicia Vento, S.L. presentou perante a Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación e Industria (en adiante, delegación provincial), a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de impacto ambiental, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, acompañada da documentación exixida para o efecto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia; e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Segundo consta no proxecto de execución (datado en xullo-2005), esta instalación eléctrica ten por obxecto posibilitar a evacuación da enerxía eléctrica xerada no parque eólico de Serra de Oribio e consistirá na construción dunha liña eléctrica de alta tensión (LAT) aérea a 132 kV, en circuíto simple e condutor LA-280, cunha lonxitude de 4.500 m, sobre 23 apoios metálicos de celosía, con orixe na subestación eléctrica do parque eólico Serra de Oribio e final na subestación eléctrica de Triacastela, e que transcorre polos termos municipais de Samos e Triacastela (Lugo).

Segundo. A delegación provincial emitiu os seguintes informes, a respecto da devandita instalación eléctrica:

– O 2.12.2005 certifica que o trazado da liña eléctrica está afectado polo permiso de investigación da Sección C), denominado San Gil número 5675.

– O 18.8.2006 informa de xeito favorable o proxecto de execución titulado LAT 132 kV PE Serra de Oribio-Sub. Triacastela (datado en xullo-2005).

– O 18.8.2006 informa que non existe limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas afectadas polas instalacións eléctricas proxectadas.

Terceiro. O 24.5.2006 a empresa promotora presentou perante a delegación provincial a relación de bens e dereitos afectados (RBDA) pola devandita instalación eléctrica, con exclusión daqueles para os que xa acadaran acordo.

Cuarto. O 5.9.2006 a delegación provincial ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de impacto ambiental, aprobación do proxecto sectorial e declaración de utilidade pública, en concreto, da devandita instalación eléctrica; que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 18.9.2006, no Boletín Oficial da provincia do 16.9.2006 e no xornal El Progreso do 16.9.2006, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Samos e Triacastela e da delegación provincial. Para os efectos do trámite ambiental, tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios da Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

A respecto desta resolución, o 26.9.2006 a delegación provincial fixo unha corrección de erros, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 13.10.2006, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 13.10.2006 e no xornal El Progreso do 9.10.2006, e tamén estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos Concellos de Samos e Triacastela e da delegación provincial.

Así mesmo, a delegación provincial practicou notificación individual aos propietarios dos predios afectados pola devandita instalación eléctrica, que aparecen na RBDA presentada pola empresa promotora o 24.5.2006 e incorporada á citada Resolución do 5.9.2006 da delegación provincial pola que se realizou o trámite de información pública.

Quinto. Durante o período de información pública presentáronse os seguintes escritos de alegacións (dos que se deu traslado á empresa promotora, quen presentou a súa contestación a estes):

– Eduardo Carballo Núñez, en representación de Luís Núñez López, quen figura na RBDA como propietario do predio número 5, presenta escrito de alegacións en que se opón ao dito proxecto, así como á servidume de paso sobre o seu predio e, ademais, para poder afondar nas súas alegacións, solicita que se lle remita vía fax a correspondente documentación ante a imposibilidade de comparecer a examinar o expediente.

– Eduardo Carballo Núñez, en representación de Concepción Núñez Pérez, quen figura na RBDA como propietaria dos predios número 30 e 41, presenta escrito de alegacións en que se opón ao dito proxecto, así como á servidume de paso sobre os seus predios e, ademais, para poder afondar nas súas alegacións, solicita que se lle remita vía fax a correspondente documentación ante a imposibilidade de comparecer a examinar o expediente.

Sexto. Simultaneamente ao trámite de información pública, a delegación provincial trasladou as separatas técnicas do devandito proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens e dereitos afectados por el: Confederación Hidrográfica do Norte, Servizo de Estradas de Lugo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Concello de Samos, Concello de Triacastela, Red Eléctrica de España, S.A. e Unión Fenosa Distribución, S.A.

A respecto da única entidade que non contestou, Concello de Samos, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación proxectada, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

As outras cinco entidades presentaron os seus respectivos escritos en que manifestan a súa conformidade e/ou fixan o seu condicionado técnico, dos que se deu traslado á empresa promotora Fergo Galicia Vento, S.L., quen presentou a súa conformidade ao respecto.

Sétimo. A respecto do estudo de impacto ambiental (datado en xuño-2005), solicitáronse informes á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Turismo, Dirección Xeral de Obras Públicas e Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Sanidade.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou o 16.11.2006 de xeito desfavorable o trazado da liña eléctrica, tendo en conta que incide na zona de protección do Camiño Francés, do Camiño de Santiago, declarado conxunto histórico e patrimonio universal da humanidade. Non obstante, o 13.11.2007 informou de xeito favorable unha nova alternativa de trazado da liña eléctrica, que inclúe unha modificación a partir do seu apoio 21 (desde este apoio a liña eléctrica proxectada iría ata o apoio 3 da liña eléctrica existente de Oural-Triacastela, de xeito que chega á subestación de Triacastela a través dun dos seus circuítos).

Oitavo. Como consecuencia dunha modificación do trazado da liña eléctrica, o 13.6.2011 a empresa promotora presentou perante a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria (en adiante, xefatura territorial), a seguinte documentación:

– Un modificado ao proxecto de execución titulado modificación LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, entre apoio 20 e entrada na subestación (datado en marzo-2011), e novas separatas técnicas para os organismos afectados, segundo o exixido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

– Unha addenda ao estudo de impacto ambiental (datado en abril-2011), segundo o exixido no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, e no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

– Un novo proxecto sectorial (datado en marzo-2011), segundo o exixido no Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

Na addenda ao estudo de impacto ambiental faise unha valoración entre as tres alternativas descritas a continuación, e xustifícase a elección da terceira delas (aéreo-soterrada) por ser a que provoca un menor impacto global no ambiente:

– Liña aérea: esta alternativa é a proposta inicialmente.

– Liña aérea que aproveita unha infraestrutura existente: esta alternativa, que foi informada de xeito favorable pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o 13.11.2007, consiste en eliminar o último tramo da liña (apoios 22 e 23) e desde o apoio 21 conectar co apoio 3 da liña existente Ourol-Triacastela, e chega á subestación de Triacastela a través dun dos seus circuítos.

– Liña aéreo-soterrada: esta alternativa consiste en realizar soterrado o último tramo da liña (desde o apoio 20), desde as inmediacións do Camiño de Santiago ata a entrada na subestación de Triacastela.

Segundo consta neste modificado ao proxecto de execución, suprímense os 3 últimos apoios do proxecto orixinal (apoios 21, 22 e 23) e o apoio 20 (que se recolocará no percorrido da liña orixinal) utilizarase como paso aéreo-soterrado. Desta forma, a liña eléctrica constará dun tramo aéreo con 20 apoios e 3.637,9 m, e outro soterrado de 719 m, desde o apoio 20 ata a subestación de Triacastela.

Esta modificación, a respecto da RBDA incorporada á Resolución do 5.9.2006 da delegación provincial pola que se realizou o trámite de información pública, supón a desafección dos predios identificados cos números 33, 38, 39, 40 e 41, así como a variación na afección dos predios identificados cos números 23, 30 e 37:

– En canto aos predios que resultaron desafectados, o 23.3.2012 a xefatura territorial practicoulles aos seus titulares a correspondente notificación individual.

– En canto aos predios nos cales variou a súa afección, o 31.1.2012 a empresa promotora presentou, perante a xefatura territorial, un escrito en que informa de que chegou a un mutuo acordo cos seus propietarios para a súa ocupación.

Noveno. A xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do modificado ao proxecto de execución, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades con bens e dereitos afectados por este: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Servizo de Lugo da Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Triacastela e Unión Fenosa Distribución, S.A.

A respecto das dúas entidades que non contestaron, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e Unión Fenosa Distribución, S.A., enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación proxectada, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo das autorizacións que lles corresponda outorgar.

As outras dúas entidades presentaron os seus respectivos escritos en que manifestan a súa conformidade e/ou fixan o seu condicionado técnico, dos que se deu traslado á empresa promotora Fergo Galicia Vento, S.L., quen presentou a súa conformidade ao respecto.

Décimo. O 19.3.2012 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre o modificado ao proxecto de execución titulado Modificación LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, entre apoio 20 e entrada na subestación (datado en marzo-2011).

Como a liña eléctrica deberá executarse conforme o disposto nos dous proxectos de execución tramitados, o orixinal (xullo-2005) e o seu modificado (marzo-2011), teranse que aprobar os dous proxectos de execución; non obstante, como o proxecto orixinal se elaborou cando estaba en vigor o antigo regulamento de liñas de alta tensión (Real decreto 3151/1968), cómpre adaptalo ao novo regulamento (Real decreto 223/2008). Para estes efectos, o 3.6.2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas requiriulle á empresa promotora unha Addenda de adaptación do proxecto orixinal ao novo regulamento de liñas eléctricas de alta tensión.

O 2.8.2013 a empresa promotora presentou esta addenda co título Addenda de adaptación ao Real decreto 223/2008 do proxecto LAT 132 kV PE Serra de Oribio-subestación Triacastela (datada en xullo-2013). Posteriormente, o 23.3.2015 presentou, en substitución desta addenda, unha nova addenda (datada en xullo-2014). O 5.5.2015 a xefatura territorial emitiu informe favorable sobre esta última addenda.

Décimo primeiro. A respecto da addenda ao estudo de impacto ambiental solicitáronse informes á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Secretaría Xeral para o Turismo, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Concello de Triacastela e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Cumprimentada a tramitación ambiental, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o 13.7.2012 a declaración de impacto ambiental (DIA) da liña eléctrica proxectada, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 10.10.2012, mediante Resolución do 29.8.2012 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Décimo segundo. A respecto do novo proxecto sectorial (datado en marzo-2011), o 27.1.2014 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe favorable, exixido no artigo 13.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, con carácter previo á súa aprobación polo Consello da Xunta de Galicia.

Non obstante, como consecuencia do condicionamento exixido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no informe emitido o 8.3.2013 a respecto do proxecto sectorial, consistente no soterramento da liña eléctrica dentro da zona delimitada como BIC do Camiño Francés, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas decidiu non someter o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal a aprobación definitiva e solicitar a promotora a presentación dun modificado ao proxecto que recolla este soterramento.

O 7.10.2016 a empresa promotora, co obxecto de atender a exixencia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de soterrar a liña eléctrica dentro da zona delimitada como BIC, presentou o documento titulado Proposta de modificación da posición do apoio 20-LAT 132 kV PE Serra de Oribio/subestación Triacastela (datado en outubro-2016). Desde a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, trasladouse este documento ao servizo provincial de Lugo de Conservación da Natureza e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, quen presentaron os seus informes favorables, emitidos con datas 16.12.2016 e 3.3.2017, respectivamente. Posteriormente, a requirimento do órgano ambiental, solicitouse informe á Dirección Xeral de Patrimonio Natural (antiga Dirección Xeral de Conservación da Natureza), quen presentou o seu informe favorable, emitido con data 18.7.2017.

O 18.9.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou o soterramento derivado da exixencia de patrimonio cultural, concluíndo que non existen obxeccións a esta modificación sempre que se cumpran as condicións que figuran nos informes dos organismos, así como o recollido na documentación achegada pola promotora, e indicando que no restante mantén a súa vixencia o condicionado da DIA.

Esta modificación mantén a mesma lonxitude da liña eléctrica de 4.357 m, pero diminuíndo o tramo aéreo e aumentando o tramo soterrado: un primeiro tramo en aéreo de 3.461 m sobre 20 apoios metálicos e un segundo tramo en soterrado de 896 m desde o apoio 20 ata a subestación de Triacastela.

O 28.9.2017 a empresa promotora presentou un novo proxecto sectorial (datado en setembro-2017) no cal se inclúe o soterramento da liña dentro do BIC exixido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O 31.10.2017 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe favorable exixido no artigo 13.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, previo á aprobación definitiva polo Consello da Xunta de Galicia do dito proxecto sectorial (datado en setembro-2017).

O 9.11.2017 o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo de aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal da infraestrutura eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, promovido por Fergo Galicia Vento, S.L.; que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 1.10.2018, mediante Resolución do 10.9.2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Décimo terceiro. O 29.8.2018 a empresa promotora presentou un novo proxecto de execución titulado LAT 132 kV subestación PE Serra de Oribio-subestación Triacastela (datado en decembro-2017), en que se refunde o proxecto orixinal (datado en xullo-2005) e o seu modificado (datado en marzo-2011) e se inclúe o soterramento da liña dentro da zona delimitada como BIC exixido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

O proxecto de execución acompáñase dunha declaración responsable do técnico proxectista, de data 22.12.2017, para os efectos seguintes:

– Acreditación da competencia profesional, conforme o disposto no artigo 19 do Decreto 51/2011, do 17 de marzo (DOG do 1 de abril), para os proxectos que se presentan sen visado do colexio profesional correspondente, así como na Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG do 30 de novembro).

– Acreditación do cumprimento da normativa de aplicación, conforme o disposto no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Este novo proxecto de execución foi informado favorablemente pola xefatura territorial con data 9.10.2018.

Décimo cuarto. O 12.11.2018 a empresa promotora presentou a RBDA definitiva (datada en outubro-2018) derivada do novo proxecto de execución (datado en decembro-2017), na cal se recollen, para aqueles predios afectados con cuxos titulares non se chegou a un acordo mutuo (predios núm. 18 e 19), as afeccións definitivas e a súa variación respecto das afeccións sinaladas na RBDA que se someteu a información pública (Resolución do 5.9.2006, da delegación provincial).

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas practicou notificación individual aos titulares dos predios 18 e 19, e deulles un prazo de 20 días para formular as alegacións que considerasen oportunas sobre as afeccións definitivas sobre os seus predios. Ningún dos titulares destes dous predios presentou alegacións ao respecto.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. A respecto dos predios que foron obxecto de alegacións, identificados na RBDA cos números 5, 30 e 41, cómpre indicar o seguinte:

– En canto aos predios números 5 e 30, o 30.1.2007 a empresa promotora presentou perante a delegación provincial un escrito en que informa de que chegou a un mutuo acordo cos seus propietarios para a súa ocupación, que acompaña do correspondente contrato de constitución de servidume de paso eléctrico subscrito o 27.11.2006.

– En canto ao predio número 41, este forma parte dos predios (33, 38, 39, 40 e 41) que resultaron desafectados pola modificación da liña eléctrica, recollida no modificado ao proxecto de execución.

Terceira. A respecto do permiso de investigación da sección C), denominado San Gil número 5675, que resulta afectado polo trazado da liña eléctrica, de acordo co disposto no feito segundo desta resolución, o 22.11.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu declarar a súa caducidade.

Cuarta. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

1. Autorizar administrativamente a instalación eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, nos termos municipais de Samos e Triacastela (Lugo), promovida por Fergo Galicia Vento, S.L.

2. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica citada.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica citada, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. De conformidade co disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, por proposta do órgano ambiental fíxase a contía do aval en 95.094,76 €, correspondente ao presuposto de execución por contrata dos labores de revexetación, dos cales, 14.402,06 € corresponden á fase de obras e 80.692,70 € á fase de desmantelamento e abandono da liña.

A empresa promotora deberá depositar este aval no prazo de 30 días, contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias.

Segunda. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado LAT 132 kV subestación PE Serra Oribio-subestación Triacastela (datado en decembro-2017), asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado número 1.898 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e no cal figura un orzamento total de 1.342.447,53 €.

Terceira. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Cuarta. En todo momento deberase cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, en particular, o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 18 de febreiro.

Quinta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Sexta. A data límite para o inicio das obras será o 12.12.2019, de acordo co disposto no punto 3 da disposición transitoria primeira da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, que fixa un prazo máximo de 6 anos desde a súa entrada en vigor (12.12.2013) para comezar a execución dos proxectos cuxas declaracións de impacto ambiental foran publicadas con anterioridade a esta data, debendo a promotora, en caso contrario, iniciar novamente o trámite de avaliación de impacto ambiental do proxecto conforme o establecido nesta lei.

Sétima. Previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas un estudo ambiental de sinerxias que inclúa as infraestruturas de xeración, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

Oitava. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

En todo caso, o prazo máximo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir da data de notificación desta resolución, de conformidade co disposto no punto 3 da disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Novena. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Décima. Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, así como das condicións que sexan de aplicación das que figuran na declaración de impacto ambiental formulada o 13.7.2012 polo órgano ambiental, así como no informe emitido por este o 18.9.2017 en relación co soterramento da liña eléctrica dentro da zona delimitada como BIC do Camiño Francés por exixencia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Décimo primeira. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Décimo segunda. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas