Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2019 Páx. 13129

III. Outras disposicións

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2019 pola que se aproban os criterios xerais do Plan xeral de control tributario 2019.

O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece a obriga de elaborar anualmente un plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade, a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.

Pola súa vez, o artigo 170 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, sinala que no Plan de control tributario se integrarán o plan ou os plans parciais de inspección, os cales terán carácter reservado e non serán obxecto de publicidade ou comunicación.

O obxectivo do Plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos. Como sinalou a xurisprudencia reiteradamente, non basta con configurar as normas dos distintos tributos de acordo cos principios constitucionais citados, senón que os ditos principios teñen que cumprirse na práctica cunha correcta aplicación das distintas figuras tributarias.

Desta forma o Plan de control tributario convértese nun instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos, xa que marca as liñas de actuación da Administración tributaria seleccionando aquelas áreas de risco que se consideren de actuación prioritaria para combater a fraude fiscal, tendo en conta a dispoñibilidade de medios materiais e persoais para realizar estas funcións.

Esta misión de aplicación efectiva do sistema tributario para que se dea cumprimento aos principios constitucionais non se limita ás actuacións de loita contra a fraude ou de control do cumprimento tributario, senón que debe incluír as actuacións de información e asistencia ao contribuínte, co obxecto de facilitar ao máximo o cumprimento voluntario das obrigas tributarias.

O estatuto da Axencia Tributaria de Galicia, aprobado polo Decreto 202/2012, do 18 de outubro, establece no artigo 16.2.j) que corresponde á Dirección da Axencia aprobar o plan de control tributario anual, e á propia Axencia, as funcións aplicativas dos tributos.

En cumprimento das obrigas establecidas nestas disposicións, publícanse os criterios e as liñas de actuación que informan cada unha das áreas de control tributario.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2019

Apróbanse os criterios xerais que informan o Plan xeral de control tributario para 2019 que figuran no anexo á presente resolución.

Segundo. Difundir as directrices xerais do Plan xeral de control tributario de 2019

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte adecuado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2019

María Victoria González Vázquez
Directora da Axencia Tributaria de Galicia

ANEXO

Directrices do Plan xeral de control tributario de 2019

O Plan de control tributario da Axencia Tributaria de Galicia para o ano 2019 está composto polas directrices xerais, nas cales se definen as principais áreas de risco, así como as liñas xerais de actuación que corresponden, e os plans de xestión tributaria, inspección tributaria e recadación que, conforme o disposto no artigo 116 da Lei xeral tributaria, teñen carácter reservado, e fíxanse en cada un deles as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos para alcanzar por cada unha das citadas áreas.

O Plan xeral de control tributario desenvolverase distinguindo entre actuacións de control preventivo, actuacións de control posterior e actuacións de xestión recadatoria.

Nas primeiras incluiranse, fundamentalmente, as actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios e as de colaboración social. Nas segundas, máximo expoñente da loita contra a fraude fiscal, distínguese o control extensivo ou de carácter masivo, perseguindo someter a control a totalidade das declaracións presentadas e o control intensivo (selectivo) e investigación, dirixidas ao descubrimento e regularización das formas máis graves e complexas de fraude fiscal e economía somerxida que xeran competencia desleal e prexudican empresas e particulares que si cumpren correctamente coas súas obrigas tributarias e, por último, as actuacións de xestión recadatoria que perseguen o cobramento efectivo de todas as débedas tributarias pendentes de ingreso.

No exercicio das actuacións anteriores, terá atención prioritaria a calidade da información como ferramenta de control, o que exixe a evolución, continua mellora e ampliación das ferramentas e aplicacións informáticas propias da Axencia, de forma que permita realizar o control do cumprimento tributario de maneira máis eficaz e eficiente. Neste sentido as actuacións centraranse en dous eixos: por unha banda, seguirase traballando en aumentar as fontes de información, tanto na mellora das xa existentes como na procura de novas fontes, e en especial a información dispoñible na internet e redes sociais que poida ter relevancia tributaria; por outro, a dita información unificada ten que ser obxecto dunha análise detallada, empregando as modernas técnicas existentes de tratamento da información para detectar áreas de risco fiscal, utilizando para iso análise por sectores económicos, por zonas territoriais ou por comportamentos subxectivos.

Así mesmo, durante 2019, para detectar as distintas áreas de risco fiscal, seguirase integrando toda a información dispoñible de maneira que quede unificada baixo parámetros comúns o que redundará na eficacia da Administración e a seguridade xurídica do contribuínte.

Por tanto, con este plan dáse cumprimento á obrigación legal de establecer unha planificación anual das actuacións de control que deben levar a cabo as administracións tributarias, reforzando especialmente as actuacións para perseguir as diferentes formas de fraude, evasión e elusión fiscal practicadas polas grandes empresas e os grandes patrimonios.

En consecuencia, as directrices do Plan anual de control tributario estrutúranse nos seguintes ámbitos:

1. Control preventivo.

1.1. Información e asistencia aos obrigados tributarios.

As actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios teñen como finalidade o fomento do cumprimento adecuado das obrigas fiscais e a prevención da fraude fiscal. Dentro desta categoría inclúense aquelas actuacións de control dirixidas a detectar e evitar a realización de actuacións fraudulentas antes da súa comisión.

Para tal fin, continuarase mellorando tanto a información existente na súa páxina web da Atriga como os programas de axuda para a confección de autoliquidacións e xestión de trámites existentes na súa oficina virtual, e dotaraa con novas funcionalidades. En especial, profundarase na colaboración e intercambio de información que permitan mellorar os labores de información e asistencia, sobre todo coa finalidade de aclarar a tributación das distintas operacións evitando as planificacións fiscais agresivas que aumentan a litixiosidade e orientando cara á correcta utilización dos beneficios fiscais existentes. Neste aspecto os asesores fiscais xogan un importante papel, tanto na prevención da fraude fiscal como no fomento dos acordos que reduzan a dita litixiosidade e acheguen seguridade xurídica e económica ás operacións.

Co obxecto de fomentar o cumprimento espontáneo das obrigas fiscais mediante a redución dos custos indirectos no cumprimento das obrigas fiscais e de contribuír á seguridade xurídica, profundarase nas seguintes actuacións vinculantes para a Administración:

1.1.1. Emprego de medios electrónicos, informáticos e telemáticos.

Levaranse a cabo as seguintes medidas:

– Fomentarase a utilización polos cidadáns dos servizos que a Axencia ofrece por vía electrónica, incluída a presentación de autoliquidacións.

– Potenciarase a práctica das notificacións telemáticas, o que, ademais, de supoñer un aforro de custo e tempo, redundará nunha redución do número de notificacións devoltas.

– Facilitarase o pagamento mediante cargo en conta e domiciliación bancaria co obxectivo de facilitar ao máximo aos obrigados tributarios o cumprimento da súa obrigación de pagamento.

1.1.2. Adaptación dos modelos de declaración aos últimos cambios normativos de modo que permitan un maior detalle no tratamento da información que conteñen, ampliando a efectividade dos intercambios de información e o manexo das diversas fontes de datos.

1.1.3. Revisión dos modelos normalizados, para facilitar o exercicio, por parte dos obrigados tributarios, dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas, simplificando e reducindo as obrigas de carácter formal.

1.1.4. Garantirase o acceso a unha información de calidade utilizando unha terminoloxía comprensible na elaboración das guías de tributos que xestiona a axencia.

1.1.5. Realización de programas de comunicación que fomenten a conciencia fiscal colectiva dos cidadáns.

1.1.6. Realizarase unha enquisa ás persoas que fan uso dos servizos que presta a Axencia Tributaria de Galicia, o que permitirá coñecer e medir o seu grao de satisfacción e tomar decisións con base na información cuantitativa obtida.

1.2. Colaboración e intercambio de información.

Neste ámbito, ademais de consolidar e mellorar a colaboración e intercambio de información, intensificaranse os labores de captación de información destinados á obtención dos datos tributarios necesarios para a toma de decisións sobre a realización de actuacións de control.

Como en anos precedentes, a colaboración e o intercambio de información levaranse a cabo, principalmente, cos seguintes organismos:

1.2.1. Agencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT):

a) Planificación coordinada de actuacións e intercambio de información, dentro das liñas establecidas nas directrices xerais do Plan anual de control tributario e aduaneiro de 2019 da AEAT.

b) Reforzamento dos intercambios de información entre a AEAT e a Axencia Tributaria de Galicia co obxectivo de fornecer periodicamente a información con transcendencia tributaria, mediante cruzamentos de información entre as bases de datos das distintas administracións tributarias. Isto redundaría nun mellor control da fraude fiscal e, paralelamente, nunha diminución do custo administrativo de aplicación dos tributos.

No mesmo sentido propoñerase que a nova información de que dispón a AEAT derivada das novas obrigacións de información, así como os novos convenios de colaboración e intercambio de información subscritos con outros Estados, que poña de manifesto a titularidade dun patrimonio, se incorporen da forma máis áxil posible á información que xa se intercambia na actualidade.

Todo iso con independencia de que a dita información conste en poder doutros órganos, entes ou organismos dos seus respectivos ámbitos territoriais, xa que tanto a AEAT como a Axencia Tributaria de Galicia teñen asumido o compromiso de levar a cabo cantas actuacións sexan necesarias para solicitar deles a información acordada.

c) Intercambio de información sobre os datos censuais máis relevantes dos obrigados tributarios a través do censo único compartido, en especial os relativos ao domicilio fiscal e ás súas modificacións para a detección de posibles deslocalizacións co propósito de lograr unha menor tributación.

d) Transmisión periódica á AEAT da información contida en declaracións tributarias correspondentes a tributos cedidos e sobre os valores reais de transmisión de bens e dereitos comprobados no curso de procedementos de control. Neste sentido, potenciarase a remisión de información sobre a constitución de rendas vitalicias, operacións de disolución de sociedades e de redución do capital social con atribución de bens ou dereitos da sociedade aos seus socios, préstamos entre particulares, información sobre operacións de xogo e pagamentos orzamentarios.

e) Subministración de información á AEAT para o control das deducións establecidas pola Comunidade Autónoma no IRPF, así como dos datos de familias numerosas e de graos de discapacidade recoñecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, para a tramitación dos pagamentos anticipados das deducións para iso previstas no artigo 81 bis da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, modificada pola Lei 26/2014, do 27 de novembro.

f) Colaboración para a verificación do cumprimento dos requisitos para gozar das deducións da cota autonómica do IRPF aprobadas pola Comunidade Autónoma, sobre todo naqueles supostos en que se precisa un recoñecemento administrativo previo para gozar do beneficio fiscal, mediante a confección de rexistros de suxeitos beneficiarios dos citados beneficios fiscais.

g) Envío de dilixencias de colaboración a outras administracións, especialmente nas actuacións de control da fraude neste ámbito de colaboración, mediante a posta en coñecemento dos feitos ou circunstancias con transcendencia tributaria para outras administracións tributarias, que se poñan de manifesto no curso da tramitación de actuacións ou procedementos de inspección.

h) Intercambio de información nos casos en que, como resultado dun procedemento de comprobación, se determine a improcedencia do tributo cuxa xestión lle corresponde e, conseguintemente, a procedencia doutro xestionado por outra Administración tributaria.

i) Intercambio de información en relación co cumprimento da condición de vivenda habitual cando no curso dun procedemento se detecte o incumprimento desa condición a fin de controlar a aplicación de beneficios fiscais ou tipos reducidos no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados ou a dedución prevista para esta materia no IRPF.

1.2.2. Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e Colexio Notarial: para o intercambio de información sobre operacións susceptibles de tributar no ámbito dos tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia. Neste ámbito, o Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria, asinado o 22 de decembro de 2010, seguirá ofrecendo a información necesaria para a verificación das operacións realizadas e a súa tributación. Neste sentido seguirase afondando no desenvolvemento de aplicacións informáticas que combinen ambas as dúas fontes de información e permitan, dunha maneira automatizada, detectar con fiabilidade os supostos de incumprimentos tributarios, mellorando a eficiencia na acción comprobadora.

1.2.3. Dirección Xeral de Tráfico: a información que figura no Rexistro Xeral de Vehículos, como rexistro público, é de gran relevancia para a aplicación dos tributos cedidos, tanto para a comprobación de feitos ou bases impoñibles non declarados como para a verificación da procedencia de beneficios fiscais, en particular, os relativos á actividade de compravenda de vehículos usados. Neste ámbito, o convenio subscrito entre a Dirección Xeral de Tráfico e a Axencia Tributaria de Galicia en materia de intercambio e cesión de información para os efectos tributarios permite un mellor exercicio das súas respectivas competencias.

1.2.4. Dirección Xeral do Catastro: a información contida no Catastro inmobiliario resulta de grande importancia, sobre todo para a aplicación dos tributos de base patrimonial, xa que a través deste pódense detectar bens non declarados ou que determinan a obriga de declarar no imposto sobre o patrimonio e no imposto sobre sucesións, así como verificar os cambios de titularidade que poden dar lugar a feitos impoñibles no imposto sobre doazóns ou no ITP-AXD. Ademais, fomentarase a coordinación co Catastro para a determinación dos elementos dos bens inmobles que inflúen na determinación do seu valor real, sobre todo naqueles tributos que toman esta contía como base impoñible.

1.2.5. Administracións tributarias de tributos locais: reviste grande importancia a colaboración e subministración de información entre os organismos que xestionan tributos locais e autonómicos. A Axencia Tributaria de Galicia continuará durante 2019 fomentando este intercambio de información mutuo.

1.2.6. A propia Administración pública galega e outras administracións públicas, en especial o Estado, comunidades autónomas e corporacións locais, en relación cos datos que posúan ou operacións en que interveñan e que teñan efectos tributarios.

2. Control posterior. Control extensivo e intensivo.

Con carácter xeral, nas actuacións de control tributario posterior comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non fornecidas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.

Para asegurar a correcta aplicación do sistema tributario establecéronse, por unha banda, unhas comprobacións de carácter xeral que afectan todas as figuras tributarias cuxa aplicación corresponde á Axencia Tributaria de Galicia e, por outra, determinadas áreas de risco ou de atención preferente atendendo á natureza e características de cada un dos tributos de referencia, así como ao tipo de control que se empregará.

2.1. Comprobacións de carácter xeral.

2.1.1. Comprobación das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial aos fornecidos polos índices notariais nos casos en que o acto ou contrato se formalizase en documento notarial, ou ben aos fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.2. Comprobación do valor real dos bens e dereitos transmitidos.

2.1.3. Comprobación das declaracións informativas e das declaracións censuais presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, ou ben os fornecidos pola Administración galega ou por outras administracións.

2.1.4. Comprobación dos puntos de conexión establecidos na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

2.1.5. Control e seguimento das concesións de prórroga e de suspensión dos prazos de presentación do imposto sobre sucesións e doazóns.

2.1.6. Verificación dos ingresos que se produzan sen presentación da correspondente autoliquidación e, se é o caso, inicio dos procedementos sancionadores oportunos.

2.1.7. Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa fornecida no exercicio do deber de información ou colaboración.

2.2. Áreas de atención preferente.

2.2.1. Actuacións relativas ao sector inmobiliario e á transmisión de bens mobles: intensificación dos controis das diferentes operacións xurídicas relativas aos bens, e máis en concreto:

2.2.1.1. Investigación dos cambios de titularidade, sobre todo a partir da información existente nos diversos rexistros públicos e administrativos.

2.2.1.2. Seguimento das adxudicacións en poxas públicas, en estreita colaboración coa Axencia Estatal do BOE (AEBOE) para as poxas xudiciais, notariais e tributarias, e coa Seguridade Social e outras administracións públicas para o resto de poxas administrativas.

2.2.1.3. Comprobación da orixe dos fondos utilizados nos pagamentos nas transaccións inmobiliarias.

2.2.1.4. Control de arrendamentos de predios urbanos, en colaboración coa Administración tributaria estatal.

2.2.2. Constitución de concesións ou autorizacións administrativas que impliquen outorgamento de facultades de xestión de servizos públicos ou atribución do uso privativo ou aproveitamento especial do dominio ou uso público.

2.2.3. Comprobación dos negocios que versan sobre transmisións de cotas nas comunidades de bens.

2.2.4. Comprobación dos patrimonios das persoas físicas tanto para os efectos da súa tributación no imposto sobre o patrimonio como para os efectos do imposto de sucesións e doazóns.

Para este control resulta esencial a colaboración coas outras administracións públicas, especialmente coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), compartindo a información derivada das diferentes declaracións informativas, incluídas a declaración de bens e dereitos situados no estranxeiro (modelo 720), así como a declaración tributaria especial (modelo 750), e a través dos convenios de intercambio de información asinados con outros Estados.

Dentro desta comprobación inclúense os patrimonios preexistentes dos suxeitos pasivos para a aplicación correcta da estrutura de gravame do imposto de sucesións e doazóns, así como a aplicación de determinados beneficios fiscais nos impostos xestionados pola Atriga.

2.2.5. Comprobación da masa hereditaria no imposto sobre sucesións, en especial:

2.2.5.1. A adecuación da masa hereditaria coa información contida nos rexistros administrativos e fiscais, a información obtida da AEAT, así como as declaracións presentadas para efectos doutros impostos e as declaracións informativas de terceiros.

2.2.5.2. A comprobación de actos dispositivos anteriores do causante.

2.2.5.3. A adición de bens nos supostos establecidos na norma.

2.2.5.4. Comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas e créditos con persoas ou entidades con que exista algún tipo de vinculación.

2.2.6. Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial:

2.2.6.1. As reducións na base impoñible ou deducións na cota referidas á vivenda habitual, así como ás empresas e participacións en entidades, ou para fomentar a constitución ou adquisición de empresas ou negocios profesionais, tanto das condicións que se deben cumprir no momento da devindicación como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma.

2.2.6.2. A comprobación das reducións subxectivas no imposto sobre sucesións e, en especial, a correcta aplicación da redución por parentesco cando se formalizaron pactos sucesorios con anterioridade ao falecemento do causante.

2.2.6.3. Os tipos reducidos para fomentar a adquisición de vivendas e actos xurídicos asociados.

2.2.6.4. A transmisión de vehículos de transporte usados a favor de empresarios que teñen como actividade habitual a compravenda de vehículos.

2.2.6.5. Comprobación da correcta aplicación das deducións autonómicas no imposto sobre o patrimonio.

2.2.6.6. Os tipos bonificados noutros tributos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia.

2.2.7. Comprobación dos domicilios declarados e as súas modificacións para corrixir deslocalizacións por simulacións de cambios de residencia, en colaboración e coordinación coas restantes comunidades autónomas e a AEAT.

2.2.8. Comprobación de operacións diversas, en especial:

2.2.8.1. As operacións en relación coa división da cousa común e extinción do condominio, as operacións de endebedamento e garantía e as súas alteracións, e as de recoñecemento de débeda.

2.2.8.2. A constitución de dereitos reais de garantía.

2.2.8.3. A presentación dos documentos mercantís que realizan función de xiro no imposto sobre actos xurídicos documentados.

2.2.8.4. As renuncias ás herdanzas para comprobar que se axustan ao disposto no ordenamento xurídico.

2.2.8.5. A presentación das consolidacións de dominio.

2.2.8.6. A tributación dos seguros no imposto de doazóns.

2.2.9. En relación coa tributación sobre o xogo, analizarase a información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario, fundamentalmente, a fornecida polos órganos competentes en materia de xogo, así como a procedente dos obrigados a fornecer información, co obxecto de verificar e comprobar tanto os datos e as bases impoñibles declaradas polos suxeitos pasivos de máquinas, bingo, apostas, rifas, tómbolas e combinacións aleatorias e casinos, como no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados e á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais. Por outra banda, comprobarase o correcto cumprimento da obriga de levanza dos libros rexistro para os efectos tributarios.

2.2.10. En relación cos tributos propios ambientais e as taxas e prezos, analizarase a información de que dispoñan outros órganos administrativos de relevancia para o control tributario como, por exemplo, a fornecida polos órganos competentes en materia de ambiente, industria, enerxía e augas ou polos órganos xestores de taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto no que se refire á detección de feitos impoñibles non declarados como á comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais.

2.2.11. En relación coas taxas e prezos, estreitar a colaboración cos órganos xestores deles en relación cos procedementos de control que se vaian desenvolver, así como estudar a posibilidade de asumir procedementos de xestión en determinados casos.

2.2.12. Colaboración coa AEAT para o control das declaracións dos premios procedentes do xogo.

2.3. Grandes empresas e patrimonios.

2.3.1. Investigación dos obrigados tributarios que, pola contía do patrimonio persoal ou das súas rendas, teñan obriga de presentar imposto sobre o patrimonio ou poidan concorrer doazóns non declaradas.

2.3.2. Verificación dos requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, relativo á exención dos bens e dereitos das persoas físicas necesarios para o desenvolvemento da súa actividade empresarial ou profesional e das participacións en entidades, en especial, a determinación do importe do devandito beneficio fiscal no caso de que non se aplique á totalidade do valor da empresa ou negocio.

2.3.3. Verificación dos requisitos previstos nos artigos 7.4 e 8.4 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, relativos á redución no imposto sobre sucesións e doazóns pola adquisición de bens e dereitos afectos a unha actividade económica e de participacións en entidades, en especial, a determinación do importe do devandito beneficio fiscal no caso de que non se aplique á totalidade do valor da empresa ou negocio.

2.3.4. Estudo e comprobación das estruturas empresariais constituídas coa finalidade de poder acceder ao gozo indebido de beneficios fiscais.

2.3.5. Comprobación das transmisións a que pode aplicarse indebidamente a exención regulada no artigo 314 do texto refundido da Lei do mercado de valores aprobado polo Real decreto lexislativo 4/2015, do 23 de outubro.

2.3.6. Verificación das operacións inmobiliarias realizadas por empresarios para os efectos da delimitación da súa tributación por este imposto ou polo IVE, en especial a verificación do cumprimento dos requisitos para a renuncia á exención neste último imposto, prevista no artigo 20.2 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, así como a súa correcta tributación polo tipo incrementado do imposto de actos xurídicos documentados.

2.3.7. Comprobación daquelas operacións e mecanismos de planificación fiscal agresiva que resulten anómalas en relación co fin perseguido, distinto do aforro fiscal, e que poden ser constitutivas de simulación ou conflito na aplicación da norma, sobre todo as relacionadas coa transmisión de bens inmobles.

3. Control en fase recadatoria.

Por último, as actuacións de xestión recadatoria, referidas tanto ás débedas de tributos cedidos e propios como aos demais ingresos de dereito público e para todos os obrigados ao pagamento centraranse principalmente nas seguintes liñas:

3.1. Seguimento do procedemento de ingreso mediante as entidades colaboradoras autorizadas, controlando a correcta transferencia dos fondos, así como o envío dos ficheiros de información nos prazos establecidos e a correcta validación dos documentos cobratorios presentados polos obrigados tributarios.

3.2. Realizar as actuacións necesarias para incrementar o número das entidades colaboradoras na recadación que se incorporen ao pagamento telemático das débedas.

3.3. Potenciar a coordinación coa AEAT no marco do convenio de recadación subscrito e modificado en 2017 co fin de mellorar a tramitación dos expedientes en constrinximento xestionados ao abeiro del.

3.4. Coordinación cos órganos competentes para a realización de pagamentos orzamentarios da Xunta de Galicia co obxecto de posibilitar a practica de embargos dos dereitos de cobramento a favor de persoas que sexan, así mesmo, titulares de débedas xestionadas pola Axencia Tributaria de Galicia, así como o establecemento de canles informáticas en colaboración co resto das administracións públicas para detectar a existencia de créditos a favor de debedores da Facenda Pública galega a través de intercambios de información.

3.5. Control do sistema de compensación de débedas e créditos e dos expedientes de compensación de débedas a entidades de carácter público.

3.6. Control e seguimento das débedas pendentes de pagamento nos supostos de sucesores de persoas físicas, xurídicas e entidades sen personalidade.

3.7. Control e seguimento dos expedientes de derivación de responsabilidade, dentro do ámbito de todo tipo de débedas de dereito público, atendendo especialmente ás operacións de baleiramento patrimonial.

3.8. Control e seguimento dos expedientes de adiamentos e fraccionamentos de pagamento, das débedas paralizadas ou suspendidas por recurso ou reclamación que estean en período executivo e dos recursos de reposición contra as providencias de constrinximento e embargo, sobre todo coa finalidade de que estas figuras non sexan utilizadas para lograr dilacións nos procedementos ou elusións do pagamento.

3.9. Revisión completa dos expedientes de insolvencia e falidos, co fin de extremar a procura de bens do debedor realizables que revelen como inexacta esa situación inicialmente prevista como insolvencia.

3.10. Mellora do control e seguimento da débeda pendente, en particular, en fase de embargo, realizando actuacións que permitan axilizar o seu cobramento reducindo os tempos de xestión recadatoria.

3.11. Actuacións en colaboración con xuíces e administradores concursais co obxectivo de atinxir a máxima operatividade no pagamento das débedas que teñan este carácter, con independencia de que o proceso culmine en aprobación do convenio ou o proceso entre en fase de liquidación.

3.12. Realización das actuacións necesarias que posibiliten a colaboración nos procedementos de alleamento forzoso de bens inmobles embargados noutras comunidades autónomas e no embargo de pagamentos orzamentarios efectuados por outras comunidades autónomas.

3.13. Especial atención ás actuacións que xiran ao redor das poxas, como último paso da recadación en período executivo –tales como valoracións, comunicacións, publicidade– que permitan unha maior realización e adxudicación de bens obxecto delas, nunhas circunstancias de mercado que resultan mellores que en anos anteriores e establecendo a partir do último trimestre do ano a súa celebración mediante medios electrónicos a través do portal de poxas da Axencia Estatal BOE axilizando e simplificando o procedemento.

3.14. Control das renuncias ás herdanzas realizadas polos obrigados tributarios que sexan debedores da Comunidade Autónoma de Galicia, por se puideren prexudicar os intereses de cobramento desta e co fin de iniciar, neste caso, as actuacións procesuais necesarias na vía civil ou penal.

3.15. Comprobación da existencia de avais, así como doutro tipo de garantías que poidan estar constituídas dentro de calquera procedemento que garantan o cobramento das débedas que non fosen ingresadas no prazo legal, para a súa correspondente execución, co fin de lograr a máxima satisfacción posible das débedas garantidas.