Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 6 de marzo de 2019 Páx. 12768

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2019 pola que se aproba a convocatoria ordinaria para a avaliación previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador e se abre o prazo para a presentación de solicitudes correspondentes á convocatoria do ano 2018.

Os artigos 55 e 69 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (en diante, LOU) regulan respectivamente as retribucións do persoal docente e investigador contratado e funcionario. En concreto, ambos os preceptos (55.2 e 69.3, respectivamente) establecen que as comunidades autónomas poderán establecer retribucións adicionais ligadas a méritos individuais relativos á actividade y dedicación docente, formación docente, investigación, xestión, investigación e transferencia de coñecemento. Dentro de los límites que para este fin fixen as Comunidades Autónomas, o Consello Social das Universidades, por proposta do Consello de Goberno, poderá acordar a asignación singular e individual dos ditos complementos retributivos. A continuación indícase que estes complementos retributivos se asignarán logo de valoración dos méritos pola ANECA ou o órgano de avaliación externa que determine a Comunidade Autónoma.

Consonte o disposto nos citados artigos 55 e 69 da LOU, así como no punto 4 do artigo 15 do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación do profesorado universitario, a Xunta de Galicia aprobou o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (DOG do 22 de marzo). Este decreto crea catro tipos de complementos e restrinxe a súa aplicación, de conformidade co disposto no seu artigo 1, ao persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia. No seu artigo 8 indícase que a asignación dos complementos exixirá a valoración previa positiva dos méritos en que se sustentan polo consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto polo propio consorcio e conforme os seguintes criterios obxectivos, indicativos e non exclusivos.

A Orde do 16 de abril de 2004 pola que se publica o protocolo de avaliación elaborado pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), relativo aos criterios e méritos de valoración, e ao procedemento para solicitar os complementos de recoñecemento ao labor docente e ao labor investigador, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006 (DOG do 8 de maio), así como as bases das correspondentes convocatorias do consorcio ACSUG deben recoller as exixencias dos citados artigos 1 e 6 do Decreto 55/2004, limitando deste xeito o ámbito subxectivo dos complementos, ao persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor fixo das universidades do SUG así como, de conformidade co establecido na citada orde, en cada convocatoria debe establecerse a data concreta en que os solicitantes deberán ter cumprido os requisitos establecidos no artigo 6 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo. Non debemos esquecer que o punto 2 do artigo 47 da Lei 39/2015, establece a nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de rango superior.

Neste sentido, os puntos 1 e 2 do artigo 6 do Decreto 55/2004, establecen como requisitos específicos do complemento de recoñecemento ao labor docente e do complemento de recoñecemento ao labor investigador a exixencia de que a praza do solicitante debe ser fixa e estable, tendo superado o correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei.

Non obstante, a última xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, pola cal, en aplicación da cláusula 4.1 da directiva 1999/70/CE, prohibe o tratamento diferenciado nas condicións de traballo das persoas que teñan un contrato de duración determinada e das fixas comparables, a menos que se xustifique por razóns obxectivas.

Deste xeito, e tendo presente a Directiva 1999/70/CE, deixaríase de aplicar o requisito da praza fixa e estable e da superación do correspondente proceso de concurso-oposición establecido na lei, ben que todos os demais requisitos específicos exixidos en cada complemento seguen plenamente vixentes.

Finalmente, por Resolución do 21 de setembro de 2006 (DOG do 3 de outubro) publícanse os acordos do Consello de Dirección da ACSUG, polos que se delega, na súa presidencia, a realización das convocatorias anuais de valoración logo da asignación de complementos retributivos, polo que, en virtude das citadas competencias delegadas,

RESOLVO:

Primeira. Obxecto

Aprobar a convocatoria ordinaria e abrir o prazo de presentación de solicitudes para a valoración previa á asignación das retribucións adicionais relativas ao complemento de recoñecemento ao labor docente e ao complemento de recoñecemento ao labor investigador establecidos, respectivamente, no artigo 2.1 e 2.2, do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos adicionais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario (procedemento ED701B).

Segunda. Destinatarios

1. De conformidade co disposto no artigo 1 do citado Decreto 55/2004, poderá solicitar esta valoración previa á asignación das retribucións adicionais sinaladas na base anterior o persoal docente e investigador funcionario e contratado doutor, tanto de carácter fixo como temporal, das universidades públicas que compoñen o Sistema universitario de Galicia (SUG).

2. Tendo en conta o carácter individual e consolidable destes complementos, non se admitirán a trámite as solicitudes dos solicitantes que xa fosen valoradas favorablemente en convocatorias anteriores.

Terceira. Requisitos

De conformidade co citado artigo 1 do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, os artigos 6.1 e 6.2 da mesma disposición, así como co disposto polos artigos 2 e 3 da Orde do 16 de abril de 2004, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006, para obter a valoración positiva será necesario:

a) Para o complemento de recoñecemento ao labor docente:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, feito en 31 de decembro de 2017 ou ben, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2018.

3. Ter dedicación a tempo completo no exercicio da docencia.

4. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola CGIACA na Orde do 16 de abril de 2004.

b) Para o complemento de recoñecemento ao labor investigador:

1. Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia.

2. Acreditar, polo menos, un ano de servizo na súa praza, feito en 31 de decembro de 2017 ou ben, entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2018.

3. Ter presentado na universidade un traballo de investigación, que sendo xulgado por un tribunal avaliador, se lle teña outorgado o grao de doutor.

4. Valoración positiva dos méritos en que se sustente a solicitude polo consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), de acordo co protocolo de avaliación aprobado para o efecto pola CGIACA na Orde do 16 de abril de 2004.

Cuarta. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Os solicitantes deberán cubrir telematicamente a solicitude (anexo I), común para ambos os complementos, e as memorias de autoavaliación (anexo II.A e II.B), nos modelos dispoñibles na aplicación informática da ACSUG á cal se deberá acceder a través da páxina web: http://www.acsug.es/convocatorias-abertas. Deberá indicarse cunha aspa para cal ou cales das retribucións adicionais se solicita a valoración

No caso de que se solicite a valoración previa das dúas retribucións farase na mesma solicitude.

2. Unha vez cuberta a solicitude (anexo I) do xeito indicado no punto anterior, xerarase o correspondente documento PDF e presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude en formato papel requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de presentación dos formularios na sede electrónica, poderanse dirixir ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.gal

Quinta. Documentos necesarios para a tramitación do procedemento

1. Xunto coa solicitude, as persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

– Breve memoria de autoavaliación do labor docente que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II.A que poderá descargarse a través da plataforma informática da ACSUG (so cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor docente).

– Breve memoria de autoavaliación do labor investigador que se presentará de acordo co modelo normalizado que se publica para o efecto como anexo II.B que poderá descargarse a través da plataforma informática da ACSUG (so cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor investigador).

– Outros documentos que a persoa solicitante considere relevantes.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Sexta. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas.

a) DNI/NIE, da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Título oficial de doutoramento (só cando se solicite o complemento de recoñecemento ao labor investigador).

d) Estar integrado no cadro de persoal docente, como funcionario ou como contratado doutor, de calquera das universidades públicas de Galicia, e ter acreditado, polo menos, un ano de servizo na súa praza, feito en 31 de decembro de 2017 ou ben entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2018.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sétima. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Oitava. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionárense por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, procederase a practicar a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Novena. Prazo

O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décima. Emenda e mellora da solicitude

Cando as solicitudes presentadas en prazo polos interesados non reúnan os requisitos exixidos pola normativa que lle resulte de aplicación, non se cubrise a solicitude, ou non se xuntasen os documentos, do xeito exixido nestas bases, a ACSUG requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, se emende a carencia, consonte co disposto no artigo 68 da lei 39/2015. No caso de non atender ao devandito requirimento, entenderase que desisten da súa petición.

Décimo primeira. Procedemento

O procedemento para a tramitación das solicitudes farase de conformidade co regulado na Orde do 16 de abril de 2004, segundo a redacción dada pola Orde do 11 de abril de 2006.

Décimo segunda. Acordos de avaliación

1. De conformidade co establecido no artigo 23 dos estatutos do consorcio ACSUG, aprobados polo Decreto 6/2018, do 11 de xaneiro, correspóndelle á CGIACA a competencia para a emisión das avaliacións a que se fai referencia na base primeira.

2. Os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, previos á asignación singular e individual dos referidos complementos polos consellos sociais das universidades serán notificados a cada solicitante persoal e directamente nos cinco meses seguintes ao peche do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os acordos de valoración adoptados pola CGIACA, cando resulten positivos, serán notificados directamente polo consorcio ACSUG ás correspondentes universidades, para que se proceda, se é o caso, por parte dos seus consellos sociais, á asignación singular e individual dos referidos complementos.

Décimo terceira. Recurso

Os acordos adoptados pola CGIACA esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, poderán ser obxecto de recurso de reposición ante o mesmo órgano que os ditou ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, consonte ao disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Este recurso, unha vez cuberto deberá asinarse e presentarse telematicamente consonte o establecido na base sétima.

Décimo cuarta. Efectos económicos

1. Cando, de conformidade co disposto na base décima, procedan á asignación dos referidos complementos os consellos sociais das universidades, o pagamento das correspondentes retribucións farase cos seguintes efectos:

– Cando o cumprimento dos requisitos sinalados na base terceira teña lugar ata o día 31 de decembro de 2017, o pagamento farase con efectos do 1 de xaneiro de 2018.

– Cando o cumprimento dos requisitos sinalados na base terceira teña lugar entre os días 1 de xaneiro e 30 de xuño de 2018, o pagamento farase con efectos do 1 de xullo de 2018.

2. O pagamento das correspondentes retribucións farase nas cantidades establecidas nas correspondentes leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Décimo quinta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-ACSUG coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou, presencialmente, nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Décimo sexta. Entrada en vigor

A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2019

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consorcio Axencia para a Calidade
do Sistema Universitario de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file