Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Mércores, 6 de marzo de 2019 Páx. 12762

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que prorrogan todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes.

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalpopsis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015.

A través da Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 209, do 3 de novembro), declarouse a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca e establecéronse as zonas demarcadas para esta praga e as medidas urxentes para a súa erradicación e control.

Posteriormente producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio da comunidade autónoma, as cales foron actualizadas mediante a Resolución do 11 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 38, do 25 de febreiro), e mediante a Resolución do 2 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias (DOG núm. 25, do 6 de febreiro).

O día 14 de febreiro de 2017 publícase no DOG número 31 a Resolución do 9 de febreiro de 2017 de ampliación de medidas urxentes para a erradicación e control desta praga, na cal se establecían medidas de obrigado cumprimento tanto para operadores nos puntos de venda de pataca de semente como para produtores profesionais e de autoconsumo.

Posteriormente, o día 26 de marzo de 2018 publícase no DOG número 60 a Resolución pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora ao concello de Muxía.

Con data do 4 de marzo de 2017, publicouse o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (BOE núm. 54, do 4 de marzo), en diante real decreto, que establece unhas definicións e medidas que, debido ás características do cultivo da pataca en Galicia e o gran número de pequenas parcelas con destino fundamental ao autoconsumo.

O artigo 8.1.a) do Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny), indica que «se prohibirá a plantación de cultivos de pataca durante un período mínimo de dous anos. Transcorrido este prazo, a autoridade competente valorará a situación da praga, en especial se non se conseguiu acadar o obxectivo da erradicación, e poderá prorrogar o período de vixencia desta prohibición».

Os datos de seguimento da praga indica unha importante redución da presencia da praga, pero debido a que segue detectándose a súa presencia nalgún dos concellos incluídos na zona infestada, é preciso prorrogar a prohibición da plantación de pataca na zona infestada para garantir que, no momento que se levante a dita prohibición, non se poña en risco o esforzo realizado ata a data.

Por outra banda, a auditoría levada a cabo pola Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea en España entre os días 11 ao 21 de setembro de 2018 para avaliar a situación relativa á couza Guatemalteca conclúe que foron establecidas medidas de control integral na lexislación nacional e no Plan de continxencia co obxectivo de erradicar esta praga. A auditoría atopou que as medidas foron aplicadas inmediatamente despois de calquera achado da praga, o que deu como resultado unha rápida e significativa redución da súa poboación. A aplicación continuada destas medidas deberían levar no tempo á erradicación de Tecia solanivora de España en xeral e en Galicia en particular.

O artigo 15 do Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora (Povolny), indica que se considerará erradicada a praga nunha zona infestada cando non se detecte a súa presenza nun mínimo de dous anos consecutivos, momento no cal poderán levantarse as restricións ao movemento do artigo 9.

No punto 1.b) da Resolución do 8 de marzo de 2017, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny, ou couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia, establecidas no Real decreto 197/2017, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalpopsis) solanivora Povolny (DOG núm. 49, do 10 de marzo), establece a zona tampón como os terreos comprendidos dentro dunha franxa de 5 quilómetros arredor do límite dos concellos establecidos como zonas infestadas.

Na mesma resolución establécese que os agricultores das zonas tampón definidas no punto 1.b) da Resolución do 8 de marzo de 2017 deberán seguir comunicando, inmediatamente logo da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido no anexo I da Resolución do 9 de febreiro de 2017 (DOG núm. 31, do 14 de febreiro).

A data actual os concellos infestados na provincia da Coruña son: A Capela, Ares, As Pontes, Cabanas, Cariño, Fene, Ferrol, Mañón, Mugardos, Muxía, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño. Na provincia de Lugo os concellos infestados son: Abadín, Alfoz, A Pontenova, A Pastoriza, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove.

Identicamente está considerada zona tampón na provincia da Coruña a totalidade da superficie dos concellos de As Somozas, Cedeira, Cerdido e Moeche, ademais dunha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos concellos de Pontedeume, Monfero, Vilarmaior, Miño, Cee, Corcubión, Camariñas, Carnota, Dumbría, Fisterra e Vimianzo. Na provincia de Lugo a zona tampón supón unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos concellos de Xermade, Muras,Vilalba, Cospeito, Castro de Rei, Pol, Meira, Ribeira de Piquín e A Fonsagrada.

Cando a praga se considere erradicada de acordo co disposto no artigo 15 do Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias ditará unha resolución que establecerá o procedemento para levantar a prohibición do cultivo de pataca nunha zona infestada.

Por todo o anteriormente exposto,

Resolvo:

1. Manter todas as medidas fitosanitarias establecidas na Resolución do 8 de marzo de 2017 e, en concreto, a expresa prohibición do cultivo de pataca nas zonas infestadas pola existencia da praga denominada Tecia solanivora Povolny, couza guatemalteca da pataca, na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Publicar no anexo I o modelo de declaración de cultivo de pataca en zona tampón que deberán presentar os produtores de pataca, tanto profesionais como de autoconsumo. O período para a presentación desta declaración comeza o día seguinte ao da publicación da presente resolución e remata o día 31 de maio de 2019.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

missing image file
missing image file