Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Luns, 4 de marzo de 2019 Páx. 12135

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía, para as persoas residentes en Venezuela, Arxentina e Uruguai, o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 27 de decembro de 2018 pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2019.

Mediante a Resolución do 27 de decembro de 2018 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019), reguláronse e convocáronse as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2019.

No artigo 13 da devandita resolución establécese un prazo de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, para a presentación de solicitudes, prazo que remata o vindeiro día 4 de marzo.

As especiais circunstancias sociais e políticas concorrentes actualmente en Venezuela, están a provocar grandes dificultades para que as persoas residentes neste país poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións deste programa, así como para poder achegarse ás entidades colaboradoras habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A situación sociopolítica do país está a agravar a situación de escaseza de recursos para a subsistencia, máis en sectores da poboación especialmente sensibles a estes episodios de desgoberno, como o formado polas persoas maiores.

Así mesmo, na Arxentina e Uruguai están a producirse situacións sociais, económicas e ambientais que dificultan que as persoas maiores poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións deste programa e desprazarse ás sedes das delegacións da Xunta nos respectivos países onde deben presentala.

En Venezuela residen máis de 40.000 persoas que teñen a condición política de galegos, dos cales máis de 15.000 teñen 65 ou máis anos; na Arxentina residen máis de 165.000 persoas que teñen a condición política de galegos e no Uruguai residen máis de 40.500. Unha boa parte de todos eles, debido aos procesos inflacionarios que recorrentemente sofren estes países, non dispoñen de rendas suficientes para poder conseguir produtos de primeira necesidade ou farmacolóxicos para poder subsistir, polo que as axudas do programa de axudas económicas individuais resultan imprescindibles para a súa subsistencia.

En atención a estas circunstancias, resulta preciso ampliar, para as persoas residentes en Venezuela, Arxentina e Uruguai, o prazo de presentación de solicitudes do programa de axudas económicas individuais para o ano 2019.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Ampliar, para as persoas residentes en Venezuela, Arxentina e Uruguai o prazo de presentación de solicitudes previsto no artigo 13 da Resolución do 27 de decembro de 2018 pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para residentes no exterior durante o ano 2019 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro de 2019), ata o 20 de marzo de 2019, inclusive.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2019

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración