Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Xoves, 28 de febreiro de 2019 Páx. 11638

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Touro

ANUNCIO de aprobación definitiva do Proxecto de equidistribución do Plan parcial S-04, promovido por Queizúar, S.L. e Convenio de monetarización de aproveitamento urbanístico.

A Xunta de Goberno local, con data oito de xaneiro de dous mil dezanove, adoptou o seguinte acordo:

«III. Aprobación definitiva do Proxecto de equidistribución do Plan parcial S-04.

Con data do 31 de outubro de 2018, a Xunta Xeral ordinaria e universal da sociedade Queizúar, S.L. aprobou inicialmente o Proxecto de equidistribución do Plan parcial S-04 de Touro, conforme o establecido no artigo 121.3.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, tramitado polo sistema de concerto.

Conforme o establecido no artigo 106 da citada Lei 2/2016, expúxose ao público o mencionado proxecto durante o prazo dun mes sen que se presentasen reclamacións a este. Igualmente e conforme o establecido no artigo 401.3 do Regulamento da Lei do solo (Decreto 143/2016, do 22 de setembro), expúxose ao público o convenio de monetarización, aprobado inicialmente con data do 28 de novembro de 2018, durante o prazo dun mes, sen que se presentasen alegacións.

Tendo en conta o exposto e os informes que constan no expediente, a Xunta de Goberno local, por unanimidade, acorda:

Primeiro. Aprobar definitivamente o Proxecto de equidistribución do Plan parcial S-04 de Touro, promovido por Queizúar, S.L.

Segundo. Aprobar definitivamente o convenio de monetarización que se vai subscribir coa empresa Queizúar, S.L.

Terceiro. Para os efectos establecido no artigo 403 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, o presente acordo co texto íntegro do convenio publicarase no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento...».

Así mesmo, publícase o texto íntegro do Convenio urbanístico de monetarización de aproveitamento urbanístico.

«No Concello de Touro,

Comparecen

Dunha parte: Ignacio Codesido Barreiro, alcalde presidente do Concello de Touro.

E doutra parte: Benigno Pereira Ramos, maior de idade, veciño de Santiago de Compostela, con domicilio na rúa Rosario, nº 10, provisto do DNI 33251020N.

Interveñen

O alcalde presidente, en nome e representación do Concello de Touro, conforme o disposto no artigo 21.1.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Benigno Pereira Ramos, en nome e representación da entidade mercantil Queizúar, S.L., segundo acredita mediante escritura de constitución de sociedade outorgada ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto, con data 14 de marzo de 1997, e número 844 do seu protocolo.

Ambas as dúas partes recoñécense mutua e recíproca capacidade para formalizar o presente convenio, e libremente e para o efecto

Expoñen:

Primeiro. O Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Touro delimita un sector de solo urbanizable na parroquia de Bama, denominado S-04, cunha superficie bruta de 30.508 m2, que aumentou a 32.424 m2 tras a aprobación definitiva do plan parcial, segundo o disposto no artigo 157 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG), e un aproveitamento lucrativo máximo de 17.624 m2.

Segundo. O Pleno do Concello, en sesión do 22 de maio de 2018, acordou aprobar definitivamente o Plan parcial do S-04 do PXOM de Touro, promovido por Queizúar, S.L. No plan parcial asignouse ao ámbito un aproveitamento tipo de 17.624 m2; corresponden ao Concello de Touro, de conformidade co indicado no artigo 29.d) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG), 1.762,4 m2 de aproveitamento (10 % do aproveitamento tipo do sector).

Terceiro. Dada a dificultade de establecer unha parcelación que permita a materialización do aproveitamento correspondente ao concello, cumprindo coas condicións mínimas exixidas na normativa, así como co disposto nos informes sectoriais emitidos durante o período de exposición ao público (que recomendaban, en exclusiva, regularizar e ampliar as instalacións existentes), o promotor propón e o Concello de Touro acepta a monetarización do dito aproveitamento. É por iso que, coincidindo a vontade de ambas as dúas partes, formalizan o presente convenio urbanístico de xestión, de acordo coas seguintes estipulacións.

Cuarto. A monetarización do aproveitamento lucrativo lexitímase en base ao disposto no artigo 400.2 do RLSG.

Estipulacións

1ª) O presente convenio urbanístico ten por obxecto a substitución do aproveitamento correspondente ao Concello de Touro no sector S-04 polo seu equivalente económico.

2ª) Como consecuencia do cumprimento do deber legal de cesión do 10 % do aproveitamento tipo do sector do S-04, corresponden ao Concello de Touro 1.762,4 m2 de aproveitamento. Tendo en conta que a totalidade do solo con edificabilidade lucrativa ten o mesmo uso e a mesma edificabilidade, será equivalente a esta cantidade a cesión do 10 % do solo con aproveitamento lucrativo, é dicir, o 10 % de 20.857 m2, equivalente a 2.085,70 m2.

3ª) Da valoración proposta polos promotores e sometida a informe dos servizos urbanísticos municipais, resulta unha monetarización do aproveitamento urbanístico do Concello de Touro equivalente a 86.619,12 € (oitenta e seis mil seiscentos dezanove euros con doce céntimos), tendo en conta un valor de repercusión de solo de 41,53 €/m2 (2.085,70 m2 x 41,53 €/m2 = 86.619,12 €).

4ª) O promotor deberá realizar o pagamento da dita cantidade con anterioridade á inscrición do Proxecto de equidistribución no Rexistro da Propiedade e, en consecuencia, no prazo máximo de tres meses a partir da firmeza en vía administrativa do acordo de aprobación definitiva do dito proxecto, e deberá achegar no dito prazo copia da carta de pagamento nas dependencias municipais.

5ª) O Concello de Touro obrígase a respectar o disposto nos artigos 132 a 134 da LSG, e 329 a 331 e seguintes do RLSG en canto a destino e transmisión do patrimonio público do solo.

6ª) A validez e vinculación do presente convenio queda supeditada á súa formalización e perfeccionamento de acordo co indicado nos artigos 401 a 403 do RLSG.

7ª) Todos os gastos e impostos que se orixinen como consecuencia deste convenio aboaraos cada parte segundo a lexislación vixente.

E para que así conste e en proba de conformidade asinan o presente convenio por duplicado exemplar no lugar e data arriba indicados».

Touro, 7 de febreiro de 2019

Ignacio Codesido Barreiro
Alcalde