Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Mércores, 27 de febreiro de 2019 Páx. 11372

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda o peche e a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e escala operativa do servizo de Gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico (subgrupo C1).

O nomeamento de persoal funcionario interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral figura regulado no Decreto 37/2006, do 2 de marzo, sendo o obxecto desta disposición a regulación dun procedemento para a cobertura de postos incluídos nas relacións de postos de traballo.

A existencia de postos vacantes no Servizo de Gardacostas de Galicia e a necesidade de cobertura transitoria de postos de traballo reservados á escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, fixo necesaria a apertura de listas que se fixeron efectivas mediante diversas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública. Nas citadas resolucións establecíanse os requisitos que deberían posuír os solicitantes para seren admitidos/as nelas.

A Lei 2/2004, do 21 de abril, creou o servizo de Gardacostas de Galicia, e integrada nel, a escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia (C1). Posteriormente, a Lei 10/2010, do 11 de novembro, modifica a Lei 2/2004, engadindo un artigo 6 bis, que dispón que ao abeiro do disposto no artigo 22 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, créase a escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia (C1), coas especialidades de patrón e mecánico. Estas escalas reflíctense na disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e nestas leis recóllense os requisitos de titulación.

O Decreto 136/2017, do 17 de novembro, de ordenación e funcionamento do Servizo de Gardacostas de Galicia, regula funcións e requisitos exixibles para o desenvolvemento dos postos, con especial incidencia nos correspondentes a patrón/a, mecánico/a e vixilante-mariñeiro/a.

Doutra banda, dadas as características dos postos reservados a estas escalas, o seu desempeño está condicionado ao cumprimento de diversa normativa, como o Real decreto 1696/2007, do 14 de decembro, polo que se regulan os recoñecementos médicos de embarque marítimo, a Orde do Ministerio de Fomento do 18 de xaneiro de 2000, pola que se aproba o regulamento sobre despacho de buques, a Orde FOM/3422/2011, do 4 de novembro, pola que se regula o despacho e enrole das embarcacións adscritas ao Servizo de Inspección e Vixilancia Pesqueira de Galicia e restante normativa emanada da Administración do Estado.

A Resolución da Consellería de Facenda do 3 de agosto de 2018 (DOG núm. 157, do 20 de agosto), pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de agosto de 2018, polo que se aproba a relación de postos de traballo da Consellería do Mar, especifica as titulacións idóneas, a formación específica e os requisitos que se precisan para desenvolver os postos de patrón/oa, mecánico/a e vixilante-mariñeiro/a, de acordo coa normativa vixente, de xeito que o incumprimento dos requisitos que nela se conteñen impide a ocupación destes postos.

A normativa mencionada implica modificacións nos criterios de selección dos postos do Servizo de Gardacostas, consecuencia dos novos requisitos demandados. De feito, na Orde da Consellería de Facenda do 2 de decembro de 2016, pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, recóllese a titulación, requisitos e formación necesaria para o acceso a esta escala (DOG núm. 246, do 27 de decembro).

En consecuencia, tendo en conta o establecido nos artigos 5 e 6.1 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, a Dirección Xeral da Función Pública

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Pechar as vixentes listas para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo de axudantes de carácter facultativo da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Abrir o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, da escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia e da escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, especialidades de patrón e mecánico (Subgrupo C1) relacionadas no anexo I.

Segundo. Ámbito territorial

O ámbito territorial das listas será único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Requisitos que deberán posuír os solicitantes

Para ser admitidas/os nas listas, os/as aspirantes deberán posuír, na data de presentación da solicitude, os seguintes requisitos:

3.1. Idade: ter cumpridos dezaseis anos e non exceder da idade máxima de xubilación forzosa.

3.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún estado en que, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

d) Tamén poderán ser admitidos, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe sempre que no estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

3.3. Titulación académica: estar en posesión ou en condicións de obter o/s título/s que para cada unha das escalas se especifican no anexo II.

As persoas con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación a aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

3.4. Requisitos: estar en posesión dos requisitos que para cada unha das escalas e especialidades se especifican no anexo II.

3.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

En calquera caso, para o nomeamento como funcionario interino será requisito imprescindible ter superado o recoñecemento médico para o embarque, co resultado de apto sen restricións.

3.6. Habilitación: non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administracións pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

3.7. Coñecemento da lingua galega: estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de conformidade coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Cuarto. Solicitudes

4.1. Os interesados/as en formar parte das listas, deberán presentar a instancia conforme o modelo que se encontra á súa disposición no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>.

4.2. As instancias dirixiranse á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda e presentaranse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nas oficinas de Correos e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.3. O prazo para a presentación de instancias comezará o día 1 de marzo e rematará o 31 de marzo de 2019, de acordo co establecido no artigo 6.1 do Decreto 37/2006.

Quinto. Documentación.

Xunto coa instancia deberá presentarse fotocopia compulsada dos seguintes documentos:

a) DNI ou pasaporte.

Estarán exentos da presentación os interesados que manifesten na solicitude o consentimento expreso para que o órgano convocante poida acceder á comprobación dos seus datos de identidade.

b) Titulación académica e demais requisitos exixidos para cada escala e/ou especialidade no anexo II desta resolución.

c) Documento xustificativo de estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

d) Xustificante de ter aboadas as taxas administrativas por dereitos de inscrición ou, se é o caso, documentación xustificativa da exención, total ou parcial, do pagamento das taxas.

Sexto. Taxas

6.1. De conformidade coa Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exencións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e a Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, o importe das taxas a aboar en concepto de dereitos de inscrición ascende a 17,60 euros.

6.2. Están exentos do pago, consonte o artigo 23.5 da Lei 6/2003:

Do importe total da taxa:

a) As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

b) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

a) As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

Os solicitantes exentos do pagamento da taxa marcarán esta opción na solicitude, imprimirana e presentarana, antes da finalización do prazo fixado, xunto co orixinal ou copia debidamente compulsada dos seguintes documentos xustificativos da exención do pagamento, segundo os supostos en que se atopen:

Persoas con discapacidade:

a) Certificado de discapacidade.

Familia numerosa xeral ou especial:

a) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar onde conste o dito carácter.

Demandantes de emprego:

a) Certificación expedida pola oficina de emprego en que conste que o/a aspirante figura como demandante de emprego, ininterrompidamente, desde, polo menos, seis meses antes da data da publicación da convocatoria no DOG.

b) Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal en que conste que non está a percibir prestación o subsidio por desemprego.

Estarán exentos da presentación destas certificacións as persoas interesadas que manifesten na solicitude o consentimento expreso para que o órgano convocante poida acceder á comprobación destes datos.

6.3. Os solicitantes que non estean exentos de pagamento poderán aboar as taxas:

a) Nas entidades financeiras autorizadas.

Para tal efecto poderán descargar o impreso na páxina web da Axencia Tributaria de Galicia (Consellería de Facenda), na epígrafe Tributos da Comunidade Autónoma, presionando no enlace Taxas e prezos no menú da marxe esquerda, a seguir confección on-line de impresos, e por último Modelo A1. Autoliquidación de taxas, optando ou ben por descargar o modelo en branco ou por cumprimentalo informaticamente (iniciar taxa).

As instrucións para cumprimentar o impreso de autoliquidación figuran dispoñibles, así mesmo, no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <listas de contratación>, subepíbrafes xeración e presentación de solicitudes, solicitude de listas de contratación e Modelo A1. Autoliquidación de taxas.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas, no cal non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data, determinará a exclusión do solicitante.

b) A través da páxina web da Consellería de Facenda.

Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa e achegarase xunto coa instancia.

En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación en tempo e forma da solicitude.

6.4. O importe aboado en concepto de dereitos de inscrición devolverase, tras os trámites correspondentes, só aos aspirantes excluídos que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia das listas definitivas.

Sétimo. Orde de prelación

7.1. A orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

7.2. Para dirimir os empates de puntuación aplicarase o previsto no artigo 10 do Decreto 37/2006.

7.3. A actualización de méritos será efectuada anualmente de oficio pola Administración, conforme o previsto no artigo 12 do Decreto 37/2006.

Oitavo. Elaboración das listas

8.1. A comisión permanente prevista no artigo 4 do Decreto 37/2006 será a encargada de elevar ao titular da Dirección Xeral da Función Pública o anuncio da exposición dos listados provisionais e definitivos de admitidos e excluídos para a súa publicación no DOG.

8.2. Os ditos listados poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de <Listas de contratación>, e nas oficinas de rexistro e información da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

Noveno. Obrigatoriedade de presentación de solicitudes dos integrantes das listas de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia que se pechan e réxime transitorio

A presentación da solicitude de incorporación nas novas listas é obrigatoria para todos os actuais integrantes das listas de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia que se pechan.

No suposto de que algún dos integrantes das citadas listas non presente a solicitude de incorporación no prazo recollido no punto cuarto, quedará definitivamente excluído da correspondente lista unha vez que se fagan públicas as listas definitivas de admitidos e excluídos no Diario Oficial de Galicia.

Con carácter transitorio, en canto non estean operativas as novas listas a que se refire o punto segundo desta resolución, para a cobertura de postos de traballo destas escalas e especialidades seguirán vixentes para chamamentos as actuais listas.

Décimo. Solicitudes de inclusión en listas formuladas do 1 de marzo ao 15 de xullo de 2018

As persoas que formularon solicitude de inclusión nas listas para o nomeamento de persoal funcionario interino do corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, do 1 de marzo ao 15 de xullo de 2018, poderán solicitar a devolución do importe aboado en concepto de taxas por dereito de inscrición no prazo de 4 meses desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para a devolución do importe ingresado será necesaria a presentación dun escrito en que a persoa interesada faga constar o nome e apelidos, NIF, número de conta bancaria (vinte díxitos), localidade desta e copia cotexada do modelo de autoliquidación de taxas.

Décimo primeiro. Recursos

Contra esta resolución, de conformidade co previsto nos artigos 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, pódese interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2019

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Escala e especialidade (persoal funcionario)

Subgrupo

Escala/especialidade

Denominación

C1

207C

Escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia.

C1

206R

Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade patrón.

C1

206S

Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia. Especialidade mecánico.

ANEXO II

Cadro resumo das titulacións idóneas, formación
e requisitos por escalas e especialidades*

Escala

Especialidade

Titulacións idóneas, formación e requisitos

Escala de axentes

do Servizo de Gardacostas

— Bacharel ou técnico. Libreta de navegación. Certificado de suficiencia de mariñeiro de ponte da mariña mercante ou calquera outra habilitación náutica da mariña mercante que teña atribucións profesionais de despacho de buques igual ou superior á anterior. Permiso de conducir B.

Escala operativa

do Servizo de Gardacostas

Patrón

— Bacharel ou técnico. Libreta de navegación. Título profesional de patrón de altura sen restricións para o mando ou calquera outra titulación náutica da mariña mercante que teña atribucións profesionais de despacho de buques igual ou superior á anterior. Título de operador restrinxido do sistema mundial de socorro e seguridade marítima (SMSSM). Certificado de formación sanitaria específica avanzado. Permiso de conducir B.

Mecánico

— Bacharel ou técnico. Libreta de navegación. Título profesional de mecánico maior naval habilitado para exercer a xefatura de máquinas en buques de potencia de ata 3.000 kw ou calquera outra titulación náutica da mariña mercante que teña atribucións profesionais de despacho de buques igual ou superior á anterior. Permiso de conducir B.

*Os funcionarios interinos manterán en vigor no momento do nomeamento e durante a prestación de servizos todos os títulos, certificados e requisitos exixidos pola normativa vixente.