Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Luns, 25 de febreiro de 2019 Páx. 11141

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ANUNCIO do 4 de febreiro de 2019, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, polo que se acorda deixar aberta, por un prazo de tres meses, a poxa pública para a venda dun inmoble no concello de Ferrol.

Mediante a Orde do 30 de xaneiro de 2019 da Consellería de Facenda acordouse, de conformidade co artigo 72 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio, deixar aberta por un prazo de tres meses a poxa pública para a venda do seguinte inmoble:

Predio urbano. Letra B (fondo esquerda) da planta 11 do bloque 3 denominado Edificio 13, sito no polígono de Caranza, na avenida de Castelao sen número, na cidade de Ferrol. Ocupa unha superficie útil de 72,50 m2 e está distribuída en vestíbulo, cociña, estar-comedor, tendal, terraza, baño, aseo e 3 dormitorios. Linda fronte, vivenda A da mesma planta e descanso de escaleiras; dereita, descanso de escaleiras e despois ascensores; fondo, zona verde e despois parcela VI-N; esquerda, espazo libre. Libre de cargas. Inscrita no Rexistro da Propiedade de Ferrol como predio 47.615, tomo 1.531, libro 580, folio 140; referencia catastral 4446303NJ6144N0046PO.

Prezo límite: 18.694,05 €.

Durante o prazo de tres meses contados a partir deste anuncio, calquera interesado poderá presentar unha proposta de compra por escrito sobre o ben inmoble relacionado anteriormente, e polo prezo que o interesado determine, sempre e cando iguale ou supere o mínimo fixado. A proposta de compra deberá recoller o nome, DNI, domicilio e teléfono de contacto e deberá ir acompañada do xustificante acreditativo da consignación na caixa xeral de depósitos da Tesourería Xeral da Xunta de Galicia do 25 % do prezo ofrecido.

Poderán presentar proposicións todas as persoas que teñan capacidade para contratar e, en particular, para subscribir o contrato de compravenda segundo as normas contidas no Código civil. Non poderán participar as persoas que solicitasen ou estean declaradas en concurso, fosen declaradas insolventes en calquera procedemento, estean suxeitas a intervención xudicial ou fosen inhabilitadas conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, así como as que incorresen nos supostos previstos na normativa sobre incompatibilidades.

Se o ofertante é unha persoa xurídica, deberá achegar, para acreditar a representación da persoa asinante, a escritura notarial de constitución da sociedade e de poder específico ou xeral, este último inscrito debidamente no Rexistro Mercantil.

A documentación deberá presentarse en sobre pechado, no Rexistro Único da Xunta de Galicia (Edificio Administrativo San Caetano) ou en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, con indicación no seu exterior, no anverso, de «Venda inmoble Ferrol VND/2015/0006», dirixido á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, Consellería de Facenda, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 3, 15781 Santiago de Compostela, e no reverso a identificación do ofertante.

Serán rexeitadas as propostas presentadas fóra de prazo, as que non alcancen o prezo mínimo fixado, as que non veñan acompañadas do xustificante da caixa xeral de depósitos e aquelas con condicións ou que de forma clara non permitan determinar a oferta de compra.

Transcorrido o prazo, anunciarase unha nova poxa pública e establecerase como tipo de licitación a mellor oferta presentada. Con anterioridade á poxa, realizarase á devolución dos depósitos constituídos para garantir as ofertas de cantidades inferiores á que sirva de tipo para a nova poxa.

As condicións da adquisición que rexerán na cuarta poxa pública que teña lugar, de ser o caso, na cal poderá tomar parte calquera interesado aínda que non presentase ningunha solicitude previa, serán as recollidas no prego de condicións correspondente ás tres poxas públicas anteriores, que estarán á disposición dos interesados na Subdirección Xeral do Patrimonio, rúa da Pastoriza, 8, 2º andar, Santiago de Compostela. Serán á conta do adxudicatario os custos dos anuncios, que non superarán os mil euros.

A proposición que sirva de tipo para a poxa producirá plenos efectos, aínda que o ofertante non compareza no acto da súa realización, polo que, se o ben lle fose adxudicado, perderá o depósito no caso de non efectuar o pagamento do prezo total dentro do prazo de 15 días a partir da notificación de adxudicación.

No caso de que durante este prazo de tres meses se presenten ofertas económicas de igual contía e non concorra ningún propoñente nin interesado ao acto de poxa pública, a adxudicación recaerá sobre o que primeiro presentase a súa oferta, para o cal se atenderá á data de entrada no rexistro sinalado na convocatoria.

Se durante este prazo de tres meses non se presenta ningunha proposta por escrito sobre o inmoble, desistirase definitivamente deste procedemento de venda.

Para máis información poderán dirixirse á Subdirección Xeral do Patrimonio, teléfonos 981 54 41 51 e 881 99 90 55.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2019

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda