Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Luns, 18 de febreiro de 2019 Páx. 10168

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 11 de febreiro de 2019 polo que se fai pública a resolución pola que se resolve o expediente de información pública sobre o proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (punto quilométrico 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06, e se aproba o proxecto de actualización do proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (punto quilométrico 12+400 ao 15+400), de clave PO/13/102.06.1.

Con data do 11 de febreiro de 2019, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 4 de febreiro de 2013; Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), unha vez visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

«Antecedentes de feito:

Primeiro. Con data do 5 de febreiro de 2015 aprobouse provisionalmente o proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (p.q. 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06.

Segundo Con data do 20 de outubro de 2017, publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 200) o Anuncio do 5 de outubro de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (p.q. 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Terceiro. Durante todo o trámite de información pública presentáronse alegacións, certificados e informes, procedéndose á súa valoración.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De conformidade con todo o exposto, e tras os certificados, alegacións e informes presentados polos organismos oficiais competentes,

Acordo:

Primeiro. Resolver o expediente de información pública sobre o proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (p.q. 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06, coas seguintes modificacións, que quedarán reflectidas no proxecto de actualización do proxecto de construción de reforma da mellora da seguridade viaria na PO-308 (p.q. 12+400 ao 15+400), coa clave PO/13/102.06.1:

• Modificaranse as beirarrúas existentes nas interseccións do tramo para adaptalas á normativa de accesibilidade.

• Limitaranse a 50 km/h os 200 metros iniciais da actuación, e reforzarase a sinalización dos pasos de peóns.

• Sinalizarase a presenza de ciclistas e substituirase a instalación de fitos de aresta pola ampliación da beirarrúa nos cruzamentos.

• Mellorarase o contorno da parada de autobús existente no tramo comprendido entre o p.q. 13+000 e 13+100, marxe esquerda, para facilitar a accesibilidade dos peóns e mellorar a súa seguridade, e trasladarase a parada de bus do p.q 13+440, marxe dereita, ao p.q.13+600 na mesma marxe, para aproximala ao paso de peóns existente, que conta con suficiente visibilidade.

• Incorporarase o deseño do acceso autorizado no p.q. 14+000, e aumentarase a lonxitude da cuña de desaceleración autorizada para facilitar a saída da PO-308 cara ao acceso.

• Para mellorar a seguridade viaria da intersección con semiglorieta existente na intersección coa estrada provincial no p.q. 15+000, executarase unha cuña de desaceleración.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, de 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Sanxenxo deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición, ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2019

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas