Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Venres, 15 de febreiro de 2019 Páx. 9549

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 9/2019, do 31 de xaneiro, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello do Saviñao, do antigo trazado da vía provincial LU-P-5804 de Rebordondiego á de Ferreira a Currelos, correspondente á travesía do núcleo rural de Morgade.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello do Saviñao solicita á Deputación Provincial de Lugo a cesión do antigo trazado da estrada provincial LU-P-5804 de Rebordondiego á de Ferreira a Currelos, delimitando o seu inicio e o seu fin mediante coordenadas UTM ETRS 89.

O Pleno da Deputación de Lugo, en sesión ordinaria levada a cabo o día 31 de outubro de 2017, acordou aprobar o cambio de titularidade proposto a prol do Concello do Saviñao.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello do Saviñao de:

– Antigo trazado da vía provincial LU-P-5804 de Rebordondiego á de Ferreira a Currelos, correspondente á travesía do núcleo rural de Morgade e que se corresponde coas seguintes coordenadas UTM ETRS 98:

• Inicio do tramo para ceder. X=612.211; Y=4.716,865. Corresponde á intersección do tramo da antiga LU-P-5804 co trazado actual da LU-P-5804 no seu punto quilométrico 10+649.

• Fin do tramo para ceder. X=612.052; Y=4.716.460. Corresponde á intersección do tramo antigo da LU-P-5804 coa LU-P-4102 de Ferreira a Currelos no seu punto quilométrico 11+924.

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello do Saviñao deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación.

Artigo 4

Corresponderalle ao Concello do Saviñao, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade