Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Venres, 15 de febreiro de 2019 Páx. 9729

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan á empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada ampliación do parque de 132 kV da subestación San Cibrao 132/20 kV con dúas novas posicións de liña, no termo municipal de Lugo (expediente IN407A 2018/8633 AT).

Feitos:

Primeiro. O 25.11.2009, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se validou a Resolución do 3.9.2008, da Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Innovación e Industria, pola que se autorizou e se aprobou o proxecto de execución da subestación San Cibrao 132/20 kV, no termo municipal de Lugo (expediente IN407A 07/287-2, 7104 AT), promovido pola empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) e que presenta as seguintes características técnicas:

– Sistema de 132 kV de intemperie de simple barra, con dúas posicións de liña e dúas posicións de transformador de potencia, ademais dos transformadores de medida de barras. A aparellaxe está composta por equipamentos convencionais e equipamentos compactos con illamento SF6.

– Sistema de 20 kV situado en celas de interior, con configuración de simple barra partida, con doce posicións de liña, dúas posicións de transformador, dúas posicións de servizos auxiliares, dúas posicións de medida de barras e dúas para a partición e remonte de barras.

– O conxunto de transformación estará formado por un transformador de 132/20 kV de 40 MVA instalado en intemperie.

Segundo. O 23.5.2018, a empresa Begasa presentou a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación do parque de 132 kV da subestación San Cibrao 132/20 kV con dúas novas posicións de liña, acompañada do proxecto de execución.

Segundo consta no proxecto de execución, a infraestrutura eléctrica proxectada consiste na ampliación da subestación San Cibrao 132/20 kV con dúas posicións de liña de 132 kV, co fin de posibilitar a súa conexión coa nova subestación Ludrio, incrementando desta forma a malla do sistema eléctrico da zona. Esta ampliación ten as seguintes características:

– O sistema de 132 kV con configuración de simple barra, formada por equipamentos convencionais e compactos con illamento en SF6, instalados en intemperie, amplíase con dúas posicións de liña compostas por seis transformadores de tensión indutivos, seis autoválvulas, doce illadores, soporte de apoio de barras de tipo columna (seis para as barras principais e seis para as barras auxiliares), tres terminais de exterior ríxidos de composite para a transición aero-subterránea da L/Ludrio 2, e un equipamento híbrido de intemperie que incorpora dous interruptores automáticos, seis transformadores de intensidade e tres seccionadores con posta á terra.

– Na sala de control do edificio existente na instalación engadirase un novo armario (P3) para o control e a protección das novas posicións de liña de 132 kV.

– Instalación de dous novos contadores para a medida das novas posicións de liña, no armario de medida M2.

– Instalación de dous convertedores para a comunicación das novas proteccións diferenciais de liña coas homólogas na subestación de Ludrio.

Terceiro. O 2.8.2018, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) e emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica.

Cuarto. O 10.9.2018, a xefatura territorial ditou resolución pola cal se someteu a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción para a devandita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 24.9.2018.

Durante o período en que a dita solicitude se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Quinto. O 21.1.2019, a empresa Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. presentou un escrito en que manifesta, en relación co proxecto de execución da devandita infraestrutura eléctrica, a súa conformidade con el en canto ás normas particulares desa empresa e da regulamentación vixente.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; coa Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro; na Lei 5/2017, do 19 de outubro; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e na Resolución do 19.2.2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

• Outorgar á empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación do parque de 132 kV da Subestación San Cibrao 132/20 kV con dúas novas posicións de liña, no termo municipal de Lugo (expediente IN407A 2018/8633 AT).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Begasa, titulado Ampliación do parque de 132 kV da subestación San Cibrao 132/20 kV con dúas novas posicións de liña, asinado polo enxeñeiro industrial José María Garayo Rodríguez (colexiado nº 13.411 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia co nº 20181124 e data co 25.4.2018, e no cal figura un orzamento total de 770.870,67 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas