O Pleno da Corporación, na sesión ordinaria que tivo lugar o día 20 de decembro de 2018, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:
– Aprobar definitivamente o estudo de detalle do ámbito 02 do ARI de Vite (avenida de Castelao e rúa de Alexandre Bóveda), redactado por Terán y Blanco Taller de Arquitectura, S.L.P., sen modificacións respecto do inicialmente aprobado, e coa condición sinalada no ditame da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.
O estudo de detalle contén a delimitación espacial do ámbito da actuación, para os efectos do disposto polo artigo 24 do Real decreto lexislativo 7/2015, que habilita a ocupación do dominio público e das superficies comúns de uso privativo para a instalación de ascensores ou outros elementos que aseguren a accesibilidade universal, así como para a realización de obras ou instalacións que reduzan a demanda enerxética.
O acordo de aprobación definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia, e a normativa e ordenanzas publicaranse no Boletín Oficial da provincia.
Así mesmo, remitirase á Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda, a documentación exixida polo artigo 88.3 da LSG, para os efectos de inscribir o estudo de detalle no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.
En todo caso, e de conformidade co exixido polo artigo 199.4 do RLSG, a eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do Plan quedan condicionadas ao cumprimento dos anteriores trámites e ao sinalado no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, en relación co 65.4 da mesma lei.
Contra o acordo da aprobación definitiva do citado estudo de detalle poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio.
Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2019
O alcalde
P.D. (Decreto do 28.6.2017)
Jorge Duarte Vázquez
Concelleiro delegado de Espazos Cidadáns, Dereito
á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais