Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Luns, 11 de febreiro de 2019 Páx. 8746

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2019 pola que se convoca a xornada O papel da Administración local ante o novo mercado de distribución de carburantes de automoción.

De acordo co convenio de colaboración subscrito coa Comisión Galega da Competencia para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación,

RESOLVO:

Convocar a xornada O papel da Administración local ante o novo mercado de distribución de carburantes de automoción, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O obxectivo principal desta xornada é analizar a actuación da Administración local derivada da nova regulación do mercado de distribución de carburantes de automoción e, en particular:

– Debater acerca dos problemas que a apertura de estacións de servizo pode presentar á Administración local.

– Analizar as especificidades dos novos tipos de gasolineira que combinan combustibles fósiles, electricidade e gas natural.

2. Contidos.

Ao longo da xornada trataranse, entre outros temas, especialmente os seguintes:

• O mercado de distribución de carburantes e a súa regulación desde a perspectiva da libre competencia.

• O mercado da distribución de carburantes polo miúdo en Galicia.

• Boas prácticas para a actuación das administracións públicas en Galicia.

3. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilado, das administracións públicas de Galicia, tanto de xustiza como autonómica e local, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma, das universidades do Sistema universitario de Galicia, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Data: 19 de febreiro de 2019.

Horario: de mañá e tarde.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Duración: 7 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

As persoas interesadas deberán formalizar a súa inscrición a través da área de matrícula da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/

O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 17 de febreiro de 2019.

Poderá obterse calquera outra información, das 8.30 ás 14.30 horas, nos teléfonos: 981 54 62 41 - 981 54 62 39.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes.

8. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas.

No punto desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, achegando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nos parágrafos a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da súa finalización. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia á actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta xornada, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública