Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Venres, 8 de febreiro de 2019 Páx. 8089

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 7 de febreiro de 2019 pola que se desenvolve a disposición adicional segunda da Lei 9/2016, do 8 de xullo, para regular o acceso aos corpos de policía local do persoal funcionario previsto no artigo 53.3 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, con funcións de control do tráfico urbano nos concellos.

A disposición adicional segunda da Lei 9/2016, do 8 de xullo, introduce a posibilidade de efectuar procesos selectivos para o acceso aos corpos de policía local do persoal funcionario dos concellos previsto no artigo 53.3 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade, que teñen, ademais, a consideración de axentes da autoridade, encargados da realización exclusiva das funcións de ordenar, sinalizar e dirixir o tráfico no núcleo urbano, recollidas no punto 1.b) do mesmo artigo.

A dita disposición adicional segunda sinala que este procedemento especial de acceso se desenvolverá a través do sistema de concurso-oposición, no cal o persoal deberá contar cunha antigüidade mínima de tres anos continuados neses postos e, así mesmo, a titulación académica de acceso para o grupo C1. Engade que, mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, se determinarán aqueloutros requisitos de carácter específico para este procedemento, que en todo caso incluirá a superación de probas teóricas e prácticas equivalentes ás que se exixen para o acceso libre aos corpos de policía local, e a superación tanto dun curso de formación na Academia Galega de Seguridade Pública como dun período de prácticas.

Na súa virtude, atendendo á previsión da disposición adicional segunda da citada Lei 9/2016, do 8 de xullo, que faculta a persoa titular da consellería en materia de seguridade para determinar os requisitos específicos para o procedemento de acceso mencionado, logo do informe preceptivo da Comisión de Coordinación de Policías Locais de Galicia, na súa sesión do 25 de xuño de 2018, ao abeiro do disposto no artigo 17.1.a) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, de acordo co Consello Consultivo,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto determinar os requisitos de carácter específico que, ademais dos de antigüidade e titulación académica establecidos pola disposición adicional segunda da Lei 9/2016, do 8 de xullo, de modificación da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais de Galicia, deberán observarse nos procesos selectivos de acceso aos corpos de policía local do persoal funcionario a que se refire o artigo 53.3 da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade.

2. O procedemento especial de acceso que esta orde desenvolve é de aplicación exclusiva, no ámbito dos municipios de gran poboación da Comunidade Autónoma, ao persoal funcionario asignado polo Pleno da corporación ao exercicio exclusivo das funcións de control do tráfico no núcleo urbano enumeradas no artigo 53.1.b) da Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo.

3. Os concellos que conten con este tipo de persoal, que estea desempeñando funcións de regulación e control do tráfico como axentes de mobilidade, poderán desenvolver un concurso-oposición específico para o acceso dese persoal ao respectivo corpo de policía local, de acordo coas condicións recollidas nesta orde.

Artigo 2. Requisitos das persoas aspirantes

1. Condicións necesarias para participar no proceso de acceso.

De conformidade co establecido pola disposición adicional segunda da Lei 9/2016, do 8 de xullo, as persoas que aspiren acceder ao corpo da policía local do concello de que dependan, mediante o procedemento especial regulado nesta orde, deberán reunir os seguintes requisitos:

– Antigüidade mínima de tres anos continuados nestes postos.

– Titulación académica de acceso para o grupo C1.

2. Outros requisitos das persoas aspirantes.

1. Ademais das condicións recollidas no punto anterior, de conformidade co artigo 21 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, as persoas aspirantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Posuír a nacionalidade española.

b) Ter unha estatura mínima de 1,65 metros os homes e 1,60 metros as mulleres.

c) Ser titular dos permisos de conducir das clases A e B.

d) Non ter sido condenado/a por delito doloso, nin estar inhabilitado/a para o exercicio das funcións públicas, nin separado/a do servizo das administracións públicas por expediente disciplinario ou resolución xudicial firme. Será aplicable, non obstante, o beneficio da rehabilitación, segundo as normas penais e administrativas, que a persoa aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.

e) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidas, que o/a aspirante presentará en forma de declaración xurada, ou segundo o modelo que se exixa na convocatoria.

f) Presentar un informe sobre o estado de saúde no cal se faga constar expresamente que o/a aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicta no certificado médico.

3. Acreditación dos requisitos de participación

Todos estes requisitos deberán acreditalos na data na que remate o prazo de presentación de instancias da convocatoria correspondente, agás os requisitos de antigüidade e titulación precisos para concorrer a convocatoria que deberán posuírse polas persoas interesadas na data de entrada en vigor da disposición adicional segunda da Lei 9/2016, do 8 de xullo.

Artigo 3. Fases do procedemento especial de acceso

O procedemento especial de acceso ao corpo de policía local, específico para o persoal mencionado nos artigos anteriores, comprenderá as seguintes fases:

1. Fase de concurso, que consistirá na valoración dos méritos que se acrediten nas seguintes áreas:

– Antigüidade.

– Formación.

– Titulacións.

2. Fase de oposición, en que as persoas aspirantes deberán superar as probas físicas, teóricas, psicotécnicas, de coñecemento do idioma galego e un exame médico.

3. A puntuación final obtida por cada aspirante estará en función das puntuacións acadadas nas probas da oposición e na baremación total do concurso, de acordo coas condicións que figuran no anexo á presente orde.

Artigo 4. Relación de persoas aprobadas

Rematado o proceso selectivo, o tribunal de selección elaborará a listaxe das persoas que o superaron, de acordo coa puntuación final ponderada de ambas as fases do concurso-oposición.

Artigo 5. Nomeamento de funcionarios/as de policía en prácticas

1. As persoas que superen o proceso especial de acceso e resulten declaradas aptas polo tribunal cualificador serán nomeadas polo concello como funcionarios/as en prácticas na categoría de policía, para participar no curso selectivo de formación que, para o efecto, desenvolva a Academia Galega de Seguridade Pública.

2. O concello convocante comunicará á Academia Galega de Seguridade Pública a relación do alumnado que debe incorporarse ao curso selectivo, e solicitará a reserva das prazas correspondentes.

Artigo 6. Curso selectivo e obriga da súa superación

1. A superación do curso selectivo resulta obrigatoria para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría de policía.

2. No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, agás por causas excepcionais, considerarase que o/a aspirante non superou o proceso selectivo.

3. O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na academia perderá todos os dereitos acadados no proceso selectivo.

4. De conformidade co disposto polo artigo 45 da Lei 4/2007 e o artigo 15 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, os cursos selectivos incluirán a materia de formación en igualdade de xénero e de prevención, atención, asistencia e/ou tratamento de situacións de violencia de xénero.

Artigo 7. Período de prácticas para a categoría de policía

1. Este curso selectivo comprenderá tamén un período de prácticas que se desenvolverá no posto de traballo, e que, xunto co curso teórico, conforma un continuo na formación e capacitación profesional.

2. O período de prácticas terá unha duración de tres meses continuados e realizarase ao remate do curso teórico, agás que a incompatibilidade de datas aconselle repartilo en dúas etapas. En todo caso, será necesario ter realizado dous meses de curso teórico para poder executar a primeira etapa de prácticas.

3. Durante o período de prácticas o alumnado desenvolverá o seu traballo profesional do xeito que lles permita unha mellor realización práctica dos coñecementos do curso teórico, sempre baixo a supervisión do xefe do corpo de policía local, ou profesional cualificado en que este delegue. Neste período procurarase que o alumnado cumpra cos distintos labores encomendados aos corpos de policía local.

Artigo 8. Avaliación do período de prácticas e informe do concello

1. A Academia Galega de Seguridade Pública facilitará os instrumentos de avaliación obxectiva do traballo, e das actitudes e aptitudes amosadas polo alumnado no período de prácticas, que incluirán, como mínimo, os seguintes parámetros: actitude persoal, disciplina, relacións coa cidadanía, cantidade e calidade do traballo, compañeirismo, motivación e superación persoal. A academia exercerá unha titoría conxuntamente coas autoridades locais e a xefatura do corpo de policía local.

2. Ao remate do período de prácticas, valéndose dese instrumento ou cuestionario de avaliación obxectiva facilitado pola academia, o/a xefe/a de policía elaborará un informe individual por cada alumno/a, de tal maneira que reflicta se superou ou non o dito período. Este informe deberá presentarse xunto co escrito, ao que lle serve de base, asinado polo/a alcalde/esa ou concelleiro/a en que delegue, mediante o que o concello dá conta á academia do resultado da avaliación das prácticas.

Artigo 9. Informe da Academia Galega de Seguridade Pública e toma de posesión

Unha vez superado o curso selectivo de que se trate e o período de prácticas, a Academia emitirá informe ao concello correspondente certificando tal circunstancia, de xeito que se poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión como policía do corpo de policía local.

Disposición adicional. Antigüidade no corpo de policía local

Ao persoal que acceda aos corpos de policía local polo procedemento especial previsto nesta orde computaráselle, para os efectos de antigüidade na categoría de policía para poder participar en procesos futuros de promoción interna ou mobilidade, o tempo en que permanecese como funcionario/a en prácticas como policía.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Condicións de desenvolvemento do concurso-oposición
recollido na presente orde

– Fase de concurso.

Os méritos que se acrediten serán valorados segundo a táboa anexa, ata un total de 20 puntos, que corresponden á suma dos máximos de cada epígrafe.

Epígrafe

Descrición

(acreditación equivalencia)

Valoración parcial

(en puntos)

Valoración máxima

por epígrafe

Titulacións académicas

Doutor/a, licenciado/a, grao ou equivalente

2

2,00

Diplomado/a ou equivalente

1,5

Cursos de formación de 20 ou máis horas*

Máis de 10 cursos

4

4,00

De 8 a 10 cursos

3

De 5 a 7 cursos

2

De 1 a 4 cursos

1

Antigüidade no posto (anos de servizo)

Máis de 6 anos

14

14,00

Entre 5 e 6 anos

12

Entre 4 e 5 anos

10

Ata 4 anos

8

Puntuación máxima total

20,00 puntos

* Os cursos deberán estar desenvolvidos pola Academia Galega de Seguridade Pública ou contar coa correspondente homologación desta entidade.

– Fase de oposición.

Esta fase constará das seguintes probas:

1. Probas físicas.

As probas de aptitude física terán a cualificación de apto ou non apto. Para obter a cualificación de apto é necesario non superar as marcas establecidas como máximas para as probas 1.1,1.4 e 1.5, e alcanzar ou superar os mínimos das probas 1.2 e 1.3. Os exercicios realizaranse pola orde en que están relacionados e cada un é eliminatorio para realizar o seguinte.

Establécense diferentes marcas para cada sexo e grupos de idade: de 18 a 36 anos, de 37 a 48, e de 49 ou máis anos. O/a aspirante estará incluído/a no grupo de idade correspondente, tendo en conta a súa idade o día da realización das probas. As probas realizaranse de forma individual, agás as de resistencia xeral e natación que poderán facerse de forma colectiva se así o considera o tribunal. Nas probas de resistencia xeral e natación disponse dunha soa posibilidade de execución; no resto permitirase unha segunda realización cando na primeira non se obteña a cualificación de «apto».

O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberá realizarse en lugares axeitados ao tipo de proba que se vai executar. En todas as probas deberase empregar un sistema de medición que garanta a exactitude e certeza das marcas individuais obtidas por cada opositor.

1.1. Proba de velocidade: carreira de 60 metros lisos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

O/a aspirante colocarase na pista no lugar sinalado, e poderá realizar a saída de pé ou agachado, sen utilizar tacos de saída.

Marcas máximas (en segundos) exixidas para a superación da proba por tramos de idade son:

18-36 anos

37-48 anos

49 anos ou máis

Homes

10,50”

11,50”

12,00”

Mulleres

11,50”

12,50”

13,00”

1.2. Proba de potencia de tren superior. Lanzamento de balón medicinal de tres quilos.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes.

O/a aspirante colocarase detrás da liña de lanzamento marcada no chan cos pés separados e simétricos, sostendo o balón con ambas as mans por riba e detrás da cabeza.

Marcas mínimas (en metros) exixidas para a superación da proba por tramos de idade son:

18-36 anos

37-48 anos

49 anos ou máis

Homes

6,00

5,30

4,80

Mulleres

4,30

4,00

3,50

1.3. Proba de potencia de tren inferior: salto vertical.

Realizarase en ximnasio ou campo de deportes, con chan horizontal e coa superficie adecuada para efectuar a medición das marcas.

O/a aspirante desde unha posición inicial de lado xunto a unha parede vertical e co brazo totalmente estendido cara arriba, marca a altura nesa posición. Separado 20 cm da parede vertical salta tanto como poida e marca novamente o nivel alcanzado. Acreditarase a distancia existente desde a marca inicial e a marca conseguida no salto.

As marcas mínimas (en centímetros) exixidas para a superación da proba por tramos de idade son:

18- 36 anos

37- 48 anos

49 anos ou máis

Homes

30 cm

28 cm

26 cm

Mulleres

28 cm

26 cm

24 cm

1.4. Proba de resistencia xeral: carreira de 400 metros lisos.

Realizarase en pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

O/a aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A saída realizarase en pé. Será eliminado o/a corredor/a que abandone a pista durante a carreira.

Intento: poderase realizar un intento.

As marcas máximas (en minutos) exixidas para a superación da proba por tramos de idade son:

18-36 anos

37- 48 anos

49 anos ou máis

Homes

1’40”

1’50”

2’00”

Mulleres

1’50”

2’00”

2’10”

1.5. Probas de natación: 25 metros estilo libre.

Realizarase nunha piscina que permita efectuar o percorrido sen facer viraxes. O/a aspirante poderá colocarse para a saída, ben sobre a plataforma ben no bordo da piscina ou ben no interior do vaso, deberá permanecer, neste último caso, en contacto co bordo da saída.

Unha vez que se dea o sinal de saída, os/as aspirantes, ben en mergullo ou por impulsión sobre a parede, segundo a situación de partida adoptada, iniciarán a proba empregando calquera estilo para a súa progresión.

As marcas máximas (en segundos) para a superación das probas por tramos de idade son:

18-36 anos

37-48 anos

49 anos ou máis

Homes

46”

48”

50”

Mulleres

48”

50”

52”

2. Proba de avaliación de coñecementos.

A proba de avaliación dos coñecementos dos/as aspirantes deberá amosar a preparación intelectual deles/as e o dominio dos contidos do temario que se inclúe a continuación.

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test, con catro alternativas de resposta cada unha, que serán propostas polo tribunal. Os/as aspirantes disporán dun tempo máximo de dúas horas para a súa realización.

A proba cualificaraa o tribunal de cero a dez puntos, será preciso acadar cinco puntos como mínimo, para non quedar eliminado/a. A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula: N=(A-F/3)/10. Onde N= nota final da proba; A= preguntas acertadas; F= preguntas erradas ou non respondidas. Cómpre salientar que coa aplicación desta fórmula por cada tres preguntas falladas ou non respondidas, se desconta unha pregunta acertada.

Respecto dos contidos do temario e da súa actualización, teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co seu contido que, no momento da publicación do nomeamento do tribunal do proceso, no correspondente diario oficial, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

Temario

1. O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución española. O Estado español como Estado social e democrático de dereito. Dereitos e deberes constitucionais; clasificación e diferenciación.

2. Dereitos fundamentais e liberdades públicas I: Dereito á vida e integridade. Liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. Dereito á liberdade e seguranza. Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións. A liberdade de residencia e de circulación. O dereito á liberdade de expresión recoñecido no artigo 20 da Constitución.

3. Dereitos fundamentais e liberdades públicas II: Dereito de reunión. Dereito de asociación. Dereito á participación nos asuntos públicos e ao acceso a funcións e cargos públicos. A tutela xudicial efectiva e a prohibición de indefensión. A imposición de condena ou sanción do artigo 25 da Constitución, sentido das penas e medidas de seguranza. Prohibición de tribunais de honra. O dereito á educación e a liberdade de ensino. Dereito á sindicación e á folga, especial referencia aos membros das forzas e corpos de seguranza. Dereito de petición.

4. Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Defensor do Pobo.

5. A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de Goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.

6. O Poder Xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.

7. Organización territorial de Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Valedor do Pobo.

8. Relación da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras comunidades autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do Estatuto de autonomía de Galicia.

9. O dereito administrativo. Fontes e xerarquía das normas.

10. O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación de actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.

11. O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.

12. O réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica. Tipos de entidades locais.

13. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A provincia: concepto, elementos e competencias. A organización e funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno local. Outros órganos municipais.

14. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.

15. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

16. Función pública local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións administrativas.

17. Lei orgánica de forzas e corpos de seguranza. Funcións da policía local.

18. Lei de coordinación das policías locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.

19. A actividade da policía local como policía administrativa I: consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.

20. A actividade da policía local como policía administrativa II: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.

21. A Lei de emerxencias de Galicia: aspectos fundamentais.

22. Delitos e delitos leves. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices. Graos de perfección do delito.

23. Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.

24. Delitos contra a Administración pública. Atentados contra a autoridade e os seus axentes. Desordes públicas.

25. Homicidio e as súas formas. Delitos leves contra as persoas. Delitos e delitos leves contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

26. Delitos contra a seguranza viaria. Delitos leves cometidos con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.

27. O atestado policial na Lei de axuizamento criminal. Concepto e estrutura.

28. Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención. Contido da asistencia letrada. Dereito do detido. Responsabilidades penais en que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de habeas corpus.

29. Lei de seguranza viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

30. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Parada e estacionamento. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguranza.

31. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade.

32. Procedemento sancionador por infraccións á normativa de circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública. Carencia do seguro obrigatorio.

33. Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da policía local. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Procedemento de indagación do grao de impregnación alcohólica.

34. Estrutura económica e social de Galicia: demografía, economía, servizos públicos, sociedade civil, novas tecnoloxías, patrimonio ecolóxico, social e cultural.

35. Vida en sociedade. Proceso de socialización. Formación de grupos sociais e masas. Procesos de exclusión e inclusión social. A delincuencia: tipoloxías e modelos explicativos.

36. Comunicación: elementos, redes, fluxos, obstáculos. Comunicación con superiores e compañeiros. Equipos de traballo e atención á cidadanía.

37. Minorías étnicas e culturais. Racismo e xenofobia. Actitude policial ante a sociedade intercultural.

38. Igualdade de oportunidades de homes e mulleres en Galicia: conceptos básicos; socialización e igualdade; políticas públicas de igualdade de xénero. Violencia contra as mulleres: descrición, plans de erradicación e atención coordinada ás vítimas.

39. A policía na sociedade democrática. O mandato constitucional. Valores que propugna a sociedade democrática. A dignidade da persoa. Sentido ético da prevención e a represión.

40. Deontoloxía policial. Normas que a establecen. A policía como servizo público.

3. Probas psicotécnicas.

Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais dos/das aspirantes e a súa adecuación ás funcións policiais que deberán desempeñar, comprobando que presentan un perfil psicolóxico axeitado.

3.1. Test de intelixencia e de avaliación doutras aptitudes.

Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais dos/das aspirantes e a súa adecuación ás funcións policiais que deberán desempeñar, comprobando que presentan un perfil psicolóxico axeitado. Terán que ser efectuadas e valoradas por persoal especialista.

A cualificación será de apto/non apto.

3.1.1. Proba de intelixencia.

Realizarase unha valoración do nivel intelectual e doutras aptitudes específicas, explorando todos ou varios dos aspectos seguintes: intelixencia xeral, comprensión e fluidez verbal, comprensión de ordes, razoamento cognitivo, atención discriminativa e resistencia á fatiga intelectual.

3.1.2. Proba de personalidade.

As probas de personalidade orientaranse a avaliar os trazos da personalidade máis significativos e relevantes para o desempeño da función policial, así como o grao de adaptación persoal e social dos/as aspirantes. Así mesmo, deberá descartarse a existencia de síntomas ou trastornos psicopatolóxicos e/ou da personalidade.

Exploraranse os aspectos que a continuación se relacionan: estabilidade emocional, autoconfianza, capacidade empática e interese polos demais, habilidades interpersoais, control axeitado da impulsividade, axuste persoal e social, capacidade de adaptación a normas, capacidade de afrontamento do estrés e motivación polo traballo policial.

Os resultados obtidos nas probas deberán ser obxecto de contraste mediante a realización dunha proba individual, que consistirá na contestación a un cuestionario, formulado verbalmente, coa finalidade de valorar tamén o estado psicolóxico dos candidatos. Deste modo, aparte das características de personalidade sinaladas anteriormente, exploraranse ademais os seguintes aspectos: existencia de niveis disfuncionais de estrés ou de trastornos do estado de ánimo; problemas de saúde; consumo excesivo ou de risco de alcohol ou outros tóxicos e grao de medicación; expectativas respecto da función policial.

4. Proba de recoñecemento médico.

O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas e o seu fin é garantir que os/as aspirantes estean en condicións adecuadas para o exercicio das funcións policiais propias do posto de traballo.

Cualificarase como apto/non apto.

Para os efectos da exclusión do/da aspirante, terase en conta o seguinte:

1) Obesidade-delgadeza.

Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo.

Índice de masa corporal (IMC) non inferior a 18,5 nin superior a 29,9. Considerando o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado da estatura expresada en metros.

2) Outras problemáticas.

Calquera enfermidade, padecemento ou alteración de carácter físico, psíquico ou sensorial, que a xuízo dos facultativos médicos, impida, limite ou dificulte o exercicio das funcións policiais.

Para os diagnósticos establecidos neste anexo teranse en conta os criterios das sociedades médicas das especialidades correspondentes.

As exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para o diagnóstico.

5. Proba de coñecemento da lingua galega.

A proba de coñecemento da lingua galega estará dirixida á comprobación, por parte do tribunal, de que os/as aspirantes comprenden, falan e escriben correctamente o galego, someténdoos/as á proba ou probas que consideren máis adecuadas. A cualificación será de apto/a ou non apto/a. Estarán exentas desta proba as persoas aspirantes que acrediten posuír o Celga 4, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

Puntuación final dos/das aspirantes.

Rematada a fase de oposición, a cada aspirante que a supere outorgaráselle a puntuación total acadada nesta fase, que será a cualificación obtida na proba de coñecementos (referida ao temario), que como máximo será de 10 puntos totais.

Tendo en conta que, por tratarse dun concurso-oposición, a nota final do procedemento selectivo se deberá obter ponderando a puntuación obtida en cada unha das partes, correspondéndolle un 40 % da dita nota á fase de concurso e un 60 % á de oposición, a determinación desa nota final será a suma das notas parciais ponderadas do seguinte xeito:

– Fase de concurso: á puntuación máxima (20 puntos) corresponderalle a nota ponderada máxima, que é de 4 puntos. Para a determinación da nota ponderada de cada aspirante aplicarase a regra de tres simple, cun máximo de 3 decimais sen redondeo.

– Fase de oposición: á puntuación máxima (10 puntos), corresponderalle a nota ponderada máxima, que é de 6 puntos. Para a determinación da nota ponderada de cada aspirante aplicarase a regra de tres simple, cun máximo de 3 decimais sen redondeo.

Unha vez calculada a puntuación final de cada aspirante, elaborarase unha listaxe destes baseándose na súa puntuación e por orde decrecente.