Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Xoves, 7 de febreiro de 2019 Páx. 8033

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2019, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vilaboa (expediente IN407A 2018/349-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS PSY804, CT Nores.

Situación: Vilaboa.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV, con condutor RHZ, de 1.525 metros de lonxitude, con orixe no punto de acceso existente na LMT PSY804 e final no centro de transformación existente Caeiro (36CWN9), unha vez que entre e saia do centro de transformación proxectado Nores. Centro de transformación a 250 kVA, con RT 20 kV/400 V, situado en Callesa, na estrada de Nores, Vilaboa (Pontevedra).

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 6 de setembro de 2018, no BOP do 4 de setembro de 2018, no xornal Faro de Vigo do 31 de agosto de 2018 e no taboleiro de anuncios do Concello de Vilaboa. Tamén se notificou individualmente aos titulares coñecidos dos predios afectados pola instalación de acordo coa relación de bens afectados facilitada pola empresa peticionaria.

Durante o mencionado trámite, o 18 de outubro de 2018, recibíronse as alegacións de Hermitas Rotea Rosendo. O 26 de novembro de 2018, Francisco Javier Ramos Díaz, en representación da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A, entrega a esta xefatura territorial escrito de contestación de alegacións.

Unha vez examinados os escritos conclúese, que:

Primeiro. A valoración económica dos bens afectados forma parte do procedemento expropiatorio, que se tramitará unha vez que sexa declarada a utilidade pública da instalación, no cal, efectuada a ocupación das leiras, se tramitará o expediente de expropiación nas súas fases de prezo xusto e pagamento.

Segundo. No relativo ao PXOM, cabe indicar que esta xefatura territorial non é competente en materia de urbanismo. En todo caso, esta autorización e declaración de utilidade pública outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Terceiro. Segundo o indicado o artigo 140 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e non propoñendo o reclamante alternativa ningunha ao trazado da instalación proxectada, procede a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados polo devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente.

Pontevedra, 15 de xaneiro de 2019

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra