Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Mércores, 30 de xaneiro de 2019 Páx. 5916

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2019 pola que se fai público o importe do canon específico de tratamento por tonelada na planta da fracción orgánica dos residuos urbanos que deberá aplicar a Sociedade Galega de Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2019.

Antecedentes:

Primeiro. A disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, prevé que a consellería competente en materia de residuos, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), e dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, establecerá un programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe, e fixará as condicións de adhesión dos concellos, así como a aprobación do modelo de adhesión para a súa formalización, o que se fixo mediante Resolución da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, do 19 de decembro de 2017 (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro de 2018).

Segundo. Na mencionada disposición adicional segunda, fíxase un canon específico de 45 euros por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica, máis o IVE correspondente.

Terceiro. Segundo o teor dos datos subministrados polo Instituto Nacional de Estatística, a taxa de variación anual do índice de prezos de consumo correspondente a decembro de 2018 foi do 1,0 %.

Fundamentos xurídicos:

I. O Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 106/2018, do 4 de outubro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio configuran este departamento como o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscribe á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

II. A disposición adicional segunda da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, sinala que dentro do sistema promovido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A., de acordo co disposto na Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, poñerase en marcha unha planta de produción de compost a partir da fracción orgánica dos residuos urbanos, coa finalidade de incrementar as porcentaxes de recuperación de materiais.

O punto catro da dita disposición fixou o canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica que deberá percibir a citada entidade e sinala que este se actualizaría anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo galego e que a súa contía actualizada se publicaría no Diario Oficial de Galicia.

Tomando como base o importe de 45 euros correspondente ao canon por tonelada de residuos xestionada vixente no exercicio 2018, o importe actualizado segundo a variación do IPC referida no antecedente terceiro ascende a 45,45 euros.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe actualizado do canon específico por tonelada de residuos entregados que cumpran os requisitos mínimos para a xestión na planta de tratamento de materia orgánica aplicable, durante o ano 2019, no marco do Programa específico de promoción da reciclaxe mediante a posta en marcha e a xestión dunha planta de compostaxe promovida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), que se fixa na suma de 45,45 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda