Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Mércores, 23 de xaneiro de 2019 Páx. 4185

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 26 de decembro de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello das Pontes de García Rodríguez, no ámbito da rúa Oito de marzo (antes Juan Antonio Suances).

O Concello das Pontes de García Rodríguez remite a modificación puntual de referencia, para os efectos do previsto no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), en relación co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación subscrita pola arquitecta María Ríos Carballeira e vista a proposta literal da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello das Pontes de García Rodríguez dispón dunhas Normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 9.12.1985, ao abeiro de lexislación anterior á Lei 1/1997, do solo de Galicia.

A Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña, en sesión do 29.1.1992, aprobou definitivamente unha modificación das normas, sobre os terreos que afectan o trazado do canal número 4 de Endesa e contorno deles, instrumento que establece a ordenación vixente no ámbito da modificación que agora se tramita.

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU) emitiu o 17.10.2016 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con indicacións sobre o borrador e o documento ambiental estratéxico.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 24.10.2016 (DOG do 15 de novembro), resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria e se establecen determinacións a ter en conta. No marco desas consultas, consta:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 5.10.2016, canto que a modificación non producirá efectos significativos na paisaxe.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe de non ter impacto nas actividades da súa competencia.

4. O arquitecto municipal emitiu informe do 30.3.2017, favorable á aprobación inicial; e a secretaria do concello emitiu informe xurídico do 12.4.2017.

5. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 3.5.2017. Foi sometida a información pública dous meses (Diario de Ferrol do 9.5.2017 e Diario Oficial de Galicia do 19.5.2017), non sendo presentadas alegacións.

6. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu un informe sobre o trámite o 21.9.2017:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 9.6.2017, de innecesariedade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 28.7.2017, sen obxeccións.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 30.6.2017, favorable.

b) Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, sen que fose emitido.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Capela, Mañón, Monfero, Muras, Ortigueira, San Sadurniño e Xermade. Responderon San Sadurniño (22.6.2017) e Monfero (4.9.2017), sen obxeccións á modificación.

7. En materia de informes sectoriais non autonómicos, no expediente consta o seguinte:

a) Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 8.6.2017 en que se manifesta que non se observa incidencia no Inventario de bens e dereitos do Estado.

b) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 26.5.2017, favorable.

c) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil: informe do 24.5.2017 en que se manifesta que o ámbito da modificación está fóra do seu ámbito territorial de competencia, correspondendo esta a Augas de Galicia.

8. O arquitecto municipal emitiu informes en datas 25.6.2018, 7.8.2018 e 8.8.2018, favorable este último á aprobación provisional da modificación. A secretaria do concello emitiu informe xurídico o 10.8.2018, favorable á aprobación provisional.

9. A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello pleno de 20.9.2018.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. O ámbito da modificación comprende 10.427 m2 do núcleo das Pontes, clasificados polo planeamento vixente (normas de 1985 modificadas en 1992) como solo urbano e incluídos no ámbito dun plan especial protección para o que o planeamento vixente establece unhas directrices, incluíndo unha proposta gráfica.

2. O plan especial non foi tramitado. O concello argumenta que dada a alta definición da ordenación indicativa vixente no ámbito do PE, e que ao longo dos anos se executaron na súa práctica totalidade as cesións, urbanización e construción de equipamentos, os terreos acadan a condición do solo urbano consolidado.

3. A modificación presentada propón unha alteración da distribución das superficies que o planeamento vixente destinada a zonas verdes e equipamentos:

a) A superficie destinada a zonas verdes pasa de 7.556,00 m2 a 8.143 m2.

b) A superficie destinada a equipamentos pasa de 1.762 m2 a 1.173 m2.

c) A superficie destinada a viarios pasa de 1.109 m2 a 1.111 m2.

A modificación xustifícase na previsión da execución dun equipamento destinado á prestación de servizos á persoas con discapacidade, para o que o novo emprazamento e configuración da parcela é máis adecuado.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e en relación coas observacións formuladas no informe da DXOTU do 17.10.2016 e as alteracións que o proxecto aprobado provisionalmente supón respecto do borrador inicial, obsérvase:

1. Razóns de interese público da modificación (artigo 83 da LSG): a mellora da configuración das zonas destinadas a dotacións e espazos libres públicos é razón de interese público suficiente para xustificar a modificación do planeamento urbanístico.

2. A proposta parte de que se modifica a ordenación detallada vixente establecida polas normas subsidiarias, aínda cando non foi aprobado o plan especial previsto nelas. A modificación mantén o criterio do borrador de dar ordenación detallada a unha parte do ámbito remitido a planeamento especial.

Canto á redución da superficie de solo destinada a equipamento 1.762 m2 a 1.173 m2, acredítase que a nova parcela permite materializar a mesma edificabilidade prevista actualmente, en total 19.142 m2 edificables.

Da análise do planeamento vixente (normas de 1985 modificadas en 1992) resulta que toda a parte do ámbito afectado pola alteración da posición de equipamentos está clasificado como solo urbano (plano 8 Plano parcial delimitación de solo urbano (modificado) da modificación de 1992). O ámbito está cualificado como a ordenar por un plan especial (plano 6 Plano parcial. Cualificación do solo. Usos pormenorizados (modificado) da modificación de 1992), dentro do cal se define unha área grafada como «equipamento», unha das tres definidas como tales no ámbito da modificación de 1992. Para elas establécese unha edificabilidade total e, para cada unha delas, a altura máxima.

3. Outros aspectos do proxecto.

a) Cómpre concretar a superficie máxima edificable da parcela de equipamento resultante da modificación, dado que a asignación de edificabilidade da modificación de 1992 é para o conxunto do ámbito do plan especial.

b) Os planos da modificación non están á escala indicada na súa lenda.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMAOT, en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das NSP do Concello das Pontes de García Rodríguez, no ámbito da rúa Oito de marzo (antes Juan Antonio Suances), condicionada ao cumprimento das cuestións sinaladas no punto III.3 anterior.

2. De conformidade co artigo 62 e 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 147 e 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio o documento da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello das Pontes de García Rodríguez no Rexistro de planeamento urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 62, 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e ordenanzas da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento, unha vez inscrita a modificación puntual das NNSS no Rexistro de planeamento urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda