Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Martes, 22 de xaneiro de 2019 Páx. 4132

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Toques

ANUNCIO da aprobación inicial do estudo de detalle.

Foi aprobado inicialmente, o 28 de decembro de 2018, o estudo de detalle redactado pola Oficina Galega de Proxectos Arquitectónicos, S.L.P.U., cuxo promotor é o Bispado de Lugo, referente a área que comprende o Souto no lugar de Ponte Queimadas coa cualificación urbanística de solo urbano co obxecto de modificar e reordenar os volumes de acordo co planeamento que afecta o soar obxecto deste, para levar a cabo a realización dun equipamento con uso sociocultural e/ou relixioso na parcela. Organizando a situación da nova edificación sen modificar ocupacións nin aliñacións xa fixadas polo planeamento, nin alterar os usos do solo, cun criterio de integración paisaxística e urbanística, conseguirase a implementación dun novo uso (permitido na ordenanza) en edificación illada (permitida tamén pola ordenanza que lle é de aplicación ao soar) para uso e desfrute dos veciños do contorno e de todo o concello, cumprindo sempre e en todo momento co disposto na normativa.

En cumprimento da Resolución da Alcaldía 265/2018, do 27 de decembro, e do artigo 80.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, así como no artigo 194.2 do seu regulamento, sométese o expediente a información pública polo prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao de publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o período de información pública quedará o expediente á disposición de calquera que queira examinalo, para os efectos de que se presenten as alegacións que se consideren pertinentes. Así mesmo, estará á disposición dos interesados na sede electrónica deste concello (https://www.toques.es).

A aprobación inicial do estudo de detalle comporta a suspensión do outorgamento de licenzas no ámbito afectado por el, suspensión que se extinguirá coa aprobación definitiva do estudo de detalle.

Toques, 2 de xaneiro de 2019

Miguel Ángel Buján Varela
Alcalde