Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Venres, 18 de xaneiro de 2019 Páx. 3541

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

INSTRUCIÓN 1/2019, do 7 de xaneiro, para o establecemento de directrices técnicas de conservación fluvial de carácter ordinario.

A conservación dos leitos fluviais constitúe unha acción de especial transcendencia nun territorio que, como Galicia, está atravesado por múltiples ríos. Moitos deles discorren por tramos urbanos e teñen como característica común a de constituír un recurso natural de primeira magnitude, tanto polo seu valor ecolóxico como polo seu valor económico, en tanto que son fonte de recursos para moitas familias e industrias.

Neste sentido a Directiva 2000/60/CE Marco da Auga, establece como obxectivo prioritario «evitar toda deterioración adicional das masas de auga...» así como «...recuperar gradualmente o bo estado ecolóxico das masas de auga». En cumprimento do anterior, o Plan hidrolóxico Galicia-Costa define as políticas a seguir desde o organismo de conca para a consecución destes obxectivos.

Os ríos son sistemas dinámicos continuados ao longo de todo o seu curso e non queda limitada a estrutura do ecosistema fluvial unicamente á súa canle; neste sentido os traballos de conservación, en tanto que constitúen unha alteración do medio natural, deben ser mínimos, para así evitar repercusións sobre o sistema e poder recuperar ese bo estado ecolóxico do que fala a directiva mencionada. Os episodios de asolagamentos son fenómenos naturais inevitables e as accións humanas directas ou indirectas, son as que causan os perigos. Así, na propia normativa do Plan hidrolóxico Galicia-Costa, no artigo 43.1.d), establécese que, sempre e cando non supoña un risco para as poboacións, a Administración hidráulica de Galicia orientará os labores de conservación de leitos ao mantemento das súas condicións naturais, á eliminación de especies invasoras e á recuperación da súa funcionalidade xeomorfolóxica, evitando, en zonas non urbanizadas, as actuacións de dragaxe ou retirada de vexetación cuxa finalidade sexa evitar as inundacións naturais das zonas adxacentes.

Dentro da preservación dos sistemas fluviais, a importancia da conservación das especies características e propias do bosque de ribeira é fundamental para poder prover, entre outros, servizos esenciais para os ecosistemas acuáticos como son as zonas de sombra, que proporcionan refuxios para fauna, para evitar a excesiva penetración de luz nas canles (o que dá lugar á elevada temperatura e insolación que favorecen o crecemento excesivo de macrófitas), ou para exercer a función de filtro natural de substancias contaminantes. Polo tanto, é fundamental o respecto dos corredores de ribeira e iso implica a conservación da estrutura e zonificación tanto vertical como horizontal da vexetación propia de ribeira así como da súa naturalidade.

O valor paisaxístico e ambiental dos ríos é indiscutible e, para garantir a súa preservación, cómpre realizar periodicamente labores de conservación. Non obstante, esta é unha cuestión certamente complexa.

Determinar que actuacións de conservación fluvial, onde e como facelas é relevante. Do mesmo xeito, é importante aclarar e protocolarizar que actuacións de conservación fluvial teñen que facer as distintas administracións competentes. Con este espírito, a presente instrución, ademais do respecto ao principio básico de preservación do valor ambiental dos ríos nos termos da Directiva Marco, responde aos seguintes principios de actuación:

– A conservación e limpeza dos ríos non é unha competencia propia nin exclusiva dos organismos de bacía:

As funcións dos organismos de bacía, recollidas nos artigos 23.d) e 24.d) do texto refundido da Lei de Augas, están orientadas á protección e tutela do dominio público hidráulico, pero non se traducen en concretas obrigas en materia de conservación, limpeza de canles e defensa de territorio fronte a inundacións, así como tampouco en obrigas de realizar traballos de conservación, limpeza e restauración en todos e cada un dos supostos de contaminación ou degradación do dominio público que poidan presentarse.

Neste sentido, cómpre destacar que a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, xestionada por Augas de Galicia, conta con un total de 14.682 km de río codificados. A conservación periódica dunha rede fluvial de tal magnitude impón a necesidade de priorizar e programar as ditas actuacións sempre no marco das competencias que son propias e das dotacións orzamentarias existentes.

Como se ten dito, non estamos en presenza de obrigas propias da Administración en todos os casos, xa que, en moitas, ocasións estas tarefas de conservación poden e deben ser promovidas por outros actores, tanto públicos coma privados, sen prexuízo do seu control polos organismos de conca. Nestes supostos, para levar a cabo ese control, Augas de Galicia conta con dous tipos de procedementos: o de autorización de obras ou traballos no Dominio Público Hidráulico e zona de policía de leitos, procedemento AU113A, e o segundo é o sistema de declaración responsable para actuacións menores de mantemento e/ou conservación do Dominio Público Hidráulico aprobada polo Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de planificación en materia de Augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia. Ambas as dúas poden consultarse e tramitarse seguindo as instrucións publicadas na paxina oficial de Augas de Galicia https://augasdegalicia.xunta.gal/.

Un claro exemplo da intervención doutros suxeitos públicos ou privados na execución deste tipo de tarefas atopámolo no artigo 126 ter. do Regulamento do dominio público hidráulico, cuxo punto 6 impón «en todo caso» aos titulares de determinadas infraestruturas no dominio público hidráulico –pontes, pasarelas e obras de drenaxe transversal en camiños, autoestradas, autovías e as da rede ferroviaria, a realización dos labores de conservación necesarias, que garantan o mantemento da capacidade de desaugamento destas.

Outro exemplo atopámolo nos supostos de tramos fluviais alterados ou desnaturalizados, e polo tanto modificados respecto do seu estado natural, nos que as ditas actuacións de conservación se impón ao titular, promotor e/ou executor das obras que causan a alteración, na preceptiva autorización que debe outorgar a Administración hidráulica competente.

– O mantemento e limpeza dos tramos fluviais urbanos:

Nese punto, cómpre traer ao caso a recente sentenza do Tribunal Supremo nº 1962/2017, do 13 de decembro, que interpreta o artigo 28.4 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, que aproba o Plan hidrolóxico nacional (LPHN), no sentido de declarar que corresponde aos concellos a realización de actuacións de mantemento e limpeza dos leitos públicos que discorren polas zonas urbanas. En concreto, na citada sentenza di que: «para efectos de actuacións nos leitos públicos cando de zonas urbanas se trata, a competencia non pode ser outra que a municipal, pois así resulta dos principios que informan o réxime local a partir do postulado constitucional da autonomía local, tal como a entendeu o Tribunal Constitucional (sentenzas 37/2014, 121/2012 e 240/2006 e as que nelas se citan). A falta de disposición expresa de sentido contrario e tratándose de actuacións de execución en zonas urbanas, pode considerarse que a regra é a competencia municipal e a excepción a competencia autonómica. Tal conclusión é coherente, ademáis, coas atribucións que as normas legais estatais en materia de réxime local confiren aos concellos respecto do urbanismo» (FX quinto).

En atención ao exposto, a Dirección do E.P.E. Augas de Galicia considera conveniente establecer unha serie de directrices técnicas para homoxeneizar e sistematizar a realización de actuacións de conservación dos tramos fluviais non urbanos, para o cal posúe a competencia, de conformidade co disposto no artigo 65 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no artigo 15 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia e no artigo 15 do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia, aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

A Instrución dítase co carácter que lle outorga o artigo 37.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Co fin de acadar a máxima transparencia na xestión administrativa e dotar dunha maior seguridade técnica e xurídica ás actuacións de mantemento e conservación fluvial, conforme os obxectivos da Directiva Marco, considérase conveniente a publicación desta Instrución para que todos os interesados poidan coñecer os criterios que seguirá o E.P.E. Augas de Galicia nesta materia.

Os criterios técnicos de conservación fluvial no ámbito territorial da demarcación hidrográfica da bacía Galicia-Costa serán os establecidos no anexo.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2019

Teresa Mª Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia

ANEXO

Directrices técnicas de conservación fluvial da
Demarcación hidrográfica Galicia-Costa

I. Obxecto e ámbito de actuación.

O obxecto das presentes directrices técnicas é establecer unha serie de criterios para a homoxeneización e sistematización dos traballos da Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia vinculados coas actuacións de mantemento e conservación fluvial que non discorran por zonas urbanas, en consonancia co disposto no artigo 28.4 LPHN, na interpretación dada pola STS nº 1962/2017, do 13 de decembro.

II. Definicións.

Para os efectos das presentes directrices técnicas, entenderase por:

Dominio público hidráulico (DPH): as augas continentais, tanto as superficiais como as subterráneas renovables con independencia do tempo de renovación; os leitos de correntes naturais, continuas o descontinuas; os leitos dos lagos e lagoas e os dos encoros superficiais en leitos públicos; os acuíferos, para os efectos dos actos de disposición ou de afección dos recursos hidráulicos e as augas procedentes da desalación de auga de mar.

Actuacións programadas: as actuacións de mantemento e conservación fluvial, de carácter preventivo e/ou correctivo, que se executen no marco da programación anual de Augas de Galicia, segundo os criterios técnicos especificados nestas directrices e en función das súas dispoñibilidades orzamentarias, encamiñadas a facilitar o libre discorrer das augas, así como a acadar as condicións naturais dos ecosistemas acuáticos, que favorezan os aspectos ambientais no contorno fluvial.

Actuacións non programadas: as actuacións de mantemento e conservación fluvial, de carácter preventivo e/ou correctivo, que se executen por Augas de Galicia fóra da súa programación anual, a solicitude dun terceiro ou como consecuencia das incidencias detectadas no exercicio da actividade de policía de leitos que realiza o propio organismo, segundo os criterios técnicos especificados nestas directrices e en función das dispoñibilidades orzamentarias de Augas de Galicia, cando concorran circunstancias que afecten gravemente o réxime hidráulico do leito ou sexan causa da súa degradación.

Actuacións de emerxencia: as actuacións de mantemento e conservación fluvial, de carácter correctivo e de urxente realización, necesarias para facer fronte a situacións de emerxencia oficialmente declaradas.

Tramos fluviais urbanos: os tramos fluviais que discorran por zonas de asentamento de poboación ou de actividades económicas, dispostas en trama urbana, onde predominen edificacións e infraestruturas sobre os espazos rurais ou naturais.

III. Criterios relativos a actuacións ordinarias de conservación e mantemento fluvial en tramos urbanos.

Con carácter xeral, as actuacións ordinarias de conservación e mantemento fluvial deberán ser executadas polas entidades locais, en aplicación da sentencia do Tribunal Supremo nº 1962/2017 que interpreta o artigo 28.4 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, que aproba o Plan hidrolóxico nacional (LPHN), no sentido de declarar que corresponde aos concellos a realización de actuacións de mantemento e limpeza dos leitos públicos que discorren polas zonas urbanas.

Para facilitar o labor dos concellos competentes, Augas de Galicia identificará estes tramos tomando como base o estudo de coberturas a partir de cartografías oficiais, así como outros estudos complementarios que se consideren oportunos. A dita información poderá consultarse no visor «NODO IDE DEMARCACIÓN HIDROGRÁFICA GALICIA-COSTA»: https://mapas.xunta.gal/visores/dhgc/.

IV. Criterios relativos a actuacións ordinarias de conservación e mantemento fluvial en tramos non urbanos.

1. Criterios relativos a actuación programadas.

No marco das súas competencias, Augas de Galicia poderá executar actuacións de mantemento e conservación fluvial, de carácter preventivo e/ou correctivo, programadas previamente, encamiñadas a facilitar o libre discorrer das augas, así como a acadar as condicións naturais dos ecosistemas acuáticos, que favorezan os aspectos ambientais no contorno fluvial, atendendo aos criterios e directrices que se establecen a continuación:

1.1. Criterios de programación de actuacións.

Nos tramos fluviais de carácter non urbano Augas de Galicia poderá programar actuacións de mantemento e conservación fluvial, no marco das súas competencias, priorizando as seguintes tipoloxías:

– Actuacións que figuren no programa de medidas do Plan de xestión de riscos de inundación de Galicia-Costa e que corresponda executar á Administración hidráulica de Galicia ou que deriven de plans específicos de xestión de risco de inundación.

– Actuacións que figuren no programa de medidas do Plan hidrolóxico Galicia-Costa e que corresponda executar á Administración hidráulica de Galicia.

– Actuacións para a mellora do comportamento hidráulico e minimización dos efectos das posibles enchentas nas ARPSIs de Galicia-Costa e as súas concas.

– Actuacións de recuperación do espazo fluvial, eliminación de obstáculos e elementos artificiais de alteración e recuperación das condicións hidromorfolóxicas naturais.

– Actuacións de conservación das zonas protexidas designadas por Augas de Galicia no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, con especial atención ás zonas de reservas naturais fluviais.

– Actuacións necesarias para o mantemento doutras previamente executadas por Augas de Galicia, tales como plantacións, actuacións de bioenxeñaría e outras que o requiran.

– Limpezas e podas de vexetación en accesos a través da zona de servidume, necesarios para os controis periódicos do organismo en materia de calidade de augas, verteduras, auscultación e inspección de infraestruturas hidráulicas competencia de Augas de Galicia.

– Actuacións de mantemento e xestión da biomasa das zonas de titularidade de Augas de Galicia.

1.2. Pautas no proceso de programación de actuacións.

A programación das actuacións de mantemento e conservación fluvial será levada a cabo polos servizos centrais de Augas de Galicia e, con carácter xeral, terá unha vixencia anual.

Na elaboración da programación anual, terase en conta as necesidades detectadas e comunicadas polos distintos servizos de Augas de Galicia e, en particular, polos servizos territoriais.

A Xerencia de Augas de Galicia realizará, antes da fin do ano en curso e atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias do organismo, unha proposta xustificada de actuacións programadas, baseada nos criterios anteriores, a executar durante o ano seguinte, que será aprobada pola Dirección de Augas de Galicia.

1.3. Criterios na definición das actuacións programadas.

Na definición do alcance da execución das actuacións programadas de mantemento e conservación fluvial teranse en conta as seguintes directrices:

• Conservarase a vexetación de ribeira en todos aqueles casos en que sexa posible, xa que se considera básica para reter e controlar o fluxo de auga. As rozas, rareos e cortas serán selectivos, respectando a presenza de substrato herbáceo e arbustivo, así como exemplares novos de especies arbóreas que permitan a renovación do bosque de ribeira.

• En presenza de flora exótica invasora, as actuacións definiranse tendo en conta o obxectivo de non favorecer a súa propagación.

• Na definición das actuacións incluirase a eliminación de acumulacións de matogueira, restos vexetais e madeira morta que poidan producir unha sobreelevación puntual da lámina de auga en caso de enchentas.

No caso de actuacións de xestión de biomasa en zonas de titularidade de Augas de Galicia, na definición destas darase cumprimento ao establecido na lexislación vixente en materia de xestión forestal e de prevención e defensa contra os incendios forestais en relación con vivendas, urbanizacións e núcleos rurais, en canto á adecuación das masas arbóreas e das novas plantacións ás distancias mínimas establecidas e nas demais disposicións que resulten de aplicación.

Todos estes criterios se establecen sen prexuízo doutras condicións que, se é o caso, se poidan impoñer no marco das autorizacións necesarias para a súa execución.

1.4. Pautas no proceso de organización da execución das actuacións programadas.

A organización da execución das actuacións programadas e a dirección destes traballos levarase a cabo polos servizos centrais de Augas de Galicia, nomeando para estes efectos un director técnico destes.

O director das actuacións preparará a documentación técnica necesaria para levalos a cabo cos criterios que se indican nestas directrices e, en caso de consideralo preciso, realizará as inspeccións previas pertinentes para avaliar o estado do tramo fluvial onde estea programado actuar.

Previamente á execución das actuacións programadas tramitaranse todos os permisos e autorizacións que sexan precisos, incluídos os necesarios en materia de seguridade e saúde e xestión de residuos.

Na organización dos traballos terase en conta a estacionalidade, intentando acometer as actuacións na época do ano máis axeitada para os obxectivos agardados.

A data de inicio e de remate previsto da actuación programada será posta en coñecemento da dirección de Augas de Galicia e do concello onde se desenvolva, con antelación suficiente.

2. Criterios relativos a actuacións non programadas.

No marco das súas competencias, Augas de Galicia poderá levar a cabo actuacións de mantemento e conservación fluvial, de carácter preventivo e/ou correctivo, fóra da súa programación anual, por solicitude dun terceiro ou como consecuencia das incidencias detectadas no exercicio da actividade de policía de leitos que realiza o propio organismo, cando concorran circunstancias que afecten gravemente o réxime hidráulico do leito ou sexan causa da súa degradación, atendendo aos criterios e directrices que se establecen a continuación:

2.1. Criterios para a avaliación das solicitudes e incidencias detectadas.

Nos tramos fluviais de carácter non urbano Augas de Galicia avaliará a necesidade de acometer actuacións non programadas cando concorran circunstancias que afecten gravemente o réxime hidráulico do leito ou sexan causa da súa degradación, no marco das súas competencias, atendendo ás seguintes directrices de carácter xeral:

• En relación á vexetación de ribeira, os leitos afectados por vexetación herbácea, onde non exista ningún obstáculo nin incidencia artificial, non suporán unha actuación por parte do organismo.

• Fóra do leito, na zona de servidume, soamente serán susceptibles de actuación a retirada de vexetación morta, así como as rozas selectivas que fosen precisas para despexar as zonas de acceso e protección destas.

• En canto ás árbores caídas, a actuación de Augas de Galicia limitarase a aquelas que nazan do dominio público hidráulico.

• Non serán obxecto de actuacións non programadas as rozas, as cortas de árbores ou a estabilización de marxes que poidan ocasionar incidencias en elementos estruturais non legalizados, salvo que o/os propietarios destes leven a cabo as accións necesarias para consideralos susceptibles de legalización.

• En relación á retirada de sedimentos do leito, considérase que estes sedimentos forman parte do río, como caudal sólido, que teñen mobilidade e que son transportados polas correntes, polo que, en termos xerais, non deben ser retirados, sempre e cando non supoñan un risco para as poboacións.

• No caso de sedimentos de orixe artificial, a súa eliminación deberá ser analizada en detalle, tendo en conta a súa procedencia, a súa magnitude e as súas afeccións.

• No caso en que os sedimentos se sitúen nunha área con risco potencial significativo de inundación, a súa eliminación deberá analizarse tendo en conta:

• A existencia doutras alternativas económicas e ambientais viables.

• A existencia de infraestruturas que poidan modificar o transporte do sedimento, sen posibilidade de mellora construtiva.

• A existencia de leitos moi alterados, con mal funcionamento do transporte sólido, sen opción de restauración ou rehabilitación.

• Nas obras hidráulicas suxeitas a concesión, tipo azudes e canles de derivación de auga, que son elementos complementarios dunha concesión de augas preexistente, se se detecta algunha incidencia/obstáculo nestes, será o titular da concesión quen deberá proceder a corrixilas ou eliminalas.

• As actuacións de conservación e mantemento de pontes, pasarelas e obras de drenaxe transversal en camiños, autoestradas, autovías e as da rede ferroviaria, deberán ser realizadas polos seus titulares. Así mesmo, estarán obrigados á realización dos labores de conservación necesarias, que garantan o mantemento da capacidade de desaugamento destas.

• As actuacións de conservación e mantemento de canles e obras de protección de marxes e demais estruturas que puideran estar situadas no dominio público hidráulico deberán ser realizadas polos seus titulares.

2.2. Pautas no proceso de avaliación das solicitudes e incidencias detectadas.

As solicitudes de terceiros relativas a actuacións de mantemento e conservación fluvial e as incidencias detectadas no exercicio da actividade de policía de leitos que leva a cabo Augas de Galicia serán avaliadas polos servizos territoriais do organismo.

No caso das solicitudes de actuación ou incidencias non programadas que se localicen en tramos fluviais urbanos, os servizos territoriais de Augas de Galicia procederán a darlle traslado desta á Administración local correspondente, segundo modelo de comunicación que sexa elaborado para estes efectos pola Subdirección Xeral de Dominio Público Hidráulico. Nesta comunicación farase referencia á lexislación vixente neste sentido e deberá facilitarse, a través dela, acceso aos modelos para tramitar as autorizacións ou declaracións responsables necesarias para executar a actuación solicitada ou a incidencia detectada. Así mesmo, se é o caso, deberase poñer en coñecemento do solicitante a remisión da súa solicitude á Administración local correspondente.

No caso das solicitudes ou incidencias detectadas que teñan que ser avaliadas para analizar se concorren circunstancias que afecten gravemente ao réxime hidráulico do leito ou sexan causa da súa degradación e, en consecuencia, poder determinar o seu encaixe dentro das actuacións non programadas de Augas de Galicia, procederase do seguinte xeito:

1. Realizarase unha visita inicial a campo pola gardaría do servizo territorial correspondente, recollendo os datos e a información que para estes efectos se estableza no modelo de informe que sexa facilitado pola Subdirección Xeral de Dominio Público Hidráulico. A través do informe, apoiándose en fotografías e/ou vídeos, deberase deixar constancia do estado do tramo fluvial onde se sitúe a solicitude e dos posibles problemas existentes, relativos fundamentalmente a afeccións ao réxime hidráulico ou á degradación do río, tanto no leito como na contorna.

2. Os técnicos do servicio territorial correspondente complementarán o informe da gardaría fluvial con toda a documentación existente e que se poida compilar sobre a incidencia, identificando, se é o caso, aos titulares de dereitos e obrigas, de bens e/ou de infraestruturas que se poidan ver afectadas pola solicitude ou incidencia detectada, e avaliarán de forma suficientemente xustificada se concorren circunstancias que afecten gravemente o réxime hidráulico do leito ou sexan causa da súa degradación, segundo o modelo facilitado pola Subdirección Xeral de Dominio Público Hidráulico.

3. Se os técnicos do servizo territorial, tras a análise da solicitude ou incidencia, avalían que non concorren as circunstancias para considerar que esta afecta gravemente o réxime hidráulico, comunicarán esta circunstancia ao solicitante e pecharán a incidencia procedendo ao arquivo da documentación xerada.

4. Nos restantes casos, a tramitación continuarase do seguinte modo:

a) Con respecto ás solicitudes de actuación ou incidencias que afecten dereitos e obrigas, bens e/ou infraestruturas nas que, segundo a lexislación vixente, o deber de realizar os labores de conservación e mantemento corresponda a outra Administración ou ao titular dos bens e/ou das infraestruturas, os servizos territoriais de Augas de Galicia procederán a poñelo no seu coñecemento:

i. Para estes efectos a Subdirección Xeral de Dominio Público Hidráulico elaborará os correspondentes modelos de comunicación nos que se faga referencia ás obrigas do titular da infraestrutura, os prazos para levalas a cabo e as situacións nas que, se é o caso, de non actuar, Augas de Galicia executará de forma subsidiaria a actuación, repercutindo o custo desta sobre o titular da infraestrutura.

ii. A través da comunicación facilitaráselles acceso aos modelos para tramitar as autorizacións ou declaracións responsables necesarias para executar a actuación solicitada ou a incidencia detectada. Así mesmo, cando proceda, deberase poñer en coñecemento do solicitante a remisión da súa solicitude ao titular correspondente. Se destes expedientes se deriva a necesidade dunha execución subsidiaria da actuación por Augas de Galicia, darase traslado desta necesidade aos servizos centrais para que, se procede, se poida organizar a súa execución, xuntando todos os informes elaborados en relación coa actuación.

b) No caso das solicitudes de actuación ou incidencias que segundo os informes elaborados polos servicios territoriais se xustifique o seu encaixe dentro das actuacións non programadas de Augas de Galicia, serán trasladados aos servizos centrais para a súa posterior análise e determinar, se procede, a organización da súa execución, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias do organismo.

2.3. Criterios na definición das actuacións non programadas.

As actuacións desta tipoloxía que se propoñan deberán enfocarse á recuperación funcional dos sistemas fluviais, incidindo nos seguintes aspectos:

• Necesidade de restablecemento dun espazo fluvial que favoreza a recuperación da dinámica fluvial natural, para poder manter tanto corredores de ribeira como formas fluviais, de xeito que se conserve a funcionalidade ecolóxica, paisaxística e de conexión entre diferentes espazos (entre áreas urbanas e rurais ou entre diferentes espazos naturais).

• Respecto aos corredores de ribeira inclúese a recuperación da estrutura e zonificación tanto vertical como horizontal da propia vexetación natural desta.

• Sobre as formas fluviais inclúese a recuperación das canles e da súa mobilidade (zonas de migración e inundación), traballando na recuperación da morfoloxía propia de cada sistema fluvial, así como da naturalidade das marxes e do leito, actuando sobre a protección de marxes, canalizacións ou encauzamentos.

• O mantemento deste espazo fluvial pode ser compatible con usos que non dificulten a mobilidade da canle: nas zonas rurais, por exemplo, permitindo o uso de certos cultivos ou prados, asumindo a súa inundabilidade.

Sempre que sexa posible, as actuacións deberán ser sustentables e coa mínima incidencia no ecosistema, empregando técnicas brandas como son as técnicas de bioenxañería con medios naturais e propios da contorna onde se vaian executar.

2.4. Pautas no proceso de organización da execución das actuacións non programadas.

A organización da execución das actuacións non programadas e a dirección destes traballos levarase a cabo polos servizos centrais de Augas de Galicia, nomeando para estes efectos un director técnico destes.

O director técnico analizará as distintas actuacións que, segundo os informes da avaliación dos servizos territoriais, sexan susceptibles de seren consideradas como actuacións non programadas, realizando para iso as inspeccións que considere necesarias. No caso en que se determine xustificadamente que non procede á súa execución como actuación non programada, comunicarase aos servizos territoriais correspondentes para os efectos oportunos. En caso contrario, a actuación será priorizada e organizarase a súa execución atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias do organismo; neste caso, o director técnico da actuación poñerá en coñecemento do solicitante a decisión adoptada.

Con respecto a aquelas actuacións non programadas que se determine executar, o director destas preparará a documentación técnica necesaria para levalas a cabo cos criterios que se indican nestas directrices e, en caso de consideralo preciso, realizará as inspeccións previas pertinentes para avaliar o estado do tramo fluvial onde estea programado actuar.

Previamente á execución das actuacións programadas tramitaranse todos os permisos e autorizacións que sexan precisos, incluídos os necesarios en materia de seguridade e saúde e xestión de residuos.

A data de inicio e de remate previsto da actuación programada será posta en coñecemento da dirección de Augas de Galicia, do solicitante da actuación e do concello onde se desenvolva, con antelación suficiente.

V. Actuacións de emerxencia.

Son aquelas actuacións de conservación fluvial, con carácter correctivo, que haxa que executar de maneira inmediata, a causa de acontecementos catastróficos ou de situacións que supoñan un grave perigo, no marco dunha situación de emerxencia oficialmente declarada.

1. Criterios na definición das actuacións de emerxencia.

A actuación estará baseada nun informe técnico no que se xustifique necesidade de actuar de maneira inmediata a causa de acontecementos catastróficos ou de situacións que supoñan grave perigo.

Neste tipo de casos, as actuacións a executar serán as mínimas imprescindibles para resolver a situación de emerxencia declarada, tendo en máxima consideración a importancia de recuperar o óptimo comportamento hidráulico e o libre discorrer das augas.

2. Pautas no proceso de organización das actuacións de emerxencia.

Augas de Galicia procederá á declaración e contratación das actuacións de emerxencia en base ao establecido na lexislación de contratos vixente.

Unha vez declarada a emerxencia, os servizos centrais de Augas de Galicia elaborarán memorias técnicas valoradas nas que se describan as actuacións e traballos que sexa necesario executar, coa maior definición posible.