Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Xoves, 17 de xaneiro de 2019 Páx. 3376

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de decembro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Paradela como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 13 de decembro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Paradela, no concello de Paradela (Lugo), promovido por Paravento, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello de Paradela queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Paradela.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Adecuación ao planeamento local vixente e prazo para realizala.

A continuación procédese a analizar a normativa urbanística vixente no termo municipal afectado, propoñendo as modificacións que compatibilizan os usos do parque eólico cos previstos no plan vixente, mentres non se adecúe o mesmo ao proxecto sectorial.

1.1. Adecuación ao planeamento local vixente.

1.1.1. Análise da relación coa planificación urbanística vixente.

O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, regula a finalidade, o contido, a eficacia e o procedemento de aprobación dos plans e proxectos sectoriais, de conformidade co disposto no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

O solo afectado por infraestruturas e dotacións de interese supramunicipal será considerado como solo rústico de protección de infraestruturas para os efectos previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, segundo se expresa no artigo 5.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

A presente infraestrutura de xeración de enerxía afectará o termo municipal de Paradela (Lugo).

O concello de Paradela dispón de Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado pola Orde do 8 de novembro de 2007 (DOG do 26 de novembro). Trátase dun planeamento non adaptado á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), aos terreos afectados polo parque eólico, e segundo o número 1 da disposición transitoria da LSG, aplicaráselle o réxime disposto na citada lei para o solo rústico, mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías de solo contidas no planeamento; solo rústico ordinario, solo rústico de especial protección patrimonial, de infraestruturas (LU-P-4201) e forestal.

Extráese a continuación a tipoloxía de obra proxectada, así como a súa compatibilidade co uso do solo cualificado da lei obxecto. Para o solo rústico de protección forestal pódese asimilar o seu uso ao cualificado como solo rústico de especial protección agropecuaria, forestal ou de infraestruturas, no artigo 37 da Lei do solo, sendo compatible o seu emprego para o seguinte:

(…).

(11). Artigo 33. Usos e actividades en solo rústico

Os usos e actividades posibles en solo rústico serán os seguintes:

(…).

2. Actividades e usos construtivos:

m) Infraestruturas de abastecemento, tratamento, saneamento e depuración de augas, de xestión e tratamento de residuos, e instalacións de xeración ou infraestruturas de produción de enerxía.

(…).

Recolléndose no seu número 14 os usos compatibles coa actividade seleccionada:

14. Artigo 37. Solo rústico de especial protección agropecuaria, forestal ou de infraestruturas

O réxime dos solos rústicos de protección agropecuaria e forestal ten por finalidade principal preservar os terreos de alta produtividade e garantir a utilización racional dos recursos naturais e o desenvolvemento urbanístico sustentable. O réxime do solo rústico de protección de infraestruturas, sen prexuízo do establecido na súa específica lexislación reguladora, ten por obxecto preservar as infraestruturas existentes ou de nova creación.

Estará sometido ao seguinte réxime:

1. Usos permitidos por licenza municipal directa os relacionados no número 1, letras a), b) e c), e no número 2, letras a), b), c), d), f), i) e m), do artigo 33 da presente lei. Ademais, no solo rústico de protección forestal permitirase o relacionado no número 1, letra e).

En solo rústico de protección de infraestruturas permitiranse as instalacións necesarias para a execución e funcionamento da correspondente infraestrutura.

2. Usos autorizables pola Comunidade Autónoma:

No solo rústico de protección agropecuaria serán autorizables os usos relacionados no número 1, letras d) e e), e no número 2, letras e), g) h), j), k) e l), do artigo 33 da presente lei, así como os que poidan establecerse a través dos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio, sempre que non leven a transformación urbanística dos terreos nin lesionen os valores obxecto de protección.

No solo rústico de protección forestal poderán autorizarse os usos relacionados no número 1, letras d) e e), e no número 2, letras, e), g), h), j), k) e l), do artigo 33, sempre que non leven a transformación urbanística do solo nin lesionen os valores obxecto de protección e os que poidan establecerse a través dos instrumentos de ordenación do territorio. Nos montes públicos de utilidade pública serán autorizables os usos admitidos na súa lexislación sectorial.

No solo rústico de protección de infraestruturas unicamente serán autorizables os usos vinculados funcionalmente á infraestrutura correlativa, así como os que poidan establecerse a través dos instrumentos de ordenación do territorio.

Concluíndose de todo iso a aparente compatibilidade de usos (proxectado-vixente) para a implantación do parque eólico no concello de Paradela.

1.1.2. Proposta de modificación do uso do solo. Regulación detallada do uso pormenorizado.

Dada a discrepancia do uso do solo establecido na lei co planeamento urbanístico dos terreos vinculados directamente coas instalacións propias do parque eólico de Paradela, resulta necesario adecuar a normativa urbanística para viabilizar a implantación das instalacións creando unha ordenanza específica, nos termos seguintes:

• Solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas.

1.1.2.1. Ámbito.

Comprende esta categoría de solo a zona sombreada nos planos destinada ás instalacións de infraestruturas enerxéticas propiamente ditas, incluídos os camiños de servizo, de acordo co plano do planeamento urbanístico adxunto.

Esta zona comprende a superficie materialmente ocupada máis as servidumes necesarias que serán as delimitadas en función das distintas instalacións, tal e como se define a seguir:

• Aeroxeradores: 200 m, distancia a partir da cal o ruído producido por un aeroxerador confúndese co vento.

• Viais e gabias: no caso de viais o ámbito de ocupación será de 13 metros e no caso de viais máis gabias será de 20 metros en total. En zonas onde a gabia non discorre paralela ao vial o ámbito será de 10 metros.

1.1.2.2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de infraestruturas enerxéticas para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1.995 do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 2/2016, do solo de Galicia.

Segundo o previsto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no proxecto técnico de execución das obras do parque eólico deberá incluírse unha memoria urbanística, como documento específico e independente en que se indicará a finalidade e uso da actuación proxectada, razoándose a súa adecuación á ordenación vixente, consecuencia da aprobación do proxecto sectorial, incluíndo a presente ordenanza de solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas que lle é de aplicación.

No paráfrafo da presente memoria correspondente á memoria urbanística acompañarase dun plano de situación e demais información gráfica que sexa precisa para indicar a clasificación e cualificación do solo obxecto da actuación e da normativa e ordenanza aplicables.

1.1.2.3. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada nos planos destinada ás instalacións de xeración e evacuación da enerxía producida nos aeroxeradores ata a arqueta de conexión. Tamén inclúe esta zona os viais de acceso aos aeroxeradores, que na maioría dos casos discorren paralelos ás gabias de condutores.

Permitiranse outras construcións, de acordo co plan vixente, necesarias para o adecuado funcionamento do parque.

1.1.2.3.1. Usos permitidos.

No ámbito de aplicación destas normas, autorízase o uso e as construcións e instalacións necesarias para o parque eólico, ademais de todos aqueles usos permitidos que se detallen no Plan xeral de ordenación municipal de Paradela, permitíndose a explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atenten contra os valores esenciais que se protexen.

Teranse en conta os terreos vinculados directamente ás instalacións propias do parque eólico, resultantes dos ocupados materialmente por aeroxeradores, gabias de condutores e novos accesos viais exteriores e/ou de servizos e mais as servidumes necesarias que serán delimitadas en función das distintas instalacións, tal como defínese nos planos parcelarios e demais información do proxecto de execución.

1.1.2.3.2. Condicións de edificación.

Dadas a alta demanda de superficie deste tipo de instalacións, así como as súas características, non se establece parcela mínima, nin limitacións de altura, que se xustificarán no proxecto sectorial.

1.1.2.3.3. Condicións estéticas.

Segundo as determinadas na declaración de impacto ambiental, e cumprirán as prescricións descritas no Real decreto 80/2000.

1.1.2.3.4. Condicións de servizos.

De acordo co previsto na lexislación vixente, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver pola súa conta os servizos de:

• Acceso rodado.

• Abastecemento de auga.

• Saneamento e depuración.

• Enerxía eléctrica.

• A dotación de aparcadoiros, previa xustificación da superficie que se propoña.

1.1.2.3.5. Eficacia.

A aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia, seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995, á marxe das adecuación do plan local para reflectir as instalacións proxectadas, implica para os concellos afectados a obrigación de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

Cando se adecúe o Plan municipal do concello de Paradela, conforme os prazos previstos no Decreto 80/2000 e/ou se adapte á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas segundo o artigo 32, no parágrafo de categorías de solos rústicos, en solo rústico de protección de infraestruturas.

1.1.2.4. Prazo.

A adecuación do planeamento local deberá realizarse coa redacción e tramitación de calquera dos seguintes eventos:

• A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.

• A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

1.1.2.5. Cualificación do proxecto.

As obras do parque eólico de Paradela, obxecto do presente proxecto sectorial, cualifícanse expresamente como de marcado carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire na Lei do solo de Galicia, segundo o exposto no artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.