Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Martes, 15 de xaneiro de 2019 Páx. 2388

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se somete a información pública o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo, incluído o seu estudo ambiental estratéxico, promovido por este organismo e declarado como de incidencia supramunicipal por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de xuño de 2018.

O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa reunión do 7 de xuño de 2018, declarar o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo como de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e atribuíu á Consellería de Sanidade o seu impulso e tramitación.

En cumprimento do establecido nos artigos 25 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, os proxectos sectoriais, con todos os documentos que os integran, incluído o estudo ambiental estratéxico, someteranse aos trámites de información pública e daráselle audiencia aos concellos sobre os que incida o proxecto. Así mesmo, e para os efectos do artigo 11.5 do Decreto 80/2000 no sentido do que no proxecto consta a descrición física e xurídica individualizada dos bens e dereitos afectados co obxecto de que o Consello da Xunta de Galicia poida declarar a necesidade da ocupación para efectos da expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial,

RESOLVE:

Someter a información pública o proxecto sectorial para a ampliación do Hospital Gran Montecelo, incluído o estudo ambiental estratéxico, declarado como de incidencia supramunicipal por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 7 de xuño de 2018, por un prazo de corenta e cinco (45) días hábiles contados a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os interesados disporán do citado prazo de corenta e cinco (45) días hábiles para examinar o devandito proxecto sectorial e o estudo ambiental estratéxico na Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, e para maior difusión, na páxina web da Consellería de Sanidade (www.sergas.es) e presentar ante esta dirección xeral as alegacións que consideren oportunas.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2019

María Jesús Piñeiro Bello
Directora xeral de Recursos Económicos