Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Mércores, 9 de xaneiro de 2019 Páx. 1116

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas dos sectores industria e servizos para o ano 2019, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código IN417Y).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en axencia por medio do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente, prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade industrial en Galicia cara a unha Industria 4.0 que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética en empresas do sector industrial e servizos. As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro das directrices enerxéticas de Galicia 2018-2020, aprobadas o 8 de marzo de 2018, e a Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), que alude á utilización do aforro e eficiencia enerxética como instrumento para a mellora da competitividade e o fomento do emprego.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2019 ascende a 3.764.249,00 euros, financiados con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no eixe 4, prioridade de investimento 4b, obxectivo específico 4.2.1 Avanzar na avaliación e mellora da eficiencia enerxética das empresas, en particular das peme, obxectivo do CPSO 4.2.1.1 Desenvolvemento de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial e servizos. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020 Feder nun 80 %, e compútase como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios.

Por outra banda, a cidadanía demanda, cada vez, máis información sobre o comportamento das empresas, polo que na actualidade presenta maior importancia a incorporación da dimensión social e ambiental na xestión das empresas, motivo polo que se incorpora entre os criterios de baremación dos proxectos a responsabilidade social empresarial.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e convocar todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas bases reguladoras:

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de auditorías enerxéticas, implantación de sistemas de xestión e proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industria e servizos que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución (código do procedemento IN417Y).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas subvencións para a anualidade 2019.

3. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva e axustarase ao disposto nas propias bases, sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. As axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industrial e servizos (salvo as pemes cuxa actividade sexa a transformación de produtos da pesca e da acuicultura) obxecto destas bases están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014. A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas dentro da sección 7. Axudas para a protección do ambiente, do capítulo III, como axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética (artigo 38). O citado Regulamento 651/2014, no artigo 1.3.b), establece que este non se aplicará ás axudas concedidas no sector da produción agrícola primaria con excepción, entre outras, das axudas para a protección do ambiente.

No caso de axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes cuxa actividade sexa a transformación de produtos da pesca e da acuicultura, estarán suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación e comercialización de produtos da pesca e de acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014. Estas axudas refírense ás axudas que aparecen definidas no artigo 42.

5. Cando se trate de axudas para a realización de auditorías enerxéticas e implantación de sistemas de xestión, incardínanse no réxime de axudas de minimis, establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis e no Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior. A compra de terreos e os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 10.000 euros por actuación, salvo no caso das auditorías enerxéticas, cuxo investimento mínimo será de 3.000 euros. En todos os casos o IVE non está incluído.

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico, que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións homoxéneas executadas nunha mesma localización e que se valorarán de xeito conxunto.

Considéranse actuacións homoxéneas que deben incluírse nunha única solicitude todas as actuacións de iluminación que se realicen no centro de traballo e a renovación de varios equipos para o mesmo fin. Por exemplo, a instalación de dúas caldeiras para proceso, aínda que estas non sexan iguais (ademais, debe incluírse no mesmo proxecto calquera actuación relacionada que se efectúe na sala de caldeiras, como pode ser a instalación dun economizador ou tanque de revaporizado).

Considéranse actuacións non homoxéneas e que, polo tanto, deben cursarse en solicitudes independentes a combinación de proxectos independentes, por exemplo, a renovación dun compresor, a renovación dos equipamentos de iluminación, a renovación das caldeiras, a instalación de variadores de frecuencia en motores, etc.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2019 e imputaranse a aplicacións orzamentarias 09.A2.733A.770.0.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto e tipo de solicitante será o seguinte:

Distribución por liña de axuda

Total (€)

AE-Auditorías enerxéticas

100.000,00

SX-Implantación de sistemas de xestión

100.000,00

PAEI-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial

3.064.249,00

PAES-Proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector servizos

500.000,00

Total

3.764.249,00

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles ou a calidade dos proxectos solicitados non acada unha puntuación mínima por debaixo da cal a Comisión de Valoración considera inadecuado conceder a subvención.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 17 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

4. A presente convocatoria tramítase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídos no sector servizos ou na industria. Para os efectos destas bases, defínese empresa conforme o recollido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

Consideraranse sector servizos as actividades incluídas nas seccións G, H, I, J, L, M, N, O, P, Q, R, S, T ou U do CNAE 2009. Dentro do sector industria serán subvencionables as empresas incluídas nas seccións B, C ou D do CNAE-2009, coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Tamén serán subvencionables as actividades recollidas no IAE que se correspondan con estas seccións do CNAE 2009.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo nos cales se actúe deben estar situados en Galicia, corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas na letra a) deste artigo e amparadas polo Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, e polo Regulamento 1388/2014 no caso de pemes dedicadas a transformación ou comercialización de produtos da pesca e da acuicultura.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluída a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipamentos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberase prestar baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible ou estimable e o pagamento do servizo que prestan estas empresas basearase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase, en todo caso, co visto e prace do titular da instalación, por se dese lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos e deberán estar incluídas na listaxe de provedores de servizos enerxéticos, regulada no capítulo III do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE, do 5 de abril, sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos, na forma definida no paragrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grado de risco económico ao facelo. Todo isto sempre que o pagamento dos servizos prestados se basee, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións, incluída a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender, ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberase prestar baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible ou estimable.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, e xuntarán unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberase presentar, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, e poderá dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

4. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ser centros consumidores de enerxía as persoas particulares (comunidades de propietarios).

3. Cando se trate de axudas para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas do sector industrial ou servizos, non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 1.3 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014, entre as que figuran as empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013. Non obstante, si poderán ter axudas as pemes dedicadas a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura conforme o Regulamento (UE) 1388/2014.

4. Non poderán concederse axudas con fondos Feder, segundo o disposto no artigo 3.3 do Regulamento (UE) 1301/2013, do 17 de decembro de 2013, nos seguintes ámbitos:

a) Investimentos para lograr a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

b) Empresas en crise segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as empresas suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que tivese declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

6. Cando se trate de axudas de minimis para a realización de auditorías enerxéticas e implantación de sistemas de xestión, non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas en que concorra algunha das causas de exclusión previstas no artigo 1 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis, e no artigo 1 do Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

Neste caso deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada, este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca, as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

Artigo 6. Proxectos que se subvencionan

1. Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade, e rematará no prazo previsto no artigo 25.

2. Auditorías enerxéticas.

Será subvencionable a realización de auditorías enerxéticas que analicen de xeito integral o proceso produtivo do centro de traballo da empresa e que propoñan medidas de redución do consumo enerxético. Será requisito indispensable un compromiso formal do representante da empresa de execución de todas as actuacións de aforro detectadas na auditoría que presenten o suficiente grao de madureza tecnolóxica e un período de retorno do investimento inferior a dous anos.

Non serán subvencionables aquelas auditorías enerxéticas que sexan obrigatorias segundo a normativa vixente no momento en que se peche o prazo de presentación de solicitude e, en concreto, aquelas que son obrigatorias conforme o artigo 8 da Directiva 2012/27/UE sobre eficiencia enerxética, é dicir, as referidas ás grandes empresas. Non será subvencionable a realización de auditorías en centros de traballo con consumo enerxético anual inferior a 25 tep.

Serán elixibles todos os custos externos derivados da realización da auditoría. Os estudos resultantes deberán ter o contido mínimo indicado no documento Contido mínimo de auditoría enerxética, dispoñible na páxina web do Inega (http://ww.inega.gal).

Establécense os seguintes valores de subvención máxima en función do consumo de enerxía final actual do centro de traballo que se vai auditar:

Consumo de enerxía final (tep)

Subvención máxima (€)

De 25 a 50

3.000

Máis de 50 a 200

5.000

Máis de 200 a 1.000

10.000

Máis de 1.000

20.000

3. Implantación de sistemas de xestión certificados.

Será subvencionable a implantación de sistemas de xestión enerxética certificados conforme a Norma ISO 50.001 por entidade acreditada durante o período de xustificación. No caso de non se ter completado a obtención do certificado, deberá xustificarse o inicio do proceso de certificación achegando contrato asinado cunha entidade acreditada.

Será elixible o custo das empresas consultoras especializadas, o da auditoría enerxética previa, os gastos de certificación e o custo de equipamentos de medida de consumo enerxético asociados á implantación do sistema de xestión.

Establécense os seguintes valores de subvención máxima en función do consumo de enerxía final actual do centro de traballo:

Consumo de enerxía final (tep)

Subvención máxima (€)

De 25 a 50

5.000

Máis de 50 a 200

8.000

Máis de 200 a 1.000

14.000

Máis de 1.000

25.000

Non será subvencionable a implantación de sistemas de xestión certificados en centros de traballo con consumo enerxético anual inferior a 25 tep.

4. Proxectos de aforro e eficiencia enerxética.

a) Serán elixibles os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Determinarase do seguinte xeito:

1º. Cando os custos do investimento en eficiencia enerxética poidan identificarse nos custos totais do investimento como investimento separado, estes custos relacionados coa eficiencia enerxética serán subvencionables.

2º. En todos os demais casos, os custos do investimento en eficiencia enerxética determinaranse por referencia a un investimento similar que implique menor eficiencia enerxética, que se podería realizar de xeito crible sen a axuda. A diferenza entre o custo de ambos os investimentos determinará o custo relacionado coa eficiencia enerxética e será o custo subvencionable.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados. Non serán subvencionables aqueles proxectos con ratios de aforro enerxético anual de enerxía final inferiores a 0,5 kWh por euro de investimento elixible por considerarse que a finalidade do investimento non é a consecución dunha maior eficiencia enerxética.

Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética, cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.

b) Poden ser obxecto de subvención as actuacións que se recollen a continuación:

1ª. Os investimentos en substitución ou mellora de equipamentos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo do sector industrial, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 5 % respecto do consumo inicial.

2ª. A renovación ou mellora de equipamentos de instalacións existentes de produción de calor e frío destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas por outras de alta eficiencia enerxética, seleccionados con base nun maior rendemento enerxético. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 20 % respecto do consumo inicial.

3ª. A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociada unha redución anual de, polo menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai realizar.

4ª. Novas instalacións de coxeración e de xeración e consumo de biogás que contribúan a aumentar a eficiencia enerxética da empresa. Considérase que a instalación contribúe a aumentar a eficiencia enerxética da empresa cando a enerxía xerada se consume na súa práctica totalidade no centro de traballo asociado. O aforro enerxético acadado debe ser superior ao 20 % respecto do consumo inicial do proceso.

5ª. Calquera outra actuación, non prevista nos puntos anteriores, que implique un aforro enerxético mínimo dun 20 % respecto do consumo inicial.

6ª. Para contribuír á comprobación dos resultados enerxéticos obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociadas ás actuacións de aforro para as cales se solicita axuda e incluso a implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo enerxético da empresa no tocante á análise dos consumos enerxéticos das actuacións subvencionadas. Entenderanse por intelixencia artificial aqueles desenvolvementos que, de maneira sistemática, sexan capaces de reaxustar algúns dos seus parámetros en función das experiencias pasadas co obxecto de optimizar o consumo enerxético. O custo elixible máximo destes equipamentos será do 10 % da actuación de aforro asociada e cos seguintes límites máximos de axuda en función do consumo do centro de traballo:

Consumo enerxético anual do centro de traballo

(tep)

Axuda máxima para medidas de contabilización, monitorización, telexestión e sistemas de procesamento avanzado de datos asociados á medida subvencionada

Ata 50

5.000 €

Máis de 50 a 200

9.000 €

Máis de 200 a 1.000

12.000 €

Más de 1.000

15.000 €

Para as solicitudes tramitadas baixo a modalidade de empresas de servizos enerxéticos terase en conta a actividade asimilable ao centro de traballo en que se instalen.

Artigo 7. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan

1. Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada proxecto segundo o indicado nas epígrafes do artigo anterior. O dito aforro debe quedar xustificado na memoria técnica e na ficha de consumos a que se fai referencia no artigo 11. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores a menos que se presente a documentación que acredite tales aforros.

2. No caso da renovación de instalacións de iluminación, deben cumprir os seguintes requisitos:

a) En toda a superficie da zona que se vai reformar debe cumprise cos valores de iluminancia mantida (Em), índices de cegamento (UGRL) e uniformidade da iluminancia (Uo), a nivel da área de traballo (plano útil), que se definen na norma UNE-EN 12464 (iluminación dos lugares de traballo), UNE-EN 12193 (iluminación de instalacións deportivas) e na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo. Unha estancia poderase dividir en distintas zonas de cálculo sempre que cada zona teña diferentes necesidades e as distintas zonas estean delimitadas dunha maneira clara. A utilización de zonas marxinais deberase xustificar adecuadamente, achegando un plano da estancia no cal figuren as dimensións da zona marxinal e fotografías das paredes destas zonas marxinais.

b) Se a instalación está incluída no ámbito de aplicación do Documento HE3 (Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación) do Código técnico da edificación, a nova instalación debe cumprir coas exixencias establecidas nel.

c) A temperatura de cor das lámpadas deberá ser ≤ 3.000 K nas zonas con iluminación mantida inferior ou igual a 300 lux e ≤ 4.000 K no resto de zonas, coas excepcións indicadas nos requisitos específicos das táboas de tarefas e actividades das normas UNE-EN 12464.

Non se admitirán equipamentos LED sen dispositivos de alimentación e control electrónico, salvo as lámpadas de substitución (con portalámpadas E14, E27, GU 10) e tubos LED.

d) As exixencias visuais nas zonas nas cales se executen tarefas (talleres, zonas de produción, oficinas, salas de reunións, etc.) clasificaranse como baixas, moderadas, altas ou moi altas, dependendo das necesidades lumínicas conforme o establecido na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo.

e) Os novos equipamentos de iluminación deberán cumprir o recollido nas seguintes normas:

f) Campás, proxectores, luminarias viarias, paneis, pantallas estancas, spots

– UNE-EN 60598-1. Luminarias. Requisitos xerais e ensaios.

– UNE-EN 60598-2. Luminarias (dependendo do tipo de luminaria).

– UNE-EN 62493. Avaliación dos equipamentos de iluminación en relación coa exposición humana aos campos electromagnéticos.

– UNE-EN 62471 de seguridade fotobiolóxica de lámpadas e aparellos que utilizan lámpadas.

– UNE-EN 61000-3-2. Compatibilidade electromagnética (CEM). Parte 3-2: límites. Límites para as emisións de corrente harmónica (equipos con corrente de entrada ≥ 16A por fase).

– UNE-EN 61000-3-3. Compatibilidade electromagnética (CEM). Parte 3: límites. Sección 3: limitación das variacións de tensión, flutuacións de tensión e flicker nas redes públicas de subministracións de baixa tensión para equipamentos con corrente de entrada ≤ 16A por fase e non suxeitos a unha conexión condicional.

– UNE-EN 61547. Equipamentos para iluminación de uso xeral. Requisitos de inmunidade CEM.

– UNE-EN 55015. Límites e métodos de medida das características relativas á perturbación radioeléctrica dos equipamentos de iluminación e semellantes.

– UNE-EN 62031. Módulos LED para iluminación xeral. Requisitos de seguridade.

– UNE-EN 61347-2-13. Dispositivos de control de lámpada. Parte 2.13: requisitos particulares para dispositivos de control electrónicos alimentados con corrente continua ou alterna para módulos LED.

– UNE-EN 62384. Dispositivos de control electrónicos alimentados en corrente continua ou corrente alterna para módulos LED. Requisitos de funcionamento.

g) Lámpadas e tubos LED.

– UNE-EN 62493. Avaliación dos equipamentos de iluminación en relación coa exposición humana aos campos electromagnéticos.

– UNE-EN 62471 de seguridade fotobiolóxica de lámpadas e aparellos que utilizan lámpadas.

– UNE-EN 61000-3-2. Compatibilidade electromagnética (CEM). Parte 3-2: límites. Límites para as emisións de corrente harmónica (equipos con corrente de entrada ≥ 16A por fase).

– UNE-EN 61000-3-3. Compatibilidade electromagnética (CEM).

– UNE-EN 61547. Equipamentos para iluminación de uso xeral. Requisitos de inmunidade CEM.

– UNE-EN 55015. Límites e métodos de medida das características relativas á perturbación radioeléctrica dos equipamentos de iluminación e semellantes.

– UNE-EN 62031. Módulos LED para iluminación xeral. Requisitos de seguridade.

– UNE-EN 62560. Lámpadas LED con balastro incorporado para servizos de iluminación xeral con tensión maior de 50 V.

– UNE-EN 62776. Lámpadas LED de dobre casco para substitución de lámpadas fluorescentes lineais.

No caso de que un equipamento non teña que cumprir con algunha das normas indicadas, deberase motivar adecuadamente.

3. Cando se valoricen enerxeticamente residuos ou enerxías residuais, considerarase aforro enerxético toda a nova enerxía valorizada. Considerase que a instalación contribúe a aumentar a eficiencia enerxética da empresa cando a enerxía xerada/recuperada se consome na súa práctica totalidade no centro de traballo asociado.

4. No caso das coxeracións, a porcentaxe de aforro enerxético asociado ás novas instalacións de coxeración calcularase conforme o parámetro PES (porcentaxe de aforro de enerxía primaria respecto da que consumise en xeración separada de calor e electricidade e/ou enerxía mecánica) definido no Real decreto 616/2007, do 11 de maio, sobre fomento da coxeración e aplicando os valores de referencia da eficiencia harmonizados para a produción separada de calor e electricidade recollidos no Regulamento delegado (UE) 2015/2402 da Comisión, do 12 de outubro de 2015.

O aforro enerxético da actuación resultará da aplicación da seguinte fórmula:

Aforro enerxético (kWh/ano) = 100 × CG / (100 - PES)

Onde: CG = consumo enerxético da coxeración prevista en kWh/ano.

5. Para os cambios de equipamentos xeradores de calor en instalacións de auga quente sanitaria e climatización, os equipamentos novos que se instalarán deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Naqueles casos en que proceda, os equipamentos novos que se van instalar deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, e un coeficiente de eficiencia enerxética en modo refrixeración (EER) igual ou superior a 3,0, nas condicións establecidas na norma UNE-EN 14511, sempre que os equipamentos estean incluídos no campo de aplicación da dita norma. Excepcionalmente, poderanse subvencionar equipamentos cuns coeficientes de rendemento menores sempre e cando se xustifique que non existe no mercado tecnoloxía dispoñible máis eficiente para esa solución particular.

b) No caso das caldeiras con potencia nominal ata 400 kW, terán como mínimo os seguintes rendementos:

– Para caldeiras de gas:

Rendemento a potencia útil nominal (Pn) en kW e a unha temperatura media da auga na caldeira de 70 ºC:

η ≥ 90 + 2 log Pn

Rendemento a carga parcial de 0,3 Pn e a unha temperatura de retorno de auga a caldeira de 30 ºC:

η ≥ 97 + log Pn

– Para caldeiras de gasóleo, as caldeiras estándar:

Rendemento a potencia útil nominal (Pn) en kW e a unha temperatura media da auga na caldeira de 70 ºC:

η ≥ 90 + 2 log Pn

Rendemento a carga parcial de 0,3 Pn e a unha temperatura media da auga na caldeira ≥ 50 ºC:

η ≥ 86 + 3 log Pn

c) No caso das caldeiras estándar con potencia nominal superior a 400 kW, cumprirán co rendemento exixido para as caldeiras de 400 kW.

6. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, economicamente e financeiramente viables.

Artigo 8. Investimentos subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 7 non serán subvencionables.

2. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) A rehabilitación da envolvente térmica dos edificios.

b) Os sistemas de distribución de calor/frío interior (tubaxes, emisores de calor…).

c) A substitución de radiadores eléctricos portátiles.

d) As instalacións que utilicen enerxías renovables, salvo as que procedan da valorización de residuos non propiamente enerxéticos e as bombas de calor.

e) As instalacións de iluminación de emerxencia, rótulos lumínicos e a iluminación de sinalización.

f) Os electrodomésticos (frigoríficos, fornos, cociñas, televisores, ordenadores…).

g) Os sistemas de distribución de electricidade non asociados directamente ao aforro enerxético (canalizacións, carrís…).

h) Operacións de mantemento (simples reposicións de lámpadas...).

i) Vehículos de todas as clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. A conta de maquinaria inclúe o conxunto de máquinas ou bens de equipo mediante os cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos. Nesta conta figurarán todos aqueles elementos de transporte interno que se destinen ao traslado de persoal, animais, materiais e mercadorías dentro de factorías, talleres, etc. sen saír ao exterior.

j) A obra civil non asociada directamente a instalación dos equipamentos.

4. Considéranse custos subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha.

5. Non se consideran custos subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Cando nunha actuación de aforro se incremente substancialmente a capacidade produtiva final do proceso, só se considerará elixible o custo correspondente á mellora enerxética da capacidade produtiva inicial.

Artigo 9. Contía da axuda

1. A contía da subvención será do 35 % do custo elixible da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 15 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

2. Con carácter xeral, establécese unha axuda máxima por proxecto de 100.000 euros. Poderase aumentar a axuda máxima por proxecto ata 1.000.000 de euros naquelas actuacións que en fase de solicitude xustifiquen a consecución de elevados niveis de aforro enerxético. Na seguinte táboa establécese o valor máximo de axuda en función do aforro enerxético anual xustificado.

Aforro enerxético anual

Axuda máxima (€)

AE < 100 tep/ano

100.000

AE ≥ 100 tep/ano

1.000 × AE

Onde AE = aforro enerxético anual en (tep/ano) xustificado en fase solicitude

No caso de que a axuda que se vaia conceder veña limitada pola axuda máxima indicada no parágrafo anterior, o custo elixible limitarase dividindo a axuda máxima entre a intensidade de axuda que corresponda ao solicitante.

No caso de proxectos de pemes dedicadas a transformación ou comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, ademais dos límites máximos de axuda indicados anteriormente, establécese un limiar de investimento máximo por proxecto de 2 millóns de euros e o conxunto de axudas totais concedidas á empresa por calquera Administración, ao abeiro do Regulamento 1388/2014, non poderá exceder 1 millón de euros por beneficiario e ano.

3. No caso de auditorías enerxéticas e de implantación de sistemas de xestión, o importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais, de 100.000 euros cando se trate de empresas de transportes de mercadoría por estrada por conta allea, de 30.000 euros para empresas do sector da pesca e da acuicultura.

No resto dos casos a axuda máxima por empresa beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 1.000.000 de euros.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 10. Forma e prazo de presentación das solicitudes e da documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. As solicitudes subscribiranas directamente os interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte a aquel en que se publiquen as presentes bases no DOG.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, dado que por razón da súa capacidade económica, técnica e dedicación profesional teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

4. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude ou a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

5. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos, 5 MB por arquivo individual, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir a persoa interesada, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

8. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

9. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, o Inega pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 15 00 ou do enderezo de correo electrónico inega.info@xunta.gal

Artigo 11. Documentación complementaria da solicitude

1. Xunto coa solicitude a persoa interesada presentará, anexadas, copias dixitalizadas da seguinte documentación:

a) Documentación do expediente administrativo:

1º. Modelo de solicitude (anexo I).

2º. Documento oficial en que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos en que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

3º. Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda (modelo dispoñible na páxina web do Inega).

4º. Ademais, para acceder á puntuación por responsabilidade social empresarial, deberá achegar copia do certificado ou informe de verificación ou validación do sistema de responsabilidade social empresarial da empresa, emitido por entidade certificadora acreditada polo estándar ou norma implantada das recollidas no artigo 17. Para xustificar que a empresa ten implantado un plan de igualdade e que este foi certificado polo Servizo de Igualdade da Secretaría Xeral de emprego ten que xuntar, a maiores do certificado, o número de rexistro no Rexcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia) polo que se acredita o depósito do acordo da empresa sobre o plan de igualdade.

5º. As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, debe ter solicitado o solicitante. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 15.000 euros, o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar no cal se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten; neste suposto o beneficiario deberá prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

Cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior a 15.000 euros, o beneficiario deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

6º. As empresas, cando non estean obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

7º. Copia do documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso das empresas de servizos enerxéticos, o que debe estar situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son os centros de consumo.

8º. Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar, ademais:

– Unha copia do contrato de servizos enerxéticos no cal se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

– Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

b) Documentación técnica que debe achegar o solicitante:

1º. Documentación específica de solicitudes para auditorías enerxéticas:

i) Memoria técnica do proxecto segundo modelo Memoria técnica AE, dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). O incumprimento do contido mínimo desta memoria poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.

ii) Documento denominado Ficha de consumos AE, segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal), no cal se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuelóleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2018 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto.

iii) Compromiso formal do representante de execución de todas as actuación de aforro detectadas na auditoría que presenten o suficiente grao de madureza tecnolóxica e un período de retorno inferior a dous anos, e declaración de que a auditoría non é obrigatoria segundo a normativa vixente.

iv) Certificado do responsable da empresa da porcentaxe de custos que representou a enerxía en relación co conxunto de custos dos centro de traballo no último exercicio.

2º. Documentación específica para proxectos de implantación de sistemas de xestión:

i) Memoria técnica do proxecto segundo modelo Memoria técnica SX, dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). O incumprimento do contido mínimo desta memoria poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.

ii) Documento denominado Ficha de consumos SX, segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal), no cal se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuelóleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2018 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto.

c) Certificado do responsable da empresa da porcentaxe de custos que representou a enerxía en relación co conxunto de custos dos centro de traballo no último exercicio.

3º. Documentación específica para solicitudes de axuda para proxectos de aforro e eficiencia enerxética. Distínguese entre proxecto de iluminación e calquera outro tipo de proxectos:

i) Proxectos de aforro e eficiencia de iluminación:

– Memoria técnica do proxecto segundo modelo Memoria técnica PAE_ILU, dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). O incumprimento do contido mínimo desta memoria poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.

– Copia das facturas de compra de electricidade do último ano.

– Fotografías a cor das estancias que se van reformar nas cales se poida ver a actividade desenvolvida nelas (non achegar fotografías dos puntos de luz); as fotografías deberán vir identificadas coas estancias da memoria técnica.

– Plano da situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipamentos inicial e final. No caso de que o número e a distribución dos puntos non varíe entre a situación inicial e final, só se terá que achegar un único plano coa situación final. Nos planos deberán quedar claramente identificadas as distintas zonas que figuren na memoria técnica, así como as dimensións destas.

– Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica) onde figuren o modelo proposto, potencia instalada, fluxo luminoso efectivo e nominal, temperatura de cor, rendemento lumínico do LED e do conxunto.

– As instalacións de iluminación que estean incluídas total ou parcialmente no ámbito de aplicación do documento HE3 do Código técnico da edificación, xustificación asinada por un técnico competente (especifíquese no documento o nome completo, DNI e cualificación do técnico asinante) de que cumpren coas exixencias establecidas nel. Nos casos en que a instalación non estea incluída total ou parcialmente no ámbito de aplicación, xúntase escrito xustificativo dos motivos.

– Os novos equipamentos de iluminación deberán achegar os certificados emitidos por entidades acreditadas do cumprimento das normas indicadas no artigo 7. No caso de que algún equipamento non teña que cumprir con algunha das normas, achegarase xustificante debidamente motivado. Nos certificados deberán figurar como mínimo a marca e o modelo do equipamento, número de certificado e as normas UNE en que se certifica o equipamento. Só serán válidos os certificados emitidos polas entidades acreditadas, non se aceptarán declaracións de conformidade, certificados marca ENEC ou semellantes, os ensaios realizados polas entidades acreditadas nin ningún outro documento que non sexa o certificado emitido pola entidade acreditada.

– Acreditación da entidade que emite os certificados dos novos equipamentos emitida pola entidade nacional de acreditación (ENAC, Cofrac, Accredia, DAKKS,…)

– Oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que podería realizarse de forma crible sen subvención.

– Ademais, nos casos en que proceda, deberase achegar:

• De todas as estancias ou zonas en que a potencia final dos novos equipos de iluminación sexa superior a 1 kW deberá entregarse estudo lumínico das zonas que se van reformar, identificando o programa de cálculo utilizado para a súa realización co obxecto de xustificar os valores que se indican no artigo 6.4 (Em, UGRL /GRL e Uo). No estudo lumínico deberán figurar os gráficos de valores de iluminancias a nivel da área de traballo e xustificar todos os datos que figuran na Memoria técnica PAE-ILU. Convén aclarar que no documento Memoria técnica PAE_ILU debe incluírse a totalidade de estancias ou zonas reformadas e os seus parámetros lumínicos, independentemente da potencia de iluminación instalada. O Inega poderá solicitar en calquera momento a presentación do estudo lumínico da totalidade de estancias; neste sentido, un mesmo estudo pode ser representativo de varias estancias con características análogas.

• O cálculo do índice de cegamento debe realizarse tendo en conta os lugares de traballo en relación coas luminarias, ventás e claraboias.

• Certificado de ter implantado un sistema de xestión enerxética segundo a norma UNE-EN ISO 50001:2011.

ii) Outros proxectos de aforro e eficiencia:

– Memoria técnica do proxecto segundo modelo Memoria técnica PAE, dispoñible na web do Inega (www.inega.gal). O incumprimento do contido mínimo desta memoria poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.

– Documento denominado Ficha de consumos PAE, segundo modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal), no cal se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuelóleo, gasóleo…) do período anual tomado como referencia (2018 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto.

– Fotografías da instalación actual.

– Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipos; en instalacións simples bastará cun plano en planta de localización do centro de traballo.

– Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipamento e do seu consumo enerxético.

– No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables, achéguese oferta técnica dun provedor que avale o orzamento dun investimento similar que implique menor eficiencia enerxética e que podería realizarse de forma crible sen subvención (investimento de referencia).

– Ademais, nos casos en que proceda, tamén se debe achegar o seguinte:

– Certificado de ter implantado un sistema de xestión enerxética segundo a norma
UNE-EN ISO 50001:2011.

– Memoria técnica adicional para actuacións de renovación de edificios segundo modelo Memoria técnica adicional edificios PAE, dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

– Folla de características da caldeira, onde deberán estar incluídos os rendementos requiridos.

– Certificado do coeficiente de rendemento (COP/EER) emitido por un laboratorio acreditado para realizar as probas segundo a norma UNE-EN 14511, para os equipamentos incluídos no ámbito de aplicación da dita norma (os que non estean incluídos teñen que xustificalo cun informe técnico do fabricante). Para os fabricantes asociados a Eurovent será suficiente con presentar a impresión da parte da base de datos en que figure a combinación unidade exterior-interior para a cal se solicita a axuda. Para os equipamentos con selo de calidade da EPHA (Asociación Europea de Bomba de Calor) será suficiente con achegar calquera documento que xustifique que o modelo ten o dito selo en vigor.

3. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

b) Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda autonómica.

c) DNI/NIE da persoa solicitante, cando se trate dunha persoa física.

d) NIF do solicitante, cando se trate dunha persoa xurídica.

e) Consulta administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.

f) NIF da entidade representante.

g) DNI/NIE da persoa representante, cando se trate dunha persoa física.

h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Concesión de subvencións e axudas.

j) Concesións pola regra de minimis.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, o Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia, e expresará a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 14. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido no artigo 7 das bases reguladoras, no marco nos números 4 e 5 do artigo 38 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 15. Órganos competentes

A xefa da Unidade Xurídico-Administrativa do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e correspóndelle ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

Artigo 16. Instrución dos procedementos

1. Unha vez presentada a solicitude xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De non ser así, de conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuara por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos, tendo nestes casos o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

2. Todas as notificacións se realizarán por medios electrónicos a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde aposta á disposición da notificación sen que se acceda o seu contido. En tal caso, farase constar no expediente tal circunstancia e darase por efectuada a notificación.

A notificación efectuarase do seguinte xeito:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilita no formulario de solicitude un aviso no cal se lle indica a posta a súa disposición desta notificación.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante.

4. Se o envío da notificación non é posible por problemas técnicos, o Inega practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou na páxina web do Inega (www.inega.gal). Para poder realizala é imprescindible que o solicitante ou o representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

6. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderase requirir ao solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

7. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

8. Os beneficiarios poderán visualizar na aplicación informática –accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega
(www.inega.gal)– o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente.

Artigo 17. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propor a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) O xefe do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Inega.

b) O xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega.

c) Un técnico do Inega.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan.

Non serán subvencionables os proxectos que acaden unha puntuación inferior a 10 puntos por considerarse que non cumpren suficientemente a finalidade da convocatoria.

4. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou recaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 18. Criterios de valoración

1. Criterios de valoración das solicitudes de axuda para auditorías enerxéticas e para a implantación de sistemas de xestión certificados:

a) Alcance do traballo: 30 %.

1º. No caso das auditorías enerxéticas valorarase o alcance do traballo co seguinte criterio:

– 5 puntos se a auditoría inclúe análise termográfica do centro de traballo. O informe final da auditoría debe recoller termografías e a súa respectiva valoración dos elementos máis relevantes desde o punto de vista de eficiencia enerxética e de seguridade da instalación.

– 5 puntos se a auditoría inclúe medicións e análises eléctricas do centro de traballo. O informe final da auditoría debe recoller en anexos gráficas e os valores máis representativos das variables eléctricas medidas mediante un analizador de redes naqueles puntos máis relevantes da instalación eléctrica da empresa. No informe debe xustificarse a selección dos puntos de medida.

– 5 puntos se a auditoría inclúe análise de gases de combustión das caldeiras e equipos de combustión do centro de traballo. O informe final da auditoría debe recoller os valores medidos e a análise dos resultados.

– 10 puntos se a auditoría inclúe unha análise de viabilidade técnico-económica da instalación dunha central de coxeración para abastecer as necesidades enerxéticas da empresa.

– 5 puntos se a auditoría inclúe análise dos niveis lumínicos dos lugares de maior consumo en iluminación do centro de traballo. O informe final da auditoría debe recoller os valores medidos e análise dos resultados. No informe debe xustificarse a selección dos puntos de medida.

2º. No caso dos proxectos para implantar sistemas de xestión certificados valorarase o alcance do traballo co seguinte criterio:

– 10 puntos se no proceso de implantación do sistema de xestión certificado se realiza unha auditoría enerxética integral por entidade externa. A auditoría realizada deberase entregar coa documentación xustificativa.

– 10 puntos se durante o proceso de implantación do sistema se instala ou xa se dispón de equipos de medida do consumo enerxético que permitan cuantificar o consumo dos principais equipos e procesos produtivos consumidores de enerxía do centro de traballo comunicados a un equipo centralizado de almacenamento de datos. Na documentación xustificativa deberase entregar unha relación dos equipos de medida instalados e a súa funcionalidade.

–10 puntos se durante o proceso de implantación do sistema se instala ou xa se dispón dun sistema de procesado avanzado de datos. Na documentación xustificativa deberase entregar unha descrición do sistema procesado avanzado de datos en que se inclúa unha relación das variables controladas, a súa procedencia e das prestacións ofertadas polo sistema de procesado.

b) Incidencia do custo da enerxía na competitividade do centro de traballo: 30 %.

Valórase a razón de 2 puntos por cada 1 % que representen os custos enerxéticos da empresa en relación cos custos totais do último exercicio de que se teña información, ata un máximo de 30 puntos.

c) Relación consumo do centro de traballo/investimento elixible: 35 %.

Outórgase a puntuación máxima de 35 puntos a aqueles proxectos que obteñan valores de 20 tep por cada 1.000 euros de investimento elixible ou superiores; os que teñan un rateo inferior puntuaranse proporcionalmente.

d) Responsabilidade social empresarial e implantación de plans de igualdade da empresa: 5 %.

Outórgase a puntuación de 5 puntos se a empresa beneficiaria da axuda acredita ter implantado un programa certificado de responsabilidade social empresarial ou un plan de igualdade que inclúa compromisos da empresa nestes campos superiores aos exixidos pola normativa vixente.

Para os efectos deste criterio, aceptaranse como programas de responsabilidade social empresarial certificados os seguintes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación), certificación de implantación de plans de igualdade, Global Reporting Iniciative (GRI), United Nations Global Compact (Pacto mundial), ISO 19600, SGE21, Global Accountability 1000 (AA1000), EMAS, ISO 14000 (ambiente), OSHAS 18000 (seguridade e saúde laboral), SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade).

No relativo á implantación de plans de igualdade voluntarios, deberanse realizar conforme o establecido no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade e estar rexistrados no Rexcon.

2. Criterios de valoración das solicitudes de axuda para proxectos de aforro e eficiencia enerxética:

a) Porcentaxe de aforro e eficiencia enerxética: 35 %.

O aforro valorarase a partir da porcentaxe de aforro enerxético mínimo exixible polas bases en cada actuación.

Estímase a porcentaxe de aforro respecto ao consumo enerxético do proceso ou equipo antes da mellora proposta e valórase a razón de 1 punto por cada 1 % de aforro que supere o mínimo exixido ata un máximo de 35 puntos. En caso de varias actuacións nun mesmo proxecto, a puntuación será polo global do proxecto.

Dada a contribución adicional á transición a unha economía baixa en carbono derivada do cambio de combustibles, valorarase tamén dentro deste criterio a porcentaxe de redución de emisións de CO2 derivadas do cambio de combustible (non se inclúe a electricidade) adicionais ao aforro enerxético a razón de 2 puntos por cada 1 % de redución de emisións, ata un máximo de 20 puntos por este concepto.

b) Relación aforro anual/investimento elixible: 45 %.

Outorgase a puntuación máxima de 45 puntos a aqueles proxectos que obteñan valores de 5 kWh/€ ou superiores; os que teñan un rateo inferior puntuaranse proporcionalmente.

O aforro calcularase partindo da situación de consumo inicial e da situación de consumo final (despois do investimento).

c) Sistemas de verificación do aforro enerxético acadado pola medida: 15 %.

Outorgarase a puntuación de 5 puntos a aqueles proxectos que instalen sistemas de medición do consumo asociados á actuación subvencionada.

Outorgaranse 5 puntos adicionais naqueles proxectos en que os equipos de medida do consumo enerxético asociados á actuación subvencionada estean comunicados cun sistema central de procesado avanzado de datos.

Outorgaranse 5 puntos adicionais naqueles proxectos en que no centro de traballo en que se realiza a actuación estea implantado un sistema de xestión enerxética certificado segundo a norma UNE-EN ISO 50001.

d) Responsabilidade social empresarial e implantación de plans de igualdade da empresa: 5 %.

Outorgase a puntuación de 5 puntos se a empresa beneficiaria da axuda acredita ter implantado un programa certificado de Responsabilidade social empresarial ou un plan de igualdade que inclúa compromisos da empresa nestes campos superiores aos exixidos pola normativa vixente.

Para os efectos deste criterio, aceptaranse como programas de responsabilidade social empresarial certificados os seguintes: empresa familiarmente responsable-EFR (conciliación), certificación de implantación de plans de igualdade, Global Reporting Iniciative (GRI), United Nations Global Compact Pacto mundial), ISO 19600, SGE21, Global Accountability 1000 (AA1000), EMAS, ISO 14000 (ambiente), OSHAS 18000 (seguridade e saúde laboral), SA 8000, IQNet SR10, BEQUAL (discapacidade).

No relativo á implantación de plans de igualdade voluntarios deberanse realizarse conforme o establecido no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais na Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, e estaren rexistrados no Rexcon.

3. No caso de existir empate na puntuación de corte outorgada ao proxecto e co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) 1303/2013, decidirase a favor do proxecto en que as entidades participantes teñan implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se cubrirá no formulario de solicitude.

Artigo 19. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 17.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, efectuarase o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, prescindirase do trámite de audiencia.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, de ser o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que se ditase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención, as obrigas dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

5. As notificacións de actos e resolucións administrativos realizaranse por medios electrónicos, a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorran 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, se entenderá que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberanse cumprir os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para conceder a subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de maneira previa non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderanse formalizar a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, ditarao o director do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 22. Aceptación e renuncia

1. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 16.2 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, concretamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ás comprobación e verificacións que realizará o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, que achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Os beneficiarios someteranse ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

3. Comunicarlle ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de tres anos, cando se trate de pemes, e por un período mínimo de cinco anos, cando se trate de grandes empresas, contado desde o remate do proxecto, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (CE) 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, manténdose o investimento sen modificacións substanciais.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos terase que achegar un documento asinado polo propietario da instalación en que asume o compromiso de manter o investimento hasta que se cumpra este período.

5. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a 1.000.000 de euros a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Inega informará os beneficiarios da data a partir da cal se realizará o cómputo anterior.

No caso das operacións non recollidas no parágrafo primeiro, todos os documentos xustificativos estarán dispoñibles durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

6. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

7. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) 1303/2013, o beneficiario:

a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluída a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo, que dá apoio á operación, o lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, informará o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados e destacando o apoio financeiro da Unión; b) colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio, excepto cando o importe da axuda supere os 500.000 euros.

Durante a execución de toda operación de financiamento de obras de infraestrutura ou construción que se beneficie dunha axuda de Feder superior a 500.000 euros, o beneficiario colocará un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público.

O beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación que reúna as características seguintes:

1ª. A contribución pública total á operación supera os 500.000 euros.

2ª. A operación consiste na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.

O Regulamento de execución (UE) 821/2014 especifica nos artigos 3 e 4 a forma en que se debe crear o emblema e as súas características técnicas, e no artigo 5 as características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais e permanentes.

O Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

8. Reintegrar os fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda:
http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

10. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Prazo para a execución da instalación

1. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2019.

2. A documentación xustificativa do investimento realizado presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 26. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvención de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 16.2 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do NIF do solicitante (persoa xurídica), tendo nestes casos o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen se ter presentado ningunha documentación, o beneficiario será igualmente requirido para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 27. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

3. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de maneira fraccionada deberán incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

No obstante, no presente procedemento admitiranse os documentos en papel ou copias debidamente compulsadas debido a circunstancias funcionais e/ou tecnolóxicas derivadas da implantación progresiva por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma en relación coa organización da emisión das copias auténticas electrónicas.

A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores, agás que concorran as seguintes circunstancias, previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a pertinente autorización por parte da Dirección do Inega.

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario da solicitude.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), onde conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor no cal se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto se executou conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial ou que indique os cambios acontecidos, que o proxecto se axusta á normativa vixente e que se obtiveron todos os permisos e autorizacións necesarios para a súa execución. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire este punto.

De existiren modificacións no proxecto deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegarase a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

e) Nos casos en que proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se for necesario.

f) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

g) Nos proxectos de enerxía xeotérmica o beneficiario deberá achegar certificado de obra do sistema de captación asinado por un técnico conforme o modelo dispoñible na web do Inega. Sempre que sexa obrigatoria unha autorización para a execución do proxecto, o beneficiario deberá xustificar a súa obtención ou, no caso de que aínda non se recibise a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude.

h) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

i) Documentación específica de solicitudes de axuda para auditorías enerxéticas:

1º. Copia da auditoría en formato dixital.

2º. Documento titulado «Formulario de resultados da auditoría enerxética», dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal), en formato dixital editable (.xls)

j) Documentación específica de solicitudes de axuda para proxectos de implantación de sistemas de xestión:

1º. Copia do certificado emitido durante o período de xustificación conforme a norma ISO 50.001 por entidade acreditada. No caso de non se ter completado a obtención do certificado deberase xustificar o inicio do proceso de certificación achegando contrato asinado cunha entidade acreditada. Ademais, deberá entregarse en todo caso copia dos documentos resultantes dos traballos realizados.

2º. Nos casos en que proceda, deberase entregar a auditoría enerxética realizada.

3º. Nos casos en que proceda, deberase entregar unha relación dos equipamentos de medida instalados e comunicados a un equipamento central e a súa funcionalidade.

4º. Nos casos en que proceda, deberase entregar unha descrición do sistema de procesamento avanzado de datos en que se inclúa unha relación das variables controladas, a súa procedencia e das prestacións ofertadas polo sistema de procesamento.

k) Documentación específica de solicitudes de axuda para proxectos de aforro e eficiencia enerxética:

1º. Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude).

2º. No caso de actuacións de iluminación, deberase presentar un certificado asinado por un técnico cualificado en que se relacionen as estancias reformadas (coa mesma estrutura utilizada no documento Memoria técnica PAE_ILU), o seu uso e declaración de que tras as medicións realizadas se constata o cumprimento do nivel de iluminación mantido a nivel da área de traballo en toda a superficie da zona reformada (Em), dos Índices de cegamento (UGRL) e da uniformidade da iluminancia (Uo), que se definen na norma UNE-EN 12464 (Iluminación. Iluminación nos lugares de traballo), na Guía técnica para a avaliación e prevención de riscos relativos á utilización de lugares de traballo, e norma UNE-EN 12193 (Iluminación. Iluminación de instalacións deportivas), se é o caso.

4. Con carácter xeral, a documentación presentada permitiralle ao Inega medir o indicador de produtividade asociado a estas bases reguladoras, que é E001Z-redución do consumo de enerxía final nas infraestruturas públicas ou empresas (ktep/ano).

Artigo 28. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderase reducir proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 29. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Instituto Enerxético de Galicia, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas en exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, punto 3, do Regulamento (UE) 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Artigo 30. Perda do dereito a subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no titulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderase apreciar un incumprimento parcial, e deberase resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable e, se é o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Reintegros das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade do financiamento do proxecto de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo concepto subvencionable, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de cinco anos.

e) Suporá a perda da subvención, cando se trate de operacións que comprendan investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos se, nos 10 anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión (excepto cando o beneficiario sexa unha peme), ou no prazo que determina a normativa de axudas de Estado.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberanse xustificar en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores o pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 31. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 32. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20 de decembro de 2013), que xa foron mencionadas na letra C) do artigo 20 destas bases.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco da presente convocatoria, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral de la Administración del Estado por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 33. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a adecuada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións. Así se recolle no artigo 140 do Regulamento (CE) 1303/2013, polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20 de decembro de 2013).

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

3. O Inega poderá realizar comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polos beneficiarios no relativo ao tamaño da empresa e á consideración como empresa en crise.

Artigo 34. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

b) Regulamento (UE) 717/2014 da Comisión, do 27 de xullo de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190/45, do 28 de xuño de 2014).

c) Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

d) Regulamento (UE) 1388/2014 da Comisión, do 16 de decembro de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas a empresas dedicadas á produción, transformación, e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

e) Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da pesca e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

f) Regulamento (UE) 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1080/2006.

g) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

g) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file