Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Luns, 7 de xaneiro de 2019 Páx. 701

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2018 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 25 de outubro de 2018, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, facultando o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2019, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) e convocar para o exercicio 2019 as ditas axudas, en réxime de concorrencia competitiva (procedemento IG421A).

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.

Actuación 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia aliñada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE.

Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes.

Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Segundo

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2019. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2019

Orzamento 2020

Total

09.A1.741A.7814

200.000,00 €

1.800.000,00 €

2.000.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos logo de declaración da súa dispoñibilidade nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de cinco meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de setembro de 2019 para as solicitudes con accións que se van realizar ata esta data (orzamento 2019) e do 15 de xullo de 2020 para as solicitudes con accións que se van realizar ata esta data (orzamento 2020). Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberáse presentar a solicitude de cobramento.

O beneficiario da axuda poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión. Con data límite do 14 de agosto de 2019, poderán solicitar o anticipo correspondente os beneficiarios con prazo máximo de execución ata o 30 de setembro de 2019. E no mes xaneiro de 2020 poderán solicitar o anticipo correspondente os beneficiarios con prazo máximo de execución ata o 15 de xullo de 2020.

Sexto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sétimo

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2018

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A internacionalización, como resultado exitoso do impulso colectivo das empresas da nosa rexión, especialmente para as pemes, supón a confirmación do valor engadido do seu modelo de negocio e, polo tanto, é una fonte de mellora continua da competitividade. Ademais, a internacionalización é expoñente e dinamizador dos atributos ligados á marca Galicia Calidade.

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis exixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixes prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. O Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas, mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos.

Unha aposta que se plasma na Estratexia da Xunta de Galicia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2020. Aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro e consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, esta estratexia persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto, estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020:

• Eixe 2. Maior presenza en mercados. Obxectivo: diversificación de mercados pero, sobre todo, zonas xeográficas.

• Eixe 4. Galicia unha forma de facer. Obxectivos: mellorar o coñecemento e posicionamento de Galicia nos mercados internacionais e consolidar a percepción dos produtos e servizos galegos: calidade, prestixio, etc.

• Eixe 5. Unidade de axentes impulsores. Colaboración cos organismos intermedios. Obxectivos: coordinación e complementariedade a través da cooperación entre os distintos axentes da internacionalización evitando duplicidades, colaborar cos organismos intermedios, como revulsivos para estimular as empresas en vertentes como a innovación, a competitividade e a internacionalización, apoiando activamente as accións desenvolvidas polos actores intermedios e fomentando a participación de empresas galegas en iniciativas agrupadas que fomenten e faciliten, ademais, a colaboración empresarial.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O Igape é xestor de fondos Feder do marco regulamentario 1420 no seguinte encaixe: obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes. Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados internacionais. Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes. Actuación 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia aliñada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE. Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes. Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Os indicadores de produtividade correspondente son o CO01 número de empresas que reciben axudas e o CO02 número de empresas que reciben subvencións. E o indicador de resultado é o número de pemes exportadoras.

Para os efectos de conseguir maior coordinación de axentes impulsores e apoiar a todos dunha maneira equitativa considérase axeitado unificar nestas bases o apoio a todo tipo de organismos que realizan accións de fomento da internacionalización da empresa galega (clústers, asociacións empresariais, consellos reguladores e centros tecnolóxicos).

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización conxunta da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países e a diversificación dos sectores internacionalizados.

Estas axudas están dirixidas a apoiar o esforzo realizado polos organismos intermedios para promocionar empresas galegas (que compartan similares intereses en determinados mercados) de modo agrupado aproveitando sinerxías e cooperando entre si, polo que se apoian as accións de promoción propostas e organizadas por entidades empresariais sen ánimo de lucro.

Esta liña de axuda compleméntase co programa de aquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización financiado con fondos propios do Igape, dado que se lles ofrecese aos organismos intermedios solicitantes destas axudas a posibilidade de solicitar un bolseiro de promoción exterior para que os apoie na realización das accións de internacionalización para as que solicita esta axuda.

Compleméntase, ademais, coas liñas de axuda Galicia Exporta Empresas e Foexga cofinanciadas con Feder, e cos servizos do Igape á internacionalización.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Accións obxecto de apoio e exclusións

1. Co obxectivo de incentivar a posta en marcha de plans de internacionalización mediante realización de accións de promoción no exterior de modo conxunto favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de accións que beneficien un sector empresarial galego ou máis dunha empresa galega dun mesmo sector ou sectores complementarios, promovidas e desenvolvidas por organismos intermedios para facilitar a internacionalización das empresas ás cales representan:

a) Misións empresariais directas ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro, así como aqueloutros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan a promoción do sector e as empresas a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.

b) Participación en feiras ou eventos expositivos que se celebren no estranxeiro.

c) Misións empresariais inversas de importadores, distribuidores, medios de comunicación ou outro tipo de prescritores, empresas, profesionais ou organismos estranxeiros, co obxecto de dar a coñecer ao exterior as posibilidades das empresas e produtos galegos e/ou para sondar posibles fórmulas de cooperación.

d) Campañas conxuntas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro e sempre que se trate de campañas de promoción dun sector empresarial galego ou de varias empresas galegas do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.

e) Elaboración de material promocional conxunto como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro, sempre que se realice para un sector empresarial galego ou para varias empresas galegas do mesmo sector ou sectores complementarios con similares intereses en determinados mercados.

f) Contratación de bases de datos de intelixencia competitiva internacional.

g) Creación de plataforma aplicación de e-commerce para mercados internacionais (mercado en liña).

h) Xestión de tramitación de acordos de joint-ventures, contratos, certificacións, homologacións e rexistros de marca e patentes para o estranxeiro.

i) Xestión de licitacións internacionais.

j) Accións cooperativas en destino para implantación promocional ou prospección de mercados.

En cada acción deben participar un mínimo de dúas pemes galegas e/ou o organismo solicitante da axuda representando a un mínimo de dúas pemes galegas.

2. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, na cal se poderán incluír varias accións das mencionadas. No caso de presentar máis dunha solicitude atenderase á primeira presentada, no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

4. As empresas que participen directamente nas accións subvencionadas consideraranse, así mesmo, beneficiarias para os efectos de imputación da axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Ao organismo intermedio imputaráselle soamente o minimis correspondente ao gasto subvencionado daquelas accións que realice en representación de todo o sector.

5. As axudas estarán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, nun 80 %, obxectivo temático 03, prioridade de investimento 03.04, obxectivo específico 03.04.03, actuación 03.04.03.01, campo de intervención 066 e liña de actuación 15, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular as establecidas no anexo XII, número 2.2 do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro), de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e de outros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme o documento en que se establezan as condicións da axuda.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa das accións realizadas. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os organismos intermedios empresariais de Galicia. Por organismos intermedios empresariais enténdese: as asociacións empresariais, consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústers empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas, e os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos con anterioridade ao 31.12.2016 no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Enténdese por clúster empresarial para os efectos destas bases as agrupacións empresariais innovadoras que colaboren e desenvolvan plans de internacionalización en cooperación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e que teñan creada unha entidade con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro, que xestione a agrupación clúster.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos terase en conta a definición establecida no artigo 2.18 do Regulamento (UE nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

4. Consideraranse, así mesmo, beneficiarias as empresas -que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión e que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia- que participen directamente nas accións subvencionadas e ás cales se lles imputará a axuda en minimis que lles corresponda segundo o gasto subvencionado. Cada peme participante deberá declarar o cumprimento dos requisitos de peme e as axudas en minimis solicitadas e/ou concedidas nos últimos tres exercicios fiscais.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Considéranse conceptos subvencionables aqueles gastos do tipo dos descritos neste artigo facturados ao organismo intermedio e pagados por este.

2. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes, que reúnen os requisitos establecidos na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020:

Concepto subvencionable e límite de gasto subvencionable para cada empresa e acción en que participe

Accións ás cales corresponden os distintos tipos de conceptos subvencionables

Gastos de viaxe dunha persoa por organismo intermedio e/ou por cada peme participante na acción que se desprace á cidade ou cidades de celebración da acción desde algunha cidade de España. No caso das accións das citadas no artigo 1.1.b) admiténse gastos de viaxe de dúas persoas por peme participante e/ou organismo. (Por motivos empresariais admitirase que se emprenda a viaxe ou se retorne doutro país distinto de España, nese caso só se subvencionará o aloxamento do país no que se celebra a acción). Só son subvencionables gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, taxas de visado e seguro de viaxe. Unicamente se admitirán os gastos viaxe de persoal do organismos ou da peme participante, entendendo por tal calquera traballador do organismo ou da peme contratado por conta allea, accionista, propietario, administrador ou representante legal, ou persoal contratado doutro modo para labores de internacionalización da empresa. Estas condicións acreditaranse mediante declaración no formulario electrónico de solicitude. Límites destes gastos: os indicados no anexo IV. No caso de que unha mesma acción implique desprazamento a máis dun país, terase en conta a distancia ao primeiro destino, e sumarase a distancia desde este, ás cidades destino dos outros países (1 cidade por país).

Só para accións citadas nos puntos a), b) do artigo 1.1., (misións directas e participacións en eventos).

Gastos de aloxamento (en réxime de aloxamento e almorzo) dunha persoa do organismo intermedio e/ou de cada peme participante na acción que se desprace. No caso das accións das citadas no artigo 1.1.b) admítense gastos de aloxamento de dúas persoas por peme e/ou organismo participante no evento. Só se subvencionarán 5 pernoitas por persoa e acción e tendo en conta os límites indicados no anexo IV. No caso de acción en máis dun país engadiranse un máximo de 3 pernoitas máis subvencionadas por país cun máximo total de 12 pernoitas.

No caso de misións inversas teranse en conta os gastos de viaxe a Galicia de cada persoa participante na misión (máximo 20 persoas por país e acción). Son subvencionables os gastos de viaxe correspondentes a avión, tren e/ou autobús, taxas de visado e seguro de viaxe. Subvencionaranse tamén, neste caso, os gastos de aloxamento en Galicia (en réxime de aloxamento e almorzo). Só se subvencionarán un máximo de 5 pernoitas por persoa e tendo en conta os límites indicados no anexo IV.

Só para accións citadas na letra c) do artigo 1.1. (misións inversas).

No caso de misións inversas gastos de desprazamentos en Galicia mediante servizo contratado: autobús, minibús, taxi ou vehículo con condutor.

Gastos de: alugamento de salas, espazos e servizos relacionados co dito alugamento; alugamento de stand; construción, montaxe e desprazamento de stand; decoración de stand; alugamento de mobiliario; contratación de persoal de apoio como intérpretes, modelos ou azafatas; envío de material promocional e mostras co seu seguro correspondente; gastos de publicidade inherentes á acción promocional, servizos de organización de eventos e cotas de inscrición nos eventos promocionais.

Só para accións citadas nas letras a), b) e c) do artigo 1.1. (misións directas, participacións en eventos e misións inversas).

Gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, seguimento de contactos iniciais e/ou desenvolvemento de clientes no estranxeiro (metodoloxía enfocada en descubrir mercados para a empresa e os seus produtos, apostando por descubrir e aprender dos propios clientes, ofrecendo un produto que realmente necesiten).

Gastos de compra de espazos publicitarios e inserción nos medios de comunicación.

Só para accións citadas na letra d) do artigo 1.1. (campañas de publicidade).

Gastos de asistencia externa en orixe ou en destino para o deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional.

Só para accións citadas na letra e) do artigo 1.1. (material promocional).

Gastos de asistencia externa para deseño, creación e/ou aloxamento de aplicación soporte de comercio electrónico. Non serán subvencionables os gastos de mantemento nin os gastos correspondentes a servizos de posicionamento. Non será subvencionable este concepto de gasto para organismos que xa obtivesen axuda (axuda concedida sen mediar renuncia) para este concepto de gasto en convocatorias anteriores destas bases. Non serán subvencionables estes gastos no caso de que xa se dispuxese dunha aplicación deste tipo antes da solicitude de axuda ou se non se xustifica a operatividade desta aplicación dentro do prazo de execución da axuda.

Só para accións citadas na letra g) do artigo 1.1. (e-commerce).

Cotas de bases de datos de intelixencia competitiva internacional sectorial.

Só para accións citadas na letra f) do artigo 1.1. (intelixencia competitiva).

Gastos de asistencia externa en orixe ou en destino:

Só para accións citadas nas letras h) e i) do artigo 1.1.

Asistencia xurídica, técnica e servizos para tradución de documentación.

Gastos de alugamento de locais durante o período de execución establecido na resolución de concesión.

Só para accións citadas na letra j) do artigo 1.1.

En relación cos gastos de asistencia externa en destino para a deteción de oportunidades, a realización de axendas, desenvolvemento de clientes no estranxeiro e/ou seguimento de contactos iniciais, as empresas que presten este tipo de servizos deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape.

Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro ou oficinas comerciais ou organismos públicos españoles ou estranxeiros que presten este tipo de servizos. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

a) Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.

b) Os custos de servizos para o posicionamento web.

c) Os custos de envío de mercadorías distintas ao material promocional ou mostras sen valor comercial.

d) Imposto sobre o valor engadido (IVE) a non ser que se acredite que non é recuperable.

e) Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.

f) Produtos de merchandising e outros regalos promocionais.

g) Aqueloutros que non estean directamente vinculados coa realización da acción subvencionable.

4. Os gastos subvencionables serán os realizados polo organismo solicitante dentro do prazo de execución e facturados e pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e o derradeiro día do prazo de execución establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo da partir desa data) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda.

Excepcionalmente, tamén serán subvencionables os gastos efectuados e pagados desde o 1 de xullo de 2018 exixidos en concepto de reserva para accións que se realizarán no exercicio 2019.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren (neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal), ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

6. Os provedores non poden ser empresas que formen parte do organismo solicitante, nin poderán estar vinculados co organismo solicitante ou a peme beneficiaria final ou cos seus órganos directivos ou xestores. A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude.

7. No caso de que o solicitante teña a condición de poder adxudicador nos termos previstos no artigo 3.3.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, deberán presentar, se é o caso, o correspondente expediente de contratación tramitado para o efecto nos termos previstos nos artigos 316 a 320 da devandita Lei de contratos do sector público. Será responsabilidade da entidade beneficiaria o cumprimento da citada normativa, podendo o seu incumprimento dar lugar á perda do dereito ao cobramento total ou parcial e demais responsabilidades previstas na normativa de subvencións públicas.

Conforme o artigo 3.3.d) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, teñen a consideración de poderes adxudicadores todos os entes, organismos ou entidades con personalidade xurídica propia distintas das administracións públicas, fundacións públicas ou mutuas colaboradoras coa Seguridade Social que fosen creados especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos que deban considerarse poder adxudicador de acordo cos criterios dese punto 3 financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia.

8. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

9. Todos os gastos deben ser facturados ao organismo intermedio solicitante e pagados polo dito organismo. Non se admiten pagamentos en efectivo.

Artigo 6. Intensidade de axuda, máximo de subvención e criterios de avaliación e selección de solicitudes

1. Para as accións incluídas nesta convocatoria a intensidade da axuda será do 80 % da subvención sobre os gastos subvencionables co límite máximo de subvención de 176.000 € por beneficiario e convocatoria.

2. As solicitudes que cumpran coas condicións necesarias serán avaliadas de acordo co seguinte baremo xeral cunha base de puntuacion de 100 puntos. Non se subvencionarán solicitudes que non acaden unha puntuación mínima no baremo de 30 puntos.

a) Representatividade do organismo intermedio.

Número total de empresas asociadas ou representadas polo organismo intermedio solicitante da axuda á data de solicitude da axuda:

1º. Superior a 30 empresas: 25 puntos.

2º. Entre 20 e 30 empresas: 10 puntos.

3º. Entre 10 e 19 empresas:5 puntos.

Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario electrónico de solicitude.

b) Concreción sectorial do solicitante: organismo intermedio sectorial (clúster, consello regulador, centro tecnolóxico ou asociación representativa dun sector ou varios sectores relacionados entre si): 25 puntos. Para os efectos de priorizar as accións de organismos con especialización sectorial sobre accións de organismos multisectoriais, en liña coa estratexia galega de especialización intelixente (RIS3 Galicia).

c) Estudo previo -feito ou encargado polo organismo intermedio- de empresas pertencentes a el en relación coa súa internacionalización: 20 puntos (no caso de telo elaborado no ano 2018 ou posterior). Para acreditar esta condición deberá cubrir a seguinte información no formulario electrónico de solicitude:

1º. Número de empresas analizadas e a súa porcentaxe sobre o total de empresas representadas polo organismo (como mínimo deben estar analizadas todas as empresas para as que se solicita axuda).

2º. Grao de internacionalización das empresas analizadas en función da porcentaxe do volume de exportacións ou negocio no estranxeiro sobre o volumen de negocio total anual. Indicando: número de empresas por tramos de internacionalización, países en que teñen feito exportacións ou negocios e número de empresas non internacionalizadas.

3º. Debilidades e fortalezas das empresas analizadas de cara á súa internacionalización.

d) Novos solicitantes: recibirán 15 puntos os organismos que non obtivesen resolución aprobatoria á solicitude de anteriores convocatorias destas bases.

e) Aproveitamento de axudas á internacionalización anteriores. Máximo 15 puntos. Avaliarase tendo en conta:

Informe de resultado de subvencións anteriores do Igape recibidas polo organismo para o mesmo fin de internacionalización das empresas asociadas ao organismo intermedio: 15 puntos no caso de cubrir este informe no formulario electrónico de solicitude e que se acadasen resultados positivos.

Este informe debe incluír, para cada subvención recibida polo organismo intermedio solicitante -con resolución de concesión a partir de 1 de xaneiro de 2013- un detalle de:

1º. Ano da resolución de concesión da axuda.

2º. Importe da axuda recibida (no caso de expedientes finalizados, o importe menor entre a axuda liquidada e a concedida).

3º. Finalidade da axuda.

4º. Resultados en termos de:

i) Número de empresas beneficiarias da axuda.

ii) Número de contratos asinados polas empresas.

iii) Importe do volume de negocios estimado xerado gracias as accións subvencionadas.

iv) Número de empresas que se iniciaron nos mercados obxecto das accións subvencionadas.

v) Número de empresas que ampliaron mercado no/nos país/es obxecto da subvención.

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os organismos interesados definidos no artigo 4 deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e das accións para as que solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

No formulario o solicitante deberá cubrir unha memoria xustificativa das accións para as cales solicita subvención que incluirá os mercados obxecto das accións e, para cada acción, detalle de: tipo, título, descrición, datas estimadas de inicio e fin, orzamento e lugar de celebración (se procede).

No devandito formulario realizaranse as seguintes declaracións:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

e) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

f) Que a entidade solicitante non iniciou os gastos subvencionables e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Conservar toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

A solicitude presentarase mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerarán desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse unicamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizado co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para os efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

2. O organismo interesado deberá achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Acreditación da representación con que se actúa.

b) Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes.

c) Certificado acreditativo da inscrición no Rexistro de centros de innovación e tecnoloxía con anterioridade ao 31 de decembro de 2016, no caso de centros de innovación e tecnoloxía.

d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

De conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 7.2. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automáticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante. 

e) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Internacionalización do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador, composto por tres membros: o director da Área de Internacionalización, que actuará como presidente, o xerente da Oficina de Internacionalización e o técnico Responsable de Programas, que actuará como secretario, con voz e voto. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, de 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polo órgano avaliador en función dos datos declarados na solicitude de axuda, no formulario electrónico e na documentación presentada e, elaborará unha relación delas coa puntuación que lles corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos de emenda citados realizaranse preferentemente mediante a publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.

4. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios «a», «b», «c», «d» e «e» do artigo 6.2, por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

5. A Área de Internacionalización ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e a elevará ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) n° 1303/2013.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

6. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poderán descargar a súa resolución individual introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas).

As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

7. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será o indicado na resolución da convocatoria. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións, admitíndose, dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, modificacións relativas ao orzamento subvencionable á baixa, ao traspaso orzamentario entre partidas de gasto, á modificación á baixa do prazo de execución, ao cronograma de execución, á tipoloxía de accións que se van acometer e tipoloxía de gasto, e ao/aos país/es obxectivo, sempre e cando estes cambios non alteren o baremo. Non se permite a modificación orzamentaria que implique traspaso dunha anualidade a outra.

2. A solicitude de modificación deberá presentarse con anterioridade mínima dun mes ao vencemento do prazo de execución.

3. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 7. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións establecidos na resolución de concesión da subvención, así como a realización das accións e o cumprimento da finalidade que determine a resolución de concesión da axuda.

3. Someterse ás accións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

4. Durante o período citado no punto anterior, as entidades e empresas participantes nas accións estarán obrigadas a subministrar, por requirimento do Igape, os datos relativos á evolución da súa actividade exportadora (volume de facturación, servizos ou produtos exportados, países, etc.) e resultados concretos obtidos grazas ás accións financiadas en que participan, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das accións financiadas.

5. Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as accións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere o custo elixible.

6. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

7. Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público polo Igape, a Xunta de Galicia e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional segundo o establecido no anexo III a estas bases.

8. Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

9. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. No caso de non ser quen de realizar as accións para as que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

11. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria.

Para presentar a solicitude de cobramento, o organismo solicitante deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

2. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que, a título informativo, figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (ben porque ten un formato erróneo ben non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015 e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 7.1 das bases reguladoras.

4. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 28 da Lei 39/2015, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o que poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

Exceptúanse do anterior os documentos que, de conformidade co artigo 14.6, deban ser orixinais. No caso de que o documento orixinal estivese en formato papel, o beneficiario deberá obter unha copia auténtica, segundo os requisitos establecidos no artigo 27 da Lei 39/2015, con carácter previo á súa presentación electrónica.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o organismo solicitante da axuda presentará:

a) Orixinal das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade. As facturas correspondentes ás viaxes deben permitir identificar a persoa que viaxa (nome, apelidos e DNI).

b) Copia da documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución, así como extracto do seu cargo na conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e estarán debidamente selados pola entidade financeira, e asinados polo beneficiario.

2º. Certificación bancaria conforme o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

3º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas na acción e, ademais algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) Memoria de resultados que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación, na cal se expoñan co suficiente grao de detalle as accións desenvolvidas e resultados ou obxectivos acadados.

d) No caso de actuacións a), b) do artigo 1.1 (Misións directas e participación en eventos).

1º. Copia de informe de execución segundo o modelo do anexo V.

2º. No caso de gastos de viaxe: copia da documentación para xustificar a orixe e destino de cada traxecto e as datas (tarxetas de embarque de ida e volta, ou billetes e/ou tíckets ou outra documentación que o xustifique).

3º. No caso de gastos de aloxamento: copia da documentación para xustificar o número de pernoitas (bono de reserva de aloxamento ou factura de xeito que quede demostrada a data do aloxamento).

4º. No caso de gastos de asistencia para a detección de oportunidades en destino, a realización de axendas, desenvolvemento de clientes, e/ou seguimento de contactos iniciais será necesario achegar copia do informe de execución asinado polo provedor no cal se indique como mínimo: situación –antes e unha vez realizada a acción– polo que se refire ao servizo contratado, servizos prestados e resultados. E, de ser o caso, detalle das axendas elaboradas con identificación das contrapartes, lugar e datas das reunións realizadas.

e) No caso de actuacións c) do artigo 1.1 (Misións inversas).

1º. Copia de informe de execución segundo o modelo do anexo V.

2º. Os documentos citados no punto anterior d) 2º e 3º para a xustificacion de gastos de viaxe e gastos de aloxamento de cada compoñente das misións.

3º. Os documentos citados no punto anterior para a xustificación de gastos de asistencia para a detección de oportunidades en destino, a realización de axendas, desenvolvemento de clientes, e/ou seguimento de contactos iniciais d) 4º.

f) No caso de actuacións d) do artigo 1.1 (Campañas conxuntas de publicidade) será necesario achegar copia de informe de execución onde consten os medios, datas das insercións e copia dixital delas onde se aprecien os requisitos de publicidade atendendo aos requisitos do anexo III.

g) No caso de actuacións e) do artigo 1.1 (Elaboración de material promocional conxunto) deberá achegar copia dixital do dito material onde se aprecien os requisitos de publicidade atendendo aos requisitos do anexo III.

h) No caso de actuacións g) do artigo 1.1 (Creación de plataforma aplicación e-commerce) será necesario achegar informe do provedor da execución técnica do proxecto que inclúa imaxes da aplicación de e-commerce onde se aprecien os requisitos de publicidade atendendo aos requisitos do anexo III, así como informe de resultados que inclúa número de visitas e volume de venda desde a posta en marcha.

i) No caso de actuacións h), i), j) do artigo 1.1 (Xestión de tramitación de acordos, Xestión de licitacións internacionais así como implantación e prospección de mercados) copia dun informe realizado polo solicitante dos resultados obtidos durante o período en que se indique como mínimo: situación –antes e unha vez realizada a acción– polo que se refire ao servizo contratado, servizos prestados e resultados.

j) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

k) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso para as mesmas accións, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

l) No caso de gastos de envío de material promocional e mostras debe achegar –no caso de envíos fóra da UE– copia da documentación relativa ás datas, destino e ao contido do envío.

m) Cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.7 destas bases: fotografías do cartel na empresa (con plano xeral de localización e de detalle), imaxes do sitio da internet, de acordo co indicado no anexo III destas bases.

7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario electrónico de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.6: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

10. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

11. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 12 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas aos organismos solicitantes realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización das accións subvencionadas e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os solicitantes das axudas poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención total concedida, unha vez notificada a resolución de concesión e con data límite establecida na resolución de convocatoria. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

3. Exímense os/as beneficiarios/as da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

4. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento das accións subvencionadas, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non facilitar os datos requiridos sobre a actividade exportadora ou non permitan someterse ás accións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra acción, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das accións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

d) Non darlle publicidade ao financiamento das accións subvencionadas, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases.

e) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

f) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as accións subvencionadas e que, de telas comunicado, superasen os límites de minimis.

h) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención.

i) Non acreditar que se atopa ao día das súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro co seguinte criterio:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se e o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás accións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento das accións aprobadas e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás accións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitado para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. Previamente ao seu aboamento, o órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Os beneficiarios das axudas conservarán á disposición da Administración concedente as facturas e xustificantes de gasto, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. Esta data será comunicada ao beneficiario.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no punto 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia - Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos segundo o disposto nos artigos 125, número 2, artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto:

a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

c) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) No Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei xeral de subvencións.

e) No Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro de 2013) e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

f) No Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

g) No Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

h) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

i) Na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Gastos de viaxes subvencionables

Axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das
empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios) cofinanciadas polo
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder
Galicia 2014-2020

Gastos máximos de viaxe subvencionables por tramos de distancia entre país de orixe e o país ou países de destino (terase en conta só unha cidade de destino por país ou países obxecto da actuación).

Distancias cidade de orixe e destino

Importe ida

Importe volta

Entre 100 e 499 km

90,00 €

90,00 €

Entre 500 e 1.999 Km

237,50 €

 237,50 €

Entre 2.000 e 2.999 km

280,00 €

 280,00 €

Entre 3.000 e 3.999 km

465,00 €

 465,00 €

Entre 4.000 e 7.999 km

510,00 €

 510,00 €

8.000 km ou máis

650,00 €

 650,00 €

Fonte límite: distancia desde a cidade de orixe á cidade de destino de celebración das accións calculada en quilómetros segundo o calculador establecido pola Comisión Europea para o aboamento dos desprazamentos en proxectos europeos. http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/resources_en

Gastos máximos de aloxamento e almorzo subvencionables:

Fonte: per diem Comisión Europea. Detalle país en:

http://ec.europa.eu/europeaid/work/procedures/implementation/per_diems/index_en.htm

(Tarifas publicadas en 17 de marzo de 2017). Nos per diem establécense límites máximos de aloxamento: 80 % do importe total indicado per diem.

ANEXO V

Informe de execución bases Igape Galicia Exporta Organismos Intermedios

Nº expediente:

Solicitante:

Aléganse gastos cun mesmo provedor de importe igual ou superior a 15.000 €? (si/non).

EVENTO 1

Título evento:

Evento incluído na solicitude da axuda (si/non):

Breve descrición evento: (no caso de eventos novos non incluídos na solicitude da axuda: alcance do evento e interese para a empresa, mercados e sectores a que se dirixe, obxectivos concretos e resultados esperados).

Organizador:

Data inicio:

Data fin:

País celebración:

Cidade celebración:

(Replicar cando sexa necesario por empresa participante máis organismo)

Razón social empresa/organismo participante:

Nome persoa que viaxa e posto na empresa/organismo:

Aloxamento:

– Nome hotel:

– Data entrada:

– Data saída:

– Cidade hotel:

– Per diem país:

Fonte: http://ec.europa.eu/europeaid/work/procedures/implementation/per_diems/index_en.htm

– Per diem aloxamento por pernoita (80 % per diem país):

– Nº pernoitas realizadas:

Viaxe:

– Data saída:

– Data regreso:

– Cidade orixe:

– Cidade destino:

– Cidade regreso:

– Distancia entre cidade orixe/regreso e destino: fonte: http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/resources_en

– Gasto máximo subvencionable:

Alega gastos de decoración ou construción de stand (si/non):

Breve descrición dos gastos alegados de decoración ou construción de stand:

Fotos stand/evento: (no caso de gastos de construción de stand ou decoración deben apreciarse ademais, os elementos correspondentes a estes gastos para os que se solicita subvención) (debe apreciarse o cumprimento de obrigatoriedade do financiamento público de acordo co punto 1 do anexo III):

Foto catálogo expositor: (parte que mostre o título do evento e o nome da empresa solicitante da axuda como expositora).