Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Luns, 7 de xaneiro de 2019 Páx. 748

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

INSTRUCIÓN 3/2018, do 26 de xullo, sobre a aplicación do artigo 58 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

Primeiro. Ámbito de aplicación e obxecto

Esta instrución dítase ao abeiro do disposto no artigo 6 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e resulta de obrigado cumprimento para os órganos e unidades administrativas deste organismo e ten por obxecto clarificar e unificar os criterios na aplicación do artigo 58 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia (en diante, LVG).

Segundo. Interpretación do artigo 58 da LVG

Este precepto, baixo a rúbrica situacións excepcionais, establece o seguinte:

Transcorridos tres anos desde a cualificación definitiva como vivendas de protección autonómica, sempre que se acredite fidedignamente no expediente o cumprimento do procedemento de adxudicación de vivendas protexidas polo sistema establecido regulamentariamente e non fose posible a súa adxudicación por falta de persoas adxudicatarias, a persoa promotora poderá solicitar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo que, á vista das circunstancias concorrentes no expediente, autorice, para a totalidade ou parte da promoción, en función das vivendas que non se chegasen a adxudicar, a excepción do cumprimento dos requisitos de acceso ás vivendas protexidas, sempre que a vivenda se destine a domicilio habitual e permanente e se manteñan os prezos máximos de venda ou renda durante a vixencia do réxime de protección.

Este artigo exixe, para a aplicación do réxime excepcional de acceso ás vivendas protexidas, a concorrencia dos seguintes requisitos:

– O transcurso dun prazo de tres anos desde a cualificación definitiva como vivendas de protección autonómica.

– O cumprimento do procedemento de adxudicación de vivendas protexidas, que deberá acreditarse fidedignamente no expediente.

– A imposibilidade de adxudicar as citadas vivendas por falta de persoas adxudicatarias.

A necesidade de garantir, en todo momento, a suxeición aos principios de igualdade e transparencia no acceso ás vivendas protexidas e que estas vivendas se destinen a quen realmente as necesita, determinan que os requisitos para autorizar a excepcionalidade relativos ao cumprimento do procedemento de adxudicación das vivendas protexidas e a imposibilidade de adxudicar as citadas vivendas por falta de persoas adxudicatarias, deban de ir referidos temporalmente ao momento en que a persoa promotora presente a solicitude de autorización ao abeiro do artigo 58 da LVG.

En consecuencia, se no momento de solicitar a autorización prevista no artigo 58 da LVG, existen persoas demandantes de vivenda inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia na localidade onde se atope a promoción, exixirase a realización do procedemento ordinario de adxudicación de vivendas protexidas, previsto no Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o citado rexistro e a adxudicación das vivendas protexidas. No suposto de que se teña coñecemento da falta de demandantes de vivenda protexida nun determinado concello non se exixirá a realización dun novo procedemento ordinario de adxudicación de vivendas protexidas, tramitándose a autorización do artigo 58 da LVG.

Terceiro. Transparencia

Esta instrución publicarase no Diario Oficial de Galicia, na páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e no Portal de transparencia e goberno aberto, para os efectos de xeral coñecemento pola cidadanía dos criterios que se seguirán para a aplicación do artigo 58 da LVG, conforme o previsto nos artigos 5 e 7.a) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e nos artigos 6 e 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo