Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Venres, 28 de decembro de 2018 Páx. 54470

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2018 pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade cun dereito mineiro, da liña eléctrica subterránea de evacuación do parque eólico Mouriños, sita no concello de Zas (expediente IN407A 2017/046-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Renovables Aragón, S.L.U. (en diante, a promotora), en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, así como coa declaración de utilidade pública da liña eléctrica subterránea de evacuación do parque eólico Mouriños (en diante, a liña de evacuación), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 15.3.2017, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración, en concreto, de utilidade pública e a aprobación do proxecto sectorial da liña de evacuación.

Segundo. Mediante Acordo do 3 de xullo de 2017, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o proxecto sectorial da liña de evacuación. O citado acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 2.8.2017 (coa súa corrección de erros do 14.8.2017), no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 12.7.2017 (coa súa corrección de erros do 11.8.2017) e no xornal La Voz de Galicia do 26.7.2017 (coa súa corrección de erros do 24.8.2017). O citado acordo permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos de Zas e de Cabana de Bergantiños, así como da xefatura territorial.

Durante o período de información pública presentáronse as alegacións que se indican no anexo desta resolución, co contido que a continuación se resume:

– Manifestan que o proxecto do parque eólico Mouriños e o da súa liña de evacuación é totalmente incompatible coa sustentabilidade natural, económica e social da contorna, especialmente coa conservación da paisaxe e co desenvolvemento dos sectores turístico e forestal, os cales teñen unha presenza importante nas parroquias afectadas polo parque eólico, polo que solicitan o rexeitamento do proxecto.

– Poñen de manifesto unha ampla relación de valores naturais da zona incluídos na Rede Natura 2000 e na rede galega de espazos protexidos, entre eles: ZEPVN Costa da Morte, ZEPVN Costa da Morte (Norte), ZEC Costa da Morte e ZEPA Costa da Morte (Norte). Expoñen que os aeroxeradores do parque eólico Mouriños afectan algúns destes espazos.

– Existencia do permiso de investigación Regalados número 7099, do cal é titular a comunidade de herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda.

– Solicitan que emita informe a Consellería de Medio Rural sobre os valores forestais e silvícolas da zona afectada e as súas repercusións; Turismo, en relación co impacto no turismo verde ou interior do concello de Cabana de Bergantiños e de Zas e a súa área de afección; Augas de Galicia, en relación coa captación e verteduras de augas; Paisaxe, en relación cos impactos na paisaxe da área afectada; o Igape, sobre a viabilidade económica-financeira do proxecto eólico; e Natureza, en relación coa conectividade ecolóxica.

– Solicitan que se baralle a posibilidade da situación deste proxecto noutros concellos nos cales xa existen outros parques eólicos ou se opte por repotenciar outros existentes. Non se valoraron adecuadamente as alternativas existentes, como a repotenciación dos parques eólicos máis antigos ou a revisión do plan sectorial eólico, co fin de precisar máis a delimitación das áreas de aproveitamento eólico. Este plan sectorial non foi elaborado con criterios paisaxísticos e require unha profunda revisión. Débese suspender a tramitación do proxecto mentres non se produza a mencionada revisión e se repotencien outros parques máis antigos.

– Deficiente avaliación dos impactos do proxecto sobre a climatoloxía, a paisaxe, a flora e a fauna, especialmente sobre as aves e os morcegos. Solicitan mellora dos estudos de risco de mortaldade de aves e quirópteros, así como do programa de vixilancia ambiental do parque eólico proxectado e determinación dos obxectivos de conservación da biodiversidade.

– Solicitan que a empresa avalíe e cuantifique os efectos previsibles directos e indirectos, acumulativos e sinérxicos do proxecto sobre a poboación, a saúde, a flora, a fauna, a biodiversidade, a xeodiversidade, o solo, o subsolo, o aire, a auga, o clima, a paisaxe, o patrimonio cultural, os bens inmateriais e a interacción entre todos os ditos factores durante todas as fases do parque eólico.

– Manifestan a prevalencia da protección ambiental, paisaxística e forestal sobre o interese público da garantía de subministración eléctrica na avaliación do impacto dos parques eólicos.

– Solicitan medidas para compensar os efectos adversos sobre o ambiente.

– Desconformidade coa constitución dunha servidume de paso de enerxía eléctrica soterrada nun dos predios, ao existir unha vía pública en funcionamento a menos de 100 m de distancia que permitiría realizar o mesmo itinerario, con solicitude da eliminación da mencionada servidume.

– Estanse a tramitar cinco expedientes distintos para dous parques eólicos situados moi próximos entre eles en concellos limítrofes. A tramitación debería facerse de forma conxunta, posto que ambos están estreitamente relacionados pola liña de evacuación que os une.

– Alegan que non existe un interese público polo parque eólico, que o proxecto é prescindible, que o lugar elixido non é o apropiado, que se vulneran distintas directivas europeas de conservación de hábitats e aves, que provoca un impacto económico negativo para a economía dos veciños, efectos negativos sobre os campos electromagnéticos da liña de evacuación, sabotaxe do aforro enerxético, continuando coas políticas de promoción enerxética fronte á xestión da demanda, ausencia de aceptación social do proxecto, polo que cómpre buscar unha mellor alternativa co ambiente para este parque eólico.

– Os parques eólicos deixan pouca renda no medio rural e os beneficios non reverten no espazo próximo onde se producen.

– Presentan queixas sobre a limitación de acceso ao expediente en fase de información pública ao non poder facelo por web institucional.

– Solicitan que se revise a normativa sectorial para evitar unha desmesurada ocupación do territorio polos eólicos en detrimento dos valores paisaxísticos, turísticos, ambientais e forestais.

Terceiro. O 4.7.2017 a Xefatura Territorial remitiulles, co fin de obter o correspondente condicionado técnico, as separatas do proxecto de execución aos seguintes organismos: Concello de Cabana de Bergantiños, Augas de Galicia, Concello de Zas e Unión Fenosa Distribución, S.A.

Cuarto. O 14.9.2017 o Concello de Cabana de Bergantiños emitiu informe técnico sobre o proxecto. O 16.10.2017 a promotora manifestou a súa conformidade.

Quinto. O 4.10.2017 Augas de Galicia estableceu o correspondente condicionado técnico. O 19.10.2017 a promotora manifestou a súa conformidade.

Sexto. O 13.12.2017 a Xefatura Territorial reiteroulle a solicitude de condicionado técnico ao Concello de Zas.

Sétimo. O 23.3.2018 Unión Fenosa Distribución, S.A. mostrou a súa conformidade á separata do proxecto. O 23.5.2018 a promotora manifestou a súa conformidade.

Oitavo. O 13.11.2017 a promotora solicitou a continuación da tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Noveno. O 21.12.2017 o Consello da Xunta declarou de especial interese o proxecto do parque eólico Mouriños e o da súa liña de evacuación.

Décimo. O 7.2.2018 a promotora solicitou que se paralizase a tramitación do proxecto sectorial xa que, como consecuencia dunha adecuación tecnolóxica do parque eólico Mouriños (IN661A 2011/10-1) consistente, basicamente, na redución de catro a tres aeroxeradores e un lixeiro desprazamento do centro de seccionamento e interconexión, se reduciu a lonxitude da liña de evacuación de tal maneira que a totalidade da liña se encontra situada no concello de Zas.

Décimo primeiro. O 27.3.2018 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable en relación co expediente da liña de evacuación. Coa mesma data remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas (en diante, a Dirección Xeral) para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo segundo. O 4.4.2018 a Sección de Minas da xefatura territorial informou que o trazado da liña de evacuación se encontra afectada polo permiso de investigación sección C Regalados número 7099.

Décimo terceiro. O 27.4.2018 a Dirección Xeral, en aplicación do disposto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, outorgoulle trámite de audiencia á comunidade de Herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda, titular do permiso de investigación Regalados número 7099.

Décimo cuarto. O 4.7.2018 a Xefatura Territorial informou que non existe incompatibilidade da liña de evacuación con ningún dereito mineiro vixente.

Décimo quinto. O 16.7.2018 a promotora deu resposta ás alegacións presentadas por María Obdulia Mato Insua, en nome da comunidade de herdeiros de Eliseo Xullo Mato Abelenda, titulares do permiso de investigación Regalados número 7099.

Décimo sexto. O 16.7.2018 a Dirección Xeral remitiulle documentación da liña de evacuación á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, para os efectos de determinar o procedemento administrativo ambiental que ese organismo consideraba oportuno, dentro do establecido na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Décimo sétimo. O 30.7.2018 a xefatura territorial ratificou o informe do 4.7.2018, a que se fai referencia no antecedente de feito décimo cuarto desta resolución.

Décimo oitavo. O 7.8.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou que, logo de ver a información achegada na documentación técnica do proxecto da liña de evacuación, considera que a actuación descrita na dita documentación non se encadra nos anexos da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Décimo noveno. O 28.9.2018 a Dirección Xeral notificoulles ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto, e procedeuse a publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado o Anuncio do 17 de outubro de 2018, da Dirección Xeral, polo que se lle notifica a unha interesada a solicitude de declaración de utilidade pública da liña eléctrica de evacuación do parque eólico Mouriños (IN407A 2017/046-1).

Vixésimo. O 18.10.2018 Isabel Suárez Veres e outras persoas presentaron unha alegación relativa á declaración de utilidade pública da liña de evacuación.

Vixésimo primeiro. O 19.10.2018 Renovables Aragón, S.L.U. presentou o estudo ambiental de sinerxías. Parque eólico Mouriños, parque eólico Peña Forcada e as súas infraestruturas de evacuación.

Vixésimo segundo. O 23.10.2018 a Dirección Xeral remitiulle á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o estudo ambiental de sinerxías, a que se fai referencia no antecedente de feito anterior, para os efectos de que ese organismo valorase ambientalmente o citado estudo.

Vixésimo terceiro. O 5.11.2018 a Dirección Xeral de Ordenación Forestal remitiulle á Dirección Xeral o informe emitido polo Servizo de Montes da Coruña, do 16.10.2018, no marco do establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro. Nel infórmase de que o trazado deseñado para o paso da liña eléctrica non afectará montes veciñais en man común nin de dominio ou xestión pública, e que non se prevén afeccións a formacións de frondosas autóctonas de especial valor, parcelas de experimentación nin masas ou monteiras selectas.

Vixésimo cuarto. O 12.12.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático deu resposta á solicitude a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo segundo e indicou que non consta que o estudo de sinerxías se enmarque dentro de ningún trámite de avaliación de impacto ambiental que se teña iniciado para o proxecto de referencia de acordo coa normativa ambiental, polo que non ten obxecto manifestarse acerca del.

Vixésimo quinto. O 13.12.2018 a Dirección Xeral propón resolver as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade co dereito mineiro Regalados número 7099, da liña de evacuación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. As alegacións de carácter ambiental refírense de forma conxunta ao proxecto do parque eólico Mouriños e da súa liña eléctrica de evacuación. No que respecta ao parque eólico, deuse resposta ás ditas alegacións na Resolución do 2 de agosto de 2018, da Dirección Xeral, pola que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Mouriños (DOG núm. 201, do 22 de outubro). No que respecta á instalación obxecto da presente resolución, cabe indicar que, tal e como se recolle no antecedente de feito décimo oitavo, o 7.8.2018 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou que, logo de ver a información achegada na documentación técnica do proxecto da liña eléctrica subterránea de evacuación, se considera que a actuación descrita na dita documentación non se encadraría nos anexos da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

2. No que respecta á compatibilidade ou incompatibilidade entre a liña de evacuación do parque eólico e o dereito mineiro afectado, cabe indicar que o proxecto da liña de evacuación foi sometido ao trámite a que se fai referencia no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

3. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

4. Con respecto á fragmentación dos expedientes do parque eólico e ás súas infraestruturas de evacuación, así como dos parques eólicos sitos na zona, seguiuse e estanse a seguir os diferentes pasos exixidos na normativa sectorial de aplicación. En todo caso, o 19.10.2018 a promotora presentou ante esta Dirección Xeral un estudo ambiental de sinerxías, ao cal se fai referencia no antecedente de feito vixésimo primeiro, onde se recollen as infraestruturas presentes na zona.

5. Con respecto á limitación de acceso a información á cidadanía, deuse cumprido o trámite de información pública segundo a normativa sectorial correspondente.

De conformidade co que antecede e en exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a liña eléctrica subterránea de evacuación do parque eólico Mouriños, sita no concello de Zas, e promovida por Renovables de Aragón, S.L.U.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto da liña eléctrica subterránea de evacuación do parque eólico Mouriños, composto polos seguintes documentos, todos eles asinados polo enxeñeiro industrial Javier Regueira Miguéns, colexiado número 2.938 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia:

– Liña eléctrica subterránea de media tensión 20 kV. Proxecto de execución. Marzo 2017.

– Liña eléctrica subterránea de media tensión 20 kV. Anexo ao proxecto de execución. Xuño 2017.

– Liña eléctrica subterránea de media tensión 20 kV. Addenda I ao proxecto de execución. Febreiro 2018.

– Liña eléctrica subterránea de media tensión 20 kV. Addenda II ao proxecto de execución. Marzo 2018.

As características principais das instalacións recollidas no proxecto son as seguintes:

– Solicitante: Renovables de Aragón, S.L.U.

– Denominación: liña eléctrica subterránea de evacuación do parque eólico Mouriños.

– Orzamento de execución material: 111.662,04 €.

– Finalidade: evacuación da enerxía eléctrica producida no parque eólico Mouriños.

– Concello afectado: Zas (A Coruña).

– Características da liña aérea:

– Tipo de liña: subterránea.

– Tensión nominal (kV): 20.

– Orixe: centro de interconexión do parque eólico Mouriños.

– Fin: paso aéreo-subterráneo no apoio número 33 da liña aérea a 20 kV de evacuación do parque eólico Pena Forcada-Catasol II.

– Lonxitude (m): 1.735.

– Condutor: RHZ1-2OL 12/20 kV H16 Al.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto da liña eléctrica subterránea de evacuación do parque eólico Mouriños, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Declarar a compatibilidade da liña eléctrica subterránea de evacuación do parque eólico Mouriños co dereito mineiro permiso de investigación sección C Regalados número 7099.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Renovables de Aragón, S.L.U., composto polos documentos indicados anteriormente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento deberase cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

4. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita Dirección Xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

5. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a xefatura territorial será a encargada de autorizala tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

6. A liña de evacuación deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, onde conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da liña eléctrica.

8. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

9. Esta resolución emítese sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

10. A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación ou da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2018

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde 10.6.2016, DOG núm. 131, do 12 dexullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANEXO

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito segundo:

Asociación Autonómica Cultural e Ambiental Petón do Lobo, o 26.7.2017; Asociación Ambiental Cova Crea, o 26.7.2017; Asociación Amigos e Amigas dos Bosques “O Ouriol do Anllóns”, o 26.7.2017; Carmen Insua Muñiz, o 4.8.2017; Asociación Autonómica e Ambiental Petón do Lobo, Asociación Amigos e Amigas dos Bosques “O Ouriol do Anllóns” e Asociación Ambiental Cova Crea, o 16.8.2017 e o 22.8.2017; Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana, o 25.8.2017; comunidade de augas “Fonte do Rechabo” de Corcoesto, o 28.8.2017.