Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 27 de decembro de 2018 Páx. 53862

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 7 de decembro de 2018 pola que se procede á terceira convocatoria das subvencións do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

A través da Orde do 31 de decembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 2 de febreiro de 2018, a Consellería de Economía, Emprego e Industria estableceu as bases reguladoras e convocou axudas do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas, cofinanciadas polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 prevéndose que, ao abeiro das bases reguladoras, existisen múltiples convocatorias en 2018 e 2019.

Esta terceira convocatoria axústase aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, así como ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, e queda a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto proceder á terceira convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, do Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A).

As bases reguladoras desta convocatoria son as que constan na devandita Orde do 31 de decembro de 2017, coas especificacións que se establecen nesta orde.

Artigo 2. Orzamentos

1. A contía da subvención desta convocatoria, que se cofinancia nun 80 % con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, ascende a 1.500.000 euros que corresponden á anualidade 2019, con cargo á aplicación 09.41.323B.471.0, e no proxecto 2016 00329, tal e como figura no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019:

Aplicación

Proxecto

Anualidade 2019

09.41.323B.471.0

2016 00329

1.500.000,00 €

Esta convocatoria de axudas está encadrada no programa operativo FSE Galicia 2014-2020, dentro do obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral, na prioridade de investimento 8.5: a adaptación dos traballadores e traballadoras, as empresas e o empresariado ao cambio, e no obxectivo específico 8.5.1: adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, así como mellorar a súa situación contractual para garantir o seu mantemento no emprego e permitir a súa progresión profesional.

2. O antedito crédito poderá ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación, incorporación ou da redistribución de fondos, coas limitacións que establezan as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nos supostos e nas condicións previstos nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso de que as modificacións supoñan unha ampliación do crédito orzamentario que implique un aumento do importe total autorizado, deberase solicitar a modificación da autorización previa inicial da operación.

3. Todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento do expediente entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento de 2019 subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

Artigo 3. Solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A solicitude deberase presentar xunto coa documentación xeral e técnica, sinalada nos artigos 16 e 17 da Orde do 31 de decembro de 2018.

4. A documentación complementaria que deba achegarse presentarase electronicamente mediante a presentación do documento orixinal, de tratarse dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de tratarse dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto no Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

5. As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do Catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou escala de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento de orixe (respectará a xeometría do documento de orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

A Administración actuante poderá solicitar o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que se poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal. Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia exclusivamente no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da entidade solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia, e nas entidades dela dependentes.

6. Para presentar a documentación complementaria, así como calquera outra que se exixa nesta orde, empregaranse unicamente os medios electrónicos a que se refire o número 1 deste artigo.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a entidade interesada ou a súa persoa representante deberán mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Artigo 4. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1. Documentación administrativa.

A documentación que se deberá xuntar con cada solicitude referida ao Programa de incentivos á formación de persoas traballadoras ocupadas en sectores estratéxicos para as empresas galegas (procedemento TR310A) é a seguinte:

a) Anexos II, III e, de ser o caso, anexo IV desta orde, debidamente formalizados e asinados a través da aplicación electrónica.

b) Copia da escritura de constitución das entidades solicitantes que acredite o seu domicilio social.

c) Acreditación da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude (escritura notarial de poderes ou calquera outro medio válido en dereito) da persoa representante da entidade solicitante e, de ser o caso, da agrupación.

d) Vida laboral de todos os códigos de conta de cotización da empresa referida aos 30 días inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude que acredite a relación das persoas traballadoras ocupadas para formar coa entidade solicitante e a localización do centro de traballo. Este documento deberá permitir acreditar a localización do centro de traballo de cada entidade solicitante, para os efectos que calcular os eventuais gastos de desprazamento.

e) Acordo regulador da agrupación, de ser o caso. Neste documento contractual débense establecer os dereitos e as obrigas que asume cada membro da agrupación. Entre os aspectos que se deberán regular encóntranse:

– Organización xeral das actividades formativas.

– Acordo de representación da agrupación e elección da súa persoa representante ante a Administración para os efectos de interlocución.

– Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

– Acordo para a distribución dos fondos recibidos.

– Designación dunha persoa que exerza a xefatura técnica do proxecto.

A agrupación de empresas non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

2. Documentación específica.

• Memoria explicativa das actuacións formativas que se vaian realizar no marco do proxecto. Esta memoria incluirá a descrición detallada da totalidade das accións formativas previstas e será coherente coa descrición achegada no anexo III para cada unha das accións programadas.

Incluirase un programa de formación, elaborado por unha entidade acreditada, que conterá, como mínimo, a seguinte información e documentación:

– Obxectivos, contidos, metodoloxía e modalidade.

– Accións formativas que se van desenvolver, con indicación, se fose o caso, da familia e área profesional que corresponda. En accións formativas vinculadas ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais deberase indicar a que certificado ou certificados de profesionalidade van dirixidos. Deberán incluír os módulos transversais, de ser o caso.

– Identificación do número de traballadores e traballadoras ocupados participantes en cada acción formativa. Nos casos en que a solicitante teña a forma de agrupación, para os efectos de distribución da axuda de minimis, entre os membros da agrupación identificarase o número de persoas traballadoras de cada unha das empresas integrantes da agrupación que reciben formación con cargo ao proxecto.

– Custo estimado das accións formativas, con distribución nas categorías de gastos, segundo o previsto no artigo 13 da Orde do 31 de decembro de 2017.

– Calendario previsto de execución que conteña os horarios de realización das actividades formativas. A modificación das horas ou do calendario entre exercicios orzamentarios requirirá a autorización da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

– Lugar, instalación e medios previstos para impartir as accións formativas, que no caso de accións conducentes á obtención dos certificados de profesionalidade ou acreditacións parciais destes deberán cumprir os requisitos que se establecen no real decreto que regule o correspondente certificado de profesionalidade.

– No caso de incluír formación mixta, deberanse achegar as claves de acceso á correspondente plataforma web.

Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán, ademais, achegar documentación acreditativa dos compromisos de realización dos módulos de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídos nos certificados de profesionalidade.

No caso de se prever que unha parte da formación se imparta a través de teleformación, esta modalidade de impartición deberase realizar a través dunha plataforma virtual de aprendizaxe que asegure a xestión dos contidos, un proceso de aprendizaxe sistematizado para as persoas participantes, dispoñendo de mecanismos de seguimento e avaliación.

3. Documentación complementaria para os efectos de valoración técnica, de ser o caso.

• Acreditación da capacidade e experiencia das persoas formadoras propostas para cada unha das accións formativas previstas. A capacidade dos provedores do servizo de formación deberá ser acreditada mediante a entrega da seguinte documentación referida ao equipo docente proposto.

- Copia da titulación dos docentes, no caso de que a entidade solicitante as teña contratadas e dispoña da correspondente copia da súa titulación.

– CV do persoal docente proposto.

– Acreditación dos anos de experiencia profesional do persoal docente a través de certificados emitidos polas empresas en que traballou; neles, conxuntamente coas datas, deberanse incluír as funcións desenvolvidas. No caso de profesionais autónomos, a experiencia deberase acreditar con certificados de clientes, facturas ou contratos. Ademais, deberase achegar vida laboral completa e actualizada do persoal docente proposto.

– Anexo IV de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, para os efectos de que a Administración verifique que os docentes propostos dispoñen da preceptiva titulación requerida para impartir a formación, naqueles casos en que os docentes non formen parte do cadro de persoal da entidade solicitante, ou esta non dispoña dunha copia da súa titulación requirida. No caso contrario, cando a entidade solicitante teña contratado o persoal docente e dispoña da copia dos seus títulos, poderaos presentar.

– Vida laboral completa e actualizada do persoal docente proposto.

As modificacións no cadro de persoal docente asignado ao proxecto formativo deberán ser aprobadas pola Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral. Só se admitirán os cambios dunha persoa por outra cunha titulación equivalente, ou superior, a aquela pola cal foi puntuada a solicitude, e naquelas substitucións debidamente xustificadas no marco do proxecto.

Entenderase que a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral ten aprobada unha modificación pretendida no cadro de persoal docente se non se rexeita expresamente no prazo dun mes desde a data de entrada no rexistro da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da notificación, aínda que no momento da liquidación económica se comprobará se o cambio proposto cumpría coas condicións establecidas e, de non ser así, terá os efectos previstos no artigo 48.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificación de estar ao día nas obrigacións tributarias coa AEAT.

d) Certificación de estar ao día de pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda.

f) Consultas a través da Seguridade Social para verificar a estabilidade no emprego das persoas receptoras da formación.

g) Titulación do persoal docente (terceiras persoas que interveñen no procedemento).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no cadro correspondente habilitado no formulario do anexo II e do anexo IV da solicitude e achegar os documentos pertinentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Artigo 6. Prazo

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 7. Data de inicio e fin das accións formativas. Prazos de xustificación

1. As accións de formación recollidas nesta convocatoria están amparadas polo réxime de minimis, de modo que serán financiables as actuacións implementadas desde o 1 de xaneiro de 2019.

2. O remate das accións formativas terá como data límite o 31 de xullo de 2019.

3. A xustificación final dos gastos subvencionables deberase realizar dentro do prazo dun mes desde a finalización da última acción formativa do programa de formación.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia con finalidade estatística e dun eficaz tratamento tecnolóxico da información.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que diten, no ámbito da súa competencia, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file