Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Mércores, 26 de decembro de 2018 Páx. 53700

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2018 pola que se dá publicidade ao Protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Consello de Contas de Galicia para a implantación e seguimento de plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico de Galicia.

Con data 16 de novembro de 2018 asinouse Protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Consello de Contas de Galicia para a implantación e seguimento de plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico.

Para o seu coñecemento xeral e ao abeiro das competencias que me corresponden conforme o artigo 10 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas,

RESOLVO:

Dispoñer a publicación no Diario Oficial de Galicia do Protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e o Consello de Contas de Galicia para a implantación e seguimento de plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico de Galicia, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2018

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Protocolo de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia
e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e o Consello de Contas de Galicia para a implantación e seguimento de plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico de Galicia

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2018

REUNIDOS:

Dunha parte, a Xunta de Galicia, representada polo vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, nomeado polo Decreto 148/2016, do 13 de novembro, do presidente da Xunta de Galicia, e en virtude das atribucións que lle confire o artigo 1 do Decreto 233/2012, do 5 de decembro, polo que se determina a organización, funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

Doutra parte, José Antonio Redondo López, na súa calidade de conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, que actúa en nome e representación deste en virtude das atribucións que lle confire o artigo 8 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia.

Ambas as dúas partes recoñécense competencia e capacidade, respectivamente, para formalizar o presente protocolo, e por iso

EXPOÑEN:

Primeiro. A Lei 8/2015, do 7 de agosto, de reforma da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, e do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, para a prevención da corrupción, atribúe ao Consello de Contas novas competencias nesta materia e introduce modificacións na súa estrutura organizativa, á que se incorpora unha nova sección para a prevención da corrupción cuxa presidencia corresponde ao conselleiro maior.

Segundo. As novas competencias en materia de prevención da corrupción recollidas no artigo 5 bis da precitada lei e desenvolvidas no capítulo IV –artigos 52 a 61– do Regulamento de réxime interior do Consello, aprobado por acordo da Comisión permanente non lexislativa para as relacións co Consello de Contas do 23 de febreiro de 2017 (DOG nº 46, do 7 de marzo) habilitan o Consello para promover o establecemento en cada entidade pública de Galicia dun plan de prevención da corrupción, avaliar os sistemas de prevención que se poñan en marcha, asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción e fomentar na sociedade civil e, particularmente, no ámbito empresarial, a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións.

Entre os obxectivos do Consello de Contas, a través da nova sección de prevención da corrupción, está a promoción de instrumentos de colaboración cos órganos da Administración autonómica con competencias en materia de transparencia, así como con outros órganos representativos de diferentes entidades públicas, co obxecto de promover mecanismos de autorregulación na implantación, control e seguimento dos plans de prevención de riscos da corrupción no sector público autonómico e local de Galicia.

Terceiro. Debido á necesidade de dar unha resposta institucional á crecente preocupación social pola corrupción, a Xunta de Galicia ten iniciado unha política de transparencia coa aprobación da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, que constitúe un elemento central na loita contra a corrupción. Trabállase na dirección de adoptar medidas que contribúan á mellora dos estándares éticos na Administración autonómica fomentando unha cultura cívica a favor da transparencia, a rendición de contas e o comportamento ético tanto no sector público como no privado.

Cuarto. Tanto a Xunta de Galicia como o Consello de Contas están interesados en establecer vías de colaboración permanentes en materia de prevención da corrupción que, respectando o ámbito propio das atribucións de cada unha das institucións, e sen prexuízo das competencias de fiscalización do Consello de Contas, favorezan o cumprimento das finalidades previstas no presente protocolo, inspirándose nos principios de lealdade institucional e información recíproca.

Quinto. As institucións asinantes son conscientes de que o fortalecemento da integridade no sector público autonómico e a observancia dos principios éticos e de bo goberno requiren dun plan específico de formación do persoal nos ámbitos da ética, a integridade e o control da corrupción.

Sexto. Por Acordo do 6 de novembro de 2018 o Pleno da Institución acordou a celebración deste protocolo, de acordo co previsto no artigo 7, punto 3, da letra I da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Polo anteriormente exposto, as partes acordan a sinatura do presente protocolo de colaboración, que se rexerá polas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto

Este protocolo ten por obxecto a fixación dun marco de colaboración institucional permanente entre as institucións asinantes coa finalidade de establecer mecanismos efectivos para a prevención e a loita contra a corrupción no sector público autonómico de Galicia.

Segunda. Áreas de actuación

Co obxectivo de eliminar ou minimizar os riscos de corrupción no seo da estrutura orgánica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establécense as seguintes áreas de actuación:

a) Promoción de políticas de integridade. As institucións asinantes comprométense a colaborar na propagación dunha cultura da transparencia e comportamento ético nos sectores público e privado, así como na difusión de conceptos esenciais en materia de control interno, administración de riscos e fomento da integridade institucional.

b) Implantación de instrumentos de prevención de riscos de corrupción. Ambas institucións colaborarán proactivamente para que todas as entidades que integran o sector público autonómico establezan políticas de integridade institucional e conten cun programa de prevención de riscos de corrupción que estableza esa política de integridade, unha identificación e valoración de riscos, e o establecemento de medidas correctivas para o seu tratamento.

Para estes efectos, e sen prexuízo do fomento de plans de prevención individualizados para cada institución, a Administración autonómica implantará progresivamente unha política centralizada de integridade institucional e de prevención da corrupción e impulsará o fortalecemento de sistemas de control interno que produzan un efecto disuasorio de actuacións inadecuadas e a administración e análise de riscos que afecten ao cumprimento de obxectivos da organización, incluídos os de integridade institucional.

c) Avaliación dos sistemas de prevención. A sección para a prevención da corrupción do Consello de Contas elaborará un diagnóstico do estado e situación dos sistemas de control interno e de prevención de riscos de corrupción da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico de acordo coa metodoloxía e cuestionarios propostos polo Consello de Contas. As entidades afectadas colaborarán co Consello achegando todos os medios e a información necesaria que requira a execución deste traballo.

d) A Sección de Prevención da Corrupción do Consello de Contas elaborará modelos tipo de plans de prevención, que estarán á disposición das entidades públicas, e desenvolverá actuacións de acompañamento na implantación dos plans de prevención de riscos de corrupción.

e) Instrumentos normativos e internos de prevención. No ámbito das respectivas competencias, ambas institucións colaborarán co obxectivo de que a normativa administrativa nas materias máis susceptibles de corrupción conteña uns principios preventivos básicos que poidan ser concretados por cada entidade nos respectivos plans de prevención da corrupción.

f) Seguimento de recomendacións e avaliación sistemática de plans. No seo da comisión á que se refire a cláusula seguinte, o Consello de Contas presentará o estado de implantación das recomendacións e medidas propostas por este en materia de prevención da corrupción, así como da avaliación sistemática que realice dos plans, para os efectos do seu seguimento e adopción, no seu caso, das medidas que se consideren oportunas.

g) Formación dos empregados públicos en materia de prevención da corrupción. As entidades asinantes establecerán unha canle de información mutua neste ámbito e, de ser o caso, organizarán conxuntamente actividades formativas que permitan aos empregados públicos en xeral, e aos das institucións asinantes en particular, a mellora de coñecementos nos ámbitos da ética, a integridade e o control da corrupción.

Terceira. Comisión de seguimento

Para o seguimento da execución e do desenvolvemento deste protocolo crearase unha comisión mixta, composta por tres representantes de cada unha das institucións asinantes. Corresponderá á comisión de seguimento velar polo correcto cumprimento do protocolo, co impulso da realización de cantas actuacións sexan necesarias para o seu desenvolvemento e execución.

A comisión reunirase cantas veces sexa preciso para a boa marcha da execución do protocolo a petición de calquera das partes, e como mínimo unha vez ao ano.

Cuarta. Alcance das actuacións

O disposto neste protocolo non suporá a renuncia nin limitacións a ningunha das potestades ou competencias de cada unha das partes.

Quinta. Modificación do protocolo

O presente protocolo poderá modificarse por mutuo acordo das partes asinantes.

Sexta. Gastos de execución do protocolo

A aplicación e execución deste protocolo de colaboración, incluíndo para o efecto todos os actos xurídicos que puidesen ditarse na súa execución e desenvolvemento, non poderá supoñer obrigas económicas para ningunha das partes que o asina.

Sétima. Vixencia do protocolo

O presente protocolo producirá efectos desde a súa firma e ten vixencia indefinida. O protocolo poderá ser denunciado por ambas as dúas partes en calquera momento cun preaviso de seis meses, mediante comunicación escrita á outra parte, sen prexuízo de finalizar aquelas actuacións xa iniciadas e que, por razóns de interese público, se deban levar a cabo.

Oitava. Protección de datos

O cumprimento das obrigas deste protocolo axustarase ás exixencias derivadas da normativa reguladora en materia de protección de datos de carácter persoal en que corresponde á confidencialidade da información e dos resultados, aplicando as medidas de carácter técnico, administrativo, informático e organizativo que resulten necesarias para cumprir cos requisitos legais e, en particular, garantindo a seguridade e integridade dos datos e a súa protección fronte a alteracións, perda, tratamentos ou accesos non autorizados.

Novena. Publicidade e transparencia

En cumprimento do establecido na normativa de aplicación, o Consello de Contas publicará este protocolo no Diario Oficial de Galicia, e ambas as dúas partes farán a difusión que corresponda nas súas respectivas sedes electrónicas.

E, en proba de conformidade, asínano por duplicado exemplar os intervenientes no lugar e data sinalados no encabezamento.

Alfonso Rueda Valenzuela

Jose A. Redondo López

Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Conselleiro maior do Consello
de Contas de Galicia