Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 20 de decembro de 2018 Páx. 53084

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2018 pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, aprobada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 29 de novembro de 2018.

1. En cumprimento do disposto no artigo 82.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, faise público o Acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 29 de novembro de 2018 polo que se aproba definitivamente a modificación puntual número 1 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, que literalmente di:

«1. Aprobar definitivamente a modificación número 1 do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, publicado mediante a Resolución do 5 de maio de 2014 (DOG núm. 101, do 28 de maio), para os efectos establecidos no artigo 25.4 da Lei 10/1995, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Esta modificación comprende:

a) O artigo 5 das disposicións normativas do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia.

b) A modificación da delimitación de 6 ámbitos territoriais correspondentes ás actuacións recollidas no plan sectorial vixente e a inclusión da delimitación dun novo ámbito.

2. Ordenar a publicación deste acordo e da modificación das disposicións do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais no Diario Oficial de Galicia, consonte o establecido no artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia».

2. A modificación puntual aprobada pode consultarse na páxina web do IGVS:

http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/826

3. Para a súa entrada en vigor, de conformidade co previsto no artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia (modificado pola Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia), faise público o artigo 5 da normativa do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia (PSOAEG), coa nova redacción dada pola modificación puntual número 1 aprobada.

Artigo 5. Revisión e modificacións do PSOAEG

1. O PSOAEG terá vixencia indefinida, sen prexuízo dos prazos que para a execución de cada unha das actuacións previstas nel se fixen nos correspondentes proxectos sectoriais.

2. O PSOAEG poderá ser revisado ou modificado de acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 80/2000. Para estes efectos, enténdese por revisión a reconsideración total do modelo establecido polo PSOAEG como consecuencia da adopción de novos criterios e obxectivos. Por modificación enténdese a simple alteración de forma puntual e illada das súas determinacións.

Non se considerarán revisión nin modificación do PSOAEG as alteracións puntuais que os proxectos sectoriais poidan introducir ao regular detallada e pormenorizadamente os distintos ámbitos das actuacións de solo empresarial. Tampouco terán a dita consideración os reaxustes que por causas debidamente xustificadas se realicen na superficie dos ámbitos delimitados, sempre que estas non supoñan unha modificación igual ou superior ao 10 % da superficie. Non obstante, poderán superar a dita porcentaxe os reaxustes motivados polas seguintes causas:

– A eventual aparición de elementos arqueolóxicos de importante valor, conforme o disposto no número 2 do artigo 33 da presente normativa.

– A necesidade de excluír os terreos que estean afectados por determinacións de normativas sectoriais que impidan o seu desenvolvemento como parte do parque empresarial.

– A conveniencia de modificar os ámbitos recollidos no plan sectorial que constitúan unha ampliación do parque empresarial existente. Nestes casos a modificación da superficie do ámbito non poderá implicar unha modificación superior ao 30 % da dita superficie.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo