Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 18 de decembro de 2018 Páx. 52755

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o pacto subscrito pola Administración sanitaria coas organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSIF sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

Mediante a Resolución deste centro directivo do 13 de xuño de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño) foi publicado o pacto de mesa sectorial subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., UGT e CSIF, sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

En atención ao previsto na norma xeral I.7 dese pacto, e tras o correspondente proceso de negociación, na reunión da mesa sectorial do 16 de novembro de 2018 asinouse coas mesmas organizacións sindicais o pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

A negociación foi realizada de conformidade coas previsións que ao respecto conteñen o artigo 38 da Lei do Estatuto básico do empregado público (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro), o artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e os artigos 79 e 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto na citada normativa, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En virtude do que antecede,

RESOLVO:

Publicar o pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria, que se inclúe xunto con esta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2018

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

Pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal
licenciado sanitario de atención hospitalaria

1. Ámbito de aplicación.

Este sistema de selección será de aplicación a todos os nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia.

Non será de aplicación aos nomeamentos das categorías e/ou especialidades de persoal licenciado sanitario que se encontran incluídas no ámbito do pacto publicado pola Resolución do 13 de xuño de 2016 (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño), que seguirán rexéndose polo establecido nel.

2. Selección de aspirantes.

2.1. Elaboración de listas de aspirantes.

Por resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, iniciarase o prazo para inscribirse nas listas de aspirantes, que se actualizarán con carácter periódico.

Elaborarase unha única lista por categoría e/ou especialidade, pero os/as aspirantes poderán seleccionar o/os distrito/s en que solicitan prestar servizos con carácter preferente. De non concretar ningún entenderase que optan por calquera deles.

O procedemento de inscrición será o mesmo que se aplica, a través de Fides/expedient-e, para as demais listas de aspirantes. Este sistema informático utilizarase igualmente para rexistrar electronicamente os requisitos de participación e os méritos que se posúen.

O procedemento de publicación das listas de aspirantes será tamén o mesmo que se aplica con carácter xeral (listas provisionais, prazo de reclamacións e listas definitivas).

2.2. Baremo.

A orde de prelación das persoas aspirantes na lista virá determinada pola puntuación que resulte de aplicar un baremo cos seguintes méritos:

1. Participación na oferta pública de emprego (OPE) na categoría e/ou especialidade no Servizo Galego de Saúde (máximo 24 puntos).

2. Experiencia profesional, formación, investigación e innovación sanitaria (máximo 40 puntos).

1. Participación na OPE (máximo 24 puntos).

Asignarase coa debida proporcionalidade a maior das puntuacións globais obtidas pola persoa aspirante na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo Servizo Galego de Saúde na correspondente categoría e/ou especialidade, con independencia da superación da dita fase.

Para estes efectos entenderase como data de finalización do proceso selectivo a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola que se declara rematada a fase de oposición do respectivo proceso.

En ningún suposto se valorarán puntuacións derivadas da participación en procesos selectivos anteriores á OPE do ano 2006. No suposto de que as puntuacións máximas a acadar nas distintas ofertas públicas de emprego sexan diferentes, aplicarase unha regra de proporcionalidade.

O coñecemento da lingua galega das persoas aspirantes que non teñan participado na OPE, que non tivesen realizado o correspondente exercicio ou tivesen obtido neste unha puntuación inferior á máxima, valorarase nesta epígrafe con 2 puntos, logo de acreditación do Curso de Celga 4 ou equivalente.

Ás persoas aspirantes que tivesen realizado a fase de oposición dalgún dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo Servizo Galego de Saúde na correspondente categoría e/ou especialidade, e non teñan acreditado o Celga 4 ou equivalente, valoraráselles coa debida proporcionalidade a puntuación obtida no exercicio de lingua galega da oposición na que obtivesen a maior puntuación global.

Ás persoas aspirantes que tiveran participado na OPE da correspondente categoría e/ou especialidade pola quenda de promoción interna, e estiveran polo tanto exentas do exercicio sobre o contido da parte común do programa, valoraráselles este punto con 2 puntos.

2. Experiencia profesional, formación, investigación e innovación sanitaria (máximo 40 puntos).

Valoraranse de acordo co baremo utilizado na última convocatoria de selección de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, na categoría e/ou especialidade correspondente.

No suposto de que, con data do 30 de xuño se tivese publicado, logo da negociación coas organizacións sindicais, un novo baremo da categoría nos procesos de selección fixa, a valoración da experiencia profesional, formación acreditada e demais méritos das persoas aspirantes nas listas que se xeren realizarase consonte este último baremo.

2.3. Postos con características específicas.

Cando as necesidades concretas que se pretendan cubrir, ou as especificidades e técnicas propias de determinados postos en unidades de referencia así o xustifiquen, coa debida motivación, logo de autorización conxunta das direccións xerais de Asistencia Sanitaria e de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, e logo de informar a respectiva comisión periférica de seguimento do pacto, a xerencia ou dirección poderá realizar un procedemento específico de selección no que se requira determinada experiencia ou formación previa nalgunha ou nalgunhas áreas específicas de actividade da correspondente categoría e/ou especialidade.

A selección, entre as persoas aspirantes que reúnan os requisitos de experiencia ou formación previa, realizarase atendendo a algún dos seguintes criterios:

a) Exclusivamente a puntuación na lista.

b) A puntuación na lista incrementada co resultado dunha entrevista e/ou memoria (máximo 16 puntos).

Cando se opte pola realización dunha entrevista e/ou memoria, a xerencia ou dirección:

a) Concretará e fará públicas as bases que se aplicarán nesta fase adicional de entrevista e/ou memoria.

b) Poderá limitar o número de persoas aspirantes que accedan a esta, entre aquelas que acrediten a experiencia ou formación previa requirida, pero respectando, en todo caso, a orde de prelación establecida na listaxe de aspirantes.

c) Nomeará unha comisión de valoración coas seguintes composición e funcións.

1º. Composición.

A comisión estará constituída por presidente/a, dous vogais e secretario/a. Na composición garantirase a presenza de profesionais con destino, preferentemente, en dúas áreas sanitarias, e cando menos dous distritos sanitarios. Como mínimo, dous dos membros terán a titulación da categoría e/ou especialidade na que se realiza a selección.

Na designación dos membros da comisión deberá respectarse o disposto no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

As persoas integrantes da comisión deberán absterse de intervir no proceso para o que foron designadas cando se atopen incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 23.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2º. Funcións.

As funcións da comisión serán fixadas nas bases do procedemento aprobadas pola xerencia ou dirección e, en todo caso terá as seguintes:

a) Fixar previamente os criterios para realizar e valorar a entrevista e/ou a memoria (entrevista e/ou memoria regradas).

b) Realizar e valorar a entrevista e/ou a memoria.

c) Dar traslado á xerencia ou dirección da acta, coa debida motivación, coas puntuacións obtidas polas persoas aspirantes na entrevista e/ou memoria.

3. Xestión de chamamentos.

Os chamamentos serán efectuados polas xerencias ou direccións seguindo rigorosamente a orde de puntuación nas listas, sen prexuízo do procedemento específico de selección que se establece no punto 2.3 respecto a determinados postos con características específicas.

4. Aplicación do Pacto de Selección Temporal.

Á marxe do previsto nos puntos 1, 2 e 3 anteriores, na selección temporal do persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria aplicaranse con carácter xeral as normas establecidas no vixente pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016).

Como excepcións:

a) Aplicarase o 30 de xuño como data de referencia para a elaboración das sucesivas listas.

b) Todas as listas de persoal licenciado sanitario serán compatibles entre si.

c) Serán subsidiarias entre si para os efectos da formalización de nomeamentos, nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes nunha das categorías, as listas de persoas aspirantes das categorías de pediatra de atención primaria e facultativo/a especialista de área na especialidade de pediatría e as súas áreas específicas.

d) No suposto de non existir nun distrito sanitario aspirantes dispoñibles que tiveran manifestado como opción preferente este ámbito, acudirase ás persoas aspirantes que seleccionaron como preferentes os distritos limítrofes máis próximos, antes de acudir ao/á primeiro/a aspirante por orde de puntuación na lista xeral. Para estes efectos, considéranse distritos máis próximos os fixados con carácter xeral no pacto de selección de persoal estatutario temporal (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016).

e) Ás persoas aspirantes vinculadas por un nomeamento de longa duración nun distrito distinto ao/s seleccionado/s como preferente/s ofertaránselles os vínculos de longa duración na mesma categoría/especialidade que se produzan noutro distrito elixido como preferente. A aceptación deste vínculo terá carácter voluntario. No suposto de renuncia, a persoa aspirante permanecerá como indispoñible para sucesivos chamamentos ata a finalización do seu vínculo, sen prexuízo da aplicación do disposto na Resolución do 17 de outubro de 2018, pola que se dispón a publicación do acordo da mesa sectorial do 16 de outubro de 2018, de modificación do pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal (Diario Oficial de Galicia número 203, do 24 de outubro).

5. Vixencia e denuncia.

Este pacto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. No demais será plenamente aplicable o réxime de vixencia e denuncia previsto na norma xeral I.3 do vixente pacto sobre a selección de persoal estatutario temporal (Diario Oficial de Galicia número 123, do 30 de xuño de 2016).