Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Luns, 17 de decembro de 2018 Páx. 52543

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 11 de decembro de 2018 pola que se modifica a Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas deste programa.

O artigo 10 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá asinar convenios coas entidades financeiras co obxecto de incentivar a concesión de financiamento para actuacións de rehabilitación. No artigo 11 deste decreto indícase que mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de vivenda poderán aprobarse programas de financiamento consistentes na subsidiación de préstamos e concesión de axudas directas, así como as bases reguladoras das ditas axudas, con suxeición ao previsto na normativa de subvencións.

Con data do 23 de setembro de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas deste programa.

Considérase necesario a modificación das bases reguladoras destas axudas coa finalidade de encomendar a instrución dos expedientes á Dirección Técnica de Fomento do Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como a atribución expresa á persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo para convocar as axudas financeiras deste programa.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 11 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2008, do 4 de outubro, e co artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Modificación do artigo 10.1 da Orde do 19 de setembro de 2016 pola que se aproba o programa de préstamos cualificados para a rehabilitación de edificios e vivendas e se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas deste programa

Modifícase o artigo 10.1 da Orde do 19 de setembro de 2016, que pasa a ter a seguinte redacción:

«A instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS».

Artigo 2. Modificación do artigo 11.1 da Orde do 19 de setembro de 2016

Modifícase o artigo 11.1 da Orde do 19 de setembro de 2016, que queda redactado como segue:

«O procedemento para o recoñecemento do acceso ao financiamento e a concesión das axudas de subsidiación de xuros, que se iniciará mediante resolución de convocatoria da persoa titular da Presidencia do IGVS, será en réxime de concorrencia non competitiva».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda