Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Venres, 14 de decembro de 2018 Páx. 52261

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 26 de novembro de 2018 pola que se aproba a proposta de Ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Galicia.

A aplicación práctica da lexislación en materia de contaminación acústica é maioritariamente competencia dos concellos (artigo 6 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído), e debe ser desenvolvida a nivel local, para adecuala ás súas propias circunstancias mediante ordenanzas municipais. Algúns concellos non teñen capacidade para elaborar as ditas ordenanzas, polo que o Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, previu que a consellería competente en ambiente aprobase, mediante orde, unha proposta de ordenanza de protección contra a contaminación acústica que será de aplicación para os concellos que así o decidan e nos termos que eses concellos consideren.

En cumprimento do establecido no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda elabora unha proposta de ordenanza, co obxecto de facilitar aos concellos galegos que así o dispoñan e de conformidade coa tramitación correspondente no ámbito da normativa local, a elaboración da súa propia ordenanza contra a contaminación acústica.

Esta proposta de ordenanza está composta por 26 artigos divididos en tres capítulos: capítulo I Disposicións xerais (artigos 1 a 5); capítulo II Calidade acústica (artigos 6 a 19); capítulo III Prevención e corrección da contaminación acústica (artigos 20 a 26); catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras; e catro anexos (Índices acústicos e métodos de avaliación, Obxectivos de calidade e valores límite de recepción, Clasificación de actividades que se desenvolven en edificacións e valores de illamento para o desenvolvemento de actividades, e Estudos acústicos).

Cómpre sinalar que a proposta de ordenanza é un documento de carácter orientativo e, polo tanto, non vinculante, que se desenvolve seguindo unha estrutura normativa que permite a súa adopción polos concellos galegos, tanto de forma íntegra como parcial. Deben considerarse en cada caso as modificacións necesarias para adaptalo ás características e necesidades concretas do municipio en cuestión, e sempre tendo presente a autonomía local e a propia normativa procedemental, sen prexuízo da tramitación administrativa correspondente, de conformidade coa normativa de réxime local.

En consecuencia, de conformidade co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Aprobación

1. En cumprimento do disposto no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, e para os efectos de dar cumprimento ao disposto polo artigo 6 e concordantes da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, apróbase a proposta de Ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Galicia, cuxo texto se inclúe a seguir.

2. A ordenanza aplicarase, de forma total ou parcial, naqueles concellos que así o acorden, de conformidade coa normativa de réxime local, e logo de tramitación que garanta a adecuación aos procedementos establecidos na dita normativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Proposta de Ordenanza de protección contra a contaminación acústica de Galicia

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. A presente ordenanza ten por obxecto regular o exercicio das competencias que en materia de protección do ambiente corresponden no termo municipal do Concello fronte á contaminación producida por ruído e vibracións, co fin de garantir o dereito á intimidade persoal e familiar, á protección da saúde, así como á calidade de vida e a un ambiente adecuado.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Con carácter xeral, quedan sometidas ás prescricións establecidas nesta ordenanza:

a) Todas as actividades, comportamentos, infraestruturas locais, instalacións, elementos construtivos, medios de transporte, máquinas, aparellos, obras, vehículos e, en xeral, todos os emisores acústicos, públicos ou privados, individuais ou colectivos, que no seu funcionamento, uso ou exercicio xeren ruído e/ou vibracións susceptibles de causar molestias ás persoas, danos aos bens, xerar riscos para a saúde ou o benestar, ou deteriorar a calidade do ambiente.

b) As áreas acústicas e as edificacións, como receptores acústicos.

c) Actuacións relativas ao illamento acústico.

2. En particular, son de aplicación as prescricións desta ordenanza, entre outras, a:

a) Actividades domésticas e comportamentos veciñais, e comportamentos na rúa susceptibles de producir e transmitir ruído e/ou vibracións.

b) Sistemas de aviso acústico.

c) Actividades de carga e descarga de mercadorías.

d) Traballos na vía pública, especialmente os relativos á reparación de calzadas e beirarrúas, ou cortacéspedes, e calquera outro análogo.

e) Traballos de limpeza da vía pública e de recollida de residuos municipais.

f) Medios de transporte público e privado, como a circulación de vehículos de motor, ciclomotores e motocicletas.

g) Actividades suxeitas á lexislación vixente en materia de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos públicos.

3. Exclúense das prescricións da ordenanza:

a) As actividades domésticas e comportamentos veciñais dentro de límites tolerables, de conformidade co establecido nesta ordenanza e usos locais.

b) As actividades militares, que se rexerán pola súa lexislación específica.

c) A actividade laboral que, no relativo á contaminación acústica producida no lugar de traballo, se rexerá polo disposto na lexislación laboral.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos do establecido nesta ordenanza, entenderase por:

a) Actividade: calquera instalación, establecemento ou local, público ou privado, de natureza industrial, comercial, de servizos ou de almacenamento.

b) Área acústica: ámbito territorial, delimitado polo Concello, que presenta o mesmo obxectivo de calidade acústica.

c) Área urbanizada: superficie do territorio que reúna os requisitos establecidos na lexislación urbanística aplicable, de solo urbano ou urbanizado, que se atope integrada, de maneira legal e efectiva, na rede de dotacións e servizos propios dos núcleos de poboación. Entenderase que así ocorre para as parcelas, estean ou non edificadas, que conten coas dotacións e os servizos requiridos pola lexislación urbanística ou poidan chegar a contar con eles sen outras obras que as de conexión ás instalacións en funcionamento.

d) Área urbanizada existente: a superficie do territorio que fose área urbanizada antes da entrada en vigor do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído.

e) Avaliación acústica: resultado de aplicar calquera método que permita calcular, predicir, estimar ou medir a calidade acústica e os efectos da contaminación acústica.

f) Calidade acústica: grao de adecuación das características acústicas dun espazo ás actividades que se realizan no seu ámbito.

g) Contaminación acústica: presenza no ambiente de ruído ou vibracións, calquera que sexa o emisor acústico que os orixine, que impliquen molestia, risco ou dano para as persoas, para o desenvolvemento das súas actividades ou para os bens de calquera natureza, ou que causen efectos significativos sobre o ambiente.

h) Efectos nocivos: os efectos negativos sobre a saúde humana ou sobre o ambiente.

i) Emisor acústico: calquera actividade, infraestrutura, equipamento, maquinaria ou comportamento que xere contaminación acústica.

j) Índice acústico: magnitude física para describir a contaminación acústica, que ten relación cos efectos producidos por esta. Pode ser de ruído ou de vibracións, segundo a orixe causante dos efectos nocivos producidos e, igualmente, pode ser de recepción ou de emisión, segundo o obxecto de avaliación. O índice de recepción de ruído é o índice relativo á contaminación acústica producida por ruído existente nun lugar un tempo determinado.

k) Mapa de ruído: presentación de datos sobre unha situación acústica existente ou prognosticada en función dun índice de ruído, en que se indicará a superación de calquera valor límite pertinente vixente, o número de persoas afectadas nunha zona específica ou o número de vivendas expostas a determinados valores dun índice de ruído nunha zona específica.

l) Mapa estratéxico de ruído: un mapa de ruído deseñado para poder avaliar globalmente a exposición do ruído nunha zona determinada, debido á existencia de distintas fontes de ruído, ou para poder realizar predicións globais para a devandita zona.

m) Molestia: o grao de perturbación que provocan o ruído ou as vibracións á poboación, determinado mediante enquisas sobre o terreo.

n) Locais lindeiros: dous locais cando en ningún momento se produce a transmisión de ruído entre o emisor e o receptor a través do ambiente exterior.

ñ) Obxectivo de calidade acústica: conxunto de requisitos que, en relación coa contaminación acústica, deben cumprirse nun momento dado nun espazo determinado.

o) Plan de acción: plan encamiñado a afrontar cuestións relativas ao ruído e aos seus efectos, incluída a redución do ruído, se for necesario.

p) Ruído ambiental: o son exterior non desexado ou nocivo xerado polas actividades humanas, incluído o ruído emitido polos medios de transporte, polo tráfico rodado, ferroviario e aéreo, e por lugares de actividades industriais.

q) Tempo de reverberación: intervalo temporal que transcorre desde que a emisión sonora cesa ata que decrece 60 dB.

r) Valor límite: valor dun índice acústico, medido conforme unhas condicións establecidas, que non debe ser superado e que, de superarse, obriga as autoridades competentes a prever ou a aplicar medidas tendentes a evitar tal superación.

s) Zona común: zona ou zonas dun edificio que pertencen ou dan servizo a varias unidades de uso (parte dun edificio que se destina a un uso específico).

t) Zonas de protección acústica especial: áreas acústicas onde se incumpran os obxectivos de calidade acústica aplicables, aínda que os emisores acústicos observen os valores límite aplicables.

u) Zonas de servidume acústica: sectores do territorio, delimitados nos mapas de ruído, en que os valores de recepción poderán superar os obxectivos de calidade acústica aplicables ás correspondentes áreas acústicas e onde se poderán establecer restricións para determinados usos do solo, actividades, instalacións ou edificacións, coa finalidade de, polo menos, cumprir os valores límites de recepción establecidos para aqueles.

v) Zonas de situación acústica especial: zona de protección acústica especial en que as medidas correctoras incluídas nos plans zonais específicos que se desenvolvan non poidan evitar o incumprimento dos obxectivos de calidade acústica.

w) Zonas tranquilas en campo aberto: espazos non perturbados por ruído procedente do tráfico, actividades industriais ou actividades deportivo-recreativas.

Artigo 4. Competencia administrativa e control do cumprimento

1. Corresponde ao Concello exercer o control do cumprimento da ordenanza e, entre outras competencias:

a) Delimitar as áreas acústicas, sinalar limitacións, declarar zonas tranquilas ou zonas de protección e/ou de situación acústica especial, a suspensión dos obxectivos de calidade acústica, a declaración de servidumes acústicas para infraestruturas da súa competencia.

b) Ordenar as inspeccións que sexan necesarias, aplicar as sancións correspondentes en caso de incumprirse o ordenado e exixir a adopción das medidas correctoras necesarias.

2. Para aquelas figuras competencia do Concello, o procedemento administrativo será iniciado por acordo do órgano competente e será sometido a información pública e audiencia das persoas interesadas por un período non inferior a un mes. O procedemento administrativo para as competencias definidas na letra a) do punto anterior será conforme o indicado na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e para as competencias indicadas na letra b) será conforme o indicado na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

As alegacións aos procedementos indicados no punto 1 deste artigo resolveranse motivadamente e procederase á aprobación definitiva no Boletín Oficial da provincia, para o que se dará cumprida información, ademais, mediante os medios de publicación indicados no artigo 22.

As modificacións e cesamentos que afecten estas zonas seguirán o mesmo procedemento que a súa aprobación.

Naqueles casos en que se proceda á suspensión dos obxectivos de calidade acústica ou se recorra a medidas correctoras, a autorización que se conceda expresará os aspectos determinados nun estudo acreditativo do seu impacto acústico, conforme o anexo IV da ordenanza, entre outros: o prazo, o ámbito e os niveis sonoros que se prevén acadar.

3. O persoal funcionario encargado de funcións de inspección, logo de identificación, terá, entre outras, as seguintes facultades:

a) Acceder ás actividades, instalacións ou ámbitos xeradores ou receptores sonoros (de ruído ou de vibracións) nos termos previstos na lei.

b) Requirir a información e a documentación administrativa que autorice as actividades e instalacións ou calquera emisor obxecto de inspección.

c) Proceder á medición, á avaliación e ao control necesarios para comprobar o cumprimento das disposicións vixentes na materia e das condicións da autorización con que conte a actividade.

Artigo 5. Dereitos e deberes da cidadanía en relación con esta ordenanza

1. Toda a cidadanía ten dereito á información pública sobre a contaminación acústica no concello, e a denunciar calquera actuación pública ou privada que, incumprindo as prescricións establecidas na presente ordenanza, implique molestia, risco ou dano para as persoas, bens de calquera natureza ou ao ambiente, de acordo co disposto na normativa reguladora de protección contra a contaminación acústica e segundo o establecido na Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente; así como o deber de observar as normas sobre conduta que en relación coa contaminación acústica se determinan na ordenanza.

2. As persoas titulares e/ou responsables das instalacións, actividades ou equipamentos xeradores de ruído e/ou vibracións, tanto ao aire libre como en establecementos ou locais, facilitarán ao persoal inspector o acceso ás instalacións ou focos de emisión de ruído e disporán o seu funcionamento na forma que lle indique o devandito persoal inspector, e poderán presenciar o proceso operativo, sempre que non comprometan a medida.

Así mesmo, as posibles persoas afectadas deberán facilitar o acceso ás súas vivendas ou locais co obxecto de poder realizar as inspeccións e medicións que se establecen como requisito preceptivo na ordenanza para a solicitude de licenza ou autorización previa de calquera clase. O Concello, se for necesario, realizará as citacións oportunas para a práctica de devanditas inspeccións e medicións.

CAPÍTULO II

Calidade acústica

Sección 1ª. Zonificación acústica

Artigo 6. Áreas acústicas

A clasificación e zonificación de áreas acústicas axustarase aos tipos e criterios establecidos pola Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e polo Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, que a desenvolve, así como ao Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

Os tipos serán: residencial; industrial; recreativa e de espectáculos; de uso terciario distinto ao mencionado no caso anterior; sanitario, docente e cultural; con sistemas xerais de infraestruturas de transporte ou outros equipamentos públicos que os reclamen; e espazos naturais.

Artigo 7. Servidume acústica

1. Para os efectos da aplicación desta ordenanza, considéranse servidumes acústicas as destinadas a conseguir a compatibilidade do funcionamento ou desenvolvemento das infraestruturas de competencia municipal cos usos do solo, actividades, instalacións ou edificacións implantadas, ou que poidan implantarse, na zona de afección polo ruído orixinado nas devanditas infraestruturas.

Poderán quedar gravados por servidumes acústicas os sectores do territorio afectados polo funcionamento ou desenvolvemento das mencionadas infraestruturas, así como os sectores de territorio situados na contorna de tales infraestruturas, existentes ou proxectadas.

As zonas de servidume acústica establécense e inclúense nos instrumentos de planeamento urbanístico e nos mapas de ruído correspondentes, conforme o establecido nos artigos 5.2 e 5.3 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

2. As zonas de servidume acústica delimitaranse mediante a aplicación dos criterios técnicos indicados na normativa vixente. Estas zonas comprenderán o territorio delimitado pola curva de nivel do índice acústico (isófona) correspondente ao valor límite da área acústica do tipo a), «Residencial», que figura na táboa II.B.1.

Nos sectores do territorio gravados por servidumes acústicas estableceranse limitacións para determinados usos do solo, actividades, instalacións ou edificacións, coa finalidade de, polo menos, cumprir os valores límite de recepción establecidos para aqueles. Revisarase a delimitación das servidumes acústicas cando se produzan modificacións substanciais nas infraestruturas, que orixinen variacións significativas dos niveis sonoros na súa contorna.

3. Cando se delimite unha zona de servidume acústica nunha área urbanizada, elaborarase simultaneamente o correspondente mapa de ruído e plan de acción en materia de contaminación acústica, que conterá as medidas correctoras que deban aplicarse aos emisores acústicos vinculados ao funcionamento da infraestrutura, as persoas responsables da súa adopción, a cuantificación económica e un proxecto de financiamento.

Artigo 8. Zonas de protección acústica especial e de situación acústica especial

1. As áreas acústicas nas que se incumpran os obxectivos de calidade acústica serán declaradas polo Concello como zonas de protección acústica especial, coa finalidade de reducir eses niveis ata acadar os obxectivos de calidade acústica propios da zona en cuestión.

2. Unha vez declarada a zona de protección acústica especial, elaborarase un plan zonal específico que recolla as medidas correctoras que se deberán aplicar para a mellora acústica da zona, ata acadar os obxectivos de calidade acústica que lle sexan de aplicación, as persoas responsables da súa aplicación, a cuantificación económica e o proxecto de financiamento.

Entre as medidas correctoras que poderán conter os plans zonais específicos están: instalación de barreiras acústicas, illamentos de fachadas, aplicar restricións horarias e/ou de emisións para obras na vía pública ou en edificacións, para vehículos de motor, para actividades ou outros emisores acústicos concretos, actuacións sobre as vías de propagación (como o firme de estradas), acceso da cidadanía á información ambiental ou calquera outra medida similar que favoreza unha redución dos niveis de ruído.

3. Dado o caso de que as medidas correctoras aplicadas non sexan eficaces para o cumprimento dos mencionados obxectivos de calidade acústica, despois de 3 anos declararase a área como zona de situación acústica especial. Neste caso aplicaranse novas medidas correctoras coa finalidade particular do cumprimento dos obxectivos de calidade acústica no espazo interior.

4. O plan de acción derivado do mapa de ruído correspondente ás zonas indicadas neste artigo e conforme o artigo 23 incluirá, nestes casos, os plans zonais específicos que se determinen.

5. O procedemento que se seguirá para a declaración e as actuacións derivadas destas zonas será o indicado no artigo 4.2.

Artigo 9. Suspensión dos obxectivos de calidade acústica

1. Os obxectivos de calidade poderán ser suspendidos polo Concello conforme o indicado no artigo 7 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, e no artigo 9 da Lei 37/2003, do 17 de novembro.

2. A suspensión dos obxectivos de calidade acústica deberá ser acordada con carácter previo á celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas que se realicen ao aire libre ou en recintos que non dispoñan de medidas de illamento aptas para garantir o cumprimento dos ditos obxectivos de calidade, mesmo se a actividade en cuestión é promovida ou auspiciada polo Concello.

A resolución municipal que acorde a suspensión deberá incluír a referencia da normativa sobre contaminación acústica aplicable; a delimitación do espazo ou recinto onde terá lugar o acto, que terá a consideración de foco sonoro; a determinación das persoas responsables da actividade; os límites horarios para a súa celebración; os niveis de ruído equivalente ponderado A (LAeq) permitidos, así como calquera outra limitación, medida de protección necesaria ou característica relevante, incluída a instalación de aparellos de control permanente de ruído (limitadores de son) cando se prevexa a utilización de equipamentos de reprodución de son ou audiovisuais, no caso en que así se determine.

3. O procedemento que se seguirá neste caso será o indicado no artigo 4.2.

4. Non se acordará a suspensión dos obxectivos de calidade acústica naquelas áreas que requiran de especial protección contra a contaminación acústica segundo a lexislación vixente, como son as clasificadas como tipo sanitario, docente e cultural e os espazos naturais.

Sección 2ª. Índices acústicos

Artigo 10. Índices acústicos e aplicación

1. Os índices acústicos establécense no anexo I. Estes índices utilizaranse para a avaliación do ruído e das vibracións, na verificación do cumprimento dos obxectivos de calidade acústica aplicables ás áreas acústicas e ao espazo interior dos edificios, así como para a avaliación dos niveis sonoros producidos e transmitidos polas infraestruturas, actividades, instalacións e comportamentos, na delimitación das servidumes acústicas e na verificación do cumprimento dos valores límite para os emisores acústicos. Os obxectivos de calidade acústica e os valores límite de recepción móstranse no anexo II da ordenanza.

2. A produción e transmisión de ruído e vibracións na vía pública, nas zonas de pública concorrencia ou no interior dos edificios, non poderá superar os límites establecidos nesta ordenanza en ningún dos períodos temporais de avaliación (día, tarde e noite) definidos no anexo I desta norma.

Artigo 11. Avaliación acústica

1. A avaliación acústica levarase a cabo segundo os procedementos de cálculo e medición dos índices acústicos, tal e como se reflicte no anexo I, en consonancia coa normativa estatal de referencia ou norma que a modifique ou substitúa en materia de contaminación acústica.

2. As tarefas de avaliación acústica necesarias para o cumprimento da ordenanza requiren da capacitación técnica exixida polos artigos 10 ou 12 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, segundo corresponda.

3. O Concello, para efectos informativos ou de observación, poderá dotarse dunha rede de ruído, consistente en equipamentos de medición localizados en varios puntos das diferentes áreas acústicas ou zonas singulares con que zonifique o seu territorio.

Sección 3ª. Obxectivos de calidade acústica

Artigo 12. Obxectivos de calidade acústica aplicables a áreas acústicas

1. Os obxectivos de calidade acústica para ruído en espazo exterior son os establecidos na táboa II.A.1 do anexo II da ordenanza para áreas urbanizadas existentes, e diminuído en 5 dB para o resto.

2. Para os efectos de cumprimento dos obxectivos de calidade, considerarase que se respectan os obxectivos de calidade acústica para ruído cando, para cada un dos índices de recepción de ruído, Ld, Le, ou Ln, avaliados conforme os procedementos establecidos no anexo I, se cumpre, no período dun ano, que:

a) Ningún valor supera os valores fixados na táboa II.A.1.

b) O 97 % de todos os valores diarios non superan en 3 dB os valores fixados na táboa II.A.1.

Artigo 13. Obxectivos de calidade acústica aplicables ao espazo interior

1. Os obxectivos de calidade acústica para ruído e para vibracións en espazo interior son os establecidos nas táboas II.A.2 e II.A.3 do anexo II da ordenanza.

2. Para efectos de cumprimento dos obxectivos de calidade considerarase que, para:

a) Ruído: respéctanse os obxectivos de calidade acústica cando para cada un dos índices de recepción de ruído, Ld, Le, ou Ln, avaliados conforme os procedementos establecidos no anexo I, se cumpre, no período dun ano, que:

i) Ningún valor medio anual supera os valores fixados na táboa II.A.2.

ii) O 97 % de todos os valores diarios non superan en 3 dB os valores fixados na táboa II.A.2.

b) Vibracións: respéctanse os obxectivos de calidade acústica cando, para o índice de vibracións Law, avaliado conforme os procedementos establecidos no anexo I, cúmprese, no período dun ano, que:

i) En período nocturno ningún valor supera os valores fixados na táboa II.A.3.

ii) En ningún caso se superan en 5 dB os valores mostrados na táboa II.A.3.

iii) Para vibracións estacionarias en ningún caso se superan os valores fixados na táboa II.A.3.

iv) Para vibracións transitorias o conxunto de superacións permitidas non debe ser maior de 9. Para estes efectos, cada evento cuxo exceso non supere os 3 dB será contabilizado como 1 e, se os supera, como 3.

3. Os obxectivos de calidade acústica en espazo interior cumprirán coas obrigas fixadas para edificacións na lexislación vixente: artigo 17.2 do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, artigo 10 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, e artigo 17 da ordenanza.

Sección 4ª. Emisores acústicos e valores límite

Artigo 14. Valores límite de recepción para todo tipo de emisor

1. Os valores límite de recepción por transmisión ao ambiente exterior de emisións de ruído de novas infraestruturas son os establecidos nas táboas II.B.1 e II.B.2 do anexo II da ordenanza.

Os valores límite de recepción por transmisión ao ambiente exterior de emisións de ruído de novas instalacións, establecementos e actividades portuaria, industrial, comercial, de almacenamento, deportiva, recreativa, de lecer ou similares, son os establecidos na táboa II.B.3.

2. Os valores mostrados na táboas II.A.2 e II.A.3 terán a consideración de valores límite de recepción para interior, sen prexuízo doutros casos particulares que se indican neste artigo.

Os valores límite de recepción por transmisión a locais lindeiros de emisións de ruído de instalacións, establecementos, actividades industrial, comercial, de almacenamento, deportiva, recreativa, de lecer ou similar, son os establecidos na táboa II.B.4.

En edificios de uso exclusivo comercial, oficinas ou industrial, os límites exixibles de transmisión interior entre locais de diferente titularidade son os establecidos en función do uso do edificio.

3. Considerarase que se cumpren os valores límite de recepción de ruído cando, para cada un dos índices de recepción de ruído, avaliados conforme os procedementos establecidos no anexo I, no período dun ano, para:

a) Infraestruturas:

i) Ningún valor medio anual supera os valores fixados na táboa II.B.1.

ii) Ningún valor diario supera en 3 dB os valores fixados na táboa II.B.1.

iii) O 97 % de todos os valores diarios non supera os valores fixados na táboa II.B.1.

b) Actividades:

i) Ningún valor medio anual supera os valores fixados nas táboas II.B.3 e II.B.4.

ii) Ningún valor diario supera en 3 dB os valores fixados nas táboas II.B.3 e II.B.4.

iii) Ningún valor LKeq,Ti supera en 5 dB os valores fixados nas táboas II.B.3 e II.B.4.

Para efectos de cumprimento dos valores límite de recepción, para ruído transmitido a espazo interior non lindeiro, procederase co establecido no artigo 13 da ordenanza.

4. Para efectos de inspección de actividades en funcionamento considerarase que se respectan os valores límite de recepción de ruído cando se cumpren os puntos b.ii) e b.iii) do número anterior deste artigo.

5. Os valores límite de recepción de vibracións coincidirán, en todo caso, cos obxectivos de calidade, segundo o artigo 13 da ordenanza.

6. O disposto neste artigo aplicarase unicamente fóra das zonas de servidume acústica.

Artigo 15. Emisores acústicos específicos

1. O valor límite de emisión sonora dos vehículos de motor e ciclomotores en circulación será o correspondente a sumar 4 dB ao nivel de emisión indicado na homologación deste, avaliado co vehículo parado segundo o procedemento e conforme a regulamentación. En caso de non aparecer entre as características do vehículo o nivel de emisión sonora, o valor límite será 91 dB para ciclomotores, e para o resto de vehículos será o valor de emisión obtido seguindo o procedemento establecido na lexislación vixente incrementado en 4 dB, cando a inspección técnica ditamine o correcto estado do vehículo.

Os vehículos de motor destinados a servizos de urxencias disporán dun mecanismo de regulación da intensidade sonora dos dispositivos acústicos que a reduza a uns niveis máximos de 90 dB medidos a tres metros de distancia e na dirección de máxima emisión.

O Concello promoverá a utilización e contratación de vehículos de transporte público que posúan uns valores de emisión sonora baixos.

2. As embarcacións de recreo seguirán as indicacións da normativa específica vixente de requisitos de emisións sonoras, conforme o indicado no artigo 20 do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro.

3. A maquinaria utilizada en actividades ao aire libre en xeral, e nas obras públicas e na construción en particular, debe axustarse ás prescricións establecidas na lexislación vixente propia referente a emisións sonoras, conforme o indicado no artigo 22 do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro. En todo caso, o Concello fomentará a utilización de maquinaria, equipamentos e pavimento de baixa emisión acústica nas contratacións.

Para os traballos realizados, tanto na vía pública coma na edificación, con emprego de maquinaria que teña un nivel de emisión superior a 90 dB, será necesaria unha autorización municipal. Estes traballos realizaranse unicamente en período diúrno e/ou de tarde, exceptuando as obras urxentes por necesidade inmediata ou perigo, para o que é preceptivo a solicitude previa da persoa interesada e que na autorización municipal se valore o impacto acústico, todo isto conforme o indicado no anexo IV da ordenanza. O persoal dedicado a esas tarefas estará obrigado a levar equipamentos de protección acústica.

4. As actividades de carga e descarga de mercadorías, caixas, contedores, materiais de construción e obxectos similares na vía pública realizaranse preferentemente en período diúrno e/ou de tarde.

Artigo 16. Comportamentos cidadáns

1. A produción e transmisión de ruído e vibracións que supoña unha superación dos límites que exixe a ordenanza non terán a consideración de comportamentos veciñais tolerables. Inclúense como comportamentos veciñais que non terán a consideración de tolerables, en caso de superaren os límites establecidos, os berros, os golpes, as festas, cantos, traballos, o ruído dos animais, a utilización de instrumentos sonoros ou musicais, os aparellos electrodomésticos, a música nos vehículos que se propague ao exterior e outros de similar natureza. Considéranse especialmente gravosos os citados comportamentos cando teñan lugar en período nocturno.

Para a aplicación deste punto os valores límite de recepción que se considerará serán iguais aos indicados no artigo 14 para actividades.

2. Prohíbese, con carácter xeral, o emprego en espazos públicos de todo dispositivo sonoro con fins de propaganda, reclamo e análogos, cuxas condicións de funcionamento produzan molestias. Cando por razóns de interese xeral ou de especial significación cidadá sexa necesario o seu emprego, deberá contar con autorización municipal. Esta prohibición non rexerá nos casos de urxencia.

En todo caso, as persoas titulares destes dispositivos porán, mediante comunicación previa, en coñecemento do Concello a súa existencia para a súa interrupción en caso necesario (as alarmas estarán conectadas a unha central), o que non as eximirá da correspondente sanción.

A actividade dos dispositivos soamente se acepta para os casos establecidos como avisos, tentativas de roubo ou similares, ou outros casos xustificados, como se indica no parágrafo anterior, nos instantes posteriores á instalación e comprobacións periódicas do seu funcionamento (cun máximo dunha vez cada tres meses e en período diúrno), e todo durante un tempo total de funcionamento (incluídas as paradas) non superior a 10 minutos, tras o cal o sistema de aviso será luminoso. Os valores que se acaden non superarán os 85 dB medidos a 3 metros de distancia en dirección de máxima emisión. O tempo de emisión continuado será dun máximo de 30 segundos e similar ao das paradas.

Sección 5ª. Edificacións, industria e actividades públicas

Artigo 17. Edificacións

1. Para os efectos de aplicación desta ordenanza, considéranse edificacións as construcións dentro do ámbito de aplicación que establece o documento básico «DB-HR Protección fronte ao ruído» do Código técnico da edificación, aprobado mediante Real decreto 1371/2007, do 19 de outubro. Para todos os efectos aplicará este real decreto a novas edificacións, que son aquelas con licenza municipal solicitada posteriormente ao 24 de abril de 2009. Igualmente aplicará sobre as modificacións ou reformas para as edificacións coa solicitude anterior a esa data. No resto de casos poderán optar por satisfacer as condicións acústicas establecidas na NBE CA-88 publicadas na Orde do 29 de setembro de 1988.

2. Unha edificación é conforme as exixencias acústicas derivadas da aplicación dos obxectivos de calidade acústica ao espazo interior das edificacións e os valores límite de actividades cando, ao aplicar o sistema de verificación acústica, se cumpran as exixencias acústicas básicas e métodos impostos polo Código técnico da edificación «DB-HR Protección fronte ao ruído», aprobado mediante o Real decreto 1371/2007, do 19 de outubro, norma que o modifique ou substitúa, ou polo NBE CA-88, segundo corresponda.

3. En cumprimento do establecido pola lexislación vixente, para a concesión da licenza de primeira ocupación, coa correspondente certificación de fin de obra, achegarase certificación das condicións acústicas, mediante presentación de informe de ensaios in situ, acreditativo do cumprimento das prescricións establecidas neste artigo e segundo as dos artigos 10 e 12 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo; para o que poderán establecerse ensaios representativos, sen prexuízo do cumprimento do establecido nesta ordenanza en todo caso.

4. As instalacións de aire acondicionado, ventilación, climatización, ascensores e calquera outro elemento construtivo en edificacións cumprirán cos valores límite indicados no artigo 14 da ordenanza, para todo tipo de emisor, e co Real decreto 1371/2007, do 19 de outubro, polo que se aproba o documento básico «DB-HR Protección fronte ao ruído» do Código técnico da edificación CTE.

Artigo 18. Industrias

A produción e transmisión de ruído e vibracións orixinados nas actividades industriais axustaranse ao establecido nesta ordenanza; ademais, quedan sometidas aos condicionantes que regule a normativa estatal básica e autonómica de protección ambiental, para aquelas que estean obrigadas por un procedemento de avaliación de impacto ambiental. Este procedemento incluirá un estudo acreditativo do seu impacto acústico conforme o anexo IV da ordenanza e exixirá o cumprimento das medidas correctoras que se diten.

Artigo 19. Actividades, recintos e establecementos de ocio, públicos ou de similar concorrencia e funcionalidade

1. Para efectos de aplicación deste artigo, as actividades seguirán o establecido na disposición transitoria única da ordenanza.

2. A produción e a transmisión de ruído e vibracións orixinados nas actividades axustaranse ao establecido na ordenanza e no artigo 11 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo. As persoas titulares desas actividades deberán adoptar as medidas de insonorización das fontes sonoras e de illamento acústico dos locais para cumprir cos valores límite de recepción e transmisión de ruído e vibracións marcados nesta ordenanza; quedan ademais, sometidas aos condicionantes que regule a normativa estatal básica e autonómica de incidencia e protección ambiental, para aquelas que estean obrigadas por un procedemento de avaliación de impacto ambiental ou de avaliación de incidencia ambiental. Este procedemento incluirá un estudo acreditativo do seu impacto acústico conforme o anexo IV da ordenanza e exixirá o cumprimento das medidas correctoras que se diten.

3. Sen prexuízo do establecido nas ordenanzas municipais, para establecementos abertos ao público con terraza, as persoas titulares das actividades coidarán do mantemento da orde nas terrazas, e deberán solicitar a actuación do Concello en caso de alteración ou molestia para a veciñanza. En ningún caso producirán e transmitirán ruído que supere, en espazos abertos ou interiores, os valores que figuran no anexo II da ordenanza.

CAPÍTULO III

Prevención e corrección da contaminación acústica

Sección 1ª. Prevención da contaminación acústica

Artigo 20. Illamento acústico

1. Cando o local público ou industria en que se desenvolvan actividades produza uns niveis de ruído superiores aos permitidos, considerarase responsable das molestias a persoa titular e/ou responsable da actividade, a quen lle será de aplicación o réxime sancionador previsto nesta ordenanza.

2. Para garantir a adecuada e eficaz defensa da saúde das persoas e do ambiente ante actividades que se desenvolvan en edificacións de zonas de tipo residencial e sanitario, docente e cultural, así como as zonas de protección, o Concello exixiralles ás persoas titulares das actividades indicadas na disposición transitoria segunda do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, un informe de ensaio ou certificado de illamento acústico, composto dos parámetros establecidos no devandito decreto, segundo o caso:

– Illamento entre a actividade e as vivendas lindeiras co local (DnT 100–5000 Hz e DnT 125 Hz) e niveis de recepción interna nas vivendas lindeiras derivadas do funcionamento no local emisor e o tempo de reverberación.

– Illamento acústico da fachada (D2m,nT 100–5000 Hz).

– Nivel de ruído de impactos (L’nT 100–5000 Hz).

A certificación realizarana empresas ou entidades segundo os criterios exixidos na normativa autonómica. As medicións cumprirán coas especificacións establecidas na normativa vixente sobre edificacións e nos anexos I e III da ordenanza.

3. Unha vez iniciada a actividade ou postas en funcionamento as instalacións, poderán realizarse inspeccións para comprobar que as actividades ou instalacións cumpren a normativa.

4. Os comportamentos cidadáns referidos no artigo 16, que non respecten o alí disposto para cumprimento de valores límite, sen prexuízo das sancións correspondentes, poden supoñer, en caso reiterado, a obriga dun acondicionamento de illamento acústico como o indicado nesta ordenanza para actividades.

Artigo 21. Acondicionamento de actividades, establecementos e locais

1. Co fin de evitar a transmisión sonora directamente ao exterior, nas actividades englobadas nos grupos 2, 3, 5, e 6 do anexo III será obrigatoria a instalación dunha dobre porta. As portas que conforman o vestíbulo deberán permanecer constantemente pechadas, agás unha durante a entrada e saída de persoas. As ventás do local tamén deben permanecer pechadas.

2. Aquelas actividades englobadas nos grupos 2, 3, 5 e 6 do anexo III que dispoñan de equipamentos de reprodución de son ou audiovisuais estarán obrigadas a instalar aparellos de control permanente de ruído (limitadores de son), deseñados para garantir o cumprimento dos límites máximos permitidos de emisión e recepción sonora en función da actividade e do seu illamento acústico. As características destes equipamentos seguirán o indicado no anexo I.B.7.

3. As actividades de ocio non industriais englobadas nos grupos 2, 3, 5 e 6 do anexo III da ordenanza, independentemente doutras limitacións establecidas nesta disposición, están obrigadas a colocar un aviso visible en dimensión e iluminación que indique o seguinte: a normativa sobre contaminación acústica pola que se rexen (esta ordenanza), nome legal da actividade, titular e/ou responsable da actividade, dirección, data de concesión da licenza ou da comunicación previa (declaración responsable), grupo de actividade en que se engloban segundo o indicado no anexo III, horario de actividade, aforo máximo do local, os niveis de ruído LAeq máximos medidos no centro do local en condicións de funcionamento, así como calquera outra limitación, medida de protección necesaria ou característica relevante, e o seguinte lema: «A exposición prolongada aos niveis sonoros do interior produce lesións permanentes no oído». O aviso será permanente desde o inicio da actividade, no formato que proporcione o Concello.

Sección 2ª. Protección e corrección da calidade acústica

Artigo 22. Actuacións e información sobre protección da calidade acústica

1. O Concello, para os efectos do establecido no artigo 5.1 desta ordenanza, servirase dos medios de publicación oportunos: taboleiro de edictos do concello e páxina electrónica do concello.

2. Terá carácter de información pública:

– A zonificación acústica do concello, incluídas as zonas acústicas singulares (reservas de sons de orixe natural, zonas tranquilas en campo aberto, zonas de protección e/ou situación acústica especial).

– Os mapas de ruído e os plans de acción, incluídas as medidas correctoras derivadas da súa aplicación.

– Aqueles supostos en que, por razóns excepcionais de interese público, o Concello concedera a suspensión dos obxectivos de calidade ou licenza de construción de edificacións que, cumprindo os obxectivos de calidade acústica en espazo interior, non se cumpran na área, incluída a motivación previa e as medidas correctivas correspondentes.

3. Igualmente, indicarase no taboleiro de edictos e na páxina electrónica do Concello:

– Os traballos en vía pública (destacando especialmente aqueles que sexan realizados en horario nocturno).

– A autorización municipal, así como a preceptiva xustificación técnica sobre as actividades e horarios daquelas actividades de carga e descarga aceptadas fóra dos supostos recomendados no artigo 15.

– As rutas e horarios dos servizos de limpeza e de recollida de lixo.

4. De conformidade co artigo 4.2 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, o Concello deberá presentar ante a consellería competente en materia de ambiente a información alí sinalada nos prazos que se estipulan.

Artigo 23. Medidas de protección: mapas de ruído, plans de acción e outras actuacións

1. Corresponde ao Concello a elaboración e aprobación dos mapas de ruído do termo municipal, tanto os estratéxicos como os das áreas acústicas en que se comprobe o incumprimento dos obxectivos de calidade acústica, se procede, así como os plans de acción derivados. Tales mapas e plans serán aprobados, logo de trámite de información pública, por un período mínimo dun mes. O Concello revisaraos e, de ser o caso, modificaraos, polo menos cada cinco anos a partir da data da súa aprobación.

Os índices acústicos e os requisitos mínimos específicos para a súa elaboración son os establecidos pola normativa vixente.

2. O Concello limitirá o tráfico rodado se se comproba que os valores de ruído acadados pola densidade de tráfico ou polas emisións acústicas dos vehículos superan os marcados nesta normativa.

Sección 3ª. Potestade inspectora e sancionadora

Artigo 24. Inspección

1. O persoal funcionario que realice labores de inspección en materia de contaminación acústica poderá acceder a calquera lugar, instalación ou dependencia, de titularidade pública ou privada, de conformidade co establecido no artigo 4 desta ordenanza. No suposto de entradas domiciliarias requirirase o consentimento previo da persoa titular ou resolución xudicial.

2. As persoas titulares dos emisores acústicos regulados por esta lei están obrigadas a prestar ás autoridades competentes toda a colaboración que sexa necesaria, co fin de permitirlles realizar os exames, controis, medicións e labores de recollida de información que sexan pertinentes para o desempeño da súas funcións.

3. As inspeccións poderán levarse a cabo de oficio ou por instancia de parte; faranse preferentemente no instante da denuncia, dentro das posibilidades do persoal encargado da avaliación e, en todo caso, o Concello atenderá as denuncias presentadas por posible afección debida a contaminación acústica nun prazo non superior a un mes.

As actas formalizadas polo persoal inspector deberán recoller, cumprindo os requisitos legalmente establecidos, toda a información que consideren relevante, entre outras: persoa denunciante, de ser o caso; responsable do recinto receptor, de ser o caso; responsable do foco emisor; outras persoas testemuñas da afección; data e hora da inspección; persoal inspector; feitos; actividades e niveis sonoros.

Artigo 25. Infraccións e sancións

1. Atendendo á Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, as posibles infraccións administrativas relacionadas coa contaminación acústica clasifícanse en leves, graves e moi graves. Son:

a) Infraccións leves:

– O ruído procedente de usuarios na vía pública, así como por comportamentos veciñais.

– Non comunicar ao Concello os datos requiridos nos prazos indicados.

– A instalación ou comercialización de emisores acústicos sen a debida información sobre os índices acústicos, conforme o exixible na normativa aplicable.

– O incumprimento dalgunha prescrición recollida nesta normativa cando non estea tipificada como grave ou moi grave.

b) Infraccións graves:

– Superar os valores límite aplicables, sen producir dano ou deterioración grave no ambiente, nin perigo grave para a seguridade ou saúde das persoas.

– O incumprimento das condicións establecidas en materia de contaminación acústica nas autorizacións sectoriais, licenzas, declaracións responsables ou comunicación previa, sen producir dano ou deterioración grave no ambiente, nin supoñer perigo grave para a seguridade ou saúde das persoas.

– A ocultación ou alteración de datos relativos á contaminación acústica contidos nos expedientes administrativos encamiñados á obtención de autorizacións ou licenzas relacionadas co exercicio das actividades reguladas nesta ordenanza.

– O impedimento, atraso ou obstrución na actividade inspectora ou de control da Administración.

– A non adopción de medidas correctoras requiridas polo Concello ante un caso de incumprimento dos obxectivos de calidade.

c) Infraccións moi graves:

– A produción e transmisión de contaminación acústica por enriba dos valores límite establecidos nas zonas de protección acústica especial ou nas zonas de situación acústica especial.

– A superación dos valores límite aplicables, cando se producise un dano ou unha deterioración para o ambiente, ou se puxese en perigo grave a seguridade ou saúde das persoas.

– O incumprimento das condicións establecidas en materia de contaminación acústica nas autorizacións sectoriais, licenzas, declaracións responsables ou comunicación previa, cando se producise dano ou deterioración grave no ambiente, ou se puxese en perigo grave a seguridade ou saúde das persoas.

– O incumprimento dos requisitos de relativos á protección de edificacións fronte ao ruído, cando se puxese perigo grave a seguridade ou saúde das persoas.

– O incumprimento das obrigas derivadas da adopción das medidas provisionais indicadas no punto 3 deste artigo.

2. As sancións derivadas da comisión das infraccións anteriormente expostas, atendendo ás circunstancias particulares de cada caso, serán:

a) No caso de infraccións leves: multas de ata 600 euros.

b) No caso de infraccións graves: multas desde 601 ata 12.000 euros; suspensión das licenzas ou autorizacións preceptivas por un período de tempo comprendido entre un mes e un día e un ano; clausura temporal total ou parcial das instalacións por un período non superior a dous anos.

c) No caso de infraccións moi graves: multas desde 12.001 ata 300.000 euros; suspensión das licenzas ou autorizacións preceptivas por un período de tempo comprendido entre un ano e un día e cinco anos, ou a súa revogación; clausura definitiva, total ou parcial, das instalacións; clausura temporal, total ou parcial, das instalacións por un período non inferior a dous anos nin superior a cinco; o precintado temporal ou definitivo de equipamentos e máquinas; a prohibición temporal ou definitiva do exercicio de actividades; a publicación, a través dos medios que se consideren oportunos, das sancións impostas, unha vez que estas adquiran firmeza en vía administrativa ou, de ser o caso, xurisdicional, así como os nomes, apelidos, denominación ou razón social das persoas físicas ou xurídicas responsables, e a índole e natureza das infraccións.

3. Unha vez iniciado o procedemento sancionador, o órgano competente para impoñer a sanción poderá adoptar, sen prexuízo da obriga de cumprimento das ordes e instrucións impartidas por axentes da autoridade para o cesamento inmediato da conduta ruidosa en salvagarda da orde, saúde ou seguridade públicos, entre outras medidas provisionais:

– Precintado de equipamentos ou máquinas.

– Clausura temporal, parcial ou total, das instalacións ou do establecemento.

– Suspensión temporal das autorizacións sectoriais, licenzas de actividade, comunicación previa ou declaración responsable en que se estableceran condicións relativas á contaminación acústica.

– Medidas de corrección, seguridade ou control que impidan a continuidade na produción do risco ou do dano.

Artigo 26. Procedemento sancionador e proporcionalidade

1. O Concello, segundo o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, exercerá a potestade sancionadora no ámbito da ordenanza, e a persoa titular da alcaldía será a competente para iniciar e resolver os expedientes sancionadores derivados da infracción do disposto nela. Ante calquera denuncia por infracción do disposto na ordenanza seguirase o correspondente procedemento administrativo de comprobación, se for o caso, con maior brevidade. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento sancionador será de tres meses.

2. As sancións impoñeranse atendendo ás circunstancias da persoa responsable, á importancia do dano ou deterioración causado, ou molestia ás persoas, aos bens ou ao ambiente, á intencionalidade ou neglixencia e á reincidencia ou participación.

Disposición adicional primeira. Reserva da competencia doutros organismos

O réxime que establece a ordenanza enténdese sen prexuízo das intervencións que correspondan a outros organismos da Administración na esfera das súas respectivas competencias.

Disposición adicional segunda. Réxime fiscal

De conformidade co previsto no número 4 do artigo 20 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, as entidades locais poderán establecer taxas pola prestación de servizos de inspección que realicen para verificar o cumprimento do disposto na ordenanza.

Disposición adicional terceira. Actividades e infraestruturas novas

1. Considéranse actividades novas aquelas que iniciaron a tramitación das actuacións de intervención administrativa recollidas no artigo 18 da Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, con data posterior ao 23 de outubro de 2007.

2. Terán consideración de infraestruturas locais novas aqueloutras que teñan data de tramitación da declaración de impacto ambiental ou de aprobación do proxecto de execución, posterior á entrada en vigor do Decreto 106/2015, do 9 de xullo. Igualmente, terán consideración de novas infraestruturas aquelas que ante un novo trazado requiran a declaración de impacto ambiental ou impliquen a duplicación da súa capacidade ou intensidade media diaria de vehículos.

Disposición adicional cuarta. Calidade acústica en infraestruturas de competencia local

As infraestruturas locais existentes terán como obxectivo de calidade acústica acadar os valores indicados no artigo 12.1 da ordenanza, e as infraestruturas novas deberán cumprir cos valores límite de recepción segundo o artigo 14 da ordenanza, todo isto conforme os prazos e condicionantes indicados no Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

Disposición transitoria única. Actividades e instalacións con licenza de actividade

As actividades e instalacións con licenza de actividade outorgada con posterioridade á entrada en vigor do Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia, e aqueloutras con licenza de actividade outorgada con anterioridade ao devandito decreto que tras a entrada en vigor da ordenanza a incumpran, conforme o establecido no artigo 25 desta ordenanza, ou realicen modificacións, reformas, ampliacións ou traslados, deberán adaptarse a esta normativa, co fin de garantir os niveis autorizados, para o cal deberán encadrarse e definirse necesariamente nalgún dos grupos que clasifica esta ordenanza no seu anexo III co seu correspondente illamento acústico, con independencia daquilo a que as faculte a súa epígrafe fiscal.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas cantas disposicións do mesmo ou inferior rango regulen materias contidas nesta ordenanza, en canto se opoñan ou contradigan o seu contido.

Disposición derradeira primeira. Competencia municipal

A ordenanza sobre protección contra a contaminación acústica apróbase en virtude da competencia municipal en materia de protección do ambiente, de conformidade co disposto no artigo 25.2.b) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, nos termos da lexislación do Estado e da Comunidade Autónoma, en virtude do disposto na Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, e o seu desenvolvemento regulamentario, composto polo Real decreto 1513/2005, do 16 de decembro, o Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, a súa modificación polo Real decreto 1038/2012, do 6 de xullo, e o Decreto 106/2015, do 9 de xullo, sobre contaminación acústica de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Conforme o establecido nos artigos 70.2 e 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, esta ordenanza entrará en vigor aos 15 días hábiles da súa publicación no Boletín Oficial da provincia, unha vez aprobada polo pleno da corporación.

ANEXO I

Índices acústicos e métodos de avaliación

A. Índices acústicos.

O ruído e as vibracións son sensacións molestas relacionadas con interferencias ou alteracións no son, que se miden cuns índices cuantificados en unidades de decibelios (dB), cunha ponderación dada do son e nun rango determinado de frecuencias audibles.

Nesta ordenanza a referida ponderación será sempre segundo o filtro de frecuencias tipo base A, salvo nos casos en que se indique o contrario.

1. Os índices acústicos que aplican na ordenanza son:

a) Para ruído:

LAeq,T para avaliar niveis sonoros nun intervalo temporal T.

O índice de ruído continuo equivalente LAeq,T, é o nivel de presión sonora continuo equivalente, en decibelios, determinado sobre un intervalo temporal de T segundos.

LAmax para avaliar niveis sonoros máximos durante o período temporal.

O índice de ruído máximo LAmax, é o máis alto nivel de presión sonora, en decibelios, (con constante de integración de 0,125 s), LAFmax, rexistrado no período temporal de avaliación.

LKeq,T para avaliar niveis sonoros nun intervalo temporal T, con correccións de nivel por compoñentes tonais emerxentes, por compoñentes de baixa frecuencia ou por ruído de carácter impulsivo.

O índice de ruído continuo equivalente corrixido LKeq,T, é o nivel de presión sonora continuo equivalente, LAeq,T, corrixido pola presenza de compoñentes tonais emerxentes, compoñentes de baixa frecuencia e ruído de carácter impulsivo, de conformidade coa seguinte expresión:

missing image file

Onde: Kt, Kf, Ki son os parámetros de corrección para avaliar a molestia ou os efectos nocivos pola presenza de compoñentes tonais emerxentes, compoñentes de baixa frecuencia e presenza de ruído de carácter impulsivo respectivamente, calculados por aplicación da metodoloxía descrita no anexo I.B.4.

LK,x para avaliar a molestia e os niveis sonoros, con correccións de nivel por compoñentes tonais emerxentes, por compoñentes de baixa frecuencia ou por ruído de carácter impulsivo, nun período temporal «x».

O índice de ruído continuo equivalente corrixido mediado a longo prazo LK,x, é o nivel sonoro determinado ao longo de todos os períodos temporais de avaliación «x» dun ano, dado pola expresión que segue:

missing image file

Onde: n é o número de mostras do período temporal de avaliación «x» e (LKeq,x)i é o nivel sonoro corrixido, determinado no período temporal de avaliación «x» da i-ésima mostra.

b) Para vibracións:

Law, para avaliar a molestia e os niveis de vibración máximos, durante o período temporal considerado, no espazo interior de edificios, determínase aplicando a fórmula seguinte:

missing image file

Onde: aw é o máximo do valor eficaz (RMS) do sinal de aceleración, con ponderación en frecuencia wm, no tempo t, en m/s2 e a0 a aceleración de referencia (a0 = 10-6 m/s2).

O valor eficaz aw(t) obtense mediante medio exponencial con constante de integración de 1 s.

2. Períodos temporais de avaliación.

a) Establécense tres períodos temporais de avaliación diarios: período día, das 7.00 ás 19.00 horas; período tarde, das 19.00 a 23.00 horas; período noite, das 23.00 ás 7.00 horas; cuns índices para avaliar os niveis sonoros neses períodos: LAeq,d, LAeq,e, LAeq,n (tamén denominados Ld, Le, Ln) respectivamente. Do mesmo xeito dáse para os índices equivalentes corrixidos LKeq,T: LKd, LKe, LKn.

Existe un índice Lden para avaliar a molestia global durante todos os períodos (día, tarde e noite):

missing image file

b) Para efectos de calcular as medias a longo prazo, un ano corresponde ao ano natural no referente á emisión de son, e a un ano e medio polo que se refire ás circunstancias meteorolóxicas.

B. Métodos e procedementos de avaliación dos niveis acústicos.

Para a avaliación dos niveis acústicos segundo o mencionado nos artigos 10 e 11, poderanse seguir dous métodos: de cálculo ou de medición. En todo caso, tomarase sempre o valor máis desfavorable.

Para efectos de inspección de actividades ou comportamentos, a valoración dos índices acústicos determinarase unicamente mediante medicións.

O cumprimento das especificacións da ordenanza, especialmente en vivendas, nos casos de mostraxe non é eximente para o resto.

1. Avaliación do ruído no ambiente exterior.

Na avaliación dos niveis sonoros no ambiente exterior mediante índices de ruído, o son que se ten en conta é o son incidente (evitando ou corrixindo o son reflectido, se houber). A altura do punto de avaliación non será inferior a 1,5 m sobre o nivel do solo.

2. Avaliación do ruído no ambiente interior.

No interior de edificios o punto de avaliación situarase a unha altura de 1,5 m sobre o nivel do chan, a polo menos 1 m das paredes ou outras superficies ou obxectos, e aproximadamente a 1,5 m das fiestras en, como mínimo, tres posicións. Cando estas posicións non sexan posibles, as medicións realizaranse no centro do recinto a unha altura de entre 1,2 m e 1,5 m. As medicións realizaranse con portas e fiestras pechadas.

3. Métodos de cálculo.

Os métodos de cálculo recomendados para a avaliación dos índices de ruído son os indicados na Directiva 2002/49/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de xuño de 2002, así como no Real decreto 1513/2005, do 16 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, no referente á avaliación e xestión do ruído ambiental, ou aqueles que os substitúan.

Tamén se terá en conta a Recomendación da Comisión, do 6 de agosto de 2003, relativa ás orientacións sobre os métodos de cálculo provisionais revisados para o ruído industrial, o procedente de aeronaves, o do tráfico rodado e ferroviario, e os datos de emisións correspondentes (2003/613/CE).

Para a determinación dos niveis sonoros estes cálculos serán convenientemente corrixidos por outros factores que podan influír nos niveis acústicos.

4. Métodos e procedementos de medición para ruído.

Para as medicións terase en conta o indicado no artigo 12 do Decreto 106/2015, do 9 de xullo.

Os instrumentos de medida para son e vibracións e calibradores acústicos utilizados para a avaliación do ruído e vibracións cumprirán as disposicións de control metrolóxico establecidas na Orde ITC/2845/2007, do 25 de setembro, e serán tipo/clase 1, con filtros de banda de 1/3 de oitava para análise espectral. E contarán coa verificación periódica anual emitida por un laboratorio acreditado para tales efectos.

Os procedementos de medición in situ utilizados para a avaliación dos índices de ruído adecuaranse ao exposto neste punto:

As medicións pódense realizar en continuo durante o período temporal de avaliación completo ou aplicando métodos de mostraxe do nivel de presión sonora en intervalos temporais de medida Ti, un número de medidas n, seleccionados dentro do período temporal de avaliación (día, tarde e noite), e un número de puntos característicos da zona atendendo ás dimensións da área acústica e á variación espacial dos niveis sonoros, de forma que o resultado da medida sexa representativo da valoración do índice que se está avaliando.

Os valores medidos daranse cunha cifra decimal e o valor do nivel sonoro final, tras a realización dos procedementos que se describen a continuación, arredondarase á parte enteira como valor resultante para efectos de cumprimento desta ordenanza.

4.1. Avaliación dos obxectivos de calidade acústica:

a) De forma preliminar valorarase a fonte sonora que teña maior contribución ambiental na área acústica, realizando unha avaliación dos episodios máis significativos, mediante medicións en continuo durante polo menos 24 horas.

b) O micrófono situarase a unha altura non inferior a 1,5 m sobre o nivel do solo, pero os resultados deberán corrixirse en todo caso, de conformidade cunha altura de 4 metros sobre o nivel do solo, e separado polo menos 1,2 metros de calquera fachada ou obstáculo que poida introducir distorsións por reflexións na medida. Nestes casos xustificaranse tecnicamente os criterios de corrección aplicados.

4.2. Avaliación dos niveis sonoros producidos polos emisores acústicos:

a) Infraestruturas:

Deberanse realizar polo menos 3 series de medicións do LAeq,Ti, con tres medicións en cada serie, dunha duración mínima de 5 minutos (Ti = 300 segundos), con intervalos temporais mínimos de 5 minutos, entre cada unha das series.

A avaliación do nivel sonoro no período temporal de avaliación determinarase a partir dos valores dos índices LAeq,Ti de cada unha das medidas realizadas, aplicando a seguinte expresión:

missing image file

Onde: T é o tempo correspondente ao período temporal de avaliación considerado; Ti o intervalo de tempo da medida i, tal que a suma dos Ti corresponde con T; n é o número de medicións do conxunto das series de medicións realizadas no período de tempo de referencia T.

b) Actividades, comportamentos e resto de focos emisores:

A medición, tanto para o ruído emitido ao exterior como transmitido cara ao interior polos emisores acústicos, levarase a cabo no lugar en que o seu valor sexa máis alto.

Cando, polas características do emisor acústico, se comproben variacións significativas dos seus niveis de emisión sonora durante o período temporal de avaliación, dividirase este, en intervalos de tempo, Ti, ou fases de ruído (i), nos cales o nivel de presión sonora no punto de avaliación se perciba de xeito uniforme.

En cada fase de ruído realizaranse, polo menos, tres medicións do LKeq,Ti, dunha duración mínima de 5 segundos, e recomendada de 30 segundos, con intervalos de tempo mínimos de 3 minutos entre cada unha das medidas.

As medidas consideraranse válidas cando a diferenza entre os valores extremos obtidos sexa menor ou igual a 6 dB. Se a diferenza é maior deberase obter unha nova serie de tres medicións que, de reproducirse constantemente, tomarase ese valor como resultado, se se determina a súa orixe.

Tomarase como resultado da medición o valor máis alto dos obtidos.

Cando se determinen fases de ruído, o nivel sonoro no período temporal de avaliación determinarase a partir dos valores dos índices LKeq,Ti de cada fase de ruído medida, aplicando a seguinte expresión:

missing image file

Onde: T é o tempo correspondente ao período temporal de avaliación considerado; Ti o intervalo de tempo asociado á fase de ruído i, tal que a suma dos Ti corresponde con T; n é o número de fases de ruído en que se descompón o período temporal de referencia T.

4.3. Corrección dos niveis sonoros producidos por emisores acústicos:

Os niveis de ruído obtidos na medición fronte á fachada ou elemento reflector deberán corrixirse para excluír o efecto reverberante.

Na determinación do LKeq,Ti terase en conta a corrección por compoñentes tonais (Kt), impulsivas (Ki) e baixas frecuencias (Kf), e a corrección por ruído de fondo.

Determinarase a influencia do ruído de fondo para todas as medidas, e a presenza ou a ausencia de compoñentes tonais emerxentes, de compoñentes de baixa frecuencia e/ou compoñentes impulsivas, para a corrección do nivel sonoro, conforme os seguintes procedementos:

a) Corrección por ruído de fondo:

Para a determinación do ruído de fondo procederase de forma análoga ao descrito no punto 4.2 do anexo I, co emisor acústico que se está avaliando parado. A corrección realizarase cando a diferenza entre o nivel de ruído e de fondo estea comprendida entre 3 dB e 10 dB, para o cal se toma:

missing image file

Se a diferenza entre o nivel de ruído e o nivel de fondo é igual ou inferior a 3 dB, darase por nula a medición, ao ser o nivel de fondo demasiado elevado e non permitir unha determinación correcta; e, en caso de darse repetidamente, non se imputará ao emisor a afección. Se a diferenza entre o nivel de ruído e o nivel de fondo é superior a 10 dB, o nivel de ruído non precisa esta corrección.

b) Correccións por compoñentes tonais (Kt):

Realizarase a análise espectral do ruído en 1/3 de oitava sen filtro de ponderación (lineal) e calcularase a diferenza: Lt = Lf – Ls; onde: Lf, é o nivel de presión sonora da banda f, que contén o ton emerxente e Ls é a media aritmética dos dous niveis das bandas situadas inmediatamente por enriba e por baixo de f, debidamente corrixidos por ruído de fondo.

Determinarase o valor do parámetro de corrección Kt aplicando a táboa seguinte:

Banda de frecuencia

Lt (dB)

Kt (dB)

De 20 a 125 Hz

Lt < 8

0

8 ≤ Lt ≤ 12

3

Lt > 12

6

De 160 a 400 Hz

Lt < 5

0

5 ≤ Lt ≤ 8

3

Lt > 8

6

De 500 a 10.000 Hz

Lt < 3

0

3 ≤ Lt ≤ 5

3

Lt > 5

6

Táboa I.B.1

No suposto da presenza de máis dunha compoñente tonal emerxente adoptarase como valor do parámetro Kt, o maior dos correspondentes a cada unha delas.

c) Correccións por compoñentes de baixa frecuencia (Kf):

Mediranse, de forma simultánea, os niveis globais de presión sonora coas ponderacións frecuenciais A e C, e calcularase a diferenza entre os valores obtidos: Lf = LCeq,Ti – LAeq,Ti, debidamente corrixidos por ruído de fondo.

Determinarase o valor do parámetro de corrección Kf conforme o indicado no anexo IV do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, ou norma que o substitúa ou modifique.

d) Correccións por compoñentes impulsivos (Ki):

Mediranse, de forma simultánea, os niveis de presión sonora continuo equivalente, nunha determinada fase de ruído de duración Ti segundos, na cal se perciba o ruído impulsivo, LAeq,Ti, e coa constante temporal impulso (I) do equipamento de medida, LAIeq,Ti, e calcularase a diferenza entre os valores obtidos Li = LAIeq,Ti – LAeq,Ti, debidamente corrixidos por ruído de fondo.

Determinarase o valor do parámetro de corrección Ki conforme o indicado no anexo IV do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 17 de novembro, do ruído, ou norma que o substitúa ou modifique.

O valor máximo da corrección resultante da suma Kt + Kf + Ki non será superior a 9 dB.

Segundo o indicado o valor final do emisor será: LKeq,Ti = LAeq,Ti + Kt + Kf + Ki         (8)

4.4. Condicións de medición:

Na realización das medicións para a avaliación dos niveis sonoros, deberanse gardar as seguintes precaucións:

a) As condicións de humidade e temperatura deberán ser compatibles coas especificacións do fabricante do equipamento de medida.

b) Na avaliación do ruído transmitido polo emisor acústico non son válidas as medicións realizadas no exterior con choiva, e para as medicións no interior terase en conta a influencia desta á hora de determinar a súa validez en función da diferenza entre os niveis do emisor a medir e o ruído de fondo, incluído neste o xerado pola choiva.

c) É preceptivo que antes e logo de cada medición se realice unha verificación acústica da cadea de medición mediante calibrador sonoro, que garanta unha marxe de desviación non superior a 0,3 dB respecto do valor de referencia inicial.

d) As medicións no ambiente exterior realizaranse usando equipamentos de medida con pantalla antivento. Así mesmo, cando no punto de avaliación a velocidade do vento sexa superior a 5 metros por segundo desistirase da medición.

5. Métodos e procedementos de medición de vibracións.

A avaliación do índice de vibración Law, realizarase con instrumentos que dispoñan de ponderación frecuencial wm, e detector de media exponencial de constante de tempo de 1s. Obterase o valor eficaz máximo aw.

Os procedementos de medición in situ utilizados para a avaliación do índice de vibración que establece esta ordenanza adecuaranse ás prescricións seguintes:

a) Identificaranse os posibles focos de vibración, as direccións dominantes e as súas características temporais. As medicións realizaranse sobre o chan, no lugar e momento de maior molestia; medirase en tres direccións ortogonais simultaneamente, obtendo o valor eficaz aw,i(t) en cada unha delas e o índice de avaliación como suma de cadrados, no tempo t, aplicando a expresión:

missing image file

Na medición de vibracións, de tipo estacionario ou transitorio, xeradas por actividades ou comportamentos, para as de tipo estacionario deberase realizar a medición, polo menos durante un minuto, no período de tempo en que se estableza o réxime de funcionamento máis desfavorable; e se este non é identificable, medirase polo menos un minuto para os distintos réximes; procederase do mesmo xeito para cada evento de funcionamento para as vibracións de tipo transitorio.

Na medición de vibracións xeradas polas infraestruturas, para as de tipo estacionario deberase realizar a medición, polo menos durante cinco minutos, no período de tempo de maior intensidade de circulación; e, no caso de descoñecerse datos do tráfico da vía, realizaranse medicións do valor eficaz aw durante un día completo; procederase do mesmo xeito para cada evento de funcionamento para as vibracións de tipo transitorio. Para estes efectos, as vibracións causadas polo tráfico rodado consideraranse estacionarias e a medición destacará o tráfico de vehículos pesados.

b) De tratarse de episodios reiterativos, realizarase a medición polo menos tres veces e darase como resultado o valor máis alto dos obtidos; se se repite a medición con seis ou máis eventos, permítese caracterizar a vibración polo valor medio máis unha desviación típica.

c) Na medición da vibración producida por un emisor acústico, para efectos de comprobar o cumprimento do estipulado nesta ordenanza, procederase á corrección da medida pola vibración de fondo (vibración co emisor parado), cos mesmos criterios de corrección que os establecidos para ruído no punto 4.3.a) do anexo I.B.

d) É preceptivo que antes e despois de cada medición se faga unha verificación da cadea de medición cun calibrador de vibracións que garanta o seu bo funcionamento. Para efectos de inspección de actividades, para a verificación in situ dos instrumentos de medida son válidos os calibradores de vibracións cuxo punto de calibración se sitúe a 159,2 Hz ou inferior.

6. Métodos e procedementos de medición das condicións acústicas dos locais.

Este punto, para todos os efectos, será de referencia tanto para exixencias como para métodos de medición recomendados na normativa de edificacións, conforme o establecido na lexislación sectorial vixente, indicada no artigo 17.

As medicións, tanto para illamento como para reverberación, serán primordialmente en bandas de terzo de oitava e no rango de frecuencias comprendido entre 100 e 5.000 Hz, salvo que na normativa sectorial indicada se exixan outras especificacións.

En todas as mostraxes se avaliará o ruído de fondo.

Indícanse as seguintes particularidades para o cumprimento da ordenanza:

– Na medición do illamento acústico a ruído aéreo, no caso de inspección de actividades, as medicións realizaranse respecto aos recintos máis afectados pola actividade. Para a determinación do parámetro de illamento a baixas frecuencias, DnT 125Hz, empregarase a seguinte fórmula:

missing image file

– Na medición do illamento acústico a ruído aéreo de fachadas, nos casos en que a actividade se desenvolva dentro dunha parcela e se determine a afección da actividade ao exterior, para a valoración do illamento da fachada, os resultados obtidos poden corrixirse pola distancia das fachadas aos lindeiros da seguinte forma:

missing image file

Onde d é a distancia mínima da fachada considerada aos lindeiros da parcela diminuída en 2 metros.

– Na medición do illamento acústico a ruído de impactos, os niveis de ruído de impacto das actividades de pública concorrencia recollidos nesta ordenanza, determinaranse conforme os niveis acadados nos recintos receptores máis afectados.

– Na medición do tempo de reverberación de recintos, os valores do tempo de reverberación establecidos como límite entenderanse como a media dos valores en cada banda ou, cando menos, a media de 500, 1.000 e 2.000 Hz. Especificaranse arredondados á primeira cifra decimal.

7. Características dos limitadores/rexistradores acústicos.

Exixiráselles ás actividades un certificado de limitación dos equipamentos, expedido por unha entidade de avaliación acústica cun informe onde constará o equipamento e o limitador/rexistrador. Será obrigatorio notificar ao Concello os cambios que se produzan, e axustar o limitador.

Entre as características destes equipamentos estarán as seguintes:

– As limitacións serán, como mínimo, en frecuencias de bandas de oitava, para toda a cadea de son.

– Serán rexistradores e precintables, de xeito que non exista posibilidade de manipulación ou de que non memorice unha posible manipulación.

– O almacenamento da información dos rexistradores darase durante doce meses para posteriores inspeccións.

– Disporán dun sistema que permita trasladar a información a outros equipamentos electrónicos para a súa análise.

Para realizar a calibración do limitador colocarase o micrófono a 2 m dos altofalantes, na dirección de máximo nivel de presión sonora, realizando o precintado do limitador ao nivel de presión sonora correspondente, en función do tipo de actividade e da curva de illamento acústico medido in situ. O elemento sensor do sonógrafo (micrófono) deberá ir instalado nun lugar visible a unha distancia máxima de 2 m dalgún dos altofalantes existentes, na zona que caracterice en maior medida o nivel sonoro existente en todo o local, fóra do alcance natural ou protexido contra posibles accións indebidas (como poden ser, entre outras, golpes ou subtracción).

ANEXO II

Obxectivos de calidade e valores límite de recepción

A. Obxectivos de calidade.

Obxectivos de calidade acústica aplicables a áreas urbanizadas existentes.

Tipo de área acústica

Índices de ruído

Ld

Le

Ln

a

Residencial

65

65

55

b

Industrial

75

75

65

c

Recreativa e de espectáculos

73

73

63

d

De uso terciario distinto do mencionado en c)

70

70

65

e

Sanitario, docente e cultural

60

60

50

f

Con sistemas xerais de infraestruturas de transporte ou outros equipamentos públicos que os reclamen (1)

(2)

(2)

(2)

g

Espazos naturais

(3)

(3)

(3)

Táboa II.A.1

(1) Nestes sectores do territorio adoptaranse as medidas adecuadas de prevención da contaminación acústica, en particular mediante a aplicación das tecnoloxías de menor incidencia acústica de entre as mellores técnicas dispoñibles, de acordo coa letra a) do artigo 18.2 da Lei 37/2003, do 17 de novembro.

(2) No límite destes sectores do territorio non se superarán os obxectivos de calidade acústica para ruído aplicables ao resto de áreas acústicas lindeiras con eles.

(3) Os obxectivos de calidade acústica para ruído aplicables aos espazos naturais estableceranse para cada caso particular, atendendo a aquelas necesidades específicas deles.

Nota: os obxectivos de calidade aplicables ás áreas acústicas están referidos a unha altura de 4 m.

As áreas urbanizadas posteriores á entrada en vigor do Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, teñen como obxectivo de calidade os valores que se mostran na táboa II.A.1 do sector do territorio correspondente, diminuído en 5 dB.

As zonas tranquilas en campo aberto terán como obxectivo de calidade acústica os niveis sonoros da área en cuestión en que se atopen diminuído en 5 dB, e permanecerán suxeitos a plans zonais específicos encamiñados a impedir o incremento dos niveis sonoros ambientais existentes nelas.

As zonas de protección acústica especial e as zonas de situación acústica especial terán por obxectivos de calidade o cumprimento dos valores das áreas correspondentes, no menor prazo de tempo posible e coas medidas correctoras que se consideren segundo o previsto pola Lei 37/2003, do 17 de novembro.

Nos sectores do territorio gravados por servidumes acústicas os valores de recepción de ruído poderán superar os obxectivos de calidade acústica aplicables ás correspondentes áreas acústicas.

Obxectivos de calidade acústica para ruído aplicables a espazo interior (4).

Uso do edificio

Tipo de recinto

Índices de ruído

Ld

Le

Ln

Vivenda ou residencial

Estancias

45

45

35

Dormitorios

40

40

30

Hospitalario

Estancias

45

45

35

Dormitorios

40

40

30

Educativo ou cultural

Aulas

40

40

40

Salas de lectura

35

35

35

Táboa II.A.2

(4) Os valores mostrados refírense ao conxunto de emisores acústicos que inciden no interior do recinto, tanto por transmisión de ruído ambiental exterior como por instalacións, actividades ou comportamentos, no propio edificio ou en lindeiros.

Nota: os obxectivos de calidade aplicables en espazo interior están referidos a unha altura de entre 1,2 e 1,5 m.

Obxectivos de calidade acústica para vibracións aplicables a espazo interior (5).

Uso do edificio

Índice de vibración Law

Vivenda ou uso residencial

75

Hospitalario

72

Educativo ou cultural

72

Hospedaxe

78

Oficinas

78

Actividades

84

Táboa II.A.3

(5) Os valores mostrados refírense ao conxunto de emisores acústicos que inciden no interior do recinto, tanto por transmisión de ruído ambiental como por instalacións, actividades ou comportamentos, no propio edificio ou en lindeiros.

B. Valores límite.

Valores límite de recepción de ruído aplicables a novas infraestruturas.

Tipo de área acústica

Índices de ruído

Ld

Le

Ln

a

Residencial

60

60

50

b

Industrial

70

70

60

c

Recreativa e de espectáculos

68

68

58

d

De uso terciario distinto do mencionado en c)

65

65

55

e

Sanitario, docente e cultural

55

55

45

Táboa II.B.1

Valores límite de recepción máximos de ruído aplicables a infraestruturas.

Tipo de área acústica

Índice de ruído LAmax

a

Residencial

85

b

Industrial

90

c

Recreativa e de espectáculos

90

d

De uso terciario distinto do mencionado en c)

88

e

Sanitario, docente e cultural

80

Táboa II.B.2

Valores límite de recepción de ruído en exterior, aplicables a actividades, instalacións ou comportamentos.

Tipo de área acústica

Índices de ruído

LK,d

LK,e

LK,n

a

Residencial

55

55

45

b

Industrial

65

65

55

c

Recreativa e de espectáculos

63

63

53

d

De uso terciario distinto do mencionado en c)

60

60

50

e

Sanitario, docente e cultural

50

50

40

Táboa II.B.3

Valores límite de recepción de ruído en interior, transmitido por actividades, instalacións ou comportamentos, a locais lindeiros.

Uso do local lindeiro

Tipo de recinto

Índices de ruído

LK,d

LK,e

LK,n

Residencial

Estancias

40

40

30

Dormitorios

35

35

25

Administrativo e de oficinas

Despachos profesionais

35

35

35

Oficinas

40

40

40

Sanitario

Zonas de estancia

40

40

30

Dormitorios

35

35

25

Educativo ou cultural

Aulas

35

35

35

Salas de lectura

30

30

30

Comercial

50

50

50

Actividades

55

55

50

Táboa II.B.4

ANEXO III

Clasificación de actividades que se desenvolven en edificacións e valores

de illamento para o desenvolvemento de actividades

A. Clasificación de actividades que se desenvolven en edificacións.

Para a consideración dos valores de illamento que se indican na alínea B deste anexo, as actividades que se levan a cabo clasifícanse, en función do seu grao de molestia, nos seguintes grupos, atendendo ás súas características de funcionamento:

Grupo

Características de funcionamento

Horario

Nivel sonoro, L (dB)

0

Calquera

≤ 75

1

Das 7.01 ás 23.00 horas

Entre 76 e 80

2

Entre 81 e 90

3

> 90

4

Das 23.01 ás 7.00 horas, parcial ou totalmente

Entre 76 e 80

5

Entre 81 e 90

6

> 90

Táboa III.A.1

O nivel sonoro L indicado na táboa III.A.1 corresponderá co nivel LAeq, calculado segundo as directrices marcadas nesta ordenanza, no caso máis desfavorable, durante o desenvolvemento da súa actividade.

B. Valores de illamento acústico para o desenvolvemento de actividades.

O illamento acústico de edificacións e actividades cumprirá co establecido na lexislación vixente, segundo se indica nos artigos 17, 19 e na disposición transitoria única da ordenanza, tanto no referente á obtención de licenzas de ocupación como á realización de actividades; conforme o exixido polo Decreto 106/2015, do 9 de xullo, nos seus artigos 10, 11 e na disposición transitoria segunda.

Actividades.

Os valores indicados na táboa III.B.1 son de aplicación ás actividades indicadas na disposición transitoria única, conforme os grupos da táboa III.A.1. O resto de actividades réxese polos valores aplicables no momento de apertura ou concesión de autorización.

Grupo

Illamento a ruído aéreo respecto

a vivendas lindeiras (dB)

Illamento a ruído aéreo de fachada (dB)

Illamento a ruído de impactos (dB)

DnT 100–5.000 Hz

DnT 125 Hz

D2m,nT 100–5.000 Hz

L’nT 100–5.000 Hz

0

≥ 55

≥ 40

≥ 35

≤ 60

1

≥ 55

≥ 45

≥ 35

≤ 50

2

≥ 60

≥ 50

≥ 40

≤ 45

3

≥ 65

≥ 55

≥ 45

≤ 40

4

≥ 60

≥ 45

≥ 40

≤ 40

5

≥ 70

≥ 55

≥ 50

≤ 35

6

≥ 75

≥ 60

≥ 55

≤ 35

Táboa III.B.1

Para aquelas actividades que se desenvolvan en áreas acústicas clasificadas como tipo sanitario, docente e cultural que requiran de especial protección contra a contaminación acústica segundo a lexislación vixente, aplicarase un incremento de 5 dB sobre os valores de «illamento a ruído aéreo respecto a vivendas lindeiras» e «illamento a ruído aéreo de fachada», así como unha diminución de 5 dB sobre os valores indicados para «illamento a ruído de impactos» na táboa III.B.1.

Os niveis de illamento indicados na táboa III.B.1 serán en ponderación A (ou como W+C) e con filtro de terzos de oitava, coa excepción do valor DnT 125Hz, que se indicará sen ponderación e segundo a fórmula (10) do anexo I, e coa excepción do valor L’nT, que se indicará sen ponderación con factor de corrección.

Sen prexuízo do indicado na normativa específica de edificacións: Real decreto 1371/2007, do 19 de outubro, polo que se aproba o documento básico «DB-HR Protección fronte ao ruído» do Código técnico da edificación e se modifica o Real decreto 314/2006, do 17 de marzo, polo que se aproba o Código técnico da edificación, ou na norma que o modifique ou substitúa, os valores do tempo de reverberación establecidos como límite non serán en ningún caso superiores a 0,9 segundos para recintos e zonas comúns inferiores a 350 m3.

As actividades englobadas nos grupos 3 a 6 (ambos os dous incluídos) en ningún caso terán as fiestras e portas abertas, salvo para o tránsito de persoas.

As vivendas con niveis sonoros interiores superiores a 70 dB serán consideradas como actividades para os efectos da ordenanza e en ningún caso poderán superar os 80 dB.

Todos os aparellos elevadores, instalacións de ventilación, pasos de tubarías, condutos de calefacción, auga, gas e similares estarán correctamente selados e illados acusticamente para evitar a transmisión de ruído aéreo e/ou vibracións, conforme a normativa aplicable.

Os valores indicados neste anexo enténdense sen prexuízo do cumprimento dos valores límite de recepción da ordenanza, tanto en interior como exterior; polo que os valores mostrados se utilizarán por defecto, sendo os necesarios para illamento, en todo caso, aqueles que garantan o cumprimento dos mencionados valores límite.

ANEXO IV

Estudos acústicos

O contido de todo estudo acústico, conforme o indicado no artigo 4.2, especialmente nas figuras indicadas nos artigos 9, 15, 18 e 19, será o seguinte:

Para os concellos, na aplicación das súas competencias:

a) Prazo de actuación en que estará vixente o estudo.

b) Descrición das características da zona ou actividade avaliada: tipo de zona acústica, tipo de actividade e titular desta; en todo caso relacionando o grao do impacto acústico en función do horario.

c) Recintos afectados na zona ou lindeiros coa actividade en avaliación, identificando os puntos máis desfavorables e os valores límite de recepción.

d) Mapa de ruído da zona ou contorna da actividade antes e despois da realización de calquera cambio: plano 1/5000 (ou de maior precisión), identificando os principais focos emisores e indicando os valores previsibles dos índices acústicos, as persoas e vivendas afectadas, así como o plan de acción e medidas correctoras correspondentes.

Para as solicitudes de actividades e industrias:

a) Xustificación motivada da solicitude, indicando a aplicación de mellores técnicas dispoñibles e a súa eficacia no cumprimento dos valores establecidos nesta ordenanza.

b) Prazo de actuación para o cal se solicita vixencia do estudo.

c) Descrición das características da zona ou actividade avaliada: tipo de zona acústica, tipo de actividade e titular desta; en todo caso relacionando o grao do impacto acústico en función do horario.

d) Descrición das características técnicas e do illamento acústico antes e despois da realización de calquera cambio, e xustificación técnica de cumprimento dos valores mínimos establecidos, que garantan a non superación dos valores límite de recepción.

e) Recintos afectados na zona ou lindeiros coa actividade en avaliación, identificando os puntos máis desfavorables e os valores límite de recepción.

f) En casos recorrentes ou que supoñan algún tipo de afección nos obxectivos de calidade acústica, o Concello poderá solicitar aos titulares un mapa de ruído da zona ou contorna da actividade antes e despois da realización de calquera cambio: plano 1/5000 (ou de maior precisión), identificando os principais focos emisores e indicando os valores previsibles dos índices acústicos, as persoas e vivendas afectadas, así como o plan de acción e medidas correctoras correspondentes.