Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:
Solicitante: Saco do Ceo, S.L.
Domicilio social: rúa Velázquez Moreno, 36-1º. 36202 Vigo.
Denominación: LMTS, CT polígono As Gándaras 206-A.
Situación: O Porriño.
Características técnicas: LMT subterránea a 15 kV, con condutor RHZ1, de 21 metros de lonxitude, con orixe e final na LMTS ATI723, unha vez entre e saia do CT proxectado. Centro de transformación a 630 kVA, con RT 15 kV/420 V, situado no polígono As Gándaras, parcela 206-A, O Porriño.
Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG nº 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial, resolve:
Conceder autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.
Pontevedra, 13 de xuño de 2018
Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra