Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Venres, 7 de decembro de 2018 Páx. 51380

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 21 de novembro de 2018 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Jacinto Calvo e se dispón á súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Jacinto Calvo, presentado ante este protectorado de fundacións de interese galego,

Feitos:

Primeiro. O 22 de outubro de 2018 o presidente do padroado da Fundación solicita a ratificación polo protectorado do acordo de extinción da Fundación.

Segundo. A Fundación Jacinto Calvo constituíuse en escritura pública do 7 de maio de 2008, clasificouse como mixta pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 15 de xullo de 2008, foi declarada de interese galego pola Orde da mesma consellería do 10 de setembro de 2008 e está inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza co número 2008/12.

Terceiro. Os fins da fundación, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, son os seguintes:

– Promover, impulsar e canalizar iniciativas que contribúan ao desenvolvemento político e social e ao progreso económico e cultural da provincia de Lugo, fomentando o coñecemento, a expansión e o desenvolvemento do pensamento socialista, para acadar unha sociedade mais desenvolvida, xusta, solidaria, igualitaria, democrática, participativa e respectuosa.

– Subministrar e socializar o coñecemento e as innovacións no ámbito de acción política.

– Apoiar a clase traballadora e os homes e mulleres que loiten contra todo tipo de explotación, aspirando a transformar a sociedade para convertela nunha sociedade libre, igualitaria, solidaria e en paz que loita polo progreso.

– Constituír un referente e difusor dos principios de liberdade de conciencia, democracia, progreso social e igualdade.

– Despregar a súa actividade en beneficio do conxunto dos cidadáns e cidadás da provincia de Lugo e prestará atención aos residentes lugueses no exterior, co fin de contribuír á súa vinculación e, se é o caso, á súa reintegración á realidade da provincia de Lugo.

– Impulsar medidas concretas destinadas á aplicación efectiva do principio de igualdade que permita a completa integración das mulleres no proceso de desenvolvemento global da nova sociedade.

– Facilitar unha igualitaria redistribución dos recursos familiares, sociais, políticos e laborais entre homes e mulleres.

Cuarto. O padroado da Fundación, na súa reunión do 23 de marzo de 2018, aprobou o acordo de extinción por imposibilidade de realizar os seus fins fundacionais.

Quinto. No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O artigo 44 da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto acordo favorable do padroado ratificado polo Protectorado. O mesmo artigo establece que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. O artigo 54 da Lei 12/2006 e o artigo 21 do Decreto 15/2009 establecen o acordo de extinción entre os actos suxeitos a inscrición no Rexistro de Fundacións.

Terceiro. A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza é competente para resolver esta solicitude segundo o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza en relación co artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

RESOLVO:

Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Jacinto Calvo e ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse un recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse un recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza