Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 5 de decembro de 2018 Páx. 51342

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de novembro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición interposto contra a homologación do deslindamento do monte de utilidade pública Ludeiro e Macaque na parte correspondente ao monte veciñal en man común de Ortoá (expediente 68/78).

Para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, na sesión do día 8 de novembro de 2018, baixo a presidencia de María Olga Iglesias Fontal e coa asistencia dos vogais Josefina Pereira de la Riera, Carlos Vázquez Díaz e Antonio José López-Acuña Herrero, e da secretaria Lucía Belver Quiroga, tomou o seguinte acordo:

Monte de Ortoá (expediente 68/78), pertencente aos veciños da parroquia de Ortoá, no termo municipal de Sarria. Na reunión celebrada polo xurado o 14 de xuño de 2018 acordouse, aceptando a proposta do Servizo de Montes, homologar o deslindamento do monte de utilidade pública Ludeiro e Macaque na parte do perímetro correspondente con este monte veciñal de Ortoá. O día 24 de agosto de 2018, tivo entrada un escrito presentado por Alfonso López López, como presidente da comunidade, de interposición dun recurso de reposición contra o devandito acordo, en que solicitaba, con base nas argumentacións que expón, a súa estimación.

A resolución impugnada foi notificada directamente á comunidade propietaria a través do sistema Notifica.gal, e consta rexeitada polo destinatario o 22 de xullo de 2018, logo de envío de aviso da súa posta á disposición, recibido polo presidente da comunidade (Alfonso López López) o 13 de xullo de 2018. Con posterioridade, o día 23 de xullo de 2018, o secretario da comunidade, José López Castro, presentouse nas dependencias do Rexistro de MVMC e asinou a recepción en man do certificado do acordo (aínda que, suponse que por erro, fixo constar como data o 23 de maio de 2018). O recurso foi presentado no portelo único do Concello de Sarria o día 24 de agosto de 2018, polo tanto, fóra de prazo.

Examinado o devandito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda inadmitir o recurso de reposición interposto, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso.

Contra esta resolución poderá interpor, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 23 de novembro de 2018

María Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo