Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Mércores, 5 de decembro de 2018 Páx. 51355

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2018, do Servizo Provincial da Coruña, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras do proxecto de construción de ampliación de calzada na estrada AC-552 punto quilométrico 9+000 a 9+650, de clave AC/17/178.10, no concello de Arteixo.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 2 de agosto de 2018 a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de ampliación de calzada na estrada AC-552 p.q. 9+000 a 9+650, de clave AC/17/178.10, no concello de Arteixo, polo Decreto 84/2018, publicado no Diario Oficial de Galicia de data do 4 de setembro de 2018.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios do concello de Arteixo, para que comparezan no lugar, data e horas que se detallan a seguir co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación en que se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Arteixo.

Lugar: Casa do Concello de Arteixo.

Data: 19 de decembro de 2018, das 10.30 ás 11.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente estarán expostos no concello de Arteixo e no Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas da Coruña (r/ Vicente Ferrer, nº 2, 8º andar, 15071 A Coruña).

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución, así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, podendo facerse acompañar, ao seu cargo, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Conforme establece o artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado servirá como notificación aos posibles interesados que non puidesen ser identificados, aos titulares de bens e dereitos que sexan descoñecidos, a aqueles dos que se ignore o seu domicilio, ou ben a quen, intentada a súa notificación, non se puidese practicar.

A Coruña, 27 de novembro de 2018

Felipe de la Vega Gándaras
Xefe do Servizo Provincial da Coruña