Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 30 de novembro de 2018 Páx. 50721

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2018 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións previsto na Resolución do 3 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2018, con carácter plurianual.

No Diario Oficial de Galicia núm. 228, do 29 de novembro de 2018, publicouse a Resolución do 23 de novembro de 2018 pola que se modificaba a Resolución do 3 de agosto de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se convocan para o ano 2018, con carácter plurianual.

De conformidade coa citada resolución modificouse a redacción do punto 6 do ordinal décimo oitavo, Xustificación da subvención, no que se establece que «en ningún caso se admitirá a presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención con posterioridade ao 30 de novembro de cada unha das anualidades comprendidas na resolución de concesión, salvo que o requirimento sinalado no punto anterior se fixese dentro dos dez (10) días anteriores a esa data. Non obstante, poderase ampliar a citada data en cada convocatoria, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia».

Tendo en conta que o amplo número de solicitudes presentadas imposibilitan a resolución dos correspondentes expedientes destes programas antes do 30 de novembro de 2018, procede a ampliación do referido prazo.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o punto 6 do ordinal decimo oitavo na redacción realizada pola citada Resolución do 23 novembro de 2018

RESOLVO:

Único

Ampliar o prazo de presentación de documentación xustificativa, parcial ou final, da subvención ata o 20 de decembro de 2018, para o caso de expedientes que teñan anualidade neste exercicio.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2018

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo