Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 27 de novembro de 2018 Páx. 50260

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2018 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, ordenada pola Resolución do conselleiro de Sanidade do 22 de novembro de 2018, para a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario.

En cumprimento dos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, ordenada pola Resolución do conselleiro de Sanidade, do 22 de novembro de 2018, coas seguintes características:

1. A actividade obxecto da encomenda é realizar os traballos de apoio para a realización das probas selectivas correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario, que terán lugar os días 24 e 25 de novembro de 2018, en xornada de mañá e tarde, de conformidade cos requirimentos técnicos que se detallan na correspondente resolución, relativos ás obrigas da entidade encomendante, as directrices de execución e o cronograma das actividades que se desenvolverán.

As categorías convocadas son: médico/a de familia de atención primaria, grupo técnico da función administrativa, grupo de xestión da función administrativa, enxeñeiro/a técnico/a e técnico/a superior en documentación sanitaria.

2. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico, de acordo co artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na medida en que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia. De acordo co artigo 47 da citada Lei 16/2010, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

3. As probas selectivas a que se refiren as actividades encomendadas desenvolveranse os días 24 e 25 de novembro de 2018.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2018

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde