Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:
Feitos:
Primeiro. O 10 de agosto de 2018, Noelia Romero Gómez, presidenta do padroado da Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Segundo. A Fundación Banco Farmacéutico de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada en Vilagarcía de Arousa o 2 de agosto de 2018, ante a notaria Marina González Martínez, co número de protocolo 1.058, por Noelia Romero Gómez, Paula Chapela Bamio, María de los Ángeles Rodríguez González e Jesús Busto Peteiro, que actúan no seu propio nome e dereito.
Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación xorde co obxectivo de dar resposta ás necesidades actuais de acceso aos medicamentos e tratamentos das persoas que se atopan en risco de exclusión de Galicia, favorecendo a súa inclusión social a través da mellora da súa saúde.
Cuarto. Na escritura de constitución da Fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.
Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.
Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Noelia Romero Gómez como presidenta, Paula Chapela Bamio como secretaria, María de los Ángeles Rodríguez González como tesoureira e Jesús Busto Peteiro como vogal.
Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.
Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 16 de outubro de 2018 (DOG núm. 208, do 31 de outubro), clasificouse de interese sanitario a Fundación Banco Farmacéutico de Galicia e adscribíuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei; e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.
Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, en relación co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Banco Farmacéutico de Galicia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.
Terceiro. Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e, nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Banco Farmacéutico de Galicia.
Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.
Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación; e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2018
Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade