Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 26 de novembro de 2018 Páx. 50205

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2018 pola que se somete a información pública o anteproxecto do novo emisario submarino da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, na ría de Pontevedra, concello de Pontevedra, de clave OH.336.1129, para os efectos do trámite urbanístico establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e para os efectos do disposto na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, sobre solicitude de concesión de ocupación de terreos de dominio público marítimo terrestre.

missing image file

A obra hidráulica correspondente ao anteproxecto do novo emisario submarino da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, na ría de Pontevedra, de clave OH.336.1129, forma parte das actuacións de mellora de saneamento e depuración no sistema de Pontevedra, declaradas de interese da Comunidade Autónoma de Galicia no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, aprobado polo Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproban os plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa, das bacías mediterráneas andaluzas, do Guadalete-Barbate e do Tinto, Odiel e Piedras.

O anteproxecto define e valora as actuacións necesarias para mellorar o sistema de saneamento dos Praceres e a calidade das augas residuais vertidas á ría de Pontevedra. Proxéctase a execución dun novo emisario submarino que transporte as augas residuais tratadas na estación depuradora dos Praceres ata un punto de vertedura axeitado, así como a execución dunha cámara de carga e dunha estación de bombeo a emisario.

A actuación hidráulica está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A actuación enmárcase dentro do programa operativo no obxectivo temático 6 (conservar e protexer o ambiente e promover a eficiencia dos recursos), prioridade de investimento 6.2 (o investimento no sector da auga para cumprir os requisitos do acervo da Unión en materia de ambiente e para abordar as necesidades, determinadas polos Estados membros, dun investimento que vaia máis alá dos ditos requisitos), obxectivo específico 6.2.1 (culminar os requisitos da Directiva marco da auga a través do investimento en infraestruturas de saneamento, depuración e reutilización de augas residuais, e mellora da calidade da auga), actuación 6.2.1.2 (segundo o documento Criterios e procedementos de selección de operacións (CPSO): reforma e optimización dos sistemas de saneamento das rías galegas, operación (mellora do saneamento e depuración do sistema dos Praceres na ría de Pontevedra). Unha maneira de facer Europa.

Con data do 5 de outubro de 2018 foi publicado no Diario Oficial de Galicia número 191 (corrección de erros publicada no Diario Oficial de Galicia número 217, do 14 de novembro) o anuncio de sometemento do anteproxecto ao trámite de información pública previsto con carácter xeral no artigo 12.c) do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas.

Con carácter previo á aprobación técnica do anteproxecto e de acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, a Administración urbanística competente emitiu informe preceptivo sobre a compatibilidade urbanística da actuación, poñendo de manifesto a non adecuación do anteproxecto co planeamento urbanístico vixente.

Neste senso, e como xa consta no punto 4 planeamento urbanístico do anexo I da memoria do anteproxecto, infórmase que a zona de actuación terrestre está englobada dentro do ámbito do proxecto sectorial para o asentamento industrial de Lourizán (Pontevedra), aprobado definitivamente por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 26 de decembro de 2003 e que as obras previstas encádranse na zona de aplicación da ordenanza 2 equipamento e servizos, regulada no artigo 44 das normas para a execución do proxecto sectorial publicadas no Diario Oficial de Galicia número 238, do 14 de decembro de 2012, espazo onde non se contemplan os usos pretendidos coa actuación.

É por iso que, con independencia do trámite de información pública xa efectuado ao abeiro do artigo 12.c) do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, procede someter o anteproxecto a un novo trámite de información pública para os efectos específicos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

Por outra banda, e para a zona de actuación que discorre por terreos de dominio público marítimo-terrestre, resulta preciso, ao abeiro do establecido no artigo 64 da vixente Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e no artigo 131 do Regulamento xeral de costas, aprobado mediante o Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, a obtención dunha concesión de ocupación de terreos de dominio público marítimo-terrestre, cuxa tramitación exixe tamén o sometemento da actuación a un trámite de información pública (artigo 137.1 do Regulamento xeral de costas).

Neste senso, os documentos que constan no anteproxecto e que resultan relevantes para os efectos da obtención da concesión son os seguintes: memoria descritiva, anexos 1, 5, 7, 9, 10 punto 2.3 onde se relaciona en que partes do anteproxecto se recolle a información necesaria de cara a tramitación da concesión, anexo 11 e plano 11.

Á vista do exposto,

RESOLVO:

Someter a información pública o anteproxecto do novo emisario submarino da EDAR dos Praceres, na ría de Pontevedra, de clave OH.336.1129, polo prazo de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para os efectos específicos do trámite urbanístico disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e do establecido na Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas e no seu regulamento de desenvolvemento sobre a necesidade de obtención de concesión de ocupación de terreos de dominio público marítimo-terrestre.

O documento técnico pode consultarse no prazo sinalado anteriormente, nas dependencias de Augas de Galicia, sitas na rúa Doutor Maceira, nº 18, baixo, en Santiago de Compostela, e na páxina web https://augasdegalicia.xunta.gal/.

As persoas e/ou entidades que o consideren oportuno poderán formular, no prazo indicado, cantas alegacións e observacións xulguen pertinentes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/) empregando para o efecto o procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado (código PR004A). En caso de optar pola presentación en papel, os escritos de alegacións poderán ser presentados nos lugares previstos na normativa xeral do procedemento administrativo, dirixidos á Dirección de Augas de Galicia, sita na rúa Camilo Díaz Baliño, nº 7-9, 15781 Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2018

Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia