Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 16 de novembro de 2018 Páx. 49312

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de outubro de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais, da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 2, 132 kV, parque eólico Serra do Punago - A Vacariza - parque eólico Monciro, sita nos concellos de Baleira e Castroverde (Lugo) (expediente IN407A 2017/3-0).

En cumprimento do disposto no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, faise público o Acordo do Consello da Xunta, do 18 de outubro de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais, da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 2 132 kV parque eólico Serra do Punago - A Vacariza - parque eólico Monciro, sita nos concellos de Baleira e Castroverde (Lugo) (expediente: IN407A 2017/3-0).

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de outubro de 2018, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais, da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 2 132 kV parque eólico Serra do Punago - A Vacariza - parque eólico Monciro, sita nos concellos de Baleira e Castroverde (Lugo) (expediente IN407A 2017/3-0)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., (en diante, a promotora) en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, así como coa declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 2 132 kV parque eólico Serra do Punago - A Vacariza - parque eólico Monciro (en adiante, a instalación eléctrica), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 16.10.2017, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial da instalación eléctrica.

Segundo. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o parque eólico Serra do Punago - A Vacariza e a súa liña de evacuación.

Terceiro. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Características técnicas da liña eléctrica:

• A súa orixe será na subestación do parque eólico Serra do Punago - A Vacariza, no concello de Baleira, e o seu final na subestación do parque eólico Monciro, no concello de Castroverde.

• De 132 kV, cun circuíto (dimensionada mecánica e electricamente para albergar un segundo circuíto que será obxecto doutro proxecto), simplex, cunha lonxitude de 14.085,89 m, discorrendo por dous termos municipais, Baleira (5.647,16 m) e Castroverde (8.438,73 m), e con dous tramos en aéreo e un tramo en soterrado:

• 1º tramo: en aéreo, sobre 10 apoios metálicos de celosía, en condutor LA-380, cunha lonxitude de 2.163,59 m e con orixe na subestación do parque eólico Serra do Punago - A Vacariza e final no apoio nº 10.

• 2º tramo: en soterrado entre os apoio nº 10 e 11 (ambos de paso aéreo-soterrado), en condutor AL-Voltalene RHZ1-RA+2OL(S) 76/132 kV 1×630/165 e cunha lonxitude de 641,81 m.

• 3º tramo: en aéreo, sobre 47 apoios metálicos de celosía, en condutor LA-380, cunha lonxitude de 11.280,49 m e con orixe no apoio nº 11 e final na subestación do parque eólico Monciro.

Cuarto. Por Resolución do 17 de novembro de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (en diante, a dirección xeral), someteuse a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de impacto ambiental, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.12.2017 e no xornal El Progreso do 7.12.2017. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Baleira e Castroverde), da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial) e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de Lugo, e da dirección xeral, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, recollidas no anexo desta resolución:

1. Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación os nomes dos propietarios e os seus enderezos, coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento e cos tipos de elementos afectados e solicitudes da delimitación in situ da zona afectada.

2. Solicitudes de modificación do trazado.

3. Solicitudes de que se teñan en conta as posibles afeccións de carácter ambiental (valores naturais, paisaxísticos, incendios forestais, augas, arqueolóxicos...).

4. Afeccións a montes veciñais en man común.

5. Solicitudes relacionadas co tramite de expropiación (acordos, valoracións).

Quinto. En cumprimento do disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a dirección xeral remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da instalación eléctrica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Baleira, Concello de Castroverde, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Red Eléctrica de España, S.A.U., Begasa, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. e Telefónica de España.

Sexto. Os seguintes organismos: Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, Red Eléctrica de España, S.A.U., Begasa, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. e Telefónica de España emitiron condicionado técnico, ao cal a promotora manifestou a súa conformidade.

Sétimo. O Concello de Castroverde non emitiu condicionado técnico, e reiterada a solicitude, non se recibiu contestación, polo que, de acordo co artigo 127 do Real decreto 1955/2000, se entende a conformidade da dita Administración coa autorización da instalación eléctrica.

Oitavo. O Concello de Baleira emitiu o correspondente condicionado técnico desfavorable relativo ás instalacións de referencia, a promotora emitiu resposta, a dirección xeral solicitou novo informe tendo en conta a nova documentación presentada, da cal non se recibiu contestación e de acordo co artigo 127 do Real decreto 1955/2000, se entende a súa conformidade.

Noveno. O 26.3.2018, Dirección Xeral de Ordenación Forestal emitiu o informe de aproveitamentos de masas forestais no marco do establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

En aplicación do disposto no punto 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a dirección xeral acordou a apertura do trámite de audiencia outorgándolles aos titulares dos aproveitamentos forestais afectados un prazo de quince (15) días para que alegasen e presentasen os documentos e xustificacións que considerasen oportunos.

Déuselle trámite de audiencia a: MVMC de Monciro, Fildalguiros e Espiñeiros, MVMC de Atrevida, MVMC de Vilabade, MVMC de Pousada, MVMC de Puñago, MVMC de Serra do Pozo e Caxiga e MVMC de Monciro.

Presentaron alegacións: MVMC de Atrevida e MVMC de Vilabade, as cales deu resposta a promotora. Non obstante MVMC de Vilabade presentaron alegación no tramite de información pública, a cal tamén foi contestada pola promotora.

O 3.10.2018, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal informou, no marco do establecido no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, que o proxecto é compatible coa xestión pública que se está realizando nos convenios afectados, sempre que a promotora realice un acto de disposición coas comunidades propietarias dos montes, dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e no tocante á corta de madeira se soliciten os permisos pertinentes nesta administración forestal para poder levala a cabo; e todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 23 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e no artigo 68 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Décimo. A respecto do estudo de impacto ambiental, correspondente ao proxecto de execución liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 2 132 kV parque eólico Serra do Punago - A Vacariza - parque eólico Monciro, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Concello de Baleira, Concello de Castroverde, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudios do Territorio, Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

Cumprimentada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o 26.9.2018 a declaración de impacto ambiental correspondente ao proxecto liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 2 132 kV parque eólico Serra do Punago - A Vacariza - parque eólico Monciro.

Décimo primeiro. A xefatura territorial emitiu os seguintes informes:

O 12.12.2017, informe do cumprimento das limitacións á constitución de servidume de paso, de acordo co exixido no artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

O 26.9.2018, informe favorable relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, de acordo co exixido no artigo 33.13 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento, valado con estacas...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. En canto ás alegacións nas que se propoñen cambios de trazado da liña eléctrica, indicar o seguinte:

– Non se acredita a concorrencia conxunta dos requisitos establecidos no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, necesarios para que resulte posible unha modificación do trazado proxectado (que a liña se poida instalar sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, da Comunidades Autónoma, das provincias ou dos municipios, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada; que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 % da parte da liña afectada pola variación que, segundo o proxecto, transcorra sobre a propiedade do solicitante dela; e que sexa tecnicamente posible).

Por outra banda, as diversas alternativas analizadas resultan debidamente referidas no punto 5 do estudo de impacto ambiental, sendo no seu punto 6 no que se determina a alternativa óptima en atención para os efectos sobre o medio, resultando a seleccionada perfectamente acomodada ás exixencias regulamentarias e técnicas, tal e como se xustifica no punto 7 e 8 do proxecto técnico da instalación.

3. En relación ás alegacións de carácter ambiental, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal formulou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 26.09.2018 a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización da instalación eléctrica, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

4. En relación ás afeccións a montes veciñais en man común, seguiuse o procedemento de concorrencia de utilidades ou interese público e trámite e declaración de compatibilidade ou prevalencia, de acordo co previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, reflectido no antecedente de feito noveno desta resolución.

5. En relación ás alegacións relacionados co tramite de expropiación, non se toman en consideración por non ser obxecto deste procedemento, senón do expediente expropiatorio na súa fase de determinación do prezo xusto. A valoración económica das afeccións substanciarase nesta fase, para o que se tramitarán as correspondentes pezas separadas do prezo xusto, na que se determinará a indemnización que corresponda e na que o afectado poderá presentar a súa folla de aprecio na que concretará o valor que considera lle corresponden polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o prezo xusto en cada caso.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a instalación eléctrica liña colectora Ludrio eixe sur: tramo 2 132 kV parque eólico Serra do Punago - A Vacariza - parque eólico Monciro, sita nos concellos de Baleira e Castroverde (Lugo) e promovido por Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada instalación eléctrica, titulado proxecto técnico liña colectora Ludrio eixe sur: tramo II 132 kV - parque eólico Serra do Punago - A Vacariza - parque eólico Monciro, outubro 2017, asinado por declaración responsable do enxeñeiro industrial José Daniel Couceiro Sandá, colexiado nº 1569 no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Cuarto. Declarar a prevalencia da utilidade pública da citada instalación eléctrica sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados: MVMC de Monciro, Fildalguiros e Espiñeiros, MVMC de Atrevida, MVMC de Vilabade, MVMC de Pousada, MVMC de Puñago, MVMC de Serra do Pozo e Caxiga e MVMC de Monciro, segundo o previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración. O importe do aval, que será actualizable, fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 45.887 euros, dos cales 19.666 euros corresponden á fase de obras e 26.221 euros á de desmantelamento e abandono das instalacións.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental conforme establece o referido Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

A solicitude de cancelación realizarase a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, e só se poderá efectuar unha vez estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que a promotora acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

2. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que por esta resolución se autoriza.

3. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro; o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio; así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. Así mesmo, deberase cumprir co disposto na declaración de impacto ambiental formulada o 26.9.2018 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, a que se fai referencia no antecedente de feito décimo da presente resolución.

6. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto, será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

7. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a xefatura territorial será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta Dirección Xeral un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación eléctrica.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, así como no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Anexo.

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito cuarto:

José Luis Pérez Puente, o 11.12.2017; Licinio López Veiga, o 12.12.2017; Francisco Veiga Fuentes, o 15.12.2017; Jesús Veiga Fuentes, o 15.12.2017; Nieves González Pin, o 15.12.2017; Amparo Millares González, o 19.12.2017; María Manuela Pérez Otero, o 19.12.2017; Manuel Pereira Calvín, o 21.12.2017; Carmen Calvín Fernández, o 22.12.2017; Carmen Calvín Fernández, o 22.12.2017; José Antonio Carballedo González, o 22.12.2017; MVMC de Vilabade (representante José Luis Pérez Puente), o 22.12.2017; José Manuel Carballedo Fernández, o 22.12.2017; Dolores López Fernández, o 26.12.2017; Dolores López Fernández, María Carmen Lorenzo López e Remedios Lorenzo López, o 26.12.2017; Felgos Turismo Rural, S.L. (representante Jaime Doménech Mazón), o 26.12.2017; Pilar Calvín Fernández, o 26.12.2017; Pilar Calvín Fernández, o 26.12.2017; Pilar Calvín Fernández, o 26.12.2017; Eliseo Huerta Rodil, o 27.12.2017; Emerio Huerta Rodríguez, o 27.12.2017; Enrique Díaz Valiño, o 27.12.2017; Genoveva Fernández López, o 27.12.2017; Miguel Huerta Rodil, o 27.12.2017; Richard Herta Rodil, o 27.12.2017; Benjamín Vázquez Gegúndez, o 29.12.2017; Alicia López López, o 3.1.2018; Alicia López López, o 3.1.2018; Marta López López, o 3.1.2018; Olga Fernández Fernández, o 3.1.2018; Enrique Fernández Lois, o 4.1.2018; Fernando Vázquez Lombardero, o 4.1.2018; José Rodríguez Teijeiro, o 4.1.2018; Julio López Lence, o 4.1.2018; Miguel Ángel Fernández González, o 4.1.2018; Sofía Gómez Tallón, o 4.1.2018; María Flora Fernández López, o 5.1.2018; Valentín Neira Pin e María Gómez Vázquez, o 5.1.2018; Manuel Portela López, o 11.1.2018; José López Fernández, o 12.1.2018; Jesús Miguel Lamela Escobar, o 1.2.2018; José Veiga Fernández, o 1.2.2018; José Abel Gómez González, o 20.2.2018 e José Rodríguez Teijeiro, o 9.8.2018.