De conformidade co previsto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á Resolución do 5 de novembro de 2018, do Servizo Galego de Saúde, pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para xestionar a formación en xestión e uso de gases do Servizo Galego de Saúde, derivada da contratación centralizada de gases medicinais.
– Actividade: a axencia asumirá a xestión da asistencia do alumnado proposto para cada actividade. Estas actividades formativas deben estar enmarcadas dentro da formación referida ao uso dos gases medicinais e das súas instalacións.
Tamén asumirá a programación, planificación e xestión das actividades formativas propostas polo Servizo Galego de Saúde, dentro dos límites orzamentarios establecidos, así como a elaboración de vídeos titoriais sobre as infraestruturas hospitalarias para a subministración de gases medicinais, o manexo de equipos de dispensación e as medidas de seguridade a aplicar.
– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encarga ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio vén contemplada no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.
– Prazo de vixencia: ata o 31 de decembro de 2018.
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018
Jesús Vázquez Almuíña
Presidente do Servizo Galego de Saúde