Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 13 de novembro de 2018 Páx. 48885

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vilarmaior

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan de sectorización do parque empresarial de Vilarmaior SUND-1.

O Pleno do Concello, na súa sesión do 27 de setembro de 2018, aprobou definitivamente o Plan de sectorización do parque empresarial de Vilarmaior, promovido pola Comisión Xestora do parque empresarial de Vilarmaior, segundo o documento refundido de outubro de 2017 (sen visar), redactado por Cerne Ingeniería, S.A. e asinado dixitalmente polo enxeñeiro de camiños, Ángel Delgado Cid, colexiado número 4.657.

Medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do Plan de sectorización: segundo a Resolución do 11 de setembro de 2012 ditada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) pola que se formulou a memoria ambiental do devandito Plan de sectorización (clave 2009AAE0476), consultable no enderezo http://aae.medioambiente.xunta.es.

Enderezo electrónico en que figura o contido íntegro do Plan de sectorización á disposición do público: www.concellodevilarmaior.es.

A eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do Plan de sectorización do parque empresarial de Vilarmaior aprobado quedan condicionadas á súa publicación de conformidade co establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), á inscrición do instrumento no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia de conformidade co disposto no artigo 88 da LSG e ao que dispoña para tal efecto a lexislación vixente en materia de réxime local (artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de régimen local –entrada en vigor, logo do cumprimento dos trámites preceptivos e logo de transcorreren 15 días hábiles desde a publicación completa do texto no Boletín Oficial da provincia–).

O Plan de sectorización aprobado de xeito definitivo, como instrumento de planeamento urbanístico de desenvolvemento do Plan xeral de ordenación municipal, será inmediatamente executivo (artigo 84 LSG) tras a súa entrada en vigor, segundo o disposto no artigo 82 da LSG.

Os instrumentos de planeamento son disposicións de carácter xeral, polo que a súa aprobación definitiva non poderá ser obxecto de recurso en vía administrativa, senón tan só a través do correspondente recurso contencioso-administrativo, nos termos previstos na lexislación aplicable.

O que se publica para os efectos previstos nos artigos 82.2 da LSG e 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da LSG.

Vilarmaior, 22 de outubro de 2018

Carlos Vázquez Quintián
Alcalde presidente