Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 12 de novembro de 2018 Páx. 48694

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 10 de outubro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Pastoriza-Rodeiro como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 10 de outubro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Pastoriza-Rodeiro, no concello da Pastoriza (Lugo), promovido por Fenosa Wind, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o plan no concello da Pastoriza queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Pastoriza-Rodeiro.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Adecuación ao plan local vixente e prazo para realizala.

A continuación procédese a analizar a normativa urbanística vixente no termo municipal afectado, propoñendo as modificacións que compatibilizan os usos do parque eólico cos previstos no plan vixente, mentres non se adecúe o mesmo ao proxecto sectorial.

1.1. Adecuación ao plan local vixente.

1.1.1. Análise da normativa vixente e proposta de modificacións que compatibilizan os usos do parque cos previstos no plan vixente.

O plan urbanístico vixente do ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico Pastoriza-Rodeiro que afecta ao termo municipal da Pastoriza, é o seguinte:

– Plan xeral de ordenación municipal. Aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o 9 de agosto de 2013.

O ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico afecta a solos non urbanizables, clasificados no plan do municipio da Pastoriza como (remitirse ao plano referencia 20955I05099 Planta xeral sobre plan municipal vixente):

– Solo rústico de protección agropecuaria (SR/PAG).

– Solo rústico de protección forestal produtivo (SR/PFP).

– Solo rústico de protección de augas (SR/PA).

– Solo rústico de protección de patrimonio cultural (SR/PP).

Resulta necesario adecuar a normativa urbanística do municipio lucense da Pastoriza, para que así sexa viable a implantación das instalacións do parque eólico, nos termos recolleitos na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia. Con todo, modificarase o plan exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan.

1.1.2. Proposta da normativa.

Cando se revise o plan municipal do concello da Pastoriza e/ou se adapte a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano 20955I05107 Planta xeral sobre plan modificado pola adecuación, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas coa seguinte normativa:

Ámbito:

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas nos planos como solo rústico de protección de infraestruturas exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan co uso permitido de parques eólicos.

O ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos doutras categorías que concorran.

Uso do solo:

O uso permitido ou autorizable é o de parques eólicos e someterase a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia e á aprobación dun proxecto sectorial en conformidade co Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Os usos compatibles do terreo serán os do aproveitamento existente coas seguintes restricións co fin de garantir que non se vai alterar o potencial eólico e con iso o funcionamento e rendemento enerxético do parque eólico:

• Prohibición de levantar edificacións, a excepción do edificio de control e subestación eléctrica a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

• Prohibición de plantar árbores a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

Condicións de edificación:

As condicións de edificación que se propoñen para o edificio de control e subestación do parque eólico Pastoriza-Rodeiro serán as seguintes:

Parcela mínima: a superficie de parcela mínima para poder edificar deberá ser de 5.000 m2, sendo neste caso de 12.987 m2 aproximadamente como se pode apreciar no plano referencia 20955I04970 plano parcelario correspondente á superficie de ocupación e afección das instalacións do edificio de control e subestación do parque eólico.

Edificabilidade máxima:

Edificio: 240 m2.

Parque subestación: 642 m2.

Ocupación máxima:

2.072 m2 da superficie das parcelas nas cales se empracen os edificios e contornos pechados (edificio de control e subestación) distribuída da seguinte maneira:

Edificio: 240 m2.

Beirarrúa: 95 m2.

Parque subestación: 642 m2.

Aparcadoiro e adicional explanación: 1.095 m2.

Total aproximado: 2.072 m2.

Recuamentos:

En todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5 m respecto dos lindeiros.

Altura máxima:

A altura máxima medida desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente da cuberta medido desde o centro da fachada é de 4,27 m.

En todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5,0 m respecto dos lindeiros (remitirse ao plano 20955I04970 parcelario).

Condicións estéticas:

En conformidade co artigo 91.c) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, a tipoloxía das construcións e materiais e cores empregadas no edificio de control terán unha fachada e cuberta similar á das construcións da zona coa finalidade de integrarse na paisaxe. A fachada construirase con acabado en granito e a cuberta será de lousa da zona. O devandito edificio, construirase con estruturas de formigón, forxado unidireccional e cimentación mediante zapatas illadas, convenientemente arriostadas e co dimensionamento adecuado para os esforzos a que será sometido. O desaugadoiro de augas pluviais efectúase mediante baixantes exteriores ao edificio. As ditas augas non se recollen na rede horizontal de saneamento senón que verten directamente sobre o terreo. Ademais, dotarase o edificio da súa rede perimetral de drenaxe.

Condicións de servizos:

En conformidade co previsto no artigo 39 da Lei 2/2016, o promotor da infraestrutura enerxética resolverá á súa costa os servizos de acceso rodado, abastecemento de augas, saneamento e depuración e enerxía eléctrica así como a dotación de aparcadoiros, previa xustificación da superficie que se propoña.

1.2. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 29 do Plan sectorial eólico de Galicia, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia, á marxe de cando adecúen o plan, implica para o concello afectado a obriga de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

1.3. Prazo.

A adecuación do plan urbanístico vixente ao proxecto sectorial deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

• A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, que obviamente pode ser expresamente para esta adaptación.

• A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

1.4. Cumprimento das normas de aplicación directa.

O deseño do proxecto parque eólico Pastoriza-Rodeiro, mostrado nesta memoria (en particular no seu punto 9.4.7) e planos complementarios, realizouse de forma que se cumpre coas Normas de Aplicación Directa especificadas no título III, capítulo 216.

«Adaptación ao Ambiente e Protección da Paisaxe» e capítulo 217 «Protección das Vías de Circulación» da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e do Decreto 143/2016 polo que se aproba o seu regulamento.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

De acordo co establecido na modificación Plan sectorial eólico de Galicia, as obras e instalacións do parque eólico, obxecto deste proxecto sectorial, cualifícanse expresamente como de carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire o artigo 11.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e, en consonancia con este, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 febreiro, do solo de Galicia.