Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 9 de novembro de 2018 Páx. 48467

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 6 de novembro de 2018 pola que se determinan os servizos mínimos durante as folgas que afectarán o persoal do Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela a partir do día 12 de novembro de 2018.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG núm. 116, do 20 de xuño), entre os que se encontra a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo exercicio do dereito de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou as conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento dos tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A Organización Sindical de Médicos de Galicia Independentes (O’Mega) convocou unha folga que afectará a todo o persoal médico do Servizo de Urxencias de adultos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), e que se desenvolverá, con carácter indefinido, desde as 8.00 de cada luns ata as 8.00 horas de cada xoves, comezando o luns 12 de novembro de 2018. Así mesmo, as organizacións sindicais integrantes da Comisión de Centro do CHUS teñen formalizado outra declaración de folga coincidente no tempo coa anterior, ben que abranguendo a todo o persoal do Servizo de Urxencias do complexo hospitalario. Polo que a determinación dos servizos esenciais contidos nesta orde realízase atendendo ás devanditas circunstancias.

Con base no que antecede e logo de cadansúa audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

As convocatorias de folga referidas deberán entenderse condicionadas ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen na presente orde.

Os servizos mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para manter a axeitada cobertura do servizo esencial de asistencia sanitaria, para os efectos de evitar que se produzan graves prexuízos á cidadanía. E ao propio tempo responden á necesidade de compatibilizar o respecto ineludible do exercicio do dereito á folga coa atención á poboación, que baixo ningún concepto pode quedar desasistida, dadas as características do servizo dispensado.

Por iso mantéñense os servizos mínimos necesarios para garantir a atención sanitaria urxente dos/das usuarios/as, que non se pode aprazar, sen consecuencias negativas para a saúde.

Con esa finalidade, para a determinación dos servizos mínimos establécese como criterio reitor a cobertura do 100 % da actividade urxente.

Artigo 2

Baseándose no criterio anterior, no anexo desta orde recóllese o número de efectivos precisos para cubrir os servizos mínimos durante a folga.

A fixación do persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá estar convenientemente motivada.

A xustificación debe constar no expediente de determinación de servizos mínimos e exteriorizarse axeitadamente para o xeral coñecemento do persoal destinatario. Deberá quedar constancia no expediente dos factores ou criterios cuxa ponderación conduce a determinar as presenzas mínimas.

O persoal necesario para a cobertura dos servizos mínimos deberá ser publicado nos taboleiros de anuncios do centro con antelación ao comezo da folga.

A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será realizada pola dirección da xerencia de xestión integrada e notificada aos profesionais afectados.

O persoal designado para a cobertura dos servizos mínimos que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 3

Os paros e alteracións no traballo, por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos, serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 4

O disposto nos artigos precedentes non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5

Sen prexuízo do que establecen os preceptos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos/das usuarios/as dos establecementos sanitarios. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base, asemade, nas normas vixentes.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Santiago de Compostela

– Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS):

Servizos mínimos

Mañá

Tarde

Noite

Persoal licenciado sanitario

10

9

5

Persoal sanitario diplomado e de FP

x

x

x

Persoal de xestión e servizos

y

y

y