Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 31 de outubro de 2018 Páx. 47768

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de outubro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Bustelos, a favor dos veciños de Bustelos, na parroquia de Vilatuxe, do concello de Lalín (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data 2 de outubro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Bustelos a favor dos veciños de Bustelos, parroquia de Vilatuxe, no concello de Lalín (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data de entrada do 23.6.2017 os veciños do lugar de Bustelos (Lalín), solicitan a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Bustelos dunha superficie de 327,97 ha. Esta clasificación foi resolta polo Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra, se ben, foi impugnada por un defecto no procedemento mediante a Sentenza do 17 de marzo de 2016 da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Coa solicitude xunta:

– Planimetría do monte Bustelos.

– Informe do Servizo de Infraestruturas Agrarias conforme a superficie do monte Bustelos non afecta ao perímetro da zona de concentración parcelaria de Vilatuxe.

– Reportaxe fotográfica xeorreferenciada e declaración do uso e aproveitamento consuetudinario en man común desde tempos inmemoriais polo conxunto dos veciños do lugar de Bustelos: estivadas; pastoreo con gando vacún, equino, caprino e ovino; aproveitamento de leñas e esquilmo; copia do contrato de constitución da servidume do paso eléctrico da liña de alta tensión de 220 kW Masgalán-Ameixeiras, asinado entre Gamesa Energía e os veciños de Bustelos.

Segundo. O 1.8.2017, o xefe da Sección de Topografía informa que a planimetría achegada permite identificar o monte, non existe afección a montes de utilidade pública nin patrimoniais, os terreos están dentro da Rede Natura 2000 Serra do Candán e que existe un solapamento de 6,90 ha cun expediente en trámite de clasificación dun monte como MVMC a favor dos veciños da parroquia de Millerada, concello de Forcarei que solicitan a clasificación de 6,90 ha do concello de Lalín. Xúntase unha montaxe gráfica do monte Bustelos sobre ortofoto e catastro.

Terceiro. Á vista da documentación achegada pola comunidade solicitante e o informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente, obedece á seguinte descrición:

Concello: Lalín.

Parroquia: Vilatuxe.

Nome do monte: Bustelos.

Cabida: 327,97 ha, aproximadamente (superficie alegada na solicitude).

Estremas:

– Norte: monte dos veciños de Gondoriz, concello de Silleda, concello de Forcarei, Luis Toubes, Jesús Presas Casado, Ángel Pichel Otero, María Iglesias Pichel, Francisco Álvarez, Fernando Blanco González, Luis Ramos Dobarro, José López González, Sara López González, Luis Liñares Medela, José Canda Rodríguez, herdeiros de José Canda e María Iglesias Cachafeiro.

– Sur: río Deza, concello de Forcarei, Luis Toubes, Jesús Presas Casado, Ángel Pichel Otero, María Iglesias Pichel, Francisco Álvarez, Fernando Blanco González, Luis Ramos Dobarro, José López González, Sara López González, Luis Liñares Medela, José Canda Rodríguez e María Iglesias Cachafeiro.

– Leste: río Deza, monte dos veciños de Gondoriz, concello de Silleda, Luis Toubes, Jesús Presas Casado, Ángel Pichel Otero, María Iglesias Pichel, Francisco Álvarez, Fernando Blanco González, Luis Ramos Dobarro, José López González, Sara López González, Luis Liñares Medela, José Canda Rodríguez, herdeiros de José Canda e María Iglesias Cachafeiro.

– Oeste: concello de Silleda, concello de Forcarei, Luis Toubes, Jesús Presas Casado, Ángel Pichel Otero, María Iglesias Pichel, Francisco Álvarez, Fernando Blanco González, Luis Ramos Dobarro, José López González, Sara López González, Luis Liñares Medela, José Canda Rodríguez, herdeiros de José Canda e María Iglesias Cachafeiro.

Cuarto. O 20.12.2017, o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra acordou iniciar o expediente de clasificación do monte Bustelos, notificándose aos promotores da clasificación, ao Concello de Lalín e a todas as persoas interesadas no expediente de clasificación anterior que se opoñían á clasificación do monte de Bustelos a favor dos veciños deste lugar e que defendían que o aproveitamento en común do monte se realizaba polos veciños da parroquia de Vilatuxe.

Quinto. O 28.2.2017, a xefa de área de MVMC do Servizo de Montes, emite o seguinte informe preceptivo: «solicítase a clasificación como monte veciñal en man común unha superficie de 327,97 ha, a favor dos veciños do lugar de Bustelos, parroquia de Vilatuxe, concello de Lalín. O lugar de Bustelos sitúase no corazón da zona de especial conservación (ZEC) Serra do Candán da Rede Natura 2000. O lugar de Bustelos é o mais occidental da parroquia de Vilatuxe».

O núcleo rural de Bustelos e as zonas agrícolas do seu perímetro exclúense desta solicitude.

Os terreos obxecto de clasificación envolven ao lugar de Bustelos. As estremas son:

– Norte: concello de Silleda, se ben a cartografía da solicitude non se axusta ao límite de concellos do Instituto Xeográfico Español.

– Sur: propiedades particulares e o río Grobas con vexetación típica de ribeira.

– Leste: propiedades particulares e río Deza con vexetación típica de ribeira.

– Oeste: concello de Forcarei, se ben a cartografía da solicitude non se axusta ao límite de concellos do Instituto Xeográfico Español. Na zona norte atópase o parque eólico Masgalán de Arriba con 21 aeroxeradores.

A superficie para clasificar é un solo pobre, de pouca profundidade de granito e xisto, a vexetación existente é toxo, carqueixa, queiroga e xestas típicas de montaña de clima atlántico. Existe algunha zona de pasteiro e repoboacións de piñeiro (posibles ocupacións) e vexetación de ribeira nos fondos das valgadas. Na visita á zona de data do 16.2.2018 apréciase algún aproveitamento de estrumes, pastoreo (restos orgánicos no solo) e unha liña eléctrica na zona noroeste que dá servizo ao parque eólico de Masgalán de Arriba.

Segundo o informe do xefe de Sección de Topografía existe un solapamento na zona oeste de 6,90 ha que está clasificado a favor dos veciños da parroquia de Millerada, no concello veciño de Forcarei, na Resolución do Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra do 13 de xuño de 2017. Segundo información do dito xurado, este expediente atópase en vía de reposición. Así mesmo, ademais de invadir estas 6,90 ha do concello de Lalín, tamén invade outra superficie do antedito concello no seu descenso por toda a estrema oeste.

As parcelas catastrais obxecto de solicitude son:

Polígono
e parcela

Observacións

288-143

Non chega ao límite co concello de Forcarei. Parte desta superficie está en trámite de clasificación a favor dos veciños de Millerada (Forcarei). Invade parcelas do concello de Silleda

288-163

Deixa parte da superficie da parcela catastral na zona estremeira cos particulares sen solicitar a clasificación

288-164

A súa totalidade

288-162

Deixa parte da superficie da parcela catastral na zona estremeira cos particulares sen solicitar a clasificación

287-100

Corta a parcela en dúas zonas. Solicita a clasificación do 30 % aproximadamente, da superficie total catastral

289-57

Deixa parte da superficie da parcela catastral na zona estremeira cos particulares sen solicitar a clasificación. Solicita a clasificación do 60 % aproxidamente, da superficie total catastral

288-165

Non chega ao límite co concello de Forcarei. Parte desta superficie, no concello de Lalín, está en trámite de clasificación a favor dos veciños de Millerada (Forcarei). Solicita a clasificación do 60 % aproximadamente, da superficie total catastral

Sexto. O 21.3.2018, o Rexistro da Propiedade de Lalín certifica que o predio do que se insta a clasificación, coa información facilitada, non se atopa inscrito no rexistro. Posteriormente, ordénase a anotación preventiva no antedito rexistro e realízanse as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para abrir o período de audiencia.

Sétimo. Durante o período do trámite de audiencia os promotores da clasificación achegan: fotografías recentes acreditativas do aproveitamento actual dos veciños de Bustelos, gando, estrume e madeira; documentos acreditativos da titularidade de explotacións de gando vacún dos veciños de Bustelos, que constatan o aproveitamento para pastoreo, estrume e toxo.

Recíbense as alegacións do avogado Pedro González Boquete en representación das persoas interesadas que se opoñen á clasificación do MVMC de Bustelos a favor dos veciños deste lugar e que defenden que o aproveitamento en común do monte se realiza polos veciños de toda a parroquia de Vilatuxe. En resumo, alegan:

1. A nulidade do emprazamento por non indicar o promotor do procedemento e ter un erro no ano en que o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra acorda incoar a clasificación do monte Bustelos.

2. Que o monte Bustelos non pertence aos titulares a favor de quen din actuar.

3. O monte pertence aos veciños da parroquia de Vilatuxe e está integrado dentro dos montes de Vilatuxe: quedou excluído da concentración parcelaria, non existe, nin existiu ningunha división do resto dos montes de Vilatuxe, que o monte Bustelos é aproveitado polos veciños dos distintos lugares de Vilatuxe (acreditado na proba practicada no procedemento ordinario número 274/2013 do Xulgado Contencioso-Administrativo número 3 de Pontevedra, e que no catastro figura como titular «montes de Vilatuxe».

Oitavo. O 20.6.2018, Luis Liñares Medela presenta escrito de contestación ás alegacións feitas de adverso, nas cales en síntese, solicita a súa desestimación e que se acorde a clasificación do monte Bustelos a favor dos veciños do lugar de Bustelos.

Noveno. O 10.7.2018 o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra solicita á instrutora que proceda ao estudo e á elaboración da proposta de resolución de clasificación do monte Bustelos.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común.

Terceira. Revisado o expediente en trámite de clasificación do monte Millerada como monte veciñal en man común a favor dos veciños da parroquia de Millerada, concello de Forcarei, os promotores recoñecen que limitan co concello de Lalín, xa que logo, en ningún caso poden invadir as 6,90 ha, dese concello.

As fotografías xeorreferenciadas dos aproveitamentos veciñais presentadas polos promotores da clasificación permiten comprobar a verosimilitude da proba achegada. Así, verifícase que existen no monte sinais de aproveitamento de pastoreo e recollida de estrume máis ou menos recentes; que tamén existen varios pasteiros, ás veces sen peches e outras con peches rudimentarios de arame de espiño; estes pasteiros non coinciden cos encravados delimitados por muros que reflicte a planimetría, e ben poden ser pasteiros realizados polos veciños. Sobre esta cuestión pódese engadir tamén que non existen parcelas catastrais que coincidan con estes pasteiros e que as fotografías aéreas realizadas pola USAF en 1956 non recollen os ditos perímetros, indicios que apuntarían máis a un uso veciñal que privativo. Pola contra, moitos dos encravados da planimetría xa aparecían nas fotografías aéreas de 1956.

Queda acreditado que o monte Bustelos linda polo norte co concello de Silleda e polo oeste co concello de Forcarei e compróbase que o resto do monte, zonas sur e leste, se atopan rodeadas de pequenos predios particulares, de vexetación de ribeira e do río Deza, accidente natural que impide, canto menos, o fácil acceso do gando doutros lugares.

O promotor achega un documento de servidume a favor de Gamesa da liña de alta tensión de 220 kW onde se declaran como propietarios os veciños de Bustelos, tamén achega declaracións xuradas de veciños do aproveitamento consuetudinario en man común desde tempos inmemoriais polo conxunto dos veciños do lugar de Bustelos, non obstante, é necesario suliñar que as testemuñas como probas son da parte interesada, xa que a maioría delas son de veciños de Bustelos.

En canto ás alegacións presentadas polo avogado Pedro González Bouquete en contra desta clasificación, cómpre dicir que non achega ningún tipo de documentación que xustifique as afirmacións de que o monte de Bustelos vén sendo aproveitado polos veciños dos distintos lugares de Vilatuxe. Referente ao citado «que non existe nin existiu ningunha división do resto dos montes de Vilatuxe», constátase que, segundo a orografía e accidentes naturais, non é certo, e, ademais, o lugar de Moa na parroquia de Vilatuxe, ten xa clasificado o monte veciñal en man común ao seu nome. Por último, con respecto ao erro que alega na data do acordo de incoación que figura na comunicación do trámite de audiencia, en nada invalida o procedemento, xa que resulta evidente que se trata dun simple erro de transcrición. Obvia o alegante que lle foi notificado aos/ás interesados/as o dito acordo de incoación no cal consta de xeito expreso a data de iniciación do expediente; tampouco se pode admitir que tal circunstancia lle causa indefensión tendo en conta que non lle está impedindo exercer o seu dereito no trámite de audiencia.

Por todo exposto, o uso ou aproveitamento en man común do monte Bustelos queda suficientemente acreditado polos promotores do expediente de clasificación e, ao non presentarse probas contundentes do contrario, conclúese que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común, por parte dos veciños do lugar de Bustelos.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o xurado provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Clasificar como veciñal en man común o monte Bustelos a favor dos veciños de Bustelos, da parroquia de Vilatuxe, concello de Lalín (Pontevedra), de acordo coa descrición reflectida no feito tercero e á planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 17 de outubro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra