Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 26 de outubro de 2018 Páx. 47276

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello do Carballiño

ANUNCIO de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan parcial do polígono industrial da Uceira (nova definición de usos na zona comercial).

O Pleno do Concello do Carballiño, en sesión ordinaria, que tivo lugar o día 27 de setembro de 2018, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan parcial do polígono industrial da Uceira (O Carballiño) para reordenación e definición de usos da zona comercial, redactado polo arquitecto municipal Sergio Mascareñas Nogueiras, nos termos que constan no expediente.

Segundo. Deixar sen efecto a suspensión de outorgamento de aprobacións, autorizacións e licenzas urbanísticas nas áreas afectadas por esta tramitación, e deberanse axustar no sucesivo os terreos, as instalacións, as construcións e as edificacións ao destino que resulte da súa clasificación e cualificación e ao réxime urbanístico que consecuentemente lles sexa de aplicación derivado do novo instrumento de planeamento.

Terceiro. Comunicar o acordo de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan parcial do polígono industrial da Uceira (O Carballiño á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, ao mesmo tempo que se lle dará traslado dunha copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que integran o plan sobre os que recaese o acordo de aprobación definitiva, debidamente dilixenciados polo secretario do concello.

Cuarto. Publicar o acordo de aprobación definitiva do planeamento, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia. Xunto coa publicación deste acordo publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público, así como, cando proceda, o extracto elaborado con carácter previo á aprobación do documento, que incluirá os seguintes aspectos:

a) A xustificación da integración no plan dos aspectos ambientais.

b) A xustificación de como se tomaron en consideración no plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como, se é o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.

c) As razóns da elección da alternativa seleccionada, en relación coas alternativas consideradas e o documento que conteña a normativa e as ordenanzas, no Boletín Oficial da provincia. Neste anuncio de aprobación definitiva farase constar a remisión da documentación á consellería competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

Contra o acordo de aprobación definitiva da citada modificación, que pon fin á vía administrativa, por ser unha disposición de carácter xeral, cabe interpor recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, consonte o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo. Todo isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

O Carballiño, 17 de outubro de 2018

Francisco José Fumega Piñeiro
Alcalde