Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2018 Páx. 46920

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 11 de outubro de 2018, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da comisión paritaria do V Convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres de Galicia.

Visto o acordo da comisión paritaria do V Convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres de Galicia, que se subscribiu con data 28 de setembro de 2018, entre a representación empresarial Agesef e Fegaserfu e as organizacións sindicais UGT Galicia e SN de CC.OO. de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 90, puntos 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

Esta Secretaría Xeral de Emprego,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2018

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acta da comisión paritaria do V Convenio colectivo autonómico
para o sector de pompas fúnebres de Galicia

En Santiago de Compostela, ás 11.00 horas do día 28 de setembro de 2018, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, sito na rúa Algalia de Abaixo, 24, baixo, reúnense as persoas abaixo sinaladas, que forman parte da comisión paritaria do V Convenio colectivo autonómico para o sector de pompas fúnebres de Galicia.

Representación empresarial:

José Luis Varela Tabarés (Agesef).

Pedro de Diego Olavarrieta (Agesef).

José Becerra Vázquez (Fegaserfu).

Jorge Balado Blanco (Fegaserfu).

Representación social:

Serafín Álvarez Seoane (UGT-Galicia).

Pablo López Fernández (UGT-Galicia).

Miguel Ángel Soto García (UGT-Galicia).

Óscar Souto Collazo (UGT-Galicia).

Eduardo Varela Muíños (SN de CC.OO. de Galicia).

O obxecto desta xuntanza é proceder a realizar unha rectificación na Acta da comisión paritaria do actual convenio con data do 2.2.2018 publicada no DOG núm. 50, do 12 de marzo de 2018, na que se aproban as táboas salariais do presente convenio para o ano 2018.

1. Esta comisión, para o efecto de evitar confusións entre as categorías profesionais recollidas no convenio, acorda substituír o nome da categoría de azafata, que figura na acta de referencia, e que no DOG aparece como auxiliar funerario/funeraria polo de azafato/azafata.

2. Os membros da comisión delegan no funcionario do Consello Galego de Relacións Laborais, Ignacio Bouzada Gil, a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicidade dos acordos reflectidos nesta acta ante a autoridade laboral competente.

Sen máis asuntos que tratar, levántase a xuntanza ás 12.30 horas do día sinalado no encabezamento, estendendo para o efecto esta acta, que asinan todos os asistentes en proba de conformidade.