Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 24 de outubro de 2018 Páx. 46906

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de outubro de 2018 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Santo André de Teixido.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Santo André de Teixido, con domicilio no lugar de Santo André de Teixido, número 3, en Cedeira (A Coruña).

Feitos:

1. O 26 de xuño de 2017 Pedro José Blanco Llano, vicepresidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Santo André de Teixido constituíuse en escritura pública outorgada en Sada (A Coruña) o 27 de decembro de 2016, ante o notario Andrés Cancela Ramírez de Arellano, co número de protocolo 1.915, por Jacinto Francisco Huete Perille, Pedro José Blanco Llano e Ramón Tudela Guerrero, que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura emendouse mediante outra outorgada tamén en Sada (A Coruña) o 7 de xuño de 2018, ante o mesmo notario, co número 939 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «promover, protexer, impulsar e fomentar estudos, investigacións e todo tipo de iniciativas e actividades que contribúan ao desenvolvemento social e ao progreso económico e cultural de Galicia, con especial atención ao recoñecido fenómeno inmaterial, histórico, cultural e antropolóxico inherente ao lugar de Teixido, no concello de Cedeira, desde os tempos neolíticos, e ao santuario de Santo André de Teixido, logo da cristianización, por ser a primeira peregrinación galega documentada, sen prexuízo da interrelación coas culturas da Península Ibérica e as demais europeas e do mundo, precristiás e posteriores, que atoparon no lugar de Teixido un destino de peregrinación por razóns culturais ou relixiosas».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Ramón Tudela Guerrero como presidente, Pedro José Blanco Llano como vicepresidente e Manuel Veiga Iglesias como secretario.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Santo André de Teixido, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 24 de setembro de 2018,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Santo André de Teixido, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente e con carácter potestativo poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza